DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 24 de maio de 2010 Páx. 9.172

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de maio de 2010 pola que se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que remate os seus estudos universitarios no ano 2010 nas universidades do sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades, que foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo. A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ao alumnado que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Un dos obxectivos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é a promoción, desenvolvemento e mellora da calidade do sistema universitario de Galicia. Iso implica tamén apreciar e incentivar a excelencia académica dos seus estudantes como aposta de futuro do noso país.

Por todo isto e como recoñecemento ao esforzo, traballo e dedicación do alumnado que remata os estudos universitarios cunha excelente traxectoria académica, no exercicio das facultades conferidas, polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia dirixidos ao alumnado universitario matriculado en calquera dos centros pertencentes a algunha das tres universidades galegas que rematen os estudos de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, no curso académico 2009-2010, co obxectivo de facer un recoñecemento expreso da súa excelencia académica.

Concederase un único premio ao alumnado coa nota media do expediente académico máis alta en cada unha das titulacións distintas impartidas nas universidades do SUG conducentes aos títulos recollidos na Lei de reforma universitaria (LRU) ou aos seus equivalentes de grao que os substituen.

Estes premios son compatibles con outras bolsas e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estes premios con cargo á partida orzamentaria 09.02.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, cunha contía global máxima de 189.000 €.

Non obstante, pode ser incrementada no caso de producirse remanente doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, de acordo co disposto no artigo 31.2º b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Contía.

Concederáselle un premio, en concorrencia competitiva, por cada unha das distintas ensinanzas universitarias oficiais impartidas no sistema universitario de Galicia conducentes aos títulos LRU (licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico) ou aos seus equivalentes de grao que os substitúan, ao alumno ou alumna con mellor expediente académico de entre os que se inscriban mediante a instancia formulada segundo o modelo que se inclúe como anexo a esta orde.

Os solicitantes que resulten premiados recibirán:

-Unha contribución en metálico de 3.500 €, que estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

-Un diploma acreditativo desta distinción.

Artigo 4º.-Período.

As actividades que se premian nesta convocatoria son os estudos rematados no curso académico 2009-2010 que, para efectos desta orde se entenderá o período comprendido entre o 1 de outubro de 2009 e o 30 de setembro de 2010.

Artigo 5º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos e alumnas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuíren a nacionalidade española ou seren nacionais dun dos estados membros da Unión Europea.

b) Teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 2,7 puntos, para alumnos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 2 puntos, para alumnos da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Nota media calculada de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 21 de febreiro de 2005 entre esta consellería e as universidades galegas.

c) Teren rematada a carreira no curso académico 2009-2010, nos termos que figuran no artigo 4º desta orde.

d) Naquelas titulacións para as que sexa necesario realizar o proxecto fin de carreira, será imprescindible que figure na certificación académica a data de avaliación do proxecto e o curso académico en que foi superado.

e) En ningún caso o 1º ciclo dunha titulación de LRU poderá servir de base para a concesión de máis dun premio fin de carreira dunha titulación de ciclo longo.

f) Aqueles alumnos que xa obtiveron este premio en anteriores convocatorias, non poderán obtelo de novo.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. A solicitude, segundo modelo ED 415A que se publica como anexo a esta orde, asinada polo interesado ou interesada, irá dirixida á Secretaría Xeral de Universidades, edificio administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, e poderá presentarse:

a) No rexistro único da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias.

b) Nos rexistros oficiais das universidades do sistema universitario de Galicia, de conformidade coa Resolución do 25 de xuño de 2007, DOG do 3 de xullo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

c) Se a solicitude é remitida por Correos, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada na cabeceira da primeira folla polo empregado de correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

2. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2010.

Artigo 7º.-Documentación.

Deberán xuntar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI (só no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia).

b) Orixinal ou copia compulsada da certificación académica persoal en que se fará constar a nota media simple do expediente académico, calculada de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 21 de febreiro de 2005 entre a consellería e as universidades galegas.

c) Copia compulsada do título universitario oficial español ou documento que legalmente o substitúa.

d) Breve curriculum vitae, en que se indiquen, se é o caso, os premios ou bolsas que lle fosen concedidos e outros méritos que queiran alegar, xunto coa documentación correspondente.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado ou interesada, no cal conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

2. De acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, non será exixible a fotocopia do documento nacional de identidade, sempre que o/a solicitante preste o seu consentimento para que o órgano xestor poida realizar a consulta por medio telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas.

No caso de que o/a interesado/a non prestase o dito consentimento para a comprobación dos datos, poderáselle exixir que presente a fotocopia do documento de identidade correspondente

Artigo 8º.-Tramitación.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos solicitantes, exporanse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.es as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas sinalando os motivos de exclusión. Tamén poderán ser consultadas nas xefaturas territoriais da citada consellería e nos vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas.

2. As listaxes provisionais serán expostas o día 26 de outubro deste ano. Os interesados disporán dun prazo de reclamación comprendido desde o día 27 de outubro ao 6 de novembro, ambos os dous incluídos, e poderase, durante ese prazo, formular reclamación ou emendar erros e falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado/a desiste da súa petición, e procederase ao seu arquivo de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou, por delegación, a titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vocais:

-O membro do equipo do goberno da Universidade da Coruña responsable da materia.

-O membro do equipo do goberno da Universidade de Santiago de Compostela responsable da materia.

-O membro do equipo do goberno da Universidade de Vigo responsable da materia.

-O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un funcionario/a da Secretaría Xeral de Universidades, que exercerá como secretario/a.

Artigo 10º .-Selección.

A selección será realizada pola comisión avaliadora en atención á cualificación da media do expediente máis alta obtida polo alumno/a en cada unha das titulacións distintas LRU (licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico), ou as correspondentes ás titulacións de grao que as substitúan, implantadas no sistema universitario de Galicia.

No caso de que unha titulación de grao substituíra nas universidades do SUG máis dunha titulación LRU, recibirán o premio estes titulados sempre que conten cunha puntuación superior a do título de grao que os substitúe. En caso contrario, é dicir, se a nota media da titulación de grao é superior á dunha titulación LRU substituída, recibirá o premio a titulación de grao e quedará excluída a LRU con menor nota.

Se a unha titulación LRU a substituíra unha ou máis titulacións de grao, aínda que teñan denominacións distintas, recibirá o premio a de maior media delas.

Esta cualificación farase tendo en conta a nota media simple calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no DOG o día 23 de marzo de 2005 mediante resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005.

En caso de empate na nota media do expediente académico entre varios solicitantes, a comisión avaliadora, para matizar a súa proposta, terá en conta o mellor curriculum vitae acreditado dos solicitantes.

Artigo 11º.-Resolución.

1. Efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará un informe-proposta de adxudicación á persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a resolución correspondente cunha relación de persoas premiadas por titulación e outra de solicitudes excluídas coas causas de exclusión.

2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contecioso-administrativa.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de tres meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

No momento do vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución, os interesados deberán entender desestimada por silencio administrativo a súa solicitude.

Artigo 12º.-Pagamento.

O aboamento dos premios convocados nesta orde realizarase de acordo co estipulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co previsto no último parágrafo da liña 1 do artigo 60 do regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto11/2009, do 8 de xaneiro. Farase un pagamento único do premio concedido, que se aboará na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación da solicitude de concesión do premio comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas, cando proceda.

b) A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

c) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º c) da Lei de 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1ª.K da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-A obtención do premio falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impedirían a súa concesión constituirá causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro polo beneficiario, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coa tramitación establecida no artigo 77 e seguintes do regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Contra esta orde poderase interpoñer, con caracter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Adminstrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativo.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "09600D009P064.PDF"