DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 13 de maio de 2010 Páx. 8.459

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 5 de maio de 2010 pola que se regula o modelo de distintivo do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

O Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG nº 24, do 5 de febreiro), dispón no seu artigo 5 que para desempeñar as funcións de persoal de control de acceso será necesario reunir os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países que integran a Unión Europea ou estar en posesión do permiso de residencia e traballo correspondentes.

c) Carecer de antecedentes penais.

d) Ter uns coñecementos básicos das linguas oficiais de Galicia para poder atender ao público en calquera delas.

e) Ter superado as probas específicas que convoque a Academia Galega de Seguridade Pública, consistentes na realización dun test psicolóxico e un test de coñecemento sobre as materias relacionadas coas funcións propias da súa actividade, consonte o programa que figura como anexo dese decreto.

O artigo 6.1º da norma citada establece que, para desenvolver a función de control de acceso, deberá contarse coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, logo da obtención do certificado acreditativo de ter superado as probas previstas no artigo 5, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Consonte o artigo 7 do devandito decreto, a habilitación ten unha validez de cinco anos desde a data da súa expedición e a súa renovación require a superación de novo das probas específicas e o cumprimento dos requisitos que se establecen no xa mencionado artigo 5.

O decreto citado tamén dispón no seu artigo 8 que o persoal de control de acceso debe levar de forma visible e permanente un distintivo, expedido pola dirección xeral competente por razón da materia, que o identifique e o acredite como tal.

Xa que logo, para concretar as previsións regulamentarias descritas, e en consonancia con elas, cómpre establecer o modelo de distintivo do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto regular o modelo de distintivo que identificará e acreditará o persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas para o exercicio das súas funcións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O distintivo axustarase ao modelo que figura como anexo desta orde.

Artigo 2º.-Concepto.

1. O distintivo regulado por esta orde é o documento acreditativo de que o seu titular conta coa habilitación para desenvolver a función de control de acceso, expedida pola dirección xeral competente en materia de espectáculos públicos, nos termos previstos no Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

2. Este distintivo é persoal e intransferible e só poderá ser utilizado polo seu titular mentres estea vixente a súa habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Artigo 3º.-Contido.

O distintivo terá o contido mínimo seguinte:

a) A lenda «Persoal de control de acceso».

b) O nome e apelidos do titular.

c) O número da habilitación.

d) A data límite de validez.

f) Unha fotografía recente do titular.

Artigo 4º.-Utilización.

O distintivo levarase, de forma visible e permanente, na parte superior esquerda da peza de roupa exterior, sen que poida quedar oculto por outra indumentaria ou accesorios que porte o seu titular.

Artigo 5º.-Responsabilidade.

A utilización indebida ou fraudulenta do distintivo regulado por esta orde dará lugar á exixencia da responsabilidade que proceda.

Disposición adicional

Facúltase a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para realizar as xestións necesarias en desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Este orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Modelo e características do distintivo do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas

O distintivo do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas responderá ao modelo que corresponda coas seguintes características:

-Material: PVC (cloruro de vinilo) laminado ou equivalente.

-Tamaño: 85,69 mm longo por 53,98 mm de largo.

-Grosor: 0,76 mm.

-Suxeita ás normas ISO 7810 y 7811.

-Fotografía: integrada por dixitalización a cor.

-Anverso: fondo branco cunha banda diagonal de cor azul desde o ángulo superior esquerdo ao inferior dereito. Impresión en negro.

-Reverso: fondo branco con escudo de Galicia en azul. Impresión en negro.

Ver referencia pdf "09000D001P007.PDF"

A utilización indebida do distintivo dará lugar á exixencia da responsabilidade que proceda.

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DO MAR