DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 05 de maio de 2010 Páx. 7.742

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2010 pola que se convoca un curso de formación para persoal de control de accesos a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dun curso de formación para persoal de control de accesos a espectáculos públicos e actividades recreativas que se desenvolverá de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: formación para persoal de control de accesos a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 25.

Modalidade: presencial.

Obxectivos.

Dotar o persoal de control de accesos a espectáculos públicos e actividades recreativas da formación prevista no programa anexo do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG nº 24, do 5 de febreiro), coa finalidade de que as persoas participantes no curso poidan adquirir os coñecementos necesarios para superar as probas previstas no artigo 5 do decreto que deberá convocar a AGASP. A superación destas probas é un requisito necesario para obter a habilitación correspondente prevista no artigo 6 do dito decreto para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Contido.

O contido do curso consistirá na explicación teórica e práctica do temario necesario para superar as probas que permiten obter a habilitación de persoal de control de accesos a espectáculos públicos e actividades recreativas (anexo I do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro), xunto coa mellora das habilidades persoais para afrontar as probas psicolóxicas.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas interesadas en obter a preparación necesaria para superar as probas previstas no artigo 5 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, e na Orde do 21 de abril de 2010 pola que se aproban as bases xerais das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG nº 78, do 27 de abril).

Prazas e criterios de selección.

O número máximo de prazas será de 100, repartidas en dous grupos de 50 e quendas individuais de mañá e tarde, e o criterio de selección dos/as aspirantes será exclusivamente a orde de chegada das solicitudes.

Reservarase un 50% das prazas para as solicitantes femininas, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega de igualdade de mulleres e homes.

Para o desenvolvemento do curso, será necesario que cada grupo conste polo menos 15 de alumnos/as. De non acadarse o número mínimo antedito, a Academia Galega de Seguridade Pública reserva para si o dereito a suspender o citado curso.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles, que empezará a contarse desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

As persoas interesadas deberán cubrir o modelo de solicitude que se xunta como anexo á presente resolución.

Todos/as os/as aspirantes que desexen realizar o curso deberán presentar unha solicitude debidamente cuberta e axustada ao modelo oficial que se publica no anexo desta resolución e que lles será facilitada nas dependencias da AGASP (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra). Tamén poderán obter a dita solicitude a través da páxina web da AGASP http://agasp.xunta.es/ na epígrafe «actividades formativas», «cursos con inscrición aberta».

Deberán así mesmo entregar unha fotocopia compulsada do seu DNI, no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia. Os/as aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar unha fotocopia compulsada do documento que acredite a súa nacionalidade e, no suposto de non pertenceren á Unión Europa, da tarxeta de residencia e do permiso de traballo en vigor.

As solicitudes poderán presentarse nos seguintes lugares:

a) No rexistro da Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

b) No rexistro xeral da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela).c) En calquera das formas e lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral da AGASP publicará no taboleiro de anuncios e na súa paxina web http://agasp.xunta.es a resolución en que se declarará aprobada a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, indicando a causa ou motivo da exclusión, no prazo máximo dun mes que comezará a contarse desde o día seguinte ao de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Os/as aspirantes que figuren na relación provisional como excluídos disporán dun prazo de 10 días naturais contados a partir do día da publicación de tal resolución, co fin de emendar, de ser o caso, as deficiencias que motivaron a súa exclusión, todo isto de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido o prazo sinalado anteriormente e emendadas as deficiencias detectadas, a AGASP publicará no taboleiro de anuncios e na súa páxina web http://agasp.xunta.es a resolución na cal se declarara aprobada a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as no curso e acordarase a apertura dun prazo de 5 días hábiles en que os/as alumnos/as admitidos/as poderán aboar o prezo privado fixado para participar neste curso de formación.

De conformidade co disposto na orde reguladora dos prezos privados da AGASP (DOG nº 67, do 12 de abril de 2010), o prezo privado ascende á contía de 160 euros. Este importe ingresarase na conta corrente número 2080-0031-30-0040019194 que a AGASP ten aberta en Caixanova, sucursal da Estrada, facendo constar no ingreso o nome, os apelidos e o DNI/NIE do/a solicitante admitido/a no curso. A falta de xustificación do pagamento íntegro do prezo privado dentro do prazo establecido determinará a exclusión do/a aspirante, sen que sexa posible emendar tal deficiencia nun momento posterior.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario.

Establécense dúas quendas independentes de realización, de mañá e de tarde. O horario da quenda de mañá será das 9.30 ás 14.30 horas e o horario da quenda de tarde será das 16.00 ás 21.00 horas.

Datas: do 14 ao 18 de xuño de 2010.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel e superen as probas que se determinen, de ser o caso.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

O alumnado da AGASP, durante o seu período de permanencia nas súas instalacións, rexerase polo regulamento de réxime interior desta, publicado na Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 28 de abril de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "08400D010P050.PDF"