DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 20 de maio de 2010 Páx. 8.811

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 78/2010, do 6 de maio, polo que se modifica o Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

A actividade administrativa cotiá, así como a configuración operativa dos distintos órganos, adoitan poñer de manifesto certas necesidades derivadas do funcionamento propio dos distintos servizos e unidades administrativas que, en ocasións, non poden detectarse no momento de elaborar e tramitar as correspondentes normas regulamentarias de autoorganización.

A primeira das modificacións afecta a letra c) do parágrafo 2º.1 do artigo 7, e ten por obxecto clarificar que únicamente corresponde ao Servizo Técnico Xurídico a «tramitación de expedientes de reclamación patrimonial», excluídas a elaboración e tramitación de propostas de resolución neste tipo de expedientes, como parecía dar a entender a redacción orixinaria.

A segunda das modificacións trae causa do artigo 71 do Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de procedemento laboral que determina que, para formular demanda en materia de Seguridade Social, os interesados deben interpoñer a correspondente reclamación previa ante o órgano que ditou a resolución (entidade xestora ou Tesouraría Xeral). No caso das entidades colaboradoras, a reclamación previa dirixirase ante o órgano correspondente da entidade xestora ou servizo común.

O artigo 9.b do Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, determina que a competencia de inspección de servizos sanitarios en materia de saúde laboral vén atribuída á Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, xa que na actualidade, os servizos de saúde da comunidade autónoma emiten os partes de baixa, confirmación e alta, para os efectos das prestacións de incapacidade temporal (IT), agás nos supostos nos que a IT supera os 12 meses, xa que nestes casos unicamente o INSS pode emitir a alta médica, de conformidade co previsto no artigo 128.1º.a do texto refundido da Lei xeral de Seguridade Social.

Quitado este último suposto, contra os partes de baixa, confirmación ou alta, a reclamación previa e a posterior demanda xudicial, interpóñense sempre contra o servizo de saúde e contra o INSS (responsable éste do recoñecemento e xestión das prestacións económicas), ademais de contra a mutua correspondente, se é o caso.

Co obxecto de adecuar a vixente norma de estrutura ás implicacións prácticas dos artigos precedentes, e facilitar no posible a xestión áxil dos procedementos de reclamación previa que se presenten, cómpre que os xefes/as dos servizos de Inspección de Servizos Sanitarios asuman a resolución das reclamacións previas na materia antes indicada.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, co informe previo da Consellería de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de maio de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación de letra c) do parágrafo 2º.1 do artigo 7 do Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Modifícase a letra c) do parágrafo 2º.1 do artigo 7 da norma indicada, que quedará redactado como segue:

«2.1. Servizo Técnico Xurídico:

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións: (…)

c) A elaboración e tramitación de propostas de resolución de recursos e reclamacións contra actos dos órganos da consellería e do Servizo Galego de Saúde, agás os referentes á contratación e recursos humanos; tramitación de procedementos de reclamación de responsabilidade patrimonial e en materia de oficinas de farmacia e anexos e os derivados de infraccións en materia de autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios ou de produtos sanitarios; a tramitación de convenios de colaboración e a emisión de informes acerca da proposta de resolución de expedientes disciplinarios de persoal facultativo estatutario e do persoal non estatutario, así como as actuacións de coordinación co seguro de responsabilidade patrimonial derivada da asistencia sanitaria, sen prexuízo das funcións encomendadas a outras unidades.»

Artigo 2º.-Modificación do punto 3) do parágrafo 2º.6 do artigo 21 do Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Modifícase o punto 3) do parágrafo 2º.6 do artigo 21 da norma indicada, que quedará redactado como segue:

«Artigo 21º.- Departamentos territoriais da Coruña, Lugo e Ourense.(…)

2.6. Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios. (…)

3) A inspección e control dos medios de publicidade do medicamento; as auditorias de garantía de calidade en protección radiolóxica; a inspección e control sanitario da incapacidade laboral, a resolución das reclamacións previas en materia de Seguridade Social derivadas dos partes médicos de baixa, confirmación da baixa e alta emitidos polo servizo público de saúde nos casos establecidos na lexislación xeral de Seguridade Social, sen prexuízo das competencias das entidades xestoras.»

Artigo 3º.-Modificación do punto 3) do parágrafo 2º do artigo 23 do Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Modifícase o punto 3) do parágrafo 2 do artigo 23 da norma indicada, que quedará redactado como segue:

«Artigo 23º.- Departamento Territorial de Vigo.(…)

2. Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios. (…)

3) A inspección e control dos medios de publicidade do medicamento; as auditorías de garantía de calidade en protección radiolóxica; a inspección e control sanitario da incapacidade laboral, a resolución das reclamacións previas en materia de Seguridade Social derivadas dos partes médicos de baixa, confirmación da baixa e alta emitidos polo servizo público de saúde nos casos establecidos na lexislación xeral de Seguridade Social, sen prexuízo das competencias das entidades xestoras.»

Disposición transitoria

Os expedientes de reclamación previa na materia á que se refire este decreto, que se atopen en tramitación na data de entrada en vigor deste resolveranse de conformidade coa ordenación competencial descrita no articulado desta norma.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira ou conselleiro de Sanidade para adoptar cantos actos e medidas sexan necesarias para a aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de maio de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade