DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 05 de maio de 2010 Páx. 7.732

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de abril de 2010 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria e se convocan para o ano 2010.

O obxecto das agrupacións que desenvolven programas de defensa fitosanitaria é o control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas, a través de entidades de carácter agrario formalmente constituídas, mediante programas técnicos ben definidos, de xeito que exista certa periodicidade no uso de métodos de control fitopatolóxico e que ademais se recorra ao emprego racional de produtos químicos, usándoos só naqueles casos en que sexa a única forma eficaz de erradicar ou manter os axentes nocivos nuns limiares tolerables, empregando métodos de control integrado de pragas.

Para conseguir unha mellora das técnicas de loita fitosanitaria nas explotacións cómpre subvencionar os servizos técnicos prestados polas agrupacións de defensa fitosanitaria aos agricultores, así como unha parte do material empregado na loita contra as pragas. A intensidade da axuda será tal que permita que o apoio aos técnicos sexa coherente cos prezos de mercado, así como o mantemento da actividade no tempo.

O Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro de 2007, da comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas, permite outorgar unha axuda aos agricultores de ata 7.500 euros en tres anos para todas as axudas outorgadas polo dito réxime. A pesar de seren os beneficiarios das axudas polo devandito réxime as empresas do sector da produción de produtos agrícolas, para a simplificación do procedemento administrativo e do control dos programas de actuación das agrupacións de defensa sanitaria dos cultivos, cómpre que naqueles casos que sexa posible, se asinen convenios de colaboración coas agrupacións para que estas actúen como entidades colaboradoras na xestión das axudas, adquirindo os agricultores, non obstante, a obriga de informar, no momento de realizar a solicitude, das axudas percibidas polo réxime de minimis nos últimos tres anos, así como o resto dos requisitos do citado regulamento e da orde.

Estas axudas para agricultores membros das agrupacións de defensa fitosanitaria, financiaranse con fondos do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e outros que achega para os mesmos fins a Comunidade Autónoma de Galicia.

As bases reguladoras destas axudas establecidas pola Orde do 28 de maio de 2009 publicadas no DOG do 2 de xuño, deben modificarse de xeito que o maior número de agricultores posible poidan acollerse a elas.

En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto modificar as bases reguladoras e establecer a convocatoria para o ano 2010 das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria.

Sección primeira

Bases reguladoras das axudas

Artigo 2º.-Modificación de artigos.

1. Modifícase o punto 2 b) do artigo 5, quedando redactado como segue:

«Que teñan subscrito un contrato laboral a tempo total co técnico que dirixirá a execución do programa nos cultivos a producir ou ben contraten os servizos dun técnico autónomo dependente.

Neste último caso, o traballador autónomo dependente non deberá executar a súa actividade de xeito indiferenciado cos traballadores que presten os seus servizos á agrupación baixo calquera modalidade de contratación laboral por conta da propia ADF.

Os técnicos que desenvolvan os traballos deberán estar en posesión do título de enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola».

2. Modifícase o punto 1 do artigo 6, quedando redactado como segue:

«Axudas destinadas a sufragar os custos dos servizos recibidos polo beneficiario prestados polo persoal técnico contratado polas ADF para a realización de tarefas de seguimento, detección e diagnóstico de pragas, recomendacións de tratamentos, seguimento da súa evolución, auxilio na formalización do caderno de explotación e outras actuacións técnicas durante o período de produción do seu cultivo e ata o 15 de outubro do ano en vigor.

As axudas serán do 70% do custo do servizo e un máximo de 700 euros por agricultor, cando a ADF teña ata 25 membros e diminuirá proporcionalmente cando o número de socios pertencentes á mesma entidade sexa superior a este número».

3. Modifícase o artigo 6, engadíndose o punto seguinte:

«3. Se o importe total das solicitudes de axudas presentadas supera o crédito asignado, procederase a ratear o importe do crédito entre as solicitudes presentadas».

4. Modifícase o texto do artigo 7 como segue:

«Os beneficiarios das axudas deberán desde a concesión das axudas:

a) Remitir semanalmente aos servizos territoriais de explotacións agrarias:

-Ficha sobre evolución fitosanitaria dos cultivos e estado fenolóxico destes.

-Descrición do traballo de campo coa indicación das parcelas.

-Actividades formativas levadas a cabo.

-Estado de execución das medidas propostas na memoria técnica.

-Incidencias importantes en materia de sanidade vexetal.

b) Antes do 30 de outubro do ano en vigor, deberán achegar unha memoria onde se recollan todas as actuacións do técnico da ADF na explotación do solicitante da axuda».

5. Modifícase a letra a) do artigo 10, quedando redactado como segue:

«a) Fotocopia do DNI no caso de que o solicitante sexa unha persoa física, ou do CIF definitivo, se se trata dunha empresa.

O solicitante quedará eximido da presentación deste documento sempre que autorice o órgano instrutor do procedemento á consulta telemática dos seus datos de identidade no Ministerio de Administraciones Públicas. Para iso deberá xuntar o anexo correspondente marcando a casilla de autorización».

6. Modifícase o artigo 12, engadíndose o punto seguinte:

«6. En todo caso, a puntuación mínima que hai que acadar será de 3 puntos. Se unha vez aplicados os criterios de selección a que se refire este artigo non se acadara esta puntuación, o expediente será desestimado».

7. Modifícanse os puntos 1, 2 e 5 do artigo 13:

«1. A data límite para a execución das actuacións previstas será o 15 de outubro do ano en vigor.

2. Unha vez realizados os investimentos e a execución das actuacións previstas, os interesados deberán comunicar a finalización do programa no que respecta á súa explotación, por escrito por calquera dos medios previstos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, como moi tarde o 30 de outubro do ano en vigor.

5. Unha vez comprobada a execución das actuacións, os técnicos dos servizos territoriais de explotacións agrarias realizarán as correspondentes certificacións previas ao pagamento das axudas».

8. Modifícanse os puntos 1 e 3 do artigo 14.

«1. Os agricultores beneficiarios destas axudas deberán permanecer na ADF ata a finalización das actuacións previstas no programa e como mínimo ata o 30 de outubro do ano en vigor.

3. Os beneficiarios deberán colaborar cos técnicos dos servizos territoriais de explotacións agrarias da Consellería do Medio Rural desde a data de inicio do programa, poñendo á súa disposición o caderno de campo da súa explotación, que deberán ter ao día tal e como se establece na Orde APA/326/2007, do 9 de febreiro (BOE do 19 de febreiro). Así mesmo, colaborarán cos técnicos dos servizos provinciais da consellería no seguimento da evolución e incidencia das pragas e na execución dos programas oficiais de sanidade vexetal».

Sección segunda

Convocatoria para o ano 2010

Artigo 3º.-Obxecto.

Esta sección ten por obxecto a convocatoria para o ano 2010 das axudas para os agricultores membros das agrupacións que desenvolvan programas de defensa fitosanitaria (ADF), segundo as bases reguladoras establecidas na Orde do 28 de maio de 2009 e as modificacións introducidas na sección primeira desta orde.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes de axuda para a convocatoria do ano 2010 formularanse conforme os modelos que se xuntan nesta orde, anexos I, II e III, e presentaranse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde, preferentemente nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Financiamento para o ano 2010.

As axudas reguladas nesta orde estarán financiadas no exercicio 2010 con cargo ás aplicacións orzamentarias 2010 13 02 713E 7801 e 2010 13 02 713C 7803 da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, por uns importes de 51.780 euros e 75.553,96 euros respectivamente, sen prexuízo de poder utilizar outros remanentes dispoñibles, de acordo co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os beneficiarios das axudas non deberán ter débedas coas administracións públicas (AEAT, Consellería de Economía e Facenda e Seguridade Social) segundo recolle a letra e) do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, podendo o órgano instrutor do procedemento acceder á consulta telemática desta situación, salvo denegación expresa do solicitante achegada no momento da solicitude, en cuxo caso deberá achegar os correspondentes certificados.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "08400D008P040.PDF"