DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 24 de maio de 2010 Páx. 9.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2010, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, establece, no seu artigo 27, o dereito a unha axuda económica para aquelas mulleres vítimas de violencia de xénero que se sitúen nun determinado nivel de rendas e sobre as que se presuma que, pola súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais, teñen especiais dificultades para obter un emprego. Trátase dun dereito subxectivo, mediante o que se pretende facilitar a súa integración social.

En aplicación da disposición derradeira cuarta desta lei, aprobouse o Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula esta axuda, e que se xustifica na necesidade de concretar os factores que inflúen na capacidade de inserción profesional das mulleres vítimas de violencia de xénero e tamén nas posibilidades de modulación da contía da axuda en atención ás distintas circunstancias en que se poden encontrar as vítimas. As axudas fináncianse con cargo aos orzamentos xerais do Estado, polo que o importe dos pagamentos será reembolsado polo Ministerio de Traballo e Inmigración na súa integridade; non obstante, a concesión correspóndelle ás administracións competentes en materia de servizos sociais. Así, o artigo 40 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, determina que a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, regulará as bases da convocatoria e tramitará as axudas que se

definan na lexislación estatal, segundo o disposto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas para a protección integral contra a violencia de xénero.

Por outra banda, o Fondo Galego de Garantía de Indemnizacións regulado no artigo 43 da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, indica que a Xunta de Galicia concederá indemnizacións a favor das mulleres que sofren violencia de xénero e/ou das e dos menores ou persoas dependentes afectadas que residan en Galicia e que no poidan percibir as indemnizacións que lles correspondan polos danos e perdas causados, que resultarán fixadas mediante sentenza xudicial ditada polos xulgados e tribunais con sede no territorio galego. Estas indemnizacións aboaranse cando exista constatación xudicial de incumprimento do deber de satisfacelas por insolvencia económica e este incumprimento comporte unha situación de precariedade económica.

O Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configura a Secretaría Xeral da Igualdade como órgano superior dependente desta. De acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e as accións no eido da eliminación da violencia de xénero.

En consecuencia, a través desta disposición, establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas previstas nos anteditos preceptos legais e convócanse para o ano 2010.

A resolución destas axudas axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 e demais disposicións aplicables.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, réxime e finalidade.

O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión das axudas previstas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, baixo o réxime de concorrencia non competitiva, e a súa convocatoria para o ano 2010.

A finalidade das axudas establecidas na antedita lei orgánica é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero; a das indemnizacións previstas na lei galega é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

Capítulo I

Convocatoria para o ano 2010 das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero

Artigo 2º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2010, no caso da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e o 31 de outubro de 2010 para a indemnización recollida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo 3º.-Orzamento.

Para a concesión destas axudas destínase crédito polo importe e nas aplicacións seguintes:

-Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: 175.000 euros na aplicación orzamentaria 04.40.313D.480.1.

-Indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero: 60.000 euros na aplicación orzamentaria 04.40.313D.480.2.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no dito artigo.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

4.1. Axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

4.1.1. O importe desta axuda será, con carácter xeral, equivalente ao de seis meses do subsidio por desemprego vixente.

4.1.2. O importe desta axuda será equivalente a doce meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese a cargo un familiar ou menor acollido/a.

b) Cando a vítima, sen responsabilidades familiares, tivese unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

4.1.3. O importe desta axuda será equivalente a dezaoito meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo un familiar ou menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33% ela ou a persoa dependente.

4.1.4. O importe desta axuda será equivalente a vinte e catro meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33% ela ou algunha das persoas dependentes.

b) Cando a vítima de violencia de xénero con responsabilidades familiares ou o familiar ou menor acollido/a con quen conviva tivese recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 65%.

4.2. Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

A contía da indemnización que se aboará será, sen prexuízo do disposto no seguinte parágrafo, a fixada pola resolución xudicial correspondente que quede pendente de pagamento tras a declaración de insolvencia do obrigado a el.

A contía máxima da indemnización establécese en 6.000 € por cada persoa beneficiaria.

Capítulo II

Bases reguladoras para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero

Artigo 5º.-Tipos de axudas.

As axudas a que se refire esta resolución fan referencia ás seguintes modalidades:

1. Axudas dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego -axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero-.

2. Axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e/ou ás e aos menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de incumprimento, por insolvencia, por parte do obrigado a satisfacelas -indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero-.

Artigo 6º.-Requisitos.

6.1. Axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Para ser beneficiaria desta axuda, a solicitante deberá reunir na data de solicitude da axuda e manter ata o momento en que se resolva a dita solicitude os seguintes requisitos:

a) Ser vítima de violencia de xénero.

b) Estar empadroada e ter residencia en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.

c) Ter especiais dificultades para obter un emprego, que se acreditará a través do informe do Servizo Público de Emprego recollido no artigo 9º desta resolución.

d) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75% do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

Non poderán ser beneficiarias as mulleres que, reunido estes requisitos, percibiran esta axuda con anterioridade.

6.2. Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Poderán ser beneficiarias destas indemnizacións as mulleres vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e/ou asistencialmente dunha muller que sufra violencia de xénero nas cales concorran as seguintes circunstancias:

a) Estar empadroada e ter residencia en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia.

b) Ter dereito á percepción dunha indemnización, por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento.

d) Que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida, segundo o establecido no artigo 7º.2.

Artigo 7º.-Regras para o cálculo da contía das axudas.

7.1. Axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Segundo o disposto no artigo 4 do Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula esta axuda, para os efectos de determinar o requisito de carencia de rendas, unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima. Non obstante, se a solicitante da axuda tivese responsabilidades familiares segundo o establecido no artigo 10º, entenderase que cumpre o requisito de carencia de rendas cando a renda mensual do conxunto da unidade familiar, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o 75% do salario mínimo interprofesional. No suposto de que a solicitante percibise axudas ao abeiro da Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, estas deberán computarse como ingresos.

7.2. Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a persoa beneficiaria divididos polo número de membros que a compoñen, correspondentes ao período transcorrido do ano natural en que se formule a solicitude, non superen o importe do Iprem correspondente a ese período.

7.3. Consideraranse rendas ou ingresos computables calquera tipo bens, dereitos ou rendementos de que dispoña a persoa solicitante derivados do traballo, do capital mobiliario ou inmobiliario, incluíndo os incrementos de patrimonio, das actividades económicas e os de natureza prestacional, agás as asignacións económicas da Seguridade Social por fillo/a ou menor acollido a cargo. Tamén se considerarán os rendementos que poidan deducirse do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o 50% do tipo do xuro legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola solicitante e dos bens cuxas rendas sexan computadas. As rendas que non procedan do traballo e se perciban con periodicidade superior ao mes, computaranse para estes efectos rateándose mensualmente.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

8.1. Axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

A solicitude da axuda presentarase segundo o modelo do anexo I desta resolución, asinada pola solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero.

As situacións de violencia de xénero que dan lugar ao recoñecemento do dereito a esta axuda económica acreditaranse coa orde de protección a favor da vítima, cando esta estea en vigor; coa sentenza condenatoria definitiva, ou definitiva e firme, que conteña medidas de protección que acrediten a actualidade da situación de violencia e, excepcionalmente, co informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de que a denunciante é vítima de violencia de xénero, en tanto non se dite a orde de protección.

b) Declaración responsable de ingresos mensuais da solicitante ou, se tivese responsabilidades familiares segundo o establecido no artigo 10º, declaración de ingresos do conxunto da unidade familiar (anexo II).

c) No caso de ter responsabilidades familiares, copia cotexada do libro de familia ou outro documento que acredite a relación da solicitante coas persoas ao seu cargo ou menores acollidos.

Se houbese convivencia cos familiares a cargo, presentarase fotocopia cotexada do documento de asistencia sanitaria da Seguridade Social da vítima en que se recoñeza a condición de beneficiarios/as dos/as familiares ao seu cargo, ou calquera outro documento que acredite a convivencia.

De non existir convivencia, presentarase fotocopia cotexada do convenio ou resolución xudicial en virtude dos cales exista obriga de alimentos.

d) No caso de discapacidade da solicitante e/ou dos/as familiares a cargo, certificado de recoñecemento do grao de discapacidade expedido polo órgano competente.

e) Se a solicitante é estranxeira, copia cotexada da tarxeta de residencia e do permiso de traballo.

f) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo III).

g) Declaración responsable de non ter sido beneficiaria desta axuda con anterioridade (anexo IV).

h) Certificación da conta bancaria de que a solicitante é titular única ou compartida con persoa distinta do agresor, con expresión dos códigos de entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control.

8.2. Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

A solicitude presentarase segundo o modelo do anexo I desta resolución, asinada pola persoa solicitante ou o/a representante legal, de ser o caso, xunto coa seguinte documentación:

a) Testemuño da resolución xudicial firme, ou copia cotexada desta, que recoñeza o dereito a unha indemnización por danos e perdas froito dunha situación de violencia de xénero.

b) Testemuño da resolución xudicial, ou copia cotexada desta, que recoñeza a insolvencia do debedor.

c) Declaración responsable de ingresos da unidade familiar de convivencia (anexo II).

d) Se a persoa solicitante é estranxeira, copia cotexada da tarxeta de residencia.

e) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo III).

f) Declaración responsable de non ter percibido a indemnización correspondente ou, se é o caso, declaración responsable que indique a contía da indemnización percibida (anexo IV).

g) Compromiso de devolución da indemnización percibida, no prazo de catro anos desde o momento da concesión, no caso de que, por cambio de fortuna do obrigado ao pagamento, este proceda a el de xeito voluntario ou forzoso (anexo V).

h) Certificación da conta bancaria de que a solicitante é titular única ou compartida con persoa distinta do agresor, con expresión dos códigos de entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control.

No caso de que a persoa solicitante sexa un/unha menor de idade que dependa dunha muller que sufra violencia de xénero ou unha persoa maior de idade que dependa económica ou asistencialmente dunha muller que sufra violencia de xénero, deberá acreditarse tamén a dita dependencia mediante copia do libro de familia e/ou sentenza xudicial de custodia, ou con calquera outro documento que acredite suficientemente esta circunstancia. No caso de que a solicitante sexa unha persoa en situación de dependencia, de acordo coa definición establecida no artigo 2 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, deberá presentar ademais un certificado expedido polo órgano competente de ter recoñecido, polo menos, o grao I de dependencia ou unha discapacidade igual ou superior ao 65%.

8.3. As solicitudes, xunto coa documentación, dirixiranse á Secretaría Xeral da Igualdade e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En caso de dúbida ou necesidade de máis información relativa á solicitude ou á súa tramitación poderán dirixirse á Secretaría Xeral da Igualdade a través do enderezo de correo electrónico igualdade@xunta.es ou do teléfono 900 40 02 73.

8.4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Así mesmo, comporta a autorización para completar o expediente administrativo dirixíndose aos órganos públicos ou privados competentes, ben sexa a través de acceso directo a bases de datos por medios telemáticos ou a través de solicitude por oficio ordinario, para a consulta dos seus datos de identidade e residencia nos sistemas de verificación de datos de identidade e residencia do Ministerio da Presidencia, para obter a información adicional que for necesaria para a axeitada estimación dos ingresos ou recursos económicos da solicitante e/ou dos/das familiares, se é o caso, e, para as solicitudes das axudas previstas no artigo 5º, punto 1, desta resolución, comporta a autorización ao órgano instrutor para solicitar o informe de empregabilidade ao Servizo Público de Emprego.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, se for necesario obter información adicional dos ingresos ou recursos económicos dos/as familiares da solicitante, o órgano xestor solicitará o seu consentimento para xuntar a dita información. A autorización realizarase segundo o modelo do anexo VI.

Artigo 9º.-Informe do Servizo Público de Emprego.

O informe do Servizo Público de Emprego, segundo dispón o Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula a axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, deberá facer constar que a muller solicitante desta axuda, debido á súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais, non vai mellorar de forma substancial a súa empregabilidade pola súa participación nos programas de emprego específicos establecidos para a súa inserción profesional.

Para este efectos, na elaboración do itinerario persoal de inserción laboral valorarase cada un dos factores mencionados no punto anterior e a súa incidencia conxunta na capacidade de inserción profesional da vítima e sobre a mellora da súa empregabilidade.

Na apreciación da idade teranse en conta aquelas idades das que o Servizo Público de Emprego, de acordo coa súa experiencia, poida inferir a dificultade para a inserción laboral.

Polo que se refire ás circunstancias relativas á preparación xeral ou especializada da vítima, estimaranse, fundamentalmente, aqueles supostos de total falta de escolarización ou, se é o caso, de analfabetismo funcional.

Na valoración das circunstancias sociais atenderanse as relacionadas coa situación de violencia sufrida e a súa repercusión na participación ou no aproveitamento dos programas de inserción, co grao de discapacidade recoñecido e calquera outra que, a xuízo do Servizo Público de Emprego competente, poida incidir na empregabilidade da vítima.

Artigo 10º.-Responsabilidades familiares e convivencia.

Consonte o establecido no artigo 7 do Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula a axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, existirán responsabilidades familiares cando a beneficiaria teña ao seu cargo, polo menos, un familiar por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive, co cal conviva. Non se considerarán a cargo os/as familiares con rendas de calquera natureza superiores ao salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

As responsabilidades familiares deberán concorrer no momento da solicitude, excepto no suposto de fillas e fillos que nazan dentro dos trescentos días seguintes. Neste suposto procederá revisar a contía da axuda percibida para adecuala á cantidade que lle correspondería se, na data da solicitude, concorresen esas responsabilidades.

Entenderase que existe convivencia cando esta se atope interrompida por motivos derivados da situación de violencia de xénero.

Non será necesaria a convivencia cando exista obriga de alimentos, en virtude de convenio ou resolución xudicial. Presumirase a convivencia, salvo proba en contrario, cando os/as familiares teñan recoñecida a condición de beneficiarios/as de asistencia sanitaria da Seguridade Social no documento que apareza estendido a nome da vítima.

Artigo 11º.-Instrución.

A instrución do procedemento correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a resolución. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou a documentación achegada contén erros ou é insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, terase por desistida da solicitude, logo de resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

No caso das axudas do punto 1 do artigo 5º desta resolución, á solicitude incorporarase o informe do Servizo Público de Emprego, solicitado directamente pola Secretaría Xeral da Igualdade, para acreditar que a participación en programas de formación e/ou emprego non vai incidir de xeito substancial na mellora da empregabilidade da beneficiaria. Así mesmo, o órgano xestor poderá comprobar a través do punto de coordinación de ordes de protección (PCOP) ou de calquera outro medio con validez legal que as medidas de protección seguen en vigor no momento inmediatamente anterior a se ditar a resolución de concesión da axuda.

Artigo 12º.-Resolución.

A resolución dos expedientes correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. No caso de terse producido emendas ou melloras na solicitude, o prazo contarase desde a data en que a última destas tivera entrada no citado rexistro. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa, as interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Pagamento das axudas.

A contía da axuda concedida aboaráselles ás beneficiarias nun pagamento único polo importe que lle corresponda, unha vez notificada a resolución de concesión.

O pagamento da axuda regulada nesta disposición farase unicamente na conta que as solicitantes fixesen constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos en tanto non se teña constancia da finalización do expediente, a Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, sen prexuízo do disposto no segundo parágrafo do artigo 18º.

Artigo 16º.-Obrigas das beneficiarias.

As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas esixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, teñen a obriga de comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias que fundamentan o dereito a percibir estas axudas, de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade e de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

No caso das indemnizacións establecidas no artigo 5º.2 desta resolución, de producirse o pagamento total ou parcial desa indemnización por parte do obrigado a satisfacela dentro dos catro anos seguintes á concesión da axuda, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicalo á Secretaría Xeral da Igualdade e a devolver total ou parcialmente, segundo o caso, a indemnización percibida, no prazo de dez días contados desde que se realizase ese pagamento.

Artigo 17º.-Reintegro.

Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obtiver a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falsearen ou ocultaren feitos ou datos que motivasen a súa concesión. Para a tramitación do expediente declarativo de reintegro haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

No caso das indemnizacións establecidas no artigo 5º.2 desta resolución, procederá tamén o reintegro das cantidades percibidas cando se producir o pagamento total ou parcial desa indemnización por parte do obrigado a satisfacela dentro dos catro anos seguintes á concesión da axuda e a persoa beneficiaria non o comunicase á Secretaría Xeral da Igualdade e non devolvese total ou parcialmente, segundo o caso, a indemnización percibida no prazo de dez días contados desde que se realizase ese pagamento.

Artigo 18º.-Incompatibilidades.

Coa excepción establecida no parágrafo seguinte deste artigo, as axudas reguladas nesta resolución son incompatibles coa percepción de calquera outra axuda establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada, destinada ao mesmo fin.

A axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, é compatible coas axudas previstas na Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual.

Por teren distinta finalidade, a axuda económica e a indemnización reguladas nesta resolución serán compatibles entre si.

Artigo 19º.-Publicidade.

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 18.3º d) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.6º da Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

A Secretaría Xeral da Iguadade velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e adoptará as medidas necesarias para cumplir co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 20º.-Infraccións e sancións.

As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Secretaría Xeral da Igualdade instará a tramitación das modificacións orzamentarias necesarias para recoñecer as obrigas e realizar os pagamentos correspondentes ás axudas aprobadas en cumprimento do disposto no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Segunda.-As solicitudes recibidas no prazo establecido na resolución do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, do 6 de agosto de 2009, publicada o 18 de agosto de 2009, que ao remate do exercicio anterior non acadasen a fase de resolución por non estaren completos os trámites previos, resolveranse con cargo aos créditos desta resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2010.

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade

Ver referencia pdf "09600D002P023.PDF"

Ver referencia pdf "09600D003P033.PDF"