DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 31 de maio de 2010 Páx. 9.685

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 14 de maio de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a pemes, para a realización de proxectos para a implantación de medidas de responsabilidade social empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2010.

O 5 de febreiro de 2007 asinábase o acordo denominado Novo marco de relacións laborais en Galicia. Acordo polo emprego, como froito do proceso de diálogo social en Galicia, iniciado coa sinatura da declaración institucional do 5 de novembro de 2005.

O referido acordo é, pola súa vez, un compendio de nove acordos entre os que se atopa o denominado Acordo a prol da responsabilidade social empresarial en Galicia.

A responsabilidade social das empresas (RSE) recollíase no Libro Verde da UE (2001), documento xurdido do Consello Europeo de Lisboa de marzo do ano 2000, como un concepto segundo o cal as empresas deciden voluntariamente contribuír á consecución dunha sociedade mellor e un ambiente máis limpo, definición que o Foro de Expertos ampliaba e, por consenso, establecía que a RSE é a integración voluntaria no seu goberno e xestión, nas súas estratexias políticas e procedementos, das preocupacións sociais, laborais, ambientais e de respecto aos dereitos humanos que xorden da relación e o diálogo transparentes cos seus grupos de interese, responsabilizándose así das consecuencias e impactos que derivan das súas accións.

No que se refire á Comunidade Autónoma galega, enténdese que a idea de RSE está necesariamente cinguida a un contorno sociolaboral e ambiental que, unida ao desenvolvemento económico, configura os parámetros de calidade de vida que desexamos e que responde ao concepto de desenvolvemento sustentable e de competencia responsable.

Por iso, no proceso de diálogo social, as partes asinantes do Acordo a prol da responsabilidade social en Galicia acordan apostar polo fomento da responsabilidade social empresarial no noso país, para o cal amosaban a súa conformidade para que as políticas, medidas e plans que se deben desenvolver na materia na nosa comunidade autónoma pivoten sobre diversos principios ou liñas de actuación dirixidos, de xeito directo, ao tecido empresarial composto na súa maioría, por pequenas e medianas empresas (pemes).

Entre outras liñas de actuación en materia de RSE recollidas no referido acordo e destinadas ás empresas atópanse o fomento da formación, da transparencia informativa, o impulso da implantación nas empresas de sistemas de xestión, a mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras, a promoción dos valores da RSE e a creación de liñas de axuda.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas, en rexime de concorrencia competitiva, dirixidas á realización dun proxecto para a implantación de medidas de responsabilidade social nas pequenas e medianas empresas (pemes), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2010.

Artigo 2º.-Financiamento e normativa reguladora.

A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase no exercicio 2010 con cargo á aplicación 12.03. 324A 474.0, código de proxecto 201000766, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por importe total de trescentos trinta e un mil cento cincuenta e catro euros (331.154 euros).

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola decisión da Comisión Europea do 18 de setembro de 2007, no eixe 2 e tema prioritario 65; este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión.

As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas con domicilio social e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan as seguintes condicións:

a) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.

b) Que conten cun número igual ou superior a 5 e inferior a 250 persoas traballadoras. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras no momento da presentación da solicitude.

c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

Non teñen consideración de beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 4º.-Actuacións e gastos subvencionables.

A actividade subvencionable consistirá na realización dun proxecto para a implantación de medidas de responsabilidade social empresarial, que debe comprender obrigatoriamente a realización das seguintes actividades:

1. Unha análise ou diagnóstico sobre a situación actual da empresa en materia de responsabilidade social, que debe incluír os seguintes ámbitos:

a) Xestión ambiental: uso eficiente dos recursos, redución dos custos enerxéticos, redución e reciclaxe de residuos, prevención da contaminación, administración de recursos naturais, diminución da xeración de residuos e o seu tratamento, etc.

b) Conciliación da vida familiar e laboral: flexibilidade da xornada laboral, permisos por responsabilidades familiares, tipo de xornada, etc.

c) Condicións laborais: fomento da estabilidade laboral, plans de formación para as persoas traballadoras, facilitar o desenvolvemento dos traballadores mediante a promoción profesional, mellorar a comunicación interna e facilitar a participación dos traballadores na xestión da empresa, medidas de protección da saúde, etc.

d) Igualdade de oportunidades: implantación de plans de igualdade, fomento da inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, medidas para evitar a discriminación na promoción profesional e na contratación, etc.

e) Política social: participación en obras sociais, patrocinios ou actividades culturais ou deportivas, axudas a organizacións sen ánimo de lucro, etc.

O diagnóstico tamén deberá recoller a identificación dos grupos de interese, é dicir, os individuos ou colectivos con que a empresa ten relación que se vexan afectados pola súa actividade, produtos ou servizos, ou que poidan ser afectados.

2. A elaboración dun plan en que se recolla a implantación na empresa de novas medidas de responsabilidade social, tendo en conta a situación en que se encontra, segundo o diagnóstico elaborado previamente. O plan debe establecer os obxectivos que se pretenden alcanzar, as actividades concretas que se van a levar a cabo para logralos e os recursos necesarios. O plan debe vir acompañado dun calendario de aplicación, en que se indique o cronograma de todas as actividades concretas que se van a levar a cabo para a implantación das medidas que comprende, e deberá establecerse a implantación de como mínimo dúas medidas durante o ano 2011.

3. Un compromiso de implantación: para isto debe elaborarse un documento asinado pola dirección ou polo máximo responsable da empresa en que se comprometa á aplicación das medidas previstas no plan e segundo o calendario previsto. Este documento tamén debe contar coa sinatura dos traballadores ou dos seus representantes legais para os efectos de garantir que coñezan as medidas contidas no plan e que a empresa se compromete a implantar.

4. A comunicación e difusión das medidas que a empresa se compromete a implantar: unha vez elaborado o plan, daráselle publicidade na páxina web e/ou mediante outros medios de comunicación ou difusión, que permitan o coñecemento por parte dos seus grupos de interese, das medidas de responsabilidade social que comprende o plan e que a empresa se compromete a implantar.

O proxecto poderá ser elaborado por persoal da propia empresa que conte con capacidade profesional en materia de responsabilidade social ou mediante a contratación da totalidade da actividade a través dunha empresa externa con experiencia na realización de traballos en materia de responsabilidade social.

Para estes efectos terán a consideración de gastos subvencionables os gastos realizados durante o exercicio 2010 derivados da realización do proxecto e da comunicación e difusión das medidas que se van implantar. Non serán subvencionables os gastos relativos ao funcionamento ordinario das empresas nin a adquisición de material inventariable.

Segundo o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

En todo caso nas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, de 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

Artigo 5º.-Contía das axudas.

A contía das axudas previstas consistirá no 100% dos gastos debidamente xusitificados para a realización do proxecto, co límite de 8.000 euros por beneficiaria.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 6º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da consellería competente en materia de traballo, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 7º.-Solicitudes, prazo e documentación.

1. Solicitudes.

As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nesta orde dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A presentación da solicitude de subvención pola entidade comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Mediante a presentación da solicitude de subvención o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. (DOG nº 153, do 9 de agosto).

Segundo o establecido no artigo 14.2º da Lei 9/2007, as persoas interesadas poderán consultar esta orde e obter os impresos necesarios desde a páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es

2. O prazo para a presentación de solicitudes de axudas rematará no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes presentaranse no modelo que figura como anexo I desta orde, e deberán ir acompañadas da documentación que a seguir se relaciona:

a) Modelo de declaración responsable segundo o anexo I desta orde.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Fotocopia compulsada da documentación acreditativa (escritura de constitución, estatutos ou análogos) do domicilio social da empresa.

d) Fotocopia compulsada do documento que acredite a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude, así como fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante en caso de que a persoa interesada non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Presidencia.

e) Ficha de solicitude da transferencia bancaria segundo o anexo III desta orde.

f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, ante outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, segundo o anexo IV desta orde.

g) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas sometidas ao réxime de minimis nos tres últimos anos, segundo o anexo V desta orde.

h) Certificación do máximo responsable da empresa en que se relacione o cadro de persoal de todos os centros da empresa nos doce meses anteriores a solicitude, con indicación do tipo de contrato e antigüidade na empresa.

i) Copia compulsada dos documentos TC2 da empresa solicitante, referidos ao mes inmediatamente anterior á presentación da solicitude e documento xustificativo do seu pagamento. No caso de non poder achegar o TC2 do dito mes, achegarán o relativo ao último mes que teñan pagado.

j) Balance e conta de resultados da entidade solicitante do último exercicio pechado anterior á data da solicitude.

k) Declaración da lingua que se vai empregar na realización do proxecto para a que se solicita a subvención.

l) Documentación acreditativa dos criterios de valoración especificados no artigo 10º desta orde, que reúne a empresa solicitante.

m) Memoria detallada en que se describa o proxecto para o que se solicita a subvención, que deberá conter a seguinte información:

1. Descrición da entidade solicitante da subvención.

2. Indicación das actuacións realizadas con anterioridade pola empresa en materia de responsabilidade social, se é o caso.

3. Obxectivos que a empresa quere alcanzar coa implantación de medidas de responsabilidade social.

4. Planificación temporal do proxecto.

5. Medios que se empregarán para a comunicación e difusión do plan.

6. Indicación dos medios previstos para o desenvolvemento do proxecto:

-Se o proxecto se realiza mediante persoal da propia empresa: currículo que acredite a capacidade profesional para levar a cabo o proxecto.

-Se o proxecto se realiza mediante os servizos dunha empresa externa: documentación acreditativa dos proxectos realizados con anterioridade no ámbito da responsabilidade social empresarial.

7. Orzamento detallado dos gastos necesarios para a realización do proxecto e difusión das medidas, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes.

Artigo 8º.-Instrución.

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais da Subdirección Xeral de Traballo, que realizará as actuacións necesarias para comprobar os datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

3. O procedemento de concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9º.-Avaliación das solicitudes.

1. Unha vez instruídos os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación que informará o órgano instrutor. Este órgano elevará a proposta á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, quen resolverá poñendo fin á vía administrativa.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior a comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Traballo, que a presidirá, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e a persoa titular da Sección de Relacións Laborais, que actuarán como vogais, e un funcionario ou funcionaria designado pola presidencia, que actuará como secretario ou secretaria. Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela a presidenta, ou persoa en que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

3. A comisión de avaliación, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 10º.-Criterios de avaliación.

A valoración das solicitudes presentadas efectuarase de acordo cos criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:

1. Ámbito de repercusión social das actuacións, valorando o número de traballadoras e traballadores que resulten beneficiarias do plan. Máximo 10 puntos.

2. Integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no proxecto presentado. Máximo 10 puntos.

3. Os elementos innovadores do proxecto presentado. Máximo 10 puntos.

4. Adecuación do orzamento en función do proxecto presentado. Máximo 10 puntos.

5. A taxa de estabilidade do cadro de persoal nos doce meses anteriores á solicitude, é dicir, a porcentaxe de traballadores fixos sobre o total do cadro de persoal, sempre que esta sexa superior ao 50%. Máximo 10 puntos.

6. Actuacións en materia de responsabilidade social empresarial realizadas con anterioridade. Máximo 10 puntos.

7. Certificación acreditativa da existencia de sistemas de calidade ou excelencia, políticas de igualdade, ambientais ou de calquera outro ámbito en materia de RSE. Máximo 10 puntos.

8. Emprego da lingua galega na realización do proxecto para o que se solicita a axuda. 10 puntos.

A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas e establecerase unha prelación entre elas, de acordo cos criterios de valoración fixados no parágrafo anterior, e adxudicarase a aquelas propostas que obteñan maior puntuación.

Artigo 11º-Resolución e recursos.

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta orde corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Conselleria de Traballo e Benestar por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

2. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás entidades interesadas.

3. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. En todo caso, o antedito prazo non comezará a computarse ata que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes. Transcorrido o antedito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 25.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Por estar a axuda confinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informaráselle á persoa beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos beneficiarios, da operación, e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación e que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2º d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

6. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, segundo o establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, no Diario Oficial de Galicia, na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a súa finalidade, na forma que determine o órgano competente, polo cal a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos referidos datos, sempre con respecto ao establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 12º.-Forma de pagamento e xustificación.

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as persoas interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento efectuarase de xeito nominativo e pagamento único, pola súa totalidade, a favor das beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados. Aboarase o 100% dos gastos realmente realizados e xustificados, ata o tope da contía inicialmente concedida como subvención.

En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se non se presenta con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, antes do 15 de outubro de 2010, agás que a resolución de concesión da subvención dispoña outra data posterior, da documentación que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

-Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, no prazo, nos termos e na forma que estableza a notificación da resolución de concesión.

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

-Declaración complementaria das axudas solicitadas ou concedidas sometidas ao réxime de minimis nos tres últimos anos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Capítulo III

Obrigas, compatibilidade, seguimento e control

Artigo 13º.-Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia.

1. A entidade solicitante non poderá estar incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

2. Estas axudas son compatibles con outras outorgadas para o mesmo fin pero, en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 14º.-Obrigas das beneficiarias.

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da axuda ou subvención.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, ou axudas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que teña lugar o peche parcial deste, a dispoñibilidade dos documentos xustificativos. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

e) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da comunidade autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, confinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1803/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión.

Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 16º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 17º.-Seguimento e control.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das liñas de actuación.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 18º.-Axudas baixo condicións de minimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder dos límites cuantitativos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro de 2006). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros cando se trate dunha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aquelas que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da administración actuante.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da consellería competente en materia de traballo na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería de Traballo e Benestar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "10100D006P025.PDF"