DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 14 de maio de 2010 Páx. 8.560

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 11 de maio de 2010 pola que se determinan os servizos mínimos que hai que manter durante a folga convocada polo comité de empresa da Consellería de Traballo e Benestar da provincia da Coruña, no Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstol, para o día 18 de maio de 2010 desde as 00.00 ás 24.00 horas.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopan a asistencia social.

O servizo público da asistencia social non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga convocada polo comité de empresa da Consellería de Traballo e Benestar na provincia da Coruña afectará a todos/as os/as traballadores/as do Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstol.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos indespensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican nesta orde, logo da audiencia ao comité de folga.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga realizada polo comité de empresa da Consellería de Traballo e Benestar da provincia da Coruña desde as 00.00 ás 24.00 horas, o día 18 de maio de 2010, que afectará a todos/as os/as traballadores/as do Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstol, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga abrangue as 24 horas en días laborables do centro polo que se tiveron en conta para a determinación dos servizos esenciais a adecuada cobertura dos servizos de asistencia social: a seguridade en relación coa salubridade e hixiene do centro, o risco para os usuarios e traballadores derivado da actividade que se presta nel, a imposibilidade de demorar a prestación asistencial e o grao de ocupación polos usuarios.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles parta manter a adecuada cobertura do servizo esencial da asistencia social no citado centro, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos aos usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Artigo 2º

A determinación dos/as profesionais necesarios deberá estar motivada e xustificada nos correspondentes expedientes, e exteriorizarase para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser obxecto de publicación nos taboleiros de anuncios do centro, con antelación suficiente ao comezo da folga.

Artigo 3º

A designación nominal, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada pola Consellería de Traballo e Benestar, en canto responsable da xestión do centro, e notificada aos afectados/as de xeito persoal.

Artigo 4º

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no artigo 1º, así como os expostos no taboleiro de anuncios do centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as disposicións legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos de asistencia social, e os altercados ou incidentes que se produzan serán sancionados con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO

Servizos mínimos do persoal que presta os seus servizos no Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstol:

-Servizo de Xestión:

*Área de dirección:

-Director/a centro educativo.

-Xefe/a internado.

*Área de portaría:

-3 ordenanzas (1 quenda de mañá, 1 quenda de tarde, 1 quenda de noite).

-Servizo de Atención á Discapacidade:

*Área médico-sanitaria:

-3 ATS/DUE (1 quenda de mañá, 1 quenda de tarde, 1 quenda de noite).

-Servizo Socioeducativo:

*Área educativa e asistencial:

-11 educadores/as (5 quenda de mañá, 6 quenda de tarde).

-16 auxiliares coidadores/as (6 quenda de mañá, 6 quenda de tarde, 4 quenda de noite).

*Área de talleres:

-1 mestre/a de taller-profesor/a especial.

-1 axudante/a de taller.

-Servizo Loxística:

*Área de mantemento:

-Encargado/a xeral.

-2 mozos/as de servizos (1 quenda de mañá, 1 quenda de tarde)

*Áreas de gobernantía, almacén e cociña:

-Gobernante/a.

-Encargado/a de almacén.

-2 xefe/a de cociña-oficial 1º cociña (1 quenda de mañá, 1 quenda de tarde).

-13 camareiros/as /limpadores/as (7 quenda de mañá, 6 quenda de tarde).

-2 mozos/as de servizos (1 quenda de mañá, 1 quenda de tarde).