DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 12 de maio de 2010 Páx. 8.385

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 77/2010, do 29 de abril, polo que se modifica o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

A entrada en vigor da Lei 2/2009, do 23 de xuño, de modificación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, determina que as probas selectivas que se realicen, tanto para o acceso a prazas da Administración autonómica como das entidades locais de Galicia, incluirán un exame de galego, pero exime da súa realización as persoas que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.

Esta reforma repercute directamente nas bases das convocatorias para prazas de acceso aos corpos das policías locais, vixilantes municipais e auxiliares contratados polos concellos de Galicia. Así, o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece para os distintos procesos de acceso aos corpos de policía local e vixilantes municipais unha proba de galego de carácter obrigatorio e eliminatorio.

A exención das probas de galego para as persoas que acrediten o seu coñecemento suporá que só quede unha proba que outorgará puntuación numérica nos procesos selectivos correspondentes e que determinará a relación final de aprobados. Este feito obriga tamén a modificar a orde de desenvolvemento das probas, de maneira que se lles facilite aos concellos que as convocan a posibilidade de aforrar en tempo e recursos, acadando os mesmos resultados e sen minguar a obxectividade do proceso selectivo.

Por outra banda, o Real decreto 818/2009, do 8 de maio, establece no seu artigo 5.4º que para obter o permiso da clase A, o aspirante deberá contar co permiso da clase A2 cunha antigüidade mínima nel de 2 anos, ademais de superar unha formación nos termos que se establezan mediante orde do Ministerio do Interior.

Isto significa, xa que logo, que como non se pode obter o permiso da clase A2 ata os 18 anos, o da clase A que agora se exixe non se podería posuír ata os 20 anos como mínimo, pola exixencia de antigüidade de 2 anos no A2. Pero este feito obrigaría a un atraso na idade de acceso aos corpos de policía local e vixilantes municipais, contrario ao previsto no Decreto 243/2008 respecto da idade mínima de acceso, fixada nos 18 anos.

É por iso que esta cuestión fai necesaria unha modificación do Decreto 243/2008, establecendo que os permisos exixidos sexan os das clases A2 e B con BTP.

Deste xeito, no exercicio das funcións de coordinación da normativa sobre policías locais que ten atribuída a Xunta de Galicia, faise necesaria unha modificación do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, para facilitarlles aos concellos a posibilidade harmonizada de axustar as bases das convocatorias de prazas nestes corpos, tanto ao previsto na Lei 2/2009, no que afecta ao desenvolvemento da proba de coñecemento da lingua galega nos procesos de selección, como ás exixencias para os permisos A2 e A que recolle o Real decreto 818/2009, no relativo aos permisos de conducir que son precisos para o acceso ás distintas prazas nos corpos de policía local e vixilantes municipais.

De conformidade co establecido no artigo 17.1º a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, emitiu informe favorable a Comisión de Coordinación de Policías Locais, na súa sesión do 17 de decembro de 2009.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e nove de abril de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

O Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, queda modificado como segue:

Un.-Modificación parcial dos artigos 23, 28 e 56.

-O número 5 do artigo 23º queda redactado do seguinte xeito: «5. A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que as/os aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego, someténdoos ás probas que consideren máis adecuadas para tal comprobación. Esta proba cualificarase como apto ou non apto.

Porén, ás persoas aspirantes que acrediten, con carácter previo e da maneira normativamente establecida, o coñecemento da lingua galega, daráselles por superada esta proba coa cualificación de apto».

-O número 5 do artigo 28º queda redactado do seguinte xeito: «5. A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que as/os aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego, someténdoos ás probas que consideren máis adecuadas para tal comprobación. Esta proba cualificarase como apto ou non apto.

Porén, ás persoas aspirantes que acrediten, con carácter previo e da maneira normativamente establecida, o coñecemento da lingua galega, daráselles por superada esta proba coa cualificación de apto».

-O número 5 do artigo 56º queda redactado do seguinte xeito: «5. A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que as/os aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego, someténdoos ás probas que consideren máis adecuadas para tal comprobación. Esta proba cualificarase como apto ou non apto.

Porén, as persoas aspirantes que acrediten, con carácter previo e da maneira normativamente establecida, o coñecemento da lingua galega, daráselles por superada esta proba coa cualificación de apto».

Dous.-Modificación completa dos artigos 24º, 29º e 57º, que quedarán redactados como segue:

-Artigo 24º:

«Puntuación final dos aspirantes.

Rematadas as probas, o tribunal outorgará a cada aspirante a puntuación final obtida, que se corresponderá coa cualificación da proba de coñecementos, referida ao temario.

Esta puntuación será determinante para confeccionar a lista de aprobados/as e a lista de reserva prevista no punto 2 do artigo 13º deste título».

-Artigo 29º:

-Artigo 57º:

Tres.-Modificación completa dos artigos 22º, 27º e 55º, que quedarán redactados do seguinte xeito:

-Artigo 22º:

«1. As probas da oposición son as seguintes, citadas pola orde en que se deberán desenvolver:

a) Probas de avaliación dos coñecementos dos aspirantes sobre os contidos do temario correspondente.

b) Proba de avaliación do coñecemento da lingua galega, só para aqueles aspirantes que non puidesen acreditalo documentalmente.

c) Aptitude física, que incluirá a comprobación da estatura dos aspirantes.

d) Probas psicotécnicas.

e) Recoñecemento médico.

2. Todas as probas recollidas no punto anterior teñen carácter eliminatorio.

3. Facúltase o tribunal cualificador, unha vez rematada a proba de coñecementos, para establecer por orde decrecente de puntuación a porcentaxe de aspirantes que deben desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas de resultar necesario, cuxo número non será inferior en todo caso ao dobre das prazas convocadas, para poder cumprir co previsto no artigo 13º.2 deste decreto, respecto da lista de reserva».

-Artigo 27:

-Artigo 55º:

«1. As probas da oposición son as seguintes, citadas pola orde en que se deberán desenvolver:

a) Probas de avaliación dos coñecementos dos aspirantes sobre os contidos do temario correspondente.

b) Proba de avaliación do coñecemento da lingua galega, só para aqueles aspirantes que non puideran acreditalo documentalmente.

c) Aptitude física, que incluirá a comprobación da estatura dos aspirantes.

d) Probas psicotécnicas.

e) Recoñecemento médico.

2. Todas as probas recollidas no punto anterior teñen carácter eliminatorio.

3. Facúltase o tribunal cualificador, unha vez rematada a proba de coñecementos, para establecer por orde decrecente de puntuación a porcentaxe de aspirantes que deban desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas de resultar necesario, cuxo número non será inferior en todo caso ao dobre das prazas convocadas, para poder cumprir co previsto no artigo 13º.2 deste decreto, respecto da lista de reserva».

Catro.-Modificación parcial dos artigos 21º, 25º e 53º.

-O número 1 e) do artigo 21º quedará redactado do xeito seguinte:

«Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B con BTP».

-O número 1 e) do artigo 25º quedará redactado do xeito seguinte:

«Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B con BTP».

-A alínea d) do artigo 53º quedará redactada do xeito seguinte:

«Ser titular dos permisos de conducir das clases A e B con BTP, agás para a categoría de policía, que só se exixirán os permisos de clase A2 e B con BTP».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de abril de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza