DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 05 de maio de 2010 Páx. 7.738

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 21 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas económicas para a realización de formación práctica en empresas, destinada a alumnos/as de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica de centros dependentes da Consellería do Mar.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, ao abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 312/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar atribúelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a ordenación, dirección e coordinación das atribución que ten asumidas a consellería en materia de ensino náutico-pesqueiro.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, no seu artigo 11, indica que todos os ciclos formativos de formación profesional específica incluirán un módulo de formación en centros de traballo.

De acordo co anterior, a Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, é consciente de que as prácticas en empresas do sector pesqueiro, ademais do seu carácter obrigatorio como módulo de formación en centros de traballo para os ciclos formativos de formación profesional específica, teñen un enorme interese polo seu valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado a unha situación real no ámbito produtivo similar ao que vai atopar na súa nova vida profesional.

Polo exposto, a Consellería do Mar, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a convocatoria de axudas económicas para os alumnos/as que realicen a formación práctica en centros de traballo en réxime de concorrencia non competitiva destinadas ao alumnado matriculado no último curso de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional impartidos en centros dependentes da Consellería do Mar.

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.422K.480.0, por un importe total máximo de 45.355,00 euros, dos orzamentos da comunidade autónoma para 2010.

Este importe repartirase na súa totalidade e proporcionalmente, segundo o baremo e requisitos desenvolvidos nesta orde, entre o número total de solicitudes admitidas e con dereito a elas.

Artigo 2º.-Requisitos.

Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

2.1. Que os/as solicitantes estean matriculados/as nas ensinanzas de formación profesional específica en centros da Consellería do Mar e teñan aprobados todos os módulos profesionais do ciclo formativo.

Artigo 3º.-Solicitudes.

O alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará a seguinte documentación:

-Solicitude normalizada segundo o anexo desta orde.

-Certificación expedida pola entidade bancaria, en que consten os datos da entidade e o código da conta en que o beneficiario desexa se lle faga efectivo o pagamento. Nesta conta o beneficiario deberá figurar como titular.

-Certificado de empadroamento ou residencia habitual expedida polo concello e referido ao ano de realización do curso (2009/2010), no caso de non autorizar a consulta dos datos de residencia no sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Presidencia, Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG do 13 de novembro).

Cando o alumno/a teña presentado no centro e para este curso algún dos documentos requiridos para a formalización da solicitude, queda exento de repetilo.

Artigo 4º.-Prazos e presentación de solicitudes.

Os/as alumnos/as que reúnan os requisitos exixidos para participar destas axudas poderán presentar a correspondente solicitude no centro onde estean matriculados ou nos departamentos territoriais da Consellería do Mar, ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo o modelo que figura no anexo e nos prazos seguintes:

a) Para os/as alumnos/as do ciclo medio de acuicultura e ciclo medio de mergullo: nun prazo de 30 días naturais a partir do 1 de xuño de 2010.

b) Para os/as alumnos/as dos ciclos medios e superiores de ponte, máquinas e de produción acuícola: nun prazo de 30 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

c) Para os/as alumnos/as procedentes de promocións anteriores ao curso 2009/2010, unha vez superados os módulos que tivesen pendentes, no caso de que xa rematasen no período deste curso académico ou estean realizando a súa formación práctica en empresas: nun prazo de 30 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 5º.-Criterios que determinan a contía das axudas.

Os criterios que determinan a contía das axudas son:

5.1. A contía solicitada por día estará en función da distancia que exista entre a empresa e o domicilio do alumno/a, segundo o baremo seguinte:

-Ata 6,0 km.

-De 6,0 a 15,9 km.

-De 16,0 a 30,9 km.

-De 31,0 a 50 km.

-Máis de 50 km (con retorno no día).

-Máis de 50 km (sen retorno no día).

Os importes dos tramos anteriores calcularanse en función do número de solicitudes presentadas e con dereito á axuda, e gardará relación de proporcionalidade de menor a maior, en función directamente proporcional á distancia. En calquera caso, estas axudas non poderán superar a cantidade de mil euros.

5.2. O número máximo de xornadas para os/as alumnos/as dos ciclos formativos serán as suficientes para completar as horas que fixa o módulo de formación nos centros de traballo.

5.3. Dadas as características singulares da FCT marítimo-pesqueira, na elaboración do proxecto económico, que será elaborado polas secretarías dos centros docentes, os/as alumnos/as con praza nos centros residenciais de Vigo e Ferrol poderán seguir usando a residencia e o comedor durante o período de formación en centros de traballo (en diante FCT); se as condicións do centro de traballo ou de embarque e desembarque, a xuízo do titor, así o aconsellasen, seguiranse os seguintes criterios:

a) Para os/as alumnos/as que fagan períodos de prácticas en terra seranlles de aplicación automática os criterios recollidos no artigo 5.1 desta orde.

b) Nos períodos de embarque percibirán unha contía de 5 euros por día.

5.4. Os/as alumnos/as dos ciclos medio e superior de ponte realizarán a totalidade da FCT embarcados/as e os do ciclo medio e superior de máquinas realizarán polo menos un 50% da FCT en barcos de pesca ou mercantes.

Cando a empresa colaboradora da FCT realice embarques ou desembarques fóra da Comunidade Autónoma de Galicia o/a alumno/a percibirá unha axuda complementaria máxima total de 50 euros polos gastos da viaxe. No caso de ter dereito a esta axuda complementaria polo embarque excluirase a percepción desta polo desembarque, e viceversa.

5.5. Cando os/as alumnos/as realicen parte da FCT nun país estranxeiro e subvencionada por unha entidade pública, poderán completar as horas de formación práctica en empresas da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ás axudas establecidas nesta orde.

5.6. O alumnado estará acollido á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil que para tal fin ten establecida a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 6º.-Comisión de selección e seguimento das axudas.

6.1. As solicitudes de axudas deberán ser estudadas e comprobadas para seleccionar as que reúnan as condicións establecidas.

6.2. Para o estudo das solicitudes presentadas e selección dos bolseiros, constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

-Presidente: o/a xefe/a territorial correspondente ou persoa en quen delegue.

-Secretario: o secretario do centro.

-Vogais:

O/a xefe/a do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras ou persoa en quen delegue.

O/a director/a do centro.

O/a xefe/a de estudos do centro.

6.3. Das reunións celebradas pola comisión a que se refire o punto anterior, expedirase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

6.4. A comisión fará unha proposta de resolución provisional motivada ao órgano que resolva, na cal figure a relación de beneficiarios que reúnen as condicións e os rexeitados, alegando as causas da súa denegación.

6.5. Publicado a listaxe e resolución provisional no taboleiro de anuncios do centro, os/as solicitantes terán un prazo de 10 días hábiles para presentar as alegacións que consideren oportunas.

6.6. Transcorrido o dito prazo e resoltas as alegación presentadas, de ser o caso, a comisión tramitará a proposta de resolución definitiva, que será remitida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 7º.-Resolucións.

7.1. A directora xeral, por proposta da comisión, resolverá por delegación expresa da conselleira do Mar, a listaxe definitiva de adxudicatarios/as. Estas listaxes publicaranse nos departamentos territoriais correspondentes e no taboleiro de anuncios dos centros docentes respectivos, conferíndolles un prazo de 10 días para que acepten a axuda, transcorrido o cal sen producirse manifestación expresa, considerarase tacitamente aceptada, segundo dispón o artigo 21.5º da Lei de subvencións de Galicia.

7.2. As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos.

Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante os órganos desta xurisdición no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo iso sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

7.3. O prazo máximo para ditar a resolución da concesión das axudas será de 6 meses contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

7.4. A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos/as solicitantes que incorran nesta situación e, polo tanto, deberán proceder á devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 8º.-Pagamento das axudas.

8.1. O pagamento das axudas farase dunha soa vez polo importe concedido, a través da conta bancaria aberta a nome do beneficiario, logo da certificación do centro de que os/as alumnos/as iniciaron as xornadas prácticas na empresa.

8.2. Xunto coa mencionada certificación deberase achegar unha declaración de cada un/unha dos/as beneficiarios/as en que se manifeste que non percibiu nin está pendente de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

8.3. Estas axudas son incompatibles coas de residencia por razón de estudos, agás o establecido no artigo 5.3º desta orde.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

9.1. O/a beneficiario/a está obrigado/a ao reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e deberá presentar ao final das súas prácticas no centro de estudos correspondente un certificado expedido polo/os centro/s de traballo onde realizou a súa formación práctica, conforme realizou estas, especificando as datas e as horas realizadas.

No caso de que algún alumno/a non realizase a formación práctica nas condicións exixidas, o director/a do centro comunicarallo á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para iniciar os trámites de reingreso total ou parcial da axuda por parte do interesado.

9.2. Ademais, está obrigado/a a facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

9.3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

9.4. Procederá o reintegro da axuda nos supostos sinalados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-De conformidade co establecido no artigo 15, punto 2º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, punto 4, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos do seu regulamento de execución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2010.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar

Ver referencia pdf "08400D009P046.PDF"