DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 31 de maio de 2010 Páx. 9.670

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2010 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de maio de 2010, polo que se aproba un plan de racionalización de recursos humanos para a creación de prazas de persoal funcionario na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

A planificación de recursos humanos nas administraciones públicas ten como obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos e da eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles mediante a dimensión axeitada dos seus efectivos, a súa mellor distribución, formación, promoción profesional e mobilidade.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica configúrase como un órgano superior da Administración autonómica, con ámbito de actuación sobre todas as consellerías, organismos delas dependentes, centros, servizos e unidades, así como sobre os entes e empresas públicas da Administración da comunidade autónoma, a que lle corresponde o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, e sinala que para poder facer efectiva a súa misión, e acadar os seus obxectivos, é imprescindible a dotación de prazas de persoal propio, para o exercicio das funcións de dirección e xestión de proxectos tecnolóxicos, tanto no ámbito de proxectos transversais como para o reforzo das diferentes iniciativas sectoriais que se están a pór en marcha, co obxecto de comezar a paliar o deficit histórico existente neste eido de desempeño profesional.

Nesta liña, a Dirección Xeral da Función Pública, de conformidade co novo Estatuto básico do empregado público, que recolle entre o seus fundamentos de actuación a eficacia na planificación e xestión dos recursos humanos nas administracións públicas, e tendo como premisas os criterios de máxima eficacia, austeridade e economía na organización administrativa, procedeu a realizar un estudo das prazas de informática vacantes e doutras prazas de grupos e categorías diferentes tamén vacantes, existentes nas consellerías, co fin de que estas prazas se amortizasen, e se creasen outras novas na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, cos perfís necesarios para a execución dos seus obxectivos.

Realizado o estudo económico, conclúese que, de conformidade coa información enviada polas consellerías, procede a amortización das prazas que nos documentos anexos se indican, e a creación das novas, para o exercicio das misións e tarefas encomendadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

En consecuencia, por proposta da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación da Comunidade Autónoma e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 27 de maio de 2010, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro.-Aprobar o Plan de racionalización de recursos humanos para a creación de prazas de persoal funcionario na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, procedendo á amortización dos postos de traballo e creación dos postos necesarios na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, cos perfís axeitados para a execución dos seus obxectivos segundo figura no anexo.

Segundo.-Modificación das correspondentes relacións de postos de traballo con efectos do 1-6-2010, polo que as consellerías afectadas polas amortizacións reterán o crédito correspondente á dotación destas prazas desde esa data ata o 31-12-2010.

Terceiro.-Autorízase a conselleira de Facenda para ditar as resolucións e actos que procedan para a execución deste acordo.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e sete de maio de dous mil dez, relativo á aprobación dun plan de racionalización de recursos humanos para a creación de prazas de persoal funcionario na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, coa finalidade de cumprir o dito acordo, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2010.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

Ver referencia pdf "10100D003P010.PDF"