DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 10 de maio de 2010 Páx. 8.243

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 73/2010, do 29 de abril, polo que se configura e introduce a especialidade en documentación sanitaria na categoría estatutaria de técnico/a especialista do Servizo Galego de Saúde.

No tempo transcorrido desde a creación do Servizo Galego de Saúde producíronse importantes cambios na atención sanitaria prestada nas súas institucións. O dereito á protección da saúde consagrado no artigo 43 da Constitución require dos poderes públicos unha constante adaptación das estruturas sanitarias ás novas necesidades e a incorporación ás ditas estruturas, cando sexa procedente, de persoal cunha formación profesional específica para a realización de determinadas funcións.

Nos últimos anos obsérvase un incremento considerable da demanda asistencial na atención especializada e na atención primaria, tanto en hospitalización coma nas consultas e en urxencias. Tendo en conta o anterior, veñen funcionando nos centros sanitarios os servizos de admisión e documentación clínica, encargados da organización e tratamento da información e documentación clínica e a súa codificación.

Para a súa correcta xestión operativa parece adecuada a incorporación de persoal formado especificamente para a realización de funcións de xestión e organización da documentación sanitaria, así como de avaliación e control de calidade nesa materia; e isto sen prexuízo de que concorran no desempeño destas actividades e funcións con outras categorías de persoal sanitario e de xestión e servizos.

Preténdese, pois, incorporar persoal técnico especialista que, baixo a supervisión correspondente, colabore en definir e organizar procesos de tratamento da información e da documentación clínica, codificándoa e garantindo o cumprimento das normas da Administración sanitaria e dos sistemas de clasificación e codificación internacionais.

O colectivo de persoal que se axusta a estes requirimentos é o que acredita o título de técnico/a superior en documentación sanitaria establecido polo Real decreto 543/1995, do 7 abril (BOE número 133, do 5 xuño).

A creación da nova especialidade dentro da categoría de técnicos/as especialistas, en exercicio das competencias atribuídas nos artigos 14 e 15 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e no artigo 113 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, responde ao consenso existente na mesa sectorial de negociación respecto á necesidade de promover a incorporación de profesionais da área sanitaria con novas titulacións aos cadros de persoal das institucións sanitarias. Esta previsión, polo demais, xa figuraba expresada no acordo sobre mellora retributiva e profesional asinado o 1 de outubro de 2003 (DOG nº 232, do 28 de novembro). As institucións do Servizo Galego de Saúde advirten tamén da necesidade de incorporar profesionais que teñan formación adecuada ás funcións que se realizan nelas.

Por último, este decreto atende á situación actual e traxectoria profesional do persoal que desempeña ou desempeñou as funcións atribuídas á nova especialidade.

Este decreto dítase tras a preceptiva negociación na mesa sectorial.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de abril de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase no Servizo Galego de Saúde, dentro da categoría estatutaria de persoal técnico especialista (persoal sanitario de formación profesional), a especialidade de documentación sanitaria e regúlase o seu réxime xurídico, réxime de acceso, funcións e dotación de cadro de persoal.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

A relación do persoal desta especialidade co Servizo Galego de Saúde regularase mediante este decreto, a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e a normativa de desenvolvemento e complementaria aplicable ao persoal técnico especialista do organismo.

Artigo 3º.-Acceso.

1. Para o acceso á especialidade de documentación sanitaria será requisito indispensable estar en posesión do título de técnico/a superior en documentación sanitaria (formación profesional da área sanitaria). Entenderase cumprido este requisito cando se posúa calquera outro título declarado equivalente, nos termos previstos na normativa de ordenación xeral da formación profesional.

2. A superación das probas de selección, convocadas consonte o establecido nos artigos 34 a 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e en execución dunha oferta pública de emprego de conformidade coa normativa vixente de provisión de prazas, será requisito para acceder á condición de persoal estatutario fixo da especialidade.

3. A selección de persoal temporal efectuarase polo procedemento establecido logo de negociación na mesa sectorial, de conformidade coa normativa vixente de provisión de prazas.

Artigo 4º.-Funcións.

Correspóndelle ao persoal técnico especialista en documentación sanitaria o desempeño, baixo a dirección do médico de admisión e documentación clínica, das seguintes funcións, inherentes á súa titulación:

a) Colaborar na organización e xestión dos arquivos de documentación e historias clínicas.

b) Colaborar na avaliación do proceso de tratamento da información e a documentación clínica.

c) Identificar, extraer e codificar os datos da documentación sanitaria no ámbito do Servizo de Admisión e Documentación Clínica.

d) Seguindo as directrices do Servizo Galego de Saúde, validar e explotar os datos do Conxunto Mínimo Básico de Datos mediante ferramentas estatísticas, epidemiolóxicas e de control de calidade.

e) Participar na posta a punto de novas técnicas, en proxectos de investigación e en programas formativos, así como propoñer medidas relacionadas coa eficiencia e seguridade.

f) Todas aqueloutras funcións a que habilite o seu currículo formativo no seu ámbito funcional.

O persoal técnico especialista en documentación sanitaria desenvolverá as súas funcións sen menoscabo da competencia, capacidade de supervisión, responsabilidade e autonomía dos e das profesionais sanitarios doutras categorías que actúan no ámbito da documentación sanitaria.

Artigo 5º.-Cadro de persoal.

Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da Consellería de Sanidade, determinar o número de efectivos de persoal da nova especialidade que poden prestar servizos con carácter estrutural. Esta medida farase efectiva mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal técnico especialista, coas limitacións e consonte as previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

Disposicións transitorias

Primeira.-Situación do persoal fixo que desempeña actualmente funcións de técnico/a especialista en documentación sanitaria.

1. O persoal fixo que, no momento da entrada en vigor deste decreto, estea desempeñando postos de traballo cuxo contido funcional se corresponda coas funcións que nel se asignan aos e ás especialistas en documentación sanitaria permanecerá no seu exercicio. Unha vez que fiquen vacantes, por calquera das causas previstas legalmente, serán amortizados e transformaranse en prazas da categoría de técnico/a especialista de conformidade co artigo quinto deste decreto.

2. O persoal fixo a que se refire o parágrafo anterior que, tendo o título de técnico/a superior en documentación sanitaria, superase o primeiro proceso selectivo que se convocase para persoal desta especialidade e no momento da elección de destino permanecese nel, poderá optar pola transformación do seu posto de traballo en praza da categoría de técnico/a especialista ou participar na elección de destino.

Segunda.-Situación do persoal temporal que desempeña actualmente funcións de técnico/a especialista en documentación sanitaria.

1. As prazas desempeñadas por persoal temporal que no momento da entrada en vigor deste decreto estea exercendo, con carácter fundamental, as funcións que se atribúen á especialidade en documentación sanitaria, serán obxecto de convocatoria pública como prazas desta especialidade no primeiro proceso selectivo que realice. O dito persoal permanecerá no seu desempeño ata que se produza o seu cesamento pola toma de posesión dos e das aspirantes que superasen o proceso selectivo ou pola cobertura regulamentaria por persoal estatutario fixo técnico/a especialista en documentación sanitaria.

2. O nomeamento do persoal con vínculo temporal en praza vacante que no momento da entrada en vigor deste decreto estea desempeñando as funcións que nela se asignan aos e ás especialistas en documentación sanitaria, e estea en posesión do título requirido para o acceso, será transformado nun nomeamento desta especialidade.

Terceira.-Valoración de servizos prestados.

Os servizos prestados en desenvolvemento, con carácter fundamental, das funcións propias da especialidade en documentación sanitaria, e debidamente certificados, terán a consideración de prestados na dita especialidade nos procesos de selección, para persoal temporal ou fixo, que se formalicen para o acceso a prazas da dita especialidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde para adoptar as medidas pertinentes, no ámbito das súas competencias, para o desenvolvemento e aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de abril de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL