DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 18 de maio de 2010 Páx. 8.619

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 4 de maio de 2010 sobre integración do persoal funcionario nas escalas de inspección e subinspección urbanística creadas pola disposición adicional segunda da Lei 5/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/1992, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A disposición adicional segunda da Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/1992, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modifica os artigos 3 e 4 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia. En virtude de tal modificación foron creadas as escalas de inspección e subinspección urbanística.

Pola súa parte, a disposición transitoria terceira da Lei 6/2008, do 19 de xuño, de medidas urxentes en materia de vivenda e solo, establece os requisitos que deberán reunir os/as funcionarios/as que pretendan integrarse nas ditas escalas.

Mediante o Decreto 28/2008, do 4 de decembro, regúlase o procedemento que se seguirá na integración dos/as funcionarios/as que o soliciten nas escalas de inspección e subinspección urbanística, establecendo o artigo 6 a competencia da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para resolver sobre as solicitudes de integración formuladas, atendendo á proposta da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Con data do 2 de marzo de 2010, á vista das distintas solicitudes formuladas, dos antecedentes que constan en cada un dos expedientes, dos informes-proposta da Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica e das contestacións elaboradas pola mesma subdirección, en referencia ás alegacións formuladas por algunhas das persoas solicitantes logo do trámite de audiencia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas formulou a esta consellería a proposta de resolución acompañada da correspondente documentación, de acordo co artigo 5 do Decreto 28/2008, do 4 de decembro.

Esta consellería, atendendo á proposta de resolución formulada, e ao abeiro do artigo 6 do Decreto 28/2008, do 4 de decembro, e tendo en conta o Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e o Decreto 307/2009, do 28 de maio, pola que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, así como o artigo 14 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Primeiro.-Integrar o persoal funcionario que se relaciona no anexo I desta resolución, nas escalas de inspección e subinspección urbanística.

Segundo.-A integración terá efectos desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e non producirá cambio na situación administrativa que corresponda ao persoal funcionario, agás que o persoal funcionario solicitase continuar no seu corpo ou escala de orixe, caso en que serán declarados na situación administrativa de excedencia voluntaria por incompatibilidade prevista no artigo 57.1º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

Terceiro.-O persoal funcionario integrado que xa estivese ocupando con carácter definitivo un posto de traballo reservado á respectiva escala continuará adscrito a ese mesmo posto na Axencia de Protección de Legalidade Urbanística, computándose o tempo de desempeño nese posto para os efectos de promoción profesional e provisión de postos de traballo como persoal funcionario, percibindo as retribucións correspondentes de acordo coa súa antigüidade.

Os demais funcionarios integrados e que optasen por prestar servizos na escala en que se teñan integrado adscribiranse con carácter provisional a un posto de traballo na dita escala dentro da Axencia de Protección de Legalidade Urbanística.

Cuarto.-O órgano competente da consellería de destino do persoal funcionario expedirá a correspondente dilixencia de integración conforme a esta orde, da que remitirá copia á Dirección Xeral da Función Pública desta consellería para os efectos de inscrición no Rexistro de Persoal.

Quinto.-O persoal funcionario que se relaciona no anexo II non reúne os requisitos para a súa integración nas escalas de inspección e subinspección urbanística, de acordo coa proposta de resolución formulada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e tendo en conta os antecedentes que constan en cada un dos expedientes, os informes-proposta da Subdirección Xeral de Persoal e Xestión Económica desa consellería e as contestacións elaboradas pola mesma subdirección, en referencia ás alegacións formuladas por algunhas das persoas solicitantes logo do trámite de audiencia.

Contra esta orde, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderase impugnar directamente perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, de acordo co artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2010.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

Ver referencia pdf "09200D001P007.PDF"