DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 21 de maio de 2010 Páx. 9.002

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 10 de maio de 2010 pola que se regula a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia da instrución técnica complementaria ITC-LAT 03 do Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE nº 68, do 19 de marzo).

Na ITC-LAT 03 regúlanse os instaladores autorizados e as empresas instaladoras autorizadas para liñas de alta tensión. Tamén se dispón que tanto o carné profesional de instalador como o certificado de empresa instaladora autorizada serán expedidos polo órgano competente da comunidade autónoma, motivo polo que é necesario regular os requisitos e o procedemento de obtención destes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo exposto, en uso das competencias que esta consellería ten atribuídas en materia de seguridade industrial e das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia da instrución técnica complementaria ITC-LAT 03 do Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, establecendo os requisitos e procedementos necesarios para a obtención dos carnés profesionais e dos certificados de empresa instaladora indicados a continuación:

-LAT1: para liñas aéreas ou subterráneas de alta tensión de ata 30 kV.

-LAT2: para liñas aéreas ou subterráneas de alta tensión superior a 30 kV.

Artigo 2º.-Requisitos para a obtención do carné profesional de instalador de liñas de alta tensión.

De conformidade co establecido no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, para a obtención do carné profesional de instalador de liñas de alta tensión nas súas diferentes categorías, as persoas interesadas deberán remitir ao departamento territorial da consellería competente en materia de industria a solicitude correspondente segundo o modelo que figura como anexo I desta orde e acreditar que reúnen os requisitos seguintes:

a) Ser maior de idade no momento de cursar a solicitude.

b) Titulación: técnico superior en instalacións electrotécnicas ou titulado de escolas técnicas de enxeñaría de grao medio ou superior con atribucións neste ámbito. Admitiranse como titulacións equivalentes a técnico superior en instalacións electrotécnicas as recollidas no anexo III do Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo (BOE nº 110, do 8 de maio). Tamén se admitirán as titulacións equivalentes ás mencionadas que se determinen por aplicación da lexislación comunitaria ou doutros acordos internacionais con países terceiros, ratificados por España.

c) Os técnicos superiores en instalacións electrotécnicas deberán cumprir ademais os requisitos seguintes:

-Dispor de coñecementos prácticos para as categorías en que soliciten a cualificación, obtidos mediante polo menos un ano de experiencia no ámbito do regulamento nunha empresa instaladora de liñas eléctricas de alta tensión ou nunha compañía eléctrica. A dita experiencia acreditarase mediante a presentación dos documentos seguintes:

* Vida laboral expedida polo Instituto Nacional da Seguridade Social.

* Certificado expedido pola empresa ou empresas en que se acredite experiencia en que se indiquen as tarefas desempeñadas pola persoa interesada.

-Superar un exame teórico-práctico ante a consellería competente en materia de industria sobre as disposicións do Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias correspondentes á categoría en que desexen obter a cualificación, cuxos contidos mínimos se definen no anexo II da ITC-LAT 03 do Real decreto 223/2008.

Artigo 3º.-Rexistro.

En cada departamento territorial da consellería competente en materia de industria levarase un rexistro en que constarán os datos dos carnés expedidos.

Artigo 4º.-Vixencia do carné profesional de instalador de liñas de alta tensión.

O carné profesional de instalador de liñas de alta tensión terá validez en todo o territorio nacional por un período de tempo indefinido.

No caso de modificación ou variación substancial do regulamento conforme o que se expediu o carné, o seu titular deberá solicitar a súa actualización, cumprindo os requisitos que, de ser o caso, prevexa a disposición que o modifique.

Artigo 5º.-Requisitos para a autorización como empresa instaladora autorizada para liñas de alta tensión.

Para a obtención da autorización como empresa instaladora autorizada para liñas de alta tensión nas súas diferentes categorías deberase remitir ao departamento territorial da consellería competente en materia de industria correspondente ao domicilio social da empresa unha solicitude segundo o modelo que figura como anexo II desta orde e acreditar que se reúnen os requisitos seguintes:

a) Estar legalmente constituída, o que se demostrará mediante os documentos que acrediten a personalidade xurídica.

b) Contar cos medios técnicos e humanos que se determinan no anexo da ITC-LAT 03 do Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión, de acordo coa normativa vixente e coas necesidades das actividades que se van realizar. Ademais, deberán achegarse os datos das persoas físicas posuidoras de carnés profesionais de instalador para as categorías en que se solicite autorización.

c) Ter subscrito un seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos que poidan derivar das súas actuacións a terceiros así como seguro de responsabilidade civil patronal que cubra o seu propio persoal, mediante unha póliza por unha contía mínima dun millón de euros. A póliza actualizarase anualmente a partir do ano seguinte ao de entrada en vigor do regulamento segundo a variación do índice de prezos de consumo, certificada polo Instituto Nacional de Estatística. Da actualización que realice a empresa instaladora trasladarase xustificante ao departamento territorial correspondente da consellería competente en materia de industria.

d) Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, no censo de obrigacións tributarias e no réxime correspondente da Seguridade Social.

e) Ter inscritas as súas instalacións no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

Artigo 6º.-Rexistro.

En cada departamento territorial da consellería competente en materia de industria levarase un rexistro no que constarán os datos dos certificados de empresa instaladora expedidos.

Artigo 7º.-Vixencia da autorización como empresa instaladora autorizada para liñas de alta tensión.

A autorización como empresa instaladora autorizada para liñas de alta tensión terá validez en todo o territorio nacional por un período inicial de cinco anos, coa condición de que se manteñan as condicións que permitiron a súa concesión.

A autorización poderá renovarse por un período igual ao inicial. Para iso, a empresa instaladora autorizada deberá solicitalo ao departamento territorial correspondente da consellería competente en materia de industria con anterioridade aos tres meses previos á finalización da súa vixencia e acreditar o mantemento das condicións que deron lugar á autorización anterior.

Artigo 8º.-Empresas instaladoras autorizadas para liñas de alta tensión procedentes doutra comunidade autónoma.

As empresas instaladoras autorizadas para liñas de alta tensión procedentes doutra comunidade autónoma que queiran exercer a súa actividade no ámbito territorial de Galicia deberán comunicalo con carácter previo ao departamento territorial da consellería competente en materia de industria correspondente á provincia en que estea situada a instalación. Para iso, empregarán o modelo que figura como anexo II desta orde e achegarán copia do certificado de empresa instaladora autorizada para liñas de alta tensión en vigor expedido pola comunidade autónoma de orixe e certificado de que nin a empresa nin as persoas que declara dotadas de carné están sancionadas. Unha vez realizada a comunicación en calquera das catro provincias, a empresa poderá actuar nas tres restantes sen necesidade de ter que realizar unha nova comunicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Naquilo que non estea regulado nesta disposición observarase o disposto no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

Ver referencia pdf "09500D001P006.PDF"

(Continuación)