DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 11 de maio de 2010 Páx. 8.322

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 76/2010, do 29 de abril, polo que se aproba o regulamento da Comisión Galega de Delimitación Territorial.

A Comisión Galega de Delimitación Territorial constitúe un órgano de estudo, consulta e proposta en relación coas materias que atinxen á determinación, revisión e modificación dos límites territoriais das entidades locais galegas e das demarcacións en que se estrutura a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa actuación e demais aspectos substanciais veñen determinados na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, desenvólvense ata o de agora a través do Decreto 370/1998, do 10 de decembro, polo que se establece a natureza e funcións da dita comisión ao abeiro do disposto nos artigos 12, 15, 17, 37, 41 e 49 da Lei 5/1997 e no Regulamento de funcionamento e réxime interno aprobado pola Comisión na sesión que tivo lugar o 17 de novembro de 1999.

A necesidade de mellorar normativamente o seu funcionamento e detallar aqueles aspectos que se observan na práctica das súas funcións require dunha nova regulación co fin de acadar unha maior celeridade e efectividade no seu funcionamento e no tratamento dos asuntos da súa competencia, establecendo así, pola súa vez, unha nova regulación que refunda toda a normativa anterior.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día vinte e nove de abril de dous mil dez.

DISPOÑO

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular as funcións, organización e funcionamento da Comisión Galega de Delimitación Territorial.

Artigo 2º.-Natureza e adscrición.

1. Segundo o artigo 15 da Lei 5/1997, do 22 do xullo, de Administración local de Galicia, a Comisión Galega de Delimitación Territorial é o órgano de estudo, consulta e proposta en relación coas materias que atinxen a determinación, revisión e modificación dos límites territoriais das entidades locais galegas e das demarcacións en que se estrutura a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Comisión Galega de Delimitación Territorial adscríbese orgánica e funcionalmente á consellería competente en materia de réxime local.

Artigo 3º.-Funcións.

Correspóndenlle á Comisión Galega de Delimitación Territorial, de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, as seguintes funcións:

a) Emitir informes sobre todos os expedientes de alteración de límites municipais.

b) Emitir informes sobre todos os expedientes de cambio de capitalidade.

c) Emitir informes nos procedementos de demarcación e deslindamento dos termos municipais, que deriven de conflitos formulados entre os municipios afectados.

d) Elaborar as iniciativas de corrección de disfuncionalidades territoriais.

e) Elaborar, por pedimento do Consello da Xunta, os estudos e as propostas de revisión relacionados coa facultade da Xunta de Galicia para establecer medidas de fomento para a fusión de municipios ou a incorporación voluntaria a outros consistentes en: axudas económicas e técnicas, establecemento de criterios prioritarios ou especiais na asignación de subvencións finalistas e a creación dun fondo especial.

f) Estudar e ditaminar as alegacións presentadas e os distintos informes emitidos sobre o mapa municipal de Galicia antes da súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.

g) Aqueloutras funcións que lle encomenden as leis.

Capítulo II

Composición da comisión

Artigo 4º.-Membros e composición.

1. A Comisión Galega de Delimitación Territorial está composta por:

a) Catro persoas en representación da Xunta de Galicia, que serán: a persoa titular da consellería competente en materia de réxime local, a persoa titular do centro directivo competente en materia de réxime local, a persoa titular do centro directivo competente en materia de urbanismo e a persoa titular do centro directivo competente en materia de desenvolvemento rural.

b) Catro persoas en representación das entidades locais de Galicia designados pola asociación de municipios e provincias máis representativas e con maior implantación no territorio da Comunidade Autónoma na forma máis axeitada para garantir unha presenza sensiblemente proporcional aos resultados das últimas eleccións municipais.

2. As persoas que ocupen as vogalías como titulares poderán ser substituídos polos seus respectivos suplentes nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa xustificada. As persoas suplentes serán designadas pola presidencia da comisión entre os/as subdirectores/as do centro directivo que representen; no caso das persoas suplentes das designadas pola asociación de municipios e provincias máis representativas será esta a que as designe.

3. Segundo o artigo 17, parágrafo segundo, da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, poderán formar parte da comisión as institucións públicas e privadas que, en virtude dos seus obxectivos e finalidades, teñan unha relación ou incidencia especial sobre a organización territorial de Galicia, cando así o decida a presidencia da Comisón Galega de Delimitación Territorial, e participarán nas sesións con voz pero sen voto.

4. A Comisión Galega de Delimitación Territorial poderá contar tamén coa asistencia de expertos cando así o decida a presidencia e participarán nas sesións con voz pero sen voto.

5. A designación das persoas membros da comisión farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

6. A duración do cargo de membro da comisión será de catro anos e poderá ser renovado por outros catro anos.

Artigo 5º.-Presidencia da comisión.

1. A presidencia da comisión será desempeñada pola persoa titular da consellería competente en materia de réxime local.

2. Correspóndelle á presidencia:

-Desempeñar a representación da Comisión Galega de Delimitación Territorial.

-Acordar a convocatoria das sesións e fixar a orde do día.

-Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

-Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adoptar acordos.

-Asegurar o cumprimento das leis.

-Visar as actas e certificacións dos acordos da comisión.

-Constituír ponencias, cando considere que a índole dos asuntos así o requira, por propia iniciativa ou por proposta do Pleno da comisión.

-Exercer cantas outras funcións lle sexan inherentes e que deriven do regulamento.

3. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, ou outra causa legal, o/a presidente/a da comisión será substituído/a polo/a vicepresidente/a.

Artigo 6º.-Vicepresidencia da comisión.

Actuará como vicepresidente da comisión a persoa titular do centro directivo competente en materia de réxime local.

Artigo 7º.-Secretaría da comisión.

1. A Secretaría da comisión estará adscrita con carácter permanente ao centro directivo competente en materia de réxime local, coa sede establecida nas súas dependencias, e será exercida por un/unha funcionario/a con rango de subdirector/a do centro directivo.

2. A presidencia da comisión producirá oseu nomeamento, cesamento e substitución e darase conta ao Pleno da comisión na primeira sesión posterior.

3.- Correspóndelle á Secretaría da comisión:

-Asistir ás reunións con voz pero sen voto.

-Efectuar a convocatoria das sesións da comisión por orde da presidencia, así coma as citacións aos membros desta.

-Recibir os actos de comunicación dos membros coa comisión e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

-Preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións.

-Expedir certificacións de consultas, ditames e acordos aprobados.

-Cantas outras funcións lle sexan inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 8º.-Retribucións.

O cargo de membro da Comisión Galega de Delimitación Territorial non será retribuído. Non obstante, poderán percibir axudas de custo e indemnizacións pola asistencia ás reunións da comisión e pola realización dos traballos que requiran especial dedicación.

Artigo 9º.-Asistencia.

1. Os/as asistentes da comisión teñen o dereito e o deber de asistir ás reunións da comisión, salvo que por causa xustificada comuniquen a súa non asistencia ao presidente.

Capítulo III

Funcionamento

Artigo 10º.-Pleno e ponencias.

1. A comisión actuará ordinariamente en Pleno. Poderá actuar en pnencia para a realización de traballos preparatorios.

2. O funcionamento das ponencias axustarase ás seguintes regras:

a) A comisión constituirase en ponencias cando o decida a presidencia por iniciativa propia ou proposta do Pleno.

b) A designación de membros da comisión ás ponencias realizaraa a presidencia da comisión por proposta do Pleno.

c) Para o funcionamento de cada ponencia que se constitúa a presidencia designará o vogal da comisión que desempeñará a dirección dela, así como o seu número e composición.

d) As ponencias disolveranse automaticamente unha vez que rematen os traballos para os que se crearon.

Artigo 11º.-Convocatorias.

1. A convocatoria efectuaraa a presidencia, por iniciativa propia ou por petición dun terzo dos seus membros.

2. A convocatoria das reunións do Pleno e das ponencias, se é o caso, repartirase coa orde do día correspondente cunha antelación mínima de dous días naturais respecto ao día previsto para a sesión, excepto nos casos de urxencia, apreciada pola presidencia, que se fará cun mínimo de vinte e catro horas de antelación.

Artigo 12º.-Sesións.

O Pleno realizará sesións coa periodicidade que demande o número e complexidade dos asuntos e expedientes que deba coñecer, cun mínimo de dúas sesións ao ano.

Artigo 13º.-Lugar de realización.

As reunións da comisión terán lugar na sede da consellería competente en materia de réxime local, salvo que acordase outro lugar a presidencia.

Artigo 14.-Constitución.

1. A válida constitución da comisión requirirá a presenza da maioría absoluta dos seus membros, a presidencia e a secretaría. O/a vicepresidente/a poderá substituír o presidente/a nos supostos do artigo 5.3 deste regulamento.

2. Se na primeira convocatoria non existise o quórum antedito entenderase convocada a segunda convocatoria automaticamente unha hora despois, e será suficiente para a válida constitución a presenza dun terzo dos seus membros; requirírase en todo caso a presenza do/a presidente/a ou vicepresidente/a e do secretario/a.

Artigo 15º.-Asuntos.

1. O Pleno pronunciarase nos supostos que se recollen no artigo 3º deste decreto.

2. O Pleno resolverá as mocións, estudos e propostas que elaboren as ponencias.

3. A comisión estudará todos os temas da súa competencia que lle poida solicitar calquera entidade local.

4. A presidencia recollerá necesariamente na orde do día da seguinte sesión as iniciativas propostas por un mínimo dun terzo dos vogais da comisión.

Artigo 16º.-Acordos da Comisión.

1. Os acordos do Pleno serán adoptados por maioría simple.

2. O voto da presidencia será de calidade no caso de empate.

3. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular que, así mesmo, achegarán por escrito no prazo de dez días desde o seguinte ao da realización da comisión.

Artigo 17º.-Actas.

1. De cada sesión que realice a comisión levantará acta a Secretaría, que especificará, necesariamente, os/as asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que tivo lugar e os puntos principais das deliberacións e o contido dos acordos adoptados.

2. A acta levantada polo/a secretario/a será sometida para a súa aprobación na mesma ou na seguinte reunión da comisión.

Capítulo IV

Procedemento

Artigo 18º.-Emisión de informes.

1. Os informes da comisión serán emitidos no prazo de 3 meses desde que se achegue a documentación indicada no artigo 19, salvo que unha disposición ou o cumprimento do resto dos prazos do procedemento permita ou exixa outro prazo maior ou menor.

2. Os informes, propostas e estudos elaborados pola comisión serán transmitidos ao órgano que os demandase por medio de testemuño ou certificado que asinará o secretario.

3. Os informes, propostas, estudos e toda a documentación utilizada formarán un expediente numerado que se arquivará.

Artigo 19º.-Documentación.

A petición do informe á comisión acompañarase do expediente administrativo correspondente, que levará incorporados os informes previos que sexan exixibles polas disposicións legais que as regulen e, se é o caso, de todos os acordos, exposicións publicas, certificacións e antecedentes documentais que se consideren necesarios para chegar ao acordo da comisión.

Artigo 20º.-Requirimento de documentación.

A Comisión Galega de Delimitación Territorial, a través da súa presidencia, logo do acordo do Pleno, poderá requirir das institucións da comunidade autónoma e dos órganos e servizos da Xunta de Galicia e das entidades locais, a documentación necesaria e os informes complementarios para o exercicio das súas funcións.

Artigo 21º.-Dereito de consulta e obriga de segredo.

1. Os membros da comisión teñen dereito a consultar en calquera momento os expedientes en tramitación ante a comisión.

2. Teñen tamén a obriga de gardar segredo sobre os temas e asuntos que coñeza a comisión, así como as súas deliberacións, ata que se faga público o acordo correspondente.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado expresamente o Decreto 370/1998, do 10 de decembro, polo que se establece a natureza e funcións da Comisión Galega de Delimitación Territorial e o Regulamento de funcionamento e réxime interno da comisión Galega de Delimitación Territorial aprobado pola Comisión na sesión que tivo lugar con data de 17 de novembro de 1999.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de abril de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE