DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 31 de maio de 2010 Páx. 9.673

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de maio de 2010 pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos en 1º, 2º, 5º e 6º de educación primaria e en educación especial no curso escolar 2010-2011.

A Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (BOE do 4 de xullo) establece, no seu artigo 1, que todos os españois teñen dereito a unha educación que lles permita o desenvolvemento da súa propia personalidade e a realización dunha actividade útil á sociedade.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece no seu artigo 4 que o ensino básico é obrigatorio e gratuíto para todas as persoas. Así mesmo, no seu artigo 83 recolle o establecemento de bolsas e axudas ao estudo para garantir a igualdade no exercicio do dereito á educación.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

Unha vez implantado o programa de préstamo de libros de texto en todo o ensino obrigatorio, foi preciso revisalo e adaptalo á realidade social. Así pois, á vista da conxuntura económica actual, no curso escolar 2009/2010 resultou necesario facer unha reforma do sistema de xeito que se beneficien da gratuidade as familias con menos recursos.

Neste sentido, e en consonancia coa política de austeridade do Goberno da Xunta de Galicia, regulouse o programa de axudas para 1º, 2º, 5º e 6º de educación primaria, así como para educación especial. A actuación realizouse nestes cursos pois en 1º e 2º de educación primaria e en educación especial os libros repóñense na súa totalidade todos os anos, e en 5º e 6º de educación primaria foi necesario repoñelos xa que, de acordo co Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, no pasado curso implantáronse, con carácter xeral, as ensinanzas correspondentes ao terceiro ciclo de educación primaria.

En exercicio das competencias atribuídas no Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 24 de xuño),

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria e procedemento.

O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado, no curso escolar 2010/2011, en 1º, 2º, 5º e 6º de educación primaria e en educación especial en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta convocatoria tramitarase polo procedemento establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da subvención non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

Artigo 2º.-Requisitos.

1. Para ser beneficiario desta axuda e preciso cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado en 1º, 2º, 5º ou 6º de educación primaria ou en educación especial nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, durante o curso escolar 2010/2011 e non repetir curso neste ano académico.

b) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Para o alumnado de educación primaria ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 €. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6º desta orde.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o anexo I a esta orde, entregaranse nos centros docentes en que estea matriculado o alumnado, segundo se indica a seguir. Presentarase unha solicitude por alumno/a matriculado/a, polo que se un solicitante ten varios fillos matriculados nas ensinanzas e cursos obxecto da convocatoria, xa sexa no mesmo ou en distinto centro, deberá presentar unha solicitude por cada un deles.

2. As axudas serán solicitadas polos pais, as nais, os titores ou os representantes legais do alumnado.

3. O prazo de presentación de instancias será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. O centro poderá proceder á introdución da información na aplicación informática en dous momentos distintos:

a) No momento da tramitación da matrícula.

O centro receptor tramitará, inmediatamente despois da matrícula do alumno/a no sistema XADE, a petición da axuda.

b) Posteriormente á tramitación da matrícula.

O centro receptor disporá dunha opción para iniciar unha solicitude independentemente do proceso de matrícula.

En ambos os casos, o sistema recuperará os datos asociados ao NIF/NIE do solicitante existentes en XADE. Se por algunha circunstancia non for posible obter a información, deberán cubrirse os datos de acordo co formulario de solicitude.

En todo caso o centro tramitador deberá completar toda a información requirida polo sistema segundo os datos indicados polo solicitante na súa instancia e comprobar que a documentación estea completa.

As solicitudes, así como a documentación presentada polos solicitantes, deberán quedar debidamente arquivadas no centro.

5. Unha vez que unha solicitude estea introducida no sistema, este permitirá ao centro educativo a xeración dun vale, segundo o modelo establecido como anexo II a esta orde, que, despois da sinatura do director do centro, será entregado ao solicitante. Só se debe entregar un vale por alumno.

6. Transcorrido o prazo de tres meses desde o día seguinte ao da presentación da solicitude sen que se poña á disposición do solicitante o correspondente vale, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de conformidade co artigo 44.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para os efectos de interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición

contencioso-administrativa.

7. Os centros docentes asesorarán os interesados para que cubran as solicitudes correctamente en todos as súas epígrafes e acheguen a documentación exixida por esta orde.

8. Os centros concertados, que actúan como entidades colaboradoras na xestión das axudas, terán que asinar o anexo III, e quedan suxeitos ao establecido nesta orde. Este anexo será arquivado no centro xunto coas solicitudes.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As persoas que desexen optar á axuda deberán presentar a solicitude segundo o anexo I desta orde. As instancias poderán obterse nos centros, nas xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e tamén se poderán descargar en formato pdf do portal educativo no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es, ligazón de gratuidade solidaria de libros de texto.

A aplicación informática para a xestión das axudas tamén permitirá a xeración da solicitude unha vez introducidos os datos.

Unha vez cuberta a solicitude, deberán presentala, xunto coa documentación, segundo se indica no artigo 3º desta orde. A solicitude deberá ser asinada polo pai, a nai ou titor/a do alumnado, excepto nos supostos de separación ou divorcio, nos cales poderá ser asinada unicamente polo proxenitor que teña a custodia do menor. Todo isto sen prexuízo da sinatura por parte do resto dos membros da unidade familiar computables para os efectos de renda que sexan maiores de idade.

2. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Alumnado de educación primaria (1º, 2º, 5º e 6º curso).

-Fotocopia do libro de familia no cal figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia ou se a situación familiar non coincide coa reflectida no libro, terá que presentarse documento ou documentos que acrediten os membros da unidade familiar, tales como:

-Orixinal ou copia compulsada do certificado de empadroamento da unidade familiar.

-Orixinal ou copia compulsada de certificado do concello de residencia, que acredite a situación familiar.

-No caso de discapacidade do/a alumno/a, do solicitante ou dalgún dos membros da unidade familiar incluídos na solicitude deberá acompañarse copia compulsada de:

-Certificado emitido polo órgano competente do grao de minusvalidez cunha porcentaxe igual ou superior ao 33%,

-Resolución ou certificado emitido pola Seguridade Social de pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou

-Documentación acreditativa da condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

b) No caso do alumnado de educación especial non será necesaria a presentación de documentación ningunha.

3. A documentación que se presente deberá ter validez na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá requirir dos solicitantes, en calquera momento, aclaración da documentación presentada.

Artigo 5º.-Contía das axudas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aboará as axudas para o alumnado solicitante matriculado en 1º, 2º, 5º ou 6º curso de educación primaria que reúna os requisitos previstos nesta orde, nos seguintes importes por alumno/a e curso segundo a renda per cápita familiar no ano 2008:

-Familias monoparentais:

-Renda per cápita familiar ata 6.000 €: 180 €.

-Renda per cápita familiar desde 6.000,01 ata 9.000 €: 104 €.

-Resto das familias:

-Renda per cápita familiar ata 5.400 €: 180 €.

-Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000 €: 104 €.

No caso de que nunha mesma familia haxa varios alumnos que cumpran os requisitos desta orde, cada un deles recibirá a contía que lle corresponda segundo o establecido nesta convocatoria.

O alumnado matriculado en educación especial en centros específicos ou ordinarios que solicite a bolsa e que cumpra os requisitos desta orde recibirá un importe de 250 €, con independencia da renda per cápita familiar.

Artigo 6º.-Renda per cápita familiar.

1. Enténdese por renda per cápita familiar, a renda familiar dividida entre o número de membros da unidade familiar computables.

2. Para os efectos do cálculo da renda per cápita, computarán por dous os membros da unidade familiar (pai, nai, alumno e irmáns) cunha discapacidade igual ou superior ao 33%, que acrediten unha pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez ou que teñan recoñecida a condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

3. Nesta convocatoria terase en conta o exercicio fiscal 2008 para os efectos de determinar a renda per cápita familiar.

4. A renda familiar obterase por agregación das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Os membros da unidade familiar que presentasen declaración do imposto sobre a renda de 2008, para os efectos do cálculo da renda familiar sumarán os recadros 455 (base impoñible xeral) e a 465 (base impoñible do aforro) da declaración.

5. Respecto do solicitante, a presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para comprobar a través da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Facenda a veracidade dos datos de carácter tributario declarados na solicitude, sendo necesaria tamén a autorización do resto dos membros computables da unidade familiar que obteñan ingresos, que deberán asinar para tal fin o anexo I e indicar o seu NIF/NIE.

6. Para a acreditación dos datos de carácter persoal que figuren no documento de identidade os interesados prestan o seu consentimento expreso para a comprobación por medio de acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas, e para tal fin asinan o anexo I.

7. No caso das solicitudes de axudas para alumnado de 1º, 2º, 5º e 6º de primaria, coa sinatura da instancia o solicitante declara baixo xuramento que reúne o requisito de ingresos da unidade familiar que fai constar nesta, e queda sometido ao réxime de infraccións e sancións a que se refire a disposición adicional terceira desta orde.

8. No caso de familias monoparentais en que conviva un só proxenitor ou titor co alumno/a, deberá acreditarse documentalmente esta circunstancia. No caso de divorcio ou separación legal dos pais non se considerará membro computable aquel que non conviva co alumno/a. Non obstante, se é o caso, terá a consideración de membro computable o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, e as rendas incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

Artigo 7º.-Determinación da unidade familiar.

1. Para os efectos previstos nesta orde, considérase que conforman a unidade familiar:

-Os pais non separados legalmente e, se for o caso, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor.

-Os fillos menores de idade, con excepción dos emancipados.

-Os fillos maiores de idade con discapacidade física, psíquica ou sensorial ou incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

-Os fillos solteiros menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar a 31 de decembro do ano 2008.

2. Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os fillos dos pais que convivan con eles e que reúnan os requisitos do punto anterior. No caso de que non exista convivencia deberá acreditarse documentalmente mediante o correspondente certificado de empadroamento.

3. No caso de falecemento dalgún dos proxenitores do alumno/a que convivisen con el, acreditarase mediante certificado de defunción.

4. A separación ou divorcio acreditarase mediante sentenza xudicial que a determine ou convenio regulador onde conste a custodia do menor.

5. No caso de separación ou divorcio dos proxenitores con custodia compartida acreditada mediante sentenza xudicial, as rendas de ambos os proxenitores incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

6. En casos especiais en que a unidade familiar non estea conformada do xeito establecido no punto 1 deste artigo, deberá achegarse certificado de empadroamento en que figure o alumno/a polo cal se solicita a bolsa e todos os familiares que convivan con el, así como certificado dos servizos sociais do municipio que acredite tal extremo.

7. Nos supostos en que o solicitante da axuda sexa un menor en situación de acollemento, será de aplicación á familia de acollida o disposto nos parágrafos anteriores.

8. Para os menores que se atopen en situación de garda, tutela ou atención de día pola Xunta de Galicia, a solicitude poderá ser formulada polo/a director/a do centro de menores correspondente. Neste caso o alumnado recibirá a axuda máxima, non sendo necesaria a acreditación de datos da unidade familiar nin do nivel de renda.

Artigo 8º.-Tramitación das solicitudes.

1. Recibidas as solicitudes, o centro docente en que o/a alumno/a estea matriculado procederá a completar os datos recollidos, de ser o caso, do sistema XADE.

Cando un solicitante presente máis dunha axuda, una vez introducida a primeira no sistema, nas sucesivas o sistema recuperará a información relativa ao solicitante, declaración xurada de ingresos, datos familiares e domicilio familiar e datos de contacto.

Unha vez que a solicitude estea introducida na aplicación informática esta adxudicaralle un código único. Despois da súa validación, permitiralle ao usuario do centro educativo a xeración dun vale, segundo o anexo II que, deberá ser selado e asinado pola dirección do centro, será entregado ao solicitante.

O sistema gardará constancia da xeración do vale, facendo constar a data de xeración e marcando a solicitude como concedida.

No suposto de que o persoal do centro despois de entregar un vale observe algún erro, deberá poñerse en contacto co solicitante para requirirlle o vale. Unha vez recuperado este, poderá cancelar a solicitude ou editala para xerar outro vale cos datos correctos.

As solicitudes serán arquivadas nos centros educativos á disposición das comprobacións que poidan realizarse segundo se indica no artigo 17 desta orde.

Corresponde á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos as funcións de órgano instrutor do procedemento.

Artigo 9º.-Emenda de solicitudes.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non estean correctamente cubertas ou non acheguen os documentos preceptivos, requirirase ao interesado/a para que, nun prazo de dez días, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos na citada lei. Ademais da notificación individualizada, publicarase no taboleiro de anuncios do centro educativo a relación de solicitudes pendentes de emendar con indicación das deficiencias ou documentación da cal carecen.

Artigo 10º.-Adquisición de libros de texto, materiais curriculares e materiais didácticos complementarios.

1. Unha vez que o solicitante estea en posesión do correspondente vale, poderá adquirir os libros e material escolar no correspondente establecemento, á súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento.

Se o importe dos libros e material escolar adquirido é inferior ao valor do vale, o persoal do establecemento deberá introducir no recadro establecido para o efecto a contía exacta da venda.

O solicitante deberá asinar o vale no momento da recepción do material, dando a súa conformidade aos libros e material escolar entregado, así como, se for o caso, ao importe indicado polo establecemento no recadro establecido para tal efecto.

Unha vez entregados os libros e material escolar ao solicitante o establecemento quedará en posesión do correspondente vale.

2. No caso do alumnado matriculado en educación especial, o director do centro poderá coordinar a adquisición de material en distintos establecementos entregando os vales que lle corresponden aos alumnos.

3. En todo caso os vales non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe total de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento.

Artigo 11º.-Presentación das facturas.

1. Co obxecto de axilizar a tramitación, antes da presentación das facturas, os establecementos en que se vendan os libros de texto e o material escolar que non o fixesen con anterioridade deberán rexistrar os seus datos, enviando fotocopia do NIF/CIF/NIE e unha certificación bancaria orixinal, xunto co anexo IV debidamente cuberto en todas as súas epígrafes, ao enderezo que figura no pé deste anexo.

2. Os establecementos presentarán unha ou varias facturas na Xefatura Territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da súa provincia. Con cada factura deberán gramparse todos os vales que conformen o importe total desta.

En cada factura constarán o CIF/NIF/NIE, os datos do establecemento, importe total e una relación dos códigos dos vales incluídos na factura.

3. O persoal das xefaturas territoriais introducirá e validará as facturas no sistema. Se na factura se observa algún defecto de forma ou o importe desta non coincide co dos vales que a acompañan non se poderá proceder á tramitación do pagamento, e as xefaturas territoriais requirirán o establecemento para que proceda á emenda do expediente.

O persoal do establecemento poderá consultar no sistema cal é o estado en que se atopan as facturas a través do CIF e unha clave asignada a cada establecemento pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 12º.-Tramitación e pagamento.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos tramitará as ordes de pagamento, nas cales se incluíran as facturas dos establecementos que vendesen os libros e material escolar, previamente validadas por cada xefatura territorial de Educación.

Artigo 13º.-Incorporación de novo alumnado ao longo do curso.

No caso de alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo ou que se matricule nalgún dos cursos obxecto desta convocatoria con posterioridade á finalización do prazo de solicitudes, e ata o 31 de marzo de 2011, o centro tramitará a súa solicitude seguindo o mesmo procedemento establecido para as solicitudes presentadas no período ordinario.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas do alumnado:

a) Seguir as directrices que marca a orde da convocatoria e destinar o importe da bolsa na súa integridade á adquisición de libros e demais materiais curriculares, didáctico e complementario, propios do curso académico para o cal se solicitou a axuda.

b) Cooperar coa Administración educativa en cantas actividades de inspección e verificación leven a cabo, co obxecto de asegurar o destino finalista da axuda.

Artigo 15º.-Compatibilidade das axudas.

As axudas concedidas en virtude da presente orde serán compatibles con calquera outras axudas que puideren percibirse coa mesma finalidade de outras entidades públicas ou privadas, sempre que as axudas concorrentes non superen o custo dos libros e materiais subvencionados. Para estes efectos considerase como materiais curriculares, didáctico e complementario todo o necesario para realizar as actividades que se desenvolven ou promoven no centro docente.

Artigo 16º.-Control, aplicación e revisión das axudas.

1. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

2. De conformidade co disposto no número 9 do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das bolsas e axudas ao estudo que se conceden con base na concorrencia dunha determinada situación no perceptor non requirirá outra xustificación que a acreditación previa á concesión de que o solicitante reúne os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria.

3. Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda percibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especialmente no caso de que se detectase que o importe recibido non fose empregado na adquisición dos libros de texto e materiais obxecto desta orde.

Para estes efectos, os centros docentes informarán a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos no caso de que detecten que algún alumno obxecto de subvención non dispoña dos libros de texto e materiais obxecto da subvención.

4. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas poderán realizar, mediante os procedementos legais pertinentes, as comprobacións oportunas respecto ao destino e aplicación das subvencións, para o cal tanto os beneficiarios como os centros docentes quedan obrigados a facilitarlles canta información lles sexa requirida.

5. Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que a acompaña será comunicada polo solicitante á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 17º.-Financiamento das axudas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.05.423A.780.0, por importe total de 8.397.486 euros para o ano 2010 e na contía de 150.000 euros para o ano 2011. O programa está cofinanciado polo Ministerio de Educación.

Se for o caso poderanse ampliar os importes antes citados conforme o previsto nos artigos 31.2.b e 31.4 da Lei 9/2007.

Artigo 18º.-Recursos contra a convocatoria.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Artigo 19º.-Colaboración dos centros educativos na difusión e participación nesta convocatoria.

1. A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregaralle unha copia dela ao consello escolar, ao claustro, ás ANPAS e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado.

2. O contido desta orde e a información complementaria exporase no portal educativo da consellería no seguinte enderezo: http://www.edu.xunta.es, ligazón de gratuidade solidaria de libros de texto.

Disposición adicional

Primeira.-Lexislación aplicable.

Para o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño) e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desta lei (DOG do 29 de xaneiro).

Segunda.-Rexistro e tratamento de datos.

Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as persoas solicitantes deberán autorizar expresamente á Administración concedente a inclusión e publicidade nos rexistros regulados no citado decreto dos datos básicos relevantes referidos ás axudas recibidas.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido, segundo dispón o número 2 da citada disposición adicional.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Terceira.-Infraccións e sancións.

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "10100D005P013.PDF"