DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 24 de maio de 2010 Páx. 9.152

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2010, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural do Campo da Festa, na parroquia de Navío, concello San Amaro (Ourense).

O Concello de San Amaro remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural do Campo da Festa, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en adiante LOUG), e solicita a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de San Amaro non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do número 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na redacción dada pola Lei 15/2004, e nel constan:

-O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 223, do 13 de novembro de 2009, e nos xornais La Voz de Galicia, na data do 11 de novembro de 2009, e La Región na data do 11 de novembro de 2009.

-Certificación do secretario municipal do 14 de decembro de 2009, en que se reflicte que no devandito período non se presentaron alegacións.

-Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo Pleno do concello na súa sesión do 17 de decembro de 2009.

II. Consideracións e motivación.

Logo de analizar o expediente remitido polo concello e á vista do informe técnico elaborado no Servizo de Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural do Campo da Festa segundo o nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo).

2. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación proposta para o asentamento tradicional é admisible, xa que cumpre os requisitos establecidos no artigo 13.3º da Lei 9/2002. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola Lei 9/2002 para o solo de núcleo rural; seralle igualmente aplicable, en todo aquilo que non vulnere nin vaia contra o devandito réxime xurídico, o contido da Ordenanza do solo non urbanizable de núcleo rural das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

3. O proxecto non delimita área de expansión.

4. De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG (modificada pola Lei 15/2004) e coa Orde do 11 de maio de 2009, sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural correspóndelle a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Primeiro.-Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural do Campo da Festa, na parroquia de Navío, concello de San Amaro (Ourense).

Segundo.-Contra esta resolución non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Terceiro.-Notifíquese esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2010.

María Encarnación Rivas Díaz

Secretaria xeral de Ordenación do Territorio

e Urbanismo

Ver referencia pdf "09600D005P045.PDF"