DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 12 de maio de 2010 Páx. 8.387

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 5 de maio de 2010 pola que se establece a entrada en funcionamento da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta de Ferrol.

Mediante o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia (DOG do 15 de decembro), optouse por aumentar o número de comisións de asistencia xurídica gratuíta, que pasaron das catro existentes ata aquel momento a sete, decisión esta que permitiu distribuír a carga de traballo de forma máis equilibrada, outorgarlle unha maior operatividade a cada comisión e, en definitiva, mellorar a capacidade de resposta do sistema. Pola súa vez, esta decisión, conforme a redacción vixente do parágrafo segundo do artigo 9 da Lei de asistencia xurídica gratuíta, ao constituír unha comisión en cada unha das sete cidades galegas, incorporou elementos de equilibrio territorial, recoñecendo deste xeito a singular distribución demográfica galega e a proxección das devanditas cidades sobre as súas respectivas zonas de influencia.

Segundo a disposición transitoria cuarta do citado regulamento, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta de Ferrol entrará en funcionamento na data que se estableza por medio dunha orde da consellería competente en materia de xustiza, a cal determinará o seu ámbito territorial. A orde de posta en marcha da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta de Ferrol especificará que unidade realizará as funcións de soporte administrativo da comisión.

Tendo en conta o anterior, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto determinar a entrada en funcionamento da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta de Ferrol, así como especificar que unidade realizará as funcións de soporte administrativo da comisión.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial desta comisión será o correspondente ao partido xudicial de Ferrol.

Artigo 3º.-Composición e funcionamento.

1. A comisión estará integrada polos membros previstos no artigo 5 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, cuxa designación se levará a cabo segundo as previsións da dita norma.

2. No seu funcionamento a comisión axustarase ás normas establecidas na Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta, e no Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

Artigo 4º.-Soporte administrativo da comisión.

1. Corresponderalle ao Servizo de Xustiza do Departamento Territorial da Coruña prestar o soporte organizativo, administrativo e material necesario para o adecuado funcionamento da Comisión de Ferrol, así como tamén a realización das funcións e tarefas establecidas no artigo 8 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

2. Adoptaranse as medidas precisas que garantan a adecuación do sistema informático de asistencia xurídica gratuíta.

Artigo 5º.-Indemnizacións por asistencia.

A concorrencia ás reunións da comisión dará orixe ás indemnizacións que correspondan, conforme o previsto no artigo 7 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

A comisión entrará en funcionamento no prazo dun mes desde a publicación desta orde.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza