DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 24 de maio de 2010 Páx. 9.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 14 de maio de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso a formación especializada en xestión da innovación dentro da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) e para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás pemes galegas para a contratación de persoal da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), e se procede a súa convocatoria para o ano 2010.

O Estatuto de Galicia recolle no seu artigo 27.19º que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo II, crea o Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (PGIDIT) como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21 de setembro de 2006, aprobou o PGIDIT 2006-2010.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, determina que estará integrada, entre outros departamentos, pola Consellería de Economía e Industria.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, establece no seu artigo 4 que a Consellería de Economía e Industria está estruturada, entre outros órganos superiores, pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i).

O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria establece que corresponde á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, entre outras funcións, a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias que en materia de investigación ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia; a elaboración, xestión, coordinación e control do PGIDIT; a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da consellería nas materias de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos e de infraestruturas tecnolóxicas.

A evolución do escenario económico mundial nos últimos anos e, en especial, nos tempos presentes, levou á necesidade de considerar a innovación como un elemento estratéxico en que fundamentar o desenvolvemento empresarial e a creación de riqueza sustentable. Non obstante, esta orientación á innovación require dun cambio estrutural no tecido empresarial que permita asentar con solidez as estruturas necesarias para a súa xestión e desenvolvemento.

Neste sentido oriéntase esta actuación, centrada en conseguir unha maior implicación que teña incidencia directa sobre a participación en proxectos de I+D+i por parte das pequenas e medianas empresas galegas, obtendo unha maior representatividade da I+D+i no sector produtivo.

Para iso, enténdese que esta implicación e participación directa se conseguirá mediante a formación controlada de especialistas en materia de I+D+i con perfís axeitados, e dando facilidades e apoio para a súa contratación a un certo número de empresas (pemes) proclives á xeración e/ou participación en proxectos desta índole, condicionando este apoio á realización efectiva de proxectos e á consolidación da estrutura de I+D+i na empresa.

Deste xeito, cuns criterios coherentes e motivadores, as axudas previstas redundarán directamente en proxectos de I+D+i dentro das pemes, cuns resultados tanxibles, medibles e avaliables, que sirvan como elemento dinamizador para outras empresas.

A actuación recollida nesta orde enmárcase no PGIDIT dentro dos programas de recursos humanos e de innovación empresarial, cos obxectivos específicos de:

-Incorporar xestores de innovación e técnicos de apoio ao sistema de I+D+i.

-Promover a dinamización da cultura da innovación nas empresas, sensibilizando o tecido produtivo galego da importancia de xestionar a innovación como proceso estratéxico de negocio.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases por que se rexerá o acceso á formación especializada en xestión da innovación dentro da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) e para a concesión das axudas e subvencións da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria, para a contratación por parte das empresas galegas de persoal da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), e que se inclúen como anexo I e anexo II respectivamente desta convocatoria.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas axudas e subvencións para o ano 2010.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Os formularios de solicitude das axudas e subvencións reguladas nesta orde deberanos obter, cubrir, confirmar e imprimir necesariamente as persoas e entidades solicitantes a través da aplicación informática do programa Rede XIGA, sita nos enderezos da internet http://www.redexiga.es e httpp://economiaeindustria.xunta.es da Consellería de Economía e Industria. Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, nos citados enderezos da internet haberá instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. Poderanse cubrir, obter e imprimir os formularios ata as 24.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de I+D+i, a través do teléfono 881 99 96 36 ou do enderezo de correo electrónico info@redexiga.es

3. Os modelos dos formularios figuran como anexos III e IV desta orde exclusivamente para os efectos informativos; será necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

4. A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) obtida dos formularios, de acordo co previsto neste artigo.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

6. As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Dirección Xeral de I+D+i , sita na rúa dos Feáns, nº 7, baixo, 15706 Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que, neste último caso, se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante LRXAP-PAC).

7. Xunto cos formularios de solicitude, deberase engadir a documentación a que se fai referencia no artigo correspondente das bases de cada anexo. Para isto, a aplicación informática permitirá anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios.

Artigo 3º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nos anexos reguladores, que non poderá ter unha duración superior a catro meses no caso do procedemento de selección de persoal e integración da Rede XIGA (anexo I), e de seis meses no caso do procedemento de axudas a empresas (anexo II). Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Con independencia do indicado anteriormente, o prazo de resolución das axudas a empresas (anexo II) estará condicionado á efectiva resolución do procedemento previsto no anexo I e á existencia de persoas candidatas suficientes.

Artigo 4º.-Información ás persoas interesadas.

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de I+D+i, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería de Economía e Industria (http://www.economiaeindustria.xunta.es).

b) Páxina web oficial da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (http://www.redexiga.es)

c) O teléfono 881 99 96 36.

d) O enderezo electrónico: info@redexiga.es

e) Presencialmente.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas particularidades previstas nas leis.

4. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para estes efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguranza técnicas como administrativas.

A finalidade da recolla dos datos personais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para levar a cabo as actuacións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela,14 de maio de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a selección de persoal para a formación específica en xestión da innovación e a súa integración na Rede XIGA

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto destas bases é de determinar os requisitos para o acceso de persoal titulado ao programa de accións formativas específicas en xestión da innovación desenvolvido desde a Dirección Xeral de I+D+i, para a súa posterior participación na Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) e para a súa posible incorporación como persoal dedicado á xestión da innovación nas empresas beneficiarias, nos termos definidos nesta convocatoria.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

1. Poderán acceder á formación e ser beneficiarias do Programa XIGA, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas maiores de idade que cumpran o seguinte:

a) Dispoñer dunha titulación superior recoñecida e homologada en España ou pertencente ao Espazo Europeo de Educación Superior. O título deberá terse obtido con posterioridade ao ano 1995.

b) Dominar a comprensión e uso do idioma inglés en conversa e escritura.

c) Dispoñer da capacidade xurídica e de toda a documentación requirida pola lexislación vixente para poder celebrar un contrato laboral.

d) Carné de conducir da categoría B1.

e) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea, así como ser nacional de aqueles estados a que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores nos termos en que está definida no tratado constitutivo da Unión Europea.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea, cando así o prevexa o correspondente tratado, e o dos nacionais dalgún Estado a que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Así mesmo, poderán participar os estranxeiros que, non estando incluídos nos parágrafos anteriores, teñan residencia legal en España.

2. A obtención da condición de persoa beneficiaria da formación levará consigo o dereito a percibir a bolsa por formación indicada no artigo 6º deste anexo.

Artigo 3º.-Solicitude.

1. As solicitudes para participar neste procedemento presentaranse na forma e prazo que se indican nesta convocatoria e bases reguladoras.

2. Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Orixinal ou fotocopia compulsada do certificado de estudos, no cal deberá constar a data en que se finalizaron os estudos e que as materias relacionadas constitúen o programa completo da titulación correspondente, así como as cualificacións obtidas e datas de obtención destas. Cando se trate de certificados expedidos por centros estranxeiros farase constar, ademais, cales son as cualificacións máximas e mínimas dentro do sistema de avaliación correspondente e cal é a cualificación mínima para aprobar.

Os solicitantes que cursasen os estudos no estranxeiro e posúan certificación académica emitida nun idioma distinto ao español deberán acompañala da correspondente tradución oficial.

b) Documento de identificación: fotocopia do DNI, NIE, ou documento que acredite nacionalidade ou residencia (só no caso de que o interesado non outorgue consentimento expreso para que a Administración verifique os seus datos a partir do número do documento de identificación).

c) Acreditación do coñecemento do idioma inglés.

d) Acreditación do coñecemento da lingua galega.

e) Acreditación do coñecemento doutros idiomas.

f) No caso de contar con experiencia profesional previa, esta acreditarase co certificado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social. No caso de experiencia no estranxeiro, acreditarase mediante o documento equivalente.

g) Fotocopia autenticada do carné de conducir.

h) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da axuda recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

Artigo 4º.-Características do programa formativo.

1. A formación específica en xestión da innovación para a súa integración na Rede XIGA terá unha duración total de 320 horas lectivas repartidas en 40 horas semanais e en xornada de mañá e tarde, en modo presencial nas instalacións que determine a Dirección Xeral de I+D+i, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O seu desenvolvemento levarase a cabo dentro dos seguintes módulos:

a) Sistemas de xestión da I+D+i.

b) Xestión administrativa e económica de proxectos de I+D+i.

c) As novas tecnoloxías como ferramenta de innovación

d) Vixilancia tecnolóxica e prospectiva.

e) Propiedade industrial e intelectual.

f) Fiscalidade da innovación.

g) Xestión da calidade en proxectos.

h) Principais programas de apoio á I+D+i: Galicia, España e Europa.

i) Transferencia de resultados e de tecnoloxías.

j) Técnicas de negociación.

k) Dirección de equipos.

l) Ferramentas 2.0 do Programa XIGA.

m) Outros módulos relacionados coa innovación.

3. No desenvolvemento do curso de formación realizaranse probas avaliativas que poderán ter lugar á finalización de cada un dos módulos previstos, así como en calquera outro momento que se considere oportuno, incluíndo a posibilidade de entrevistas persoais. Estas probas avaliativas, con independencia do modo en que se realicen, poderán ser en idioma inglés.

4. Como parte do programa formativo e dentro da duración especificada, as persoas beneficiarias deberán realizar un traballo final, baixo titoría individual ou en grupo, que será obxecto de avaliación.

Artigo 5º.-Inicio do programa formativo.

A formación específica en xestión da innovación para a súa participación na Rede XIGA terá o seu inicio unha vez cumpridos os trámites establecidos nesta convocatoria, logo de comunicación en que se indique o comezo e o lugar de celebración do programa formativo. A dita comunicación farase na web do programa XIGA.

Artigo 6º.-Bolsa de formación.

1. Todas as persoas seleccionadas durante o período de desenvolvemento do curso de formación terán dereito á bolsa por formación e a súa contía ascenderá a un importe fixo de 400 euros brutos por mes de asistencia, que se aboarán a mes vencido. A ausencia por causa xustificada, non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso. Así mesmo, a bolsa leva asociado un seguro de accidentes que a Dirección Xeral de I+D+i subscribirá a favor de cada unha das persoas seleccionadas durante o período de duración do curso, e que ascende a un total de 613 euros para todo o colectivo.

2. As axudas relacionadas coa realización do curso de formación, que ascenden a un máximo de 60.613 euros, imputaranse á aplicación orzamentaria 08.02.561A.480.1, na cal existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

Artigo 7º.-Funcións que se desempeñarán tras o programa de formación.

Rematada a fase de formación, as persoas que a superen integraranse na rede de xestores de innovación de Galicia (XIGA). Para isto, ordenaranse de xeito decrecente a partir da puntuación obtida nas diferentes probas avaliativas realizadas (70%) e no traballo final (30%). As 60 persoas de maior puntuación serán as que poderán contratar as empresas beneficiarias das axudas do anexo II durante un período de tres anos naturais para realizaren funcións de xestión da innovación. Esta contratación estará condicionada a que existan empresas beneficiarias suficientes de acordo co establecido no anexo II desta convocatoria. As funcións de xestión fan referencia, entre outras, ás seguintes:

a) Identificar proxectos e potencial de I+D+i nas empresas.

b) Analizar convocatorias de axudas públicas no eido da I+D+i

c) Definir, planificar e documentar memorias de proxectos de I+D+i.

d) Xestionar proxectos de I+D+i na empresa, xa sexan realizados de forma individual ou en réxime de cooperación.

Artigo 8º.-Proceso de avaliación e selección para o programa.

1. Nesta convocatoria poranse 75 prazas á disposición das persoas que, reunindo os requisitos expresados nesta orde, desexen incorporarse á Rede de Xestión de Innovación (XIGA).

2. Para o acceso á formación realizarase un proceso selectivo consistente na:

a) Valoración de méritos de acordo cos criterios establecidos no artigo 11º.1 destas bases.

b) Entrevista ás persoas candidatas que na valoración de méritos acaden a puntuación mínima establecida no artigo 11º deste anexo I. A entrevista realizarase nos termos establecidos no artigo 11º.2 do anexo I, e unha parte desta desenvolverase integramente en inglés.

Artigo 9º.-Órganos competentes.

1. Órgano de instrución: o director xeral de I+D+i será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión.

2. Órgano que resolve: o conselleiro de Economía e Industria será o órgano a quen corresponde ditar a resolución de concesión.

3. A comisión de valoración: será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 11º destas bases, así como de propoñer o acceso á formación por parte das persoas seleccionadas.

Esta comisión de valoración terá a seguinte composición:

a) O director xeral de I+D+i ou a persoa en que delegue, que actuará como presidente.

b) Dúas persoas expertas en innovación designadas polo director xeral de I+D+i.

c) Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de I+D+i, que actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

Esta comisión de valoración será a mesma que realice a entrevista persoal.

Artigo 10º.-Instrución do procedemento.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da LRXAP-PAC, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou nas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas que procedan, de ser o caso, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. A revisión dos expedientes desta orde de convocatoria poderá ser realizada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de acordo co establecido na encomenda de xestión para o ano 2010, do 31 de decembro de 2009, realizada pola Consellería de Economía e Industria á dita entidade, que asumirá, en tal caso, a condición de entidade colaboradora, coas obrigas que sinala o artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007).

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión na cal se indicarán as causas desta.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 11º.-Criterios de valoración.

1. Os criterios de valoración empregados para a selección de persoas beneficiarias da formación serán os seguintes (máximo 60 puntos):

a) Nota obtida no expediente académico (ata 4 puntos). A selección farase tendo en conta a nota media do expediente académico calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no DOG do día 23 de marzo de 2005 mediante resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005. No caso de alumnos procedentes de ensinanzas técnicas, a nota obtida polo alumno multiplicarase por un coeficiente corrector de 1.33.

b) Valoración curricular: masters relacionados coa innovación, de duración superior a 250 horas (4 puntos).

c) Experiencia laboral previa. Valorarase a 0,20 puntos/mes (ata 17 puntos).

d) Nivel acreditable no idioma inglés (ata 20 puntos).

1. Nivel intermedio (B1): 10 puntos

2. Nivel avanzado (B2) ou superior (C1 ou C2): 20 puntos

e) Nivel acreditable no idioma galego (ata 3 puntos).

1. Celga 3: 2 puntos

2. Celga 4 ou superior: 3 puntos

f) Coñecemento de outros idiomas diferentes do español, galego e inglés (ata 12 puntos, 2 por idioma acreditado).

Para acceder á fase de entrevista requerirase acadar nesta fase unha puntuación mínima de 25 puntos.

Finalizado o proceso de valoración de méritos, a comisión publicará na páxina web da Consellería de Economía e Industria un acordo coa lista das puntuación dos aspirantes indicando aqueles que alcanzaron a puntuación mínima e que pasarían á fase da entrevista.

2. Entrevista aos candidatos (ata 40 puntos). Realizarase en grupos de 5 persoas, como máximo, seleccionadas de forma aleatoria entre os candidatos que superaron a anterior fase. Na valoración da entrevista a comisión terá en conta para cada aspirante os seguintes puntos:

a) Actitude e habilidades sociais, ata 14 puntos.

b) Capacidade de traballo en equipo, ata 14 puntos.

c) Desenvolvemento no idioma inglés, ata 12 puntos.

Para a realización da entrevista, a comisión poderá contar co apoio de expertos en xestión de recursos humanos independentes.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o proceso de valoración das candidaturas, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro de Economía e Industria, a quen lle corresponde ditar a resolución de concesión. Esta resolución publicarase na páxina web da Consellería de Economía e Industria e no DOG.

2. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as persoas solicitantes propostas para participar no programa, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo 11º destas bases. Os posibles empates resolveranse atendendo á maior puntuación en cada unha das epígrafes do artigo 11º pola orde en que se relacionan.

3. Á vista da proposta formulada pola comisión de valoración a través do órgano instrutor e segundo o que dispón o artigo 21.4º da Lei 9/2007, se non son tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o conselleiro de Economía e Industria ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

4. As resolucións expresarán:

a) As persoas seleccionadas para o programa.

b) A relación priorizada de posibles suplentes.

c) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

d) Os restantes extremos establecidos no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

5. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXAP-PAC. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da dita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso - Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á bolsa, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V a esta orde.

2. A renuncia poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da LRXAP-PAC.

No caso de que se comunique a renuncia en prazo, que deberá ser motivada, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º desta lei.

Artigo 15º.-Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións.

1. A persoa que acceda á formación deberá comprometerse a cumprir cos obxectivos, proxectos, actividades e comportamentos que fundamenten o seu acceso, así como os compromisos asumidos nela. De non ser así, perderá o dereito a participar no programa formativo así como á bolsa de formación. No caso de abandono voluntario, unha vez iniciado o programa, deberá proceder ao reintegro total ou parcial dos importes percibidos en concepto de bolsa por formación e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro que se axustará ao previsto na citada lei.

2. O incumprimento total dos fins para que se concedeu a bolsa para a formación, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, será causa do reintegro total desta.

3. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias desta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 16º.-Réxime xurídico.

1. Durante a realización da formación non existirá vinculación laboral ningunha entre o órgano xestor da convocatoria e as persoas beneficiarias.

2. Unha vez finalizada a formación, as 60 persoas que obteñan as mellores puntuacións no seu desenvolvemento, de acordo co establecido no artigo 7º destas bases, poderán acceder a unha relación laboral con algunha das sociedades mercantís beneficiarias das axudas previstas no anexo II para a contratación de persoal de xestión da innovación, sempre de acordo coa demanda existente. En todo caso, a contratación queda condicionada á selección de cada unha das persoas candidatas por algunha das empresas beneficiarias. As persoas restantes que superasen o curso de formación con aproveitamento, ordenaranse de forma decrecente de acordo coa súa puntuación e constituirán unha lista de espera para os efectos de incorporarse a algunha das empresas beneficiarias do programa. Esta incorporación só será posible durante o primeiro ano de contrato, no caso de terse producido algunha renuncia por parte dalgunhas das persoas inicialmente seleccionadas.

3. As persoas que superen con aproveitamento a formación integraranse na Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) e recibirán unha certificación acreditativa outorgada pola Consellería de Economía e Industria. Será requisito imprescindible dispoñer desta certificación acreditativa para poder optar á contratación por parte das empresas beneficiarias das axudas do anexo II.

Artigo 17º.-Obrigas das persoas beneficiarias.

A aceptación da condición de persoa beneficiaria comporta as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007 e, en particular, ás seguintes:

a) Asinar o acordo de participación no programa, incluíndo explicitamente o compromiso de incorporarse a algunha das sociedades mercantís beneficiarias do programa.

b) Atender as peticións realizadas pola Dirección Xeral de I+D+i con relación ás actividades de seguimento e control, para informar do seu desempeño.

c) Informar á Dirección Xeral de I+D+i, a través da ferramenta telemática do Programa XIGA do Estado e resultados dos proxectos de I+D+i, e coordinarse co emprego desa ferramenta cos restantes axentes de innovación.

d) Achegar as cantidades que se lle teñan entregado en concepto de bolsa por formación se abandonan o seu desenvolvemento, sempre que este abandono se produza voluntariamente.

e) Aquelas outras, non contrarias a dereito que se determinen no documento de compromiso de participación e sexan acordadas polas partes.

f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da axuda.

Artigo 18º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou a súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta a un aspecto substancial da concesión.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicar á Dirección Xeral de I+D+i calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución e consecución dos fins para que foi concedida a dita axuda.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente no cal se dará audiencia ao interesado.

Artigo 19º.-Vinculación coas empresas beneficiarias do anexo II.

As persoas participantes no programa de formación que obteñan unha das 60 mellores puntuacións totais serán as que optarán á integración laboral nalgunha das empresas beneficiarias do anexo II, sempre en función da súa resolución.

Artigo 20º.-Incompatibilidade.

A percepción destas axudas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera administración, institución ou ente público, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria dos interesados.

ANEXO II

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a contratación de persoal especialista en xestión da innovación da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA)

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. O obxecto das subvencións reguladas nestas bases é o financiamento dos custos laborais empresariais derivados da contratación por parte da empresa de persoal especialista da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA) para a xestión de innovación.

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdese innovación no seu sentido máis amplo como a busca sistemática de oportunidades para crear novos produtos e servizos, e mellorar procesos, fornecendo valor aos clientes e incrementando a capacidade de creación de riqueza na propia empresa.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

4. Estas axudas quedarán sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DOUE 28 de decembro de 2006, en diante Regulamento de minimis), relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis; e non poderán superar os límites cuantitativos e por actividade establecidos polo dito réxime de minimis.

A entidade outorgante das axudas estará sometida ao procedemento de control establecido no Regulamento de minimis durante os períodos de tempo que nel se indican.

5. Terán a consideración de gastos subvencionables os custos laborais totais do persoal especialista en xestión da innovación da Rede XIGA contratado pola empresa.

6. Estas subvencións terán unha vixencia de tres anos cos límites detallados no artigo 4º destas bases.

Artigo 2º.-Financiamento.

1. As subvencións imputaranse á aplicación orzamentaria 08.02.561A.470.0, na cal existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2010, 2011, 2012 e 2013 de acordo coa seguinte distribución orzamentaria.

2010 2011 2012 2013

315.000 € 1.170.000 € 810.000 € 405.000 €

Artigo 3º.-Gastos subvencionables.

Terá a consideración de gasto subvencionable o custo laboral do salario bruto anual máis a cota da Seguridade Social, da contratación por conta allea a tempo completo do persoal especialista en xestión da innovación, segundo os requisitos que se establecen nestas bases e coa intensidade e os límites que se establecen no seguinte artigo.

Artigo 4º.-Contía e límite subvencionable.

1. A axuda que se vai conceder asume a forma de subvención a fondo perdido, a súa contía calcularase sobre un importe máximo de 30.000 euros para o salario bruto anual e a cota empresarial da Seguridade Social a tempo completo.

As porcentaxes serán a seguintes:

a) Primeiro ano de contrato: 21.000 euros, que corresponden ao 70% dos gastos subvencionables.

b) Segundo ano de contrato: 15.000 euros, que corresponden ao 50% dos gastos subvencionables.

c) Terceiro ano de contrato: 9.000 euros, que corresponden ao 30% dos gastos subvencionables.

2. Así mesmo, o importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas ao abeiro da cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros, agás para as empresas que operen no sector do transporte por estrada que será de 100.000 euros. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido e indistintamente de se a axuda concedida está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitaria.

3. Exclúense da base subvencionable as indemnizacións de calquera tipo e os suplidos á conta da empresa motivados pola contratación de persoal especialista en xestión da innovación da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA).

4. As subvencións reguladas nestas bases serán incompatibles con calquera outra axuda outorgada para os mesmos fins por calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado.

Artigo 5º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as sociedades mercantís de carácter privado e con sede ou delegación en Galicia e preferentemente do ámbito industrial.

2. Quedan expresamente excluídas desta convocatoria as empresas encadradas dentro do grupo 70 do CNAE 2009.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican nesta convocatoria e bases reguladoras.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse obrigatoriamente a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do CIF da sociedade mercantil solicitante.

b) Copia compulsada do documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

c) Copia compulsada da escritura de constitución da entidade e modificacións, de ser o caso, debidamente inscrita no rexistro mercantil ou industrial.

d) Declaración xurada do representante legal de cada empresa participante, relativa ás axudas acollidas ao réxime de minimis, que recibisen durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en que se tivese aprobado a axuda, empregando para estes efectos o documento que se inclúe como anexo VI á solicitude.

e) Declaración do conxunto de axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administración públicas, empregando para estes efectos o documento que se inclúe na solicitude.

f) No caso de dispoñer deles, memoria descritiva do proxecto ou proxectos de innovación que vai desenvolver o persoal especialista en xestión da innovación da Rede XIGA que se contrate, segundo o modelo normalizado que se inclúe na solicitude.

g) Cuestionario debidamente cuberto do estado actual de xestión da innovación na empresa conforme o modelo normalizado que se inclúe na solicitude.

Artigo 7º.-Consentimentos e autorizacións.

1. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o seu consentimento neste caso deberá achegar xunto coa solicitude, o orixinal ou fotocopia compulsada dos certificados acreditativos, en vigor, de estar ao día nas súas obrigas e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa:

-Axencia Estatal da Administración Tributaria.

-Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

-Coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda de documentación.

2. Consonte o establecido no mesmo artigo, se o solicitante indica que certos documentos que se deban usar neste procedemento xa están no poder da administración actuante, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a eles. Neste caso, o solicitante deberá facer constar a data e o órgano en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non poden ter transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Dirección Xeral de I+D+i dará difusión na súa páxina web oficial da relación das persoas beneficiarias e do importe das axudas concedidas. Xa que logo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web coas excepcións previstas nas leis.

5. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e para eses efectos procederase á súa incorporación nun ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguranza técnicas como organizativas.

6. A finalidade da recollida dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega

Artigo 8º.-Órganos competentes.

1. Órgano de instrución: o director xeral de I+D+i será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión.

2. Órgano que resolve: o conselleiro de Economía e Industria será o órgano a quen corresponde ditar a resolución de concesión.

3. A comisión de valoración: será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 11º deste anexo II.

Artigo 9º.-Instrución do procedemento.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da LRXAP-PAC, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou nas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7º.1 deste anexo II resulta que a persoa solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Seguridade Social e/ou coa comunidade autónoma.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse da persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas que procedan, de ser o caso, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. A revisión dos expedientes desta orde de convocatoria poderá ser realizada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de acordo co establecido na encomenda de xestión para o ano 2010, do 31 de decembro de 2009, realizada pola Consellería de Economía e Industria á dita entidade, que asumirá, en tal caso, a condición de entidade colaboradora, coas obrigas que sinala o artigo 12 da Lei 9/2007.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. Non se axustar aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 10º.-Comisión de valoración.

A comisión de valoración terá a seguinte composición:

a) O director xeral de I+D+i, ou a persoa en que delegue, que actuará como presidente.

b) Dúas persoas expertas en innovación designadas polo director xeral de I+D+i.

c) Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de I+D+i, que actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

Artigo 11º.-Criterios de valoración.

1. Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 100 puntos):

a) A existencia de propostas de proxectos de innovación que desenvolverá o xestor de innovación, a calidade da súa memoria descritiva, a incidencia prevista nos resultados da empresa co seu desenvolvemento e o seu impacto na sociedade galega (35 puntos).

b) A experiencia previa na participación en proxectos de I+D+i, financiados a través de convocatorias públicas nos últimos catro anos (ata 38 puntos).

c) Mellora das condicións laborais da persoa que se contrate para a xestión da I+D+i con respecto ás previstas nesta orde (ata 15 puntos).

d) Coherencia global da proposta (ata 10 puntos).

e) Utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para a que se solicita a axuda, de conformidade co establecido no artigo 20.2º da Lei 9/2007 (2 puntos).

2. A comisión ordenará as empresas solicitantes en sentido decrecente de puntuación e proporá o financiamento das 60 candidatas que acadaran maior puntuación; así mesmo, indicará o importe da subvención proposta.

3. A comisión de valoración poderá establecer unha bolsa de reserva segundo os criterios do punto anterior.

Artigo 12º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro de Economía e Industria. Esta resolución deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia e na web da Consellería de Economía e Industria.

2. Á vista da proposta formulada pola comisión de valoración a través do órgano instrutor e segundo o que dispón o artigo 21.4º da Lei 9/2007, o conselleiro de Economía e Industria ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

a) As empresas beneficiarias da axuda por orde decrecente de puntuación e o importe da subvención.

b) A relación priorizada de posibles suplentes e o importe da subvención que se concederá no caso de que acaden a condición de empresa beneficiaria.

c) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

d) Os restantes espectos establecidos no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos interesados será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXAP-PAC. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da dita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VII a esta orde.

2. A renuncia poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da LRXAP-PAC.

No caso de que se comunique a renuncia en prazo, que deberá ser motivada, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º desta lei.

Artigo 16º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou a súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

2. As empresas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Dirección Xeral de I+D+i calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución e consecución dos fins para que foi concedida a dita axuda.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado.

Artigo 17º.-Condicións para a contratación do persoal beneficiado desta axuda.

1. As empresas seleccionadas deberán proceder á contratación dalgunha das persoas que no programa de formación obtivesen a certificación acreditativa de teren superado con aproveitamento o curso de formación e acadasen unha das 60 mellores puntuacións.

2. A modalidade de contrato que se realizará entre a empresa beneficiaria da subvención e a persoa especialista en xestión da innovación será a de contrato de traballo por obra ou servizo determinado a xornada completa, con dependencia directa da primeira. En ningún caso existirá relación laboral ou contractual ningunha da empresa ou o xestor de innovación coa Consellería de Economía e Industria ou coa Xunta de Galicia.

3. En todos os contratos se establecerá un período de proba de dous meses. Se durante este período se produce a extinción da relación laboral por decisión do traballador ou por acordo entre as partes, o traballador decaerá no seu dereito a ser contratado como xestor de innovación e a empresa beneficiaria poderá optar á contratación dalgunha das persoas que figuren na lista de espera, se a houber. No caso de extinción por decisión da empresa, aplicarase o previsto no artigo 23 desta convocatoria, relativo a infraccións e sancións.

4. A categoría profesional con que serán contratados os xestores de innovación será como mínimo a de titulado superior, e as retribucións a percibir serán, como mínimo, as que se establezan no correspondente convenio colectivo para a categoría correspondente.

Artigo 18º.-Proceso para a contratación do persoal.

1. As empresas beneficiarias desta subvención, ordenadas por orde decrecente de puntuación, elixirán, segundo a súa prelación, entre as 60 persoas candidatas con mellor puntuación que teñan acadado a condición de xestor de innovación. Para este fin, a Dirección Xeral de I+D+i porá á disposición das empresas seleccionadas o perfil das persoas candidatas; unha vez elixido un xestor, este deixará de estar dispoñible e a empresa queda obrigada a formalizar o correspondente contrato.

2. A empresa disporá de 10 días naturais desde a selección para contratar a persoa seleccionada e para comunicar a súa contratación á Dirección Xeral de I+D+i, achegando ademais a copia do contrato laboral formalizado.

3. No caso de que, rematado o período de proba e durante o primeiro ano de contrato, a empresa poña fin á relación laboral, deberá acreditar a adecuación e validez dos motivos para non incorrer na perda do dereito á percepción da subvención, prevista no artigo 23º desta convocatoria. No caso de que a finalización da relación laboral resulte procedente, a empresa poderá optar, por unha soa vez, á contratación dun novo xestor a partir dalgunha das persoas que figuren na posible lista de espera.

Artigo 19º.-Seguimento e avaliación da actividade desenvolvida.

1. Desde a Dirección Xeral de I+D+i realizaranse periodicamente sesións de seguimento e control da actividade desenvovida polas empresas no marco deste programa, co fin de avaliar de xeito individual a cada entidade beneficiaria así como o conxunto do programa.

2. Estas sesións poderán realizarse de xeito presencial. Neste caso, realizaranse nos lugares e coa periodicidade que determine a Dirección Xeral de I+D+i, e as empresas beneficiarias están obrigadas a asistir.

3. As empresas beneficiarias deberán remitir un informe semestral da actividade realizada utilizando o modelo que lles facilite a Dirección Xeral de I+D+i.

Artigo 20º.-Renovación de contratos.

Transcorridos os tres anos completos, a relación laboral entenderase extinguida, e a súa renovación ou modificación entre a empresa e a persoa especialista en xestión de innovación dependerá do acordo entre as partes.

Artigo 21º.-Obrigas das empresas beneficiarias.

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, as empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a:

a) Realizar a contratación do xestor de innovación elixido cando menos cos requisitos establecidos nas presentes bases, podendo melloralos de xeito voluntario para realizar as funcións de xestión de innovación sinaladas no artigo 7º do anexo I.

b) Permitir o acceso ás persoas designadas pola Dirección Xeral de I+D+i para a verificación, con relación ás actividades de seguimento e control, do desenvolvemento e consecución das actividades e obxectivos pactados.

c) Acudir ás sesións de seguimento e control do programa, convocadas pola Dirección Xeral de I+D+i ou pola entidade en que esta delegue a xestión do programa.

d) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma con relación á subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

h) Solicitar á Dirección Xeral de I+D+i a autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento da actividade financiada, previamente á súa realización e, en todo caso, antes de que remate o prazo de xustificación da subvención.

Artigo 22º.-Pagamento e xustificación da subvención.

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados destas axudas de acordo co establecido no artigo 31.6º da Lei 9/2007 e no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nestas bases:

a) Primeiro pagamento: corresponde á anualidade 2010 e efectuarase unha vez que a empresa presente a copia do correspondente contrato.

b) Seguintes pagamentos: corresponden ás anualidades 2011, 2012 e primeiro semestre de 2013 e efectuaranse polo importe dun semestre e sempre despois da completa xustificación do pagamento anterior.

c) Último pagamento: corresponde á parte final do contrato, no ano 2013, e efectuarase despois de rematado o contrato e da completa xustificación tanto do pagamento anterior como do pagamento que se pretende realizar.

Exímese as empresas da presentación de garantías por ter sido autorizado polo Consello da Xunta ao abeiro do artigo 67 do Decreto 11/2009.

2. Para xustificar os diferentes pagamentos a empresa deberá presentar un exemplar da seguinte documentación:

a) Un informe de resultados, segundo o modelo e a través dos medios que indique a propia Dirección Xeral de I+D+i.

b) Fotocopia compulsada das nóminas e dos TC2 do persoal da rede XIGA contratado, xunto cos xustificantes de pagamento destes documentos. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á de xustificación.

c) Se a empresa na solicitude de axuda denegou explicitamente o consentimento para solicitar as certificacións correspondentes, deberá presentar as que acrediten estar ao día coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

d) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe efectuar o pagamento da subvención en que conste a razón social e o CIF/NIF do titular, así como o código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente (só para o primeiro pagamento ou nos sucesivos, se cambia a conta).

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas, como pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Esta documentación deberá presentarse nos meses de xaneiro e xullo de cada ano agás para o último pagamento, que se presentará ao longo do mes seguinte ao de finalización do contrato.

3. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a persoa beneficiaria non presenta a documentación pertinente segundo o indicado no punto anterior, a Dirección Xeral de I+D+i requirirá a esta para que no prazo improrrogable de dez días así o faga. Neste requirimento advertiráselle que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro, no caso de ter recibido cantidades en concepto de pagamentos parciais, así como as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen os dereitos de terceiras persoas. As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación son os establecidos no artigo 49 da LRXAP-PAC.

5. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitir ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

6. Cando se aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porase no seu coñecemento e concederáselle un prazo de dez días para a súa corrección.

Artigo 23º.-Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións.

1. A entidade beneficiaria da subvención deberá cumprir cos obxectivos, proxectos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento, e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei.

2. O incumprimento total dos fins para que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou ao reintegro total da subvención.

3. O incumprimento parcial dos fins para que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención na porcentaxe correspondente a actividade non efectuada ou non xustificada.

4. No caso de que se produza a rescisión do contrato por decisión do traballador e xa non sexa posible a contratación pola empresa doutra persoa, conforme o procedemento previsto nestas bases, poderá recoñecérselle á empresa o dereito a percibir unha subvención que en ningún caso superará o 50% dos custos subvencionables durante a vixencia do contrato.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 24º.-Inspección e control.

1. A Dirección Xeral de I+D+i poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, poderanse realizar nas entidades perceptoras de subvencións, en calquera momento, as comprobacións e aclaracións que se consideren necesarias para o correcto desenvolvemento da acción subvencionada; se se constatar unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, poderán propoñer a suspensión da subvención concedida. Así mesmo, a Dirección Xeral de I+D+i poderá convocar aos responsables da entidade beneficiaria da subvención, se o considera necesario, a unha entrevista con relación á execución das actividades e os resultados obtidos.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 25º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 26º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases e convocatoria, observarase o previsto na Lei 9/2007, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, e na restante normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "09600D005P045.PDF"