DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 24 de maio de 2010 Páx. 9.170

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2010, da Dirección Xeral de Comercio, de modificación do anexo VII.5 da Resolución do 12 de febreiro de 2010, pola que se convocan as eleccións para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Estando próximo a finalizar o mandato dos órganos de goberno das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio declarou aberto o proceso electoral para a renovación dos plenos das cámaras de comercio, industria e navegación de España e do seu Consello Superior, mediante a Orde ITC/2019/2009, do 22 de xullo, e dispúxose a apertura do dito proceso o día 1 de outubro de 2009 e a súa finalización o día 15 de xullo de 2010.

Unha vez aberto o proceso electoral e transcorridos os prazos previstos para a exposición pública dos censos electorais e de reclamacións, así como o de resolución dos recursos interpostos, mediante a resolución da Dirección Xeral de Comercio, do 12 de febreiro de 2010, convocáronse as eleccións para a renovación dos seus plenos, logo de seren consultadas as nove cámaras galegas, de acordo co establecido nos artigos 32 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, e 15 do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, aprobado polo Decreto 431/2009, do 19 de novembro.

O anexo VII.5 da referida resolución establece o modelo normalizado de papeleta de votación para o sufraxio por proposta das organizacións empresariais, en que se indica que en cada papeleta impresa deben figurar os apelidos e nome ou, se é o caso, razón social, ordenados alfabeticamente, de cada unha das persoas candidatas proclamadas.

A dita previsión non se axusta ao establecido no artigo 47.3º do Regulamento de réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, segundo o cal, no caso de que se presente máis dunha lista de organizacións empresariais, a orde de cada unha delas na papeleta determinarase por sorteo en cada xunta electoral. E, no caso de que as organizacións empresariais presenten unha lista conxunta, as persoas candidatas figurarán na papeleta na orde proposta polas mencionadas organizacións.

Polo tanto, mediante esta resolución modifícase o referido anexo para o obxecto de adaptar o contido da papeleta de votación para o sufraxio por proposta das organizacións empresariais ao disposto no dito precepto.

Por todo o anterior, e en uso das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

DISPOÑO:

Primeiro.-O anexo VII.5 da Resolución do 12 de febreiro de 2010, pola que se convocan as eleccións para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, queda redactado nos termos que se indican no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2010.

María Nava Castro Domínguez

Directora xeral de Comercio

Ver referencia pdf "09600D007P062.PDF"