DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 24 de maio de 2010 Páx. 9.141

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 4 de maio de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2010 axudas a empresas de transporte público de viaxeiros para a adquisición de vehículos accesibles.

Unha das obrigas máis relevantes que incumbe a toda Administración pública é diminuír aquelas dificultades que afectan a sectores concretos da poboación, de xeito que se afonde máis na igualdade material exixida pola Constitución española. Nese sentido, implantar uns servizos de transporte público cada vez máis accesibles é unha das medidas que máis eficazmente pode contribuír a acadar ese obxectivo, posto que incrementa a autonomía das persoas con mobilidade reducida e posibilita un transporte público máis eficaz e útil.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas impulsa esta liña de axudas dirixidas aos empresarios do transporte de viaxeiros que queiran modernizar a súa frota ao tempo que melloran a funcionalidade dos seus vehículos. O interese do sector por este tipo de iniciativas, ben contrastado pola Administración nos últimos anos, non se pode ver prexudicado polas difíciles condicións económicas que atravesamos, polo que agora máis que nunca é precisa unha actuación pública que manteña o nivel de investimentos neste campo.

Por outra banda, a perfecta adaptabilidade dos vehículos que se vaian adquirir ás finalidades que se pretenden virá garantida polos requisitos de accesibilidade fixados pola normativa vixente e, singularmente, pola Directiva 2001/85/CE, do 20 de novembro, así como polo Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos modos de transporte para persoas con minusvalidez.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que as empresas prestadoras de servizos de transporte público regular permanente de viaxeiros de uso xeral suxeitas a concesión administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia poidan adquirir vehículos accesibles para persoas con mobilidade reducida.

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as referidas subvencións para o ano 2010.

2. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables e beneficiarios.

1. Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de vehículos destinados ao transporte interurbano colectivo e de capacidade superior a nove prazas, incluído o condutor, que reúnan as seguintes condicións:

a) Que estean adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida. Para estes efectos, os vehículos deberán reunir as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos modos de transporte para persoas con minusvalidez. Ademais, e en todo caso, as actuacións de accesibilidade que se realicen nos vehículos deberán reunir, cando menos, as especificacións contidas na Directiva 2001/85/CE, do 20 de novembro.

As condicións mínimas de accesibilidade establecidas polas anteditas normas recóllense resumidamente no anexo I desta orde de convocatoria.

b) Os vehículos deberán ser adquiridos durante o ano 2010.

c) En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man nin os adscritos ao Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para Persoas con Discapacidade e/ou Dependentes (065).

2. Entenderase como actuación subvencionable a adquisición mediante arrendamento financeiro (leasing), mais neste caso a subvención cubrirá unicamente os gastos de capital que se realicen durante o ano 2010.

3. Poderán ser beneficiarios da subvención, sen prexuízo de reunir os demais requisitos previstos nesta orde, as empresas prestameiras de servizos de transporte público regular permanente de viaxeiros de uso xeral suxeitas a concesión administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Financiamento e contía.

1. As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación 07.05.512A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, na que se garante a existencia de crédito axeitado e suficiente.

2. A contía total máxima das subvencións concedidas será de 500.000 euros. Non obstante, este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As subvencións obxecto desta orde decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que para a mesma finalidade poida obter a entidade beneficiaria; non obstante, a suma total de todas elas nunca poderá superar o custo da actividade subvencionada.

4. De xeito individual, a contía de cada subvención por vehículo será a que resulte de dividir o importe sinalado no punto 2 deste artigo polo número de vehículos que figuren nas solicitudes que cumpran os requisitos fixados nesta orde. Porén, esa cantidade en ningún caso poderá exceder de 24.000 euros.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Para poder resultar beneficiario das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, acompañada dos documentos especificados no punto 3 deste artigo.

2. Na solicitude de axuda incluirase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como de asumir as obrigas e compromisos que nela se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto a Administración considere oportunas, ou previstas nesta orde.

d) Non beneficiarse nin ter sido beneficiario de máis subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que illada ou conxuntamente coa outorgada por esta Administración, superen o custo da actividade obxecto desta orde.

e) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Os vehículos obxecto da subvención prestarán o servizo ao abeiro dunha copia da autorización VD da que o solicitante é titular.

3. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia compulsada:

a) Documentación acreditativa da personalidade, que será a seguinte:

i) Cando o titular da empresa de transporte por estrada sexa unha persoa física: documento nacional de identidade (DNI), no suposto de que non marque a autorización prevista no artigo 6º.6.

ii) Cando o titular da empresa de transporte por estrada sexa unha persoa xurídica: tarxeta de identificación fiscal, do apoderamento do asinante para poder representala e do documento nacional de identidade (DNI) deste. O DNI só debe achegarse no suposto de que non marque a autorización prevista no artigo 6º.6.

b) Certificación bancaria orixinal do número de conta no que se aboará a subvención, de non constar de alta no rexistro de terceiros da Xunta de Galicia.

c) Descrición da marca, modelo e características técnicas dos vehículos que se vaian adquirir.

d) Memoria económica da valoración das ofertas solicitadas a diferentes provedores, da elección realizada entre as ofertas presentadas e, se é o caso, da motivación da elección cando esta non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

e) Factura pro forma ou outro documento que acredite a adquisición efectiva ou o acordo en firme de adquisición dos vehículos no prazo máximo de seis meses, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que o vehículo se vaia adquirir mediante arrendamento financeiro deberá achegarse o contrato en que se documenta este, no que se especifique claramente o importe das diferentes cotas e a parte destas que se imputa a capital e a xuros.

Se algún destes documentos xa figurase en poder da administración, o solicitante poderá acollerse ao disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia ante os que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a xustificación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Poderán, así mesmo, presentarse por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se a solicitude se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 2 de xullo de 2010, incluído.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

2. De conformidade co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a xustificación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto farase consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

6. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, polo que se desenvolve aquel, os representantes das entidades solicitantes poderán facer constar no formulario o seu consentimento expreso para que a administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

1. Delégase no director xeral de Mobilidade o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde ou na normativa de aplicación para ser beneficiario das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que as acompañe, comprobando a concorrencia no solicitante dos requisitos para resultar beneficiario.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nesta orde requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 9º.-Proposta de resolución.

1. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

2. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará un informe no que consten esas circunstancias, que servirá como proposta de resolución.

Artigo 10º.-Resolución e notificación.

1. O director xeral, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que se vai desenvolver polo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecido.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados desde o día seguinte ao de publicación nesta orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese este prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A concesión ou a denegación da axuda será notificada ao solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Adicionalmente, as axudas concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia, de concorrer os supostos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se subvencións de Galicia, e, en todo caso, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na epígrafe de Mobilidade.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da axuda outorgada.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director xeral de Mobilidade logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións, e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Obriga de manter os vehículos subvencionados durante un período mínimo de cinco anos exclusivamente ao servizo da concesión nas mesmas condicións técnicas e de accesibilidade. Entenderase cumprido este requisito coa adscrición co carácter de mínimos ao correspondente título concesional, adscrición que non se poderá alterar durante o indicado prazo agás que o beneficiario reintegre o importe total da subvención recibida.

Non obstante o anterior, o beneficiario poderá substituír o vehículo subvencionado por outro de características semellantes, sempre que concorran circunstancias excepcionais que así o xustifiquen e a dita substitución sexa expresamente autorizada pola Dirección Xeral de Mobilidade.

e) Obriga de incorporar nun lugar visible dos vehículos adquiridos unha referencia expresa á colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na oferta desa solución de transporte accesible.

Artigo 15º.-Xustificación da subvención.

1. Unha vez notificado o outorgamento da axuda e, en todo caso, antes do 30 de novembro de 2010, o interesado deberá presentar ante a Dirección Xeral de Mobilidade a factura de compra do vehículo subvencionado e o xustificante da transferencia ou transferencias bancarias do seu aboamento. O importe total destas deberá ser igual ou superior á contía da subvención que lle foi outorgada.

2. Alén do anterior, os beneficiarios asumen a obriga de achegar antes do 30 de setembro de 2011 a seguinte documentación:

a) Permiso de circulación do vehículo.

b) Ficha técnica do vehículo, na que conste a súa adaptación para o uso por persoas de mobilidade reducida.

3. O beneficiario asume a obriga de solicitar ao Servizo de Mobilidade da delegación territorial da consellería na provincia que corresponda a adscrición do vehículo subvencionado á concesión da empresa co carácter de mínimo antes do 30 de setembro de 2011. Unha vez concluído este prazo, a Dirección Xeral de Mobilidade comprobará de oficio que se realizou a adscrición, de non ser así, procederá ao reintegro das cantidades percibidas e á exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, consonte o previsto no artigo 33.1º b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Transcorridos os prazos previstos nos números 1 e 2 deste artigo sen que o interesado achegue a documentación indicada, requiriráselle para que, no prazo de dez días, emende ese incumprimento.

A falta de xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito a cobrar a subvención e a exixencia das responsabilidades que puidesen corresponder segundo a Lei de subvencións de Galicia. A realización da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. En todo caso, o prazo de xustificación deberá permitirlle ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Artigo 16º.-Pagamento.

Unha vez xustificada a axuda consonte o previsto no artigo anterior, procederase ao libramento desta, que se fará nun único pagamento mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude.

Artigo 17º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde de convocatoria ou no resto da normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase un procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Control.

1. A Dirección Xeral de Mobilidade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 19º.-Remisión normativa.

Para todo o non regulado nesta orde haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 20º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería

(www.cmati.xunta.es).

b) Os teléfonos 981 54 45 02 e 881 99 96 84 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico mobilidade@xunta.es.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2010.

Agustín Hernández-Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

ANEXO I

Condicións mínimas de accesibilidade

Autobuses interurbanos-suburbanos:

1. Ámbito de aplicación.

Estas condicións mínimas de accesibilidade serán de aplicación aos vehículos de estrada, vehículos para o transporte interurbano-suburbano colectivo e de capacidade superior a nove prazas, incluído o condutor.

Para estes vehículos, autobuses interurbanos, de clase II, será obrigado o cumprimento da Directiva 2001/85/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 20 de novembro de 2001 e, polo tanto, o seu anexo VII «Requisitos para os dispositivos técnicos que facilitan o acceso aos viaxeiros con mobilidade reducida».

2. Autobuses interurbanos de piso baixo.

2.1. Definición:

Enténdese por autobús de piso baixo, clase II, aquel ao que os pasaxeiros poden acceder sen que exista ningún chanzo, polo menos por dúas das súas portas de servizo. Polo menos o 35% da superficie dispoñible para viaxeiros de pé (ou da súa sección dianteira, no caso dos vehículos articulados) constitúe unha superficie chá sen chanzos.

Clase II: vehículos destinados principalmente ao transporte de viaxeiros sentados e deseñados para permitir o transporte de viaxeiros de pé, pero soamente no corredor ou nunha zona que non supere o espazo previsto para dous asentos dobres.

2.2. Altura:

A altura desde a calzada ao piso do autobús por polo menos as portas mencionadas, non ha de ser maior de 350 mm. Esta altura medirase co vehículo na súa posición normal de marcha, sen estar o sistema de inclinación (Kneeling) activado.

2.3. Dimensións:

Debe existir unha superficie libre de asentos con capacidade para aloxar polo menos un pasaxeiro en cadeira de rodas, o rectángulo que forma esta superficie, posicionarase co lado maior paralelo ao eixe lonxitudinal do vehículo. Nesta superficie non poderá existir ningún chanzo nin ningún outro obstáculo.

A superficie de aloxamento para unha cadeira de rodas, debe ter unhas dimensións mínimas de:

-Lonxitude: 1.300 mm.

-Anchura: 800 mm.

2.4. Situación:

O pasaxeiro en cadeira de rodas deberá posicionarse, na superficie mencionada, mirando cara á parte traseira do autobús e paralelo ao lateral do vehículo, nunca en posición transversal respecto ao eixe lonxitudinal deste.

2.5. Condicións da viaxe:

A persoa que viaxe na súa cadeira de rodas, viaxará cos freos aplicados ou as baterías desconectadas no caso de que sexa eléctrica e deberá poder apoiar costas e cabeza nun respaldo ou biombo almofadado.

Unha altura mínima de 1.300 mm, (para apoio de costas e cabeza), e unha largura de 300 mm, (para que a cadeira poida aproximarse por entre as súas rodas traseiras), poden servir como orientación para dimensionar o biombo.

Estas medidas están pensadas para que non se requira mecanismo ningún de fixación ou retención da cadeira de rodas, se ben será necesario poder dispoñer dun cinto de retención do ocupante.

No espazo reservado ao pasaxeiro en cadeira de rodas e no lateral do vehículo, indicarase cun pictograma ou cartel indicador, que esta persoa ha de viaxar cos freos aplicados ou as baterías desconectadas e a posición correcta do pasaxeiro.

2.6. Suxeición:

No espazo reservado para pasaxeiros en cadeira de rodas, instalarase no lateral do vehículo unha barra horizontal a unha altura sobre o piso comprendida entre 800 e 900 mm, separada do lateral polo menos 40 mm e diámetro comprendido entre 30/40 mm.

2.7. Mobilidade interior:

O itinerario desde a porta de acceso dos pasaxeiros en cadeira de rodas, ata o espazo reservado, será practicable para estes pasaxeiros. Neste itinerario non poderá, polo tanto, existir ningún chanzo ou calquera obstáculo e ter un largo mínimo de paso de 800 mm.

2.8. Solicitude de parada:

A solicitude de parada confirmarase de forma sonora e visual.

Instalarase no interior, no espazo reservado para pasaxeiros en cadeira de rodas un interruptor de solicitude de parada, a unha altura sobre o piso entre 700/900 mm, que indicará ao condutor que un pasaxeiro destas características quere saír do autobús.

No exterior do vehículo, á dereita ou esquerda da porta de acceso para pasaxeiros en cadeira de rodas, instalarase un interruptor a unha altura desde a calzada comprendida entre 700/900 mm.

Estes interruptores estarán sinalizados co símbolo internacional de accesibilidade (ISO-7000 e UNE 26364), o pictograma interior pode, pola súa vez, servir como indicador de reserva do espazo.

O condutor debe recibir un sinal claro e inequívoco de que estes interruptores foron utilizados.

Con carácter xeral, todos os interruptores de solicitude de parada serán dunha cor que contraste coa superficie á que estean fixados e deberán poder ser accionados coa palma da man.

2.9. Accesos:

O largo libre da porta de acceso dos pasaxeiros en cadeira de rodas debe ser maior ou igual a 1.000 mm. De existir nesta unha barra central, polo menos por un dos lados, deberá existir un espazo libre de 800 mm.

Será imprescindible dotar o vehículo de rampla motorizada ou elevador e sistema de inclinación (Kneeling) para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida.

2.10. Rampla:

A rampla só poderá funcionar cando o vehículo estea parado e haberá un dispositivo que impida a marcha do vehículo ata que esta estea repregada.

Sempre que a rampla estea en movemento, a correspondente porta estará pechada ata que se finalice a operación de despregamento ou repregamento.

Os movementos de despregamento e repregamento deberán ir acompañados de sinais luminosos e sonoros de aviso.

O paso desde a rampla ao interior do vehículo non terá cambios severos de pendente e evitaranse resaltes no punto onde se unen a rampla e o piso no limiar da porta.

A extensión da rampla en sentido horizontal estará protexida mediante un dispositivo de seguridade, detector de corpo estraño. No caso de activarse o dispositivo, a rampla deterase inmediatamente.

No caso de avaría a rampla poderase estender e recoller de forma manual.

As dimensións mínimas da rampla serán de 800 mm de largo e 1.000 mm de longo.

A carga estática mínima capaz de soportar, apoiada esta no chan, será de 300 kg.

Os bordos externos da rampla levarán unhas bandas reflectantes de cor vermella e branca.

Os bordos externos estarán redondeados cun raio non inferior a 2,5 mm. As esquinas redondearanse cun raio non inferior a 5 mm.

2.11. Sistema de inclinación:

Respecto ao sistema de inclinación, instalarase un dispositivo de seguridade que evite que o vehículo ao descender dane algunha parte do corpo de calquera persoa.

2.12. Barras e asas:

Disporase unha trama completa de barras e asas, sen zonas nas que existan dificultades para asirse.

O seu sistema de ancoraxe e tipo de material deberán evitar oscilacións.

A superficie de barras, asas e montantes de suxeición e axuda na progresión interior, deberá ser dun material antiesvarante e cor que contraste co seu ámbito.

O diámetro das barras e asas estará comprendido entre 30/40 mm, no caso de non ser circulares, a sección será igual ou funcionalmente equivalente.

Deberanse fixar en ambos os dous lados das portas de servizo barras e/ou asas.

2.13. Asentos reservados:

Polo menos dous asentos próximos á porta de acceso estarán reservados a P.M.R. non usuarios de cadeiras de rodas, sinalizándoos co pictograma definido pola Norma UNE 26364.

Estes asentos non poderán estar nos pasos de rodas pola excesiva altura.

Instalaranse asas nas súas proximidades para axuda nas operacións de sentar/levantarse e suxeición, así como un interruptor de solicitude de parada.

O interruptor situarase a unha altura, respecto ao piso do vehículo, comprendida entre 700/900 mm, de cor que contraste co da superficie á que estea fixado e poderá ser accionado coa palma da man sen necesidade de levantarse do asento.

Os repousabrazos de existir serán abatibles.

É recomendable que estes asentos sexan de cor diferente ao resto, para así acentuar o sentido de reserva.

2.14. Can guía:

Farase referencia mediante pictograma, en lugar visible para todos os pasaxeiros, á aceptación de que as persoas cegas poden viaxar acompañadas do seu can guía.

2.15. Pavimento:

O piso do vehículo será de materiais que non produzan reflexos e será non esvarante tanto en seco como en mollado.

Se o autobús é de tipo articulado, o pavimento correspondente á articulación, terá un alto contraste en textura e cor con relación ás áreas de pavimento adxacentes.

2.16. Información para pasaxeiros discapacitados sensoriais:

a) Información exterior.

Disporase dun avisador acústico e luminoso nas inmediacións da porta de servizo de entrada co fin de facilitar a localización desta.

É moi recomendable que este avisador acústico poida indicar mediante voz gravada ou con calquera outra técnica o número ou liña do autobús.

b) Información interior.

Disporase dun dispositivo que de forma visual e sonora informe sobre:

-Parada solicitada.

-Denominación da próxima parada.

2.17. Acondicionamento exterior:

O símbolo internacional de accesibilidade, xa mencionado, fixarase na parte frontal dereita do autobús de tal forma que as persoas con mobilidade reducida, sexan capaces de recoñecer o vehículo accesible. O tamaño mínimo do símbolo será de 20×20 cm.

A porta que conte cos dispositivos de acceso para as persoas en cadeira de rodas, sinalizaranse na súa parte exterior e interior co mencionado logotipo de accesibilidade.

O autobús disporá no seu exterior de tres letreiros nos que se coloque o número que o identifica e a liña á que corresponde. Un na parte frontal, outro na traseira e o terceiro no lateral dereito segundo o sentido da marcha.

O tamaño mínimo do número ou letra de identificación da liña será, polo menos nos letreiros da parte frontal e traseira, de 250 mm correspondente á distancia perceptiva de 10 m, no letreiro do lateral dereito o tamaño mínimo será de 140 mm, correspondente á distancia perceptiva de 5 m.

O contraste obterase coa superficie en cores claras e os caracteres en cores escuras. Coidarase que os contrastes causen cegamentos, como sucede entre o branco e o negro.

2.18. Acondicionamento interior:

No interior, a liña de bordo do pavimento de acceso e o bordo dos chanzos, se é o caso, sinalizaranse en toda a súa lonxitude cunha franxa de 3 a 5 cm de largo e cor fortemente contrastada en relación co resto do pavimento.

A información nos paneis luminosos interiores deberá posuír caracteres gráficos o tamaño dos cales sexa, polo menos, de 84 mm, correspondente á distancia perceptiva de 3 m.

3. Autobuses interurbanos con chanzos.

Os autobuses que por distintos motivos (itinerarios ou lonxitude inferior a 9 m) non poden ser de piso baixo, teñen que cumprir:

3.1. Dimensións:

Debe existir unha superficie libre de asentos con capacidade para aloxar polo menos un pasaxeiro en cadeira de rodas, o rectángulo que forma esta superficie, posicionarase co lado maior paralelo ao eixe lonxitudinal do vehículo. Nesta superficie non poderá existir ningún chanzo nin calquera outro obstáculo.

A superficie de aloxamento para unha cadeira de rodas, debe ter unhas dimensións mínimas de:

-Lonxitude: 1.300 mm.

-Largura: 800 mm.

3.2. Situación:

O pasaxeiro en cadeira de rodas deberá posicionarse, na superficie mencionada, mirando cara á parte traseira do autobús e paralelo ao lateral do vehículo, nunca en posición transversal respecto ao eixe lonxitudinal deste.

3.3. Condicións da viaxe:

A persoa que viaxe na súa cadeira de rodas, viaxará cos freos aplicados ou as baterías desconectadas no caso de que sexa eléctrica e deberá poder apoiar costas e cabeza nun respaldo ou biombo almofadado.

Unha altura mínima de 1.300 mm (para apoio da cabeza) e unha largura de 300 mm (para que a cadeira poida aproximarse por entre as súas rodas traseiras), poden servir como orientación para dimensionar o biombo.

Estas medidas están pensadas para que non se requira mecanismo ningún de fixación ou retención da cadeira de rodas, se ben será necesario dispoñer dun cinto de retención do ocupante.

No espazo reservado ao pasaxeiro en cadeira de rodas e no lateral do vehículo, indicarase cun pictograma ou cartel indicador, que esta persoa debe viaxar cos freos aplicados ou as baterías desconectadas, no caso de que sexa eléctrica, e a posición correcta do pasaxeiro.

3.4. Suxeición:

No espazo reservado para pasaxeiros en cadeira de rodas, instalarase no lateral do vehículo unha barra horizontal a unha altura sobre o piso comprendida entre 800 e 900 mm, separada do lateral polo menos 40 mm e diámetro comprendido entre 30/40 mm.

3.5. Mobilidade interior:

O itinerario desde a porta de acceso dos pasaxeiros en cadeira de rodas, ata o espazo reservado, será practicable para estes pasaxeiros. Neste itinerario non poderá polo tanto existir ningún chanzo ou calquera obstáculo e ter un largo mínimo de paso de 800 mm.

3.6. Solicitude de parada:

A solicitude de parada confirmarase de forma sonora e visual.

Instalarase no interior, no espazo reservado para pasaxeiros en cadeira de rodas un interruptor de solicitude de parada, a unha altura sobre o piso entre 700/900 mm, que indicará ao condutor que un pasaxeiro destas características quere saír do autobús.

No exterior do vehículo, á dereita ou esquerda da porta de acceso para pasaxeiros en cadeira de rodas, instalarase un interruptor a unha altura desde a calzada comprendida entre 700/900 mm.

Estes interruptores estarán sinalizados co símbolo internacional de accesibilidade (ISO-7000 e UNE 26364), o pictograma interior pode á súa vez servir como indicador de reserva do espazo.

O condutor debe de recibir un sinal claro e inequívoco de que estes interruptores foron utilizados.

Con carácter xeral, todos os de solicitude de parada serán dunha cor que contraste coa superficie á que estean fixados e deberán poder ser accionados coa palma da man.

3.7. Accesos:

O largo libre da porta de acceso dos pasaxeiros en cadeira de rodas debe ser maior ou igual a 1.000 mm. De existir nesta unha barra central, polo menos por un dos lados deberá existir un espazo libre de 800 mm.

Será imprescindible dotar o vehículo plataforma elevadora e sistema de inclinación (Kneeling) para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida.

3.8. Plataforma elevadora:

A plataforma elevadora só poderá funcionar cando o vehículo se atope. Non será posible poñer en marcha o vehículo a non ser que a plataforma se atope na súa posición de repouso, repregada no interior do vehículo.

Cando a plataforma se poña en funcionamento, porase en marcha automaticamente un dispositivo que evite que a cadeira de rodas saia desta.

Os movementos de despregamento e repregamento deberán ir acompañados de sinais luminosos e sonoros de aviso.

O sistema de accionamento concibirase de tal forma que, se deixa de accionarse, o movemento da plataforma se deterá inmediatamente e será posible iniciar sen demora o movemento en calquera sentido.

As zonas non visibles ao operador, que co movemento da plataforma poden aprisionar ou esmagar, deben protexerse con algún dispositivo de seguridade. Cando un destes dispositivos actúe, a plataforma deterá inmediatamente e será posible iniciar sen demora o movemento en calquera sentido.

En caso de avaría poderase accionar de forma manual.

As dimensións mínimas serán de 800 mm de largo e 1.200 mm de longo.

A capacidade mínima de carga será de 300 kg.

3.9. Sistema de inclinación:

Instalarase un dispositivo de seguridade que evite que o vehículo ao descender dane algunha parte do corpo de calquera persoa.

3.10. Barras e asas:

Disporase unha trama completa de barras e asas, sen zonas nas que existan dificultades para asirse.

O seu sistema de ancoraxe e tipo de material deberán evitar oscilacións.

A superficie de barras, asas e montantes de suxeición e axuda na progresión interior, deberá ser dun material anti-esvarante e cor que contraste co seu ámbito.

O diámetro das barras e asas estará comprendido entre 30/40 mm, en caso de non ser circulares, a sección será igual ou funcionalmente equivalente.

Deberanse fixar en ambos os dous lados das portas de servizo barras e/ou asas.

3.11. Asentos reservados:

Polo menos dous asentos próximos á porta de acceso estarán reservados a P.M.R. non usuarios de cadeiras de rodas, sinalizándoos co pictograma definido pola Norma UNE 26364.

Estes asentos non poderán estar nos pasos de rodas pola excesiva altura.

Instalaranse asideiros nas súas proximidades para axuda nas operacións de sentar/levantarse e suxeición, así como un interruptor de solicitude de parada.

O interruptor situarase a unha altura, respecto ao piso do vehículo, comprendida entre 700/900 mm, de cor que contraste co da superficie á que estea fixado e poderá ser accionado coa palma da man sen necesidade de levantarse do asento.

Os repousabrazos, de existiren, serán abatibles.

É recomendable que estes asentos sexan de cor diferente ao resto, para así acentuar o sentido de reserva.

3.12. Can guía:

Farase referencia mediante pictograma, en lugar visible para todos os pasaxeiros, a aceptación de que as persoas cegas poden viaxar acompañadas do seu can guía.

3.13. Pavimento:

O piso do vehículo será de materiais que non produzan reflexos e será non esvarante tanto en seco como en mollado.

Se o autobús é de tipo articulado, o pavimento correspondente á articulación terá un alto contraste en textura e cor con relación ás áreas de pavimento adxacentes.

3.14. Información para pasaxeiros discapacitados sensoriais:

a) Información exterior.

Disporase dun avisador acústico e luminoso nas inmediacións da porta de servizo de entrada co fin de facilitar a localización desta.

É moi recomendable que este avisador acústico poida indicar mediante voz gravada ou con calquera outra técnica o número ou liña do autobús.

b) Información interior.

Disporase dun dispositivo que de forma visual e sonora informe sobre:

-Parada solicitada.

-Denominación da próxima parada.

3.15. Acondicionamento exterior:

O símbolo internacional de accesibilidade, xa mencionado, fixarase na parte frontal dereita do autobús de tal forma que as persoas con mobilidade reducida sexan capaces de recoñecer o vehículo accesible. O tamaño mínimo do símbolo será de 20×20 cm.

A porta que conte cos dispositivos de acceso para as persoas en cadeira de rodas sinalizaranse na súa parte exterior e interior co mencionado logotipo de accesibilidade.

O autobús disporá no seu exterior de tres letreiros nos que se coloque o número que o identifica e a liña á que corresponde. Un na parte frontal, outro na traseira e o terceiro no lateral dereito segundo o sentido da marcha.

O tamaño mínimo do número ou letra de identificación da liña será, polo menos nos letreiros da parte frontal e traseira, de 250 mm, correspondente á distancia perceptiva de 10 m, no letreiro do lateral dereito o tamaño mínimo será de 140 mm, correspondente á distancia perceptiva de 5 m.

O contraste obterase coa superficie en cores claras e os caracteres en cores escuras. Coidarase que os contrastes causen cegamentos, como sucede entre o branco e o negro.

3.16. Acondicionamento interior:

No interior, a liña de bordo do pavimento de acceso e o bordo dos chanzos, se é o caso, sinalizaranse en toda a súa lonxitude cunha franxa de 3 a 5 cm de largo e cor fortemente contrastada en relación co resto do pavimento.

A información nos paneis luminosos interiores, deberán posuír caracteres gráficos o tamaño dos cales sexa, polo menos, de 84 mm, correspondente á distancia perceptiva de 3 m.

3.17. Chanzos:

A altura do primeiro chanzo, o estribo, desde o pavimento a unha das portas de servizo, non excederá de 250 mm, estando o vehículo en orde de marcha. Esta altura poderase conseguir co sistema de inclinación activado ou con algún chanzo escamotable.

Os restantes chanzos, en caso de existiren, terán unha altura comprendida entre 120 mm e 225 mm (as súas alturas diferirán como máximo 20 mm entre si).

As tabicas do primeiro e último chanzo estarán sinalizadas mediante bandas fotoluminiscentes e dunha cor que contraste coa superficie destas.

As pegadas serán de material non esvaradío, tanto en seco coma en mollado, de profundidade mínima 300 mm e non voarán sobre a tabica. O extremo exterior de cada pegada sinalizarase con bandas fotoluminiscentes dunha cor que contraste coa superficie destas e de distinta textura.

4. Formación.

As empresas operadoras están obrigadas a informar e educar os condutores nas limitacións e necesidades especiais das persoas con mobilidade reducida.

Documentación de referencia:

1. Guía técnica de accesibilidade na edificación 2001 (2ª edición).

Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e Ministerio de Fomento.

2. Norma UNE-26364.

3. Concepto Europeo de Accesibilidade.

Documentos CEAPAT.

4. Directiva 2001/85/CE, do 20 de novembro de 2001.

5. Criterios CEAPAT, convenios interurbanos «Comunidades Autónomas-IMSERSO».

Ver referencia pdf "09600D003P033.PDF"