DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 05 de maio de 2010 Páx. 7.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 22 de abril de 2010 pola que se aproban as bases que rexen as subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías durante o ano 2010, e se procede á súa convocatoria.

A través do Decreto 83/2009, do 21 de abril, fíxase a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e na Consellería de Traballo e Benestar un dos órganos superiores é a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspondéndolle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a xestión, en coordinación coa Secretaría Xeral de Familia e Benestar, das actuacións en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, o fomento da participación da xuventude na vida social e o seguimento na xestión da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.

A Consellería de Traballo e Benestar entende que para lograr unha verdadeira participación da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual é fundamental promover actuacións e canles dirixidas a garantir o acceso a unha información ampla e actualizada dirixida á xuventude e facilitar o acceso da mocidade na utilización das novas tecnoloxías, prestándolles apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial.

Igualmente, considérase necesario apoiar os concellos nas actuacións que leven a cabo no campo da potenciación do asociacionismo xuvenil e a utilización adecuada do tempo de lecer así como actividades cun claro compoñente formativo.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

Finalmente, nesta orde inclúense medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no relativo á publicación das axudas concedidas.

Consecuentemente con todo o anterior, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Fondos e da Intervención Delegada e, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres en Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexe a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades locais de Galicia, para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías e proceder á súa convocatoria.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar estas axudas os concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da comunidade autónoma validamente constituídas.

2. Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

3. Ningún concello ou entidade local dos sinalados no punto 1 poderá:

a) Presentar solicitude de subvención se o fixo unha entidade local en que estean integrados ou da cal dependan.

b) Figurar en máis dunha solicitude colectiva das que sinala o punto 2.

c) Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.

4. O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta. No caso de figurar en mais dunha solicitude conxunta non será admitida ningunha delas.

Artigo 3º.-Finalidade da subvención.

1. Potenciar a información xuvenil a través dos servizos municipais de información xuvenil integrados na Rede Galega de Información Xuvenil.

2. Fomentar as actividades formativas e educativas no ámbito do ocio e tempo libre, o asociacionismo xuvenil e a utilización das novas tecnoloxías por parte da xuventude.

Artigo 4º.-Período subvencionable e contía das axudas.

1. O período subvencionable abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2010.

2. A contía máxima que se concederá será de 7.500 euros, quedando por conta da entidade local a diferenza de financiamento necesario para a total execución do programa subvencionado.

3. As entidades locais deberán participar no financiamento cun mínimo do 25% do orzamento total, tendo en conta o recollido no punto anterior.

Artigo 5º.-Conceptos subvencionables e requisitos para a concesión.

1. Serán obxecto de axuda:

a) Os custos derivados do normal funcionamento dun Servizo de Información Xuvenil, así como as actividades de dinamización da información que se leven a cabo desde este.

b) As actividades formativas e educativas, as actividades relacionadas coa creación xuvenil, os programas de información e asesoramento, ocio e tempo libre, os programas que fomenten a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías e, en xeral todas aquelas actividades relacionadas co fomento da participación e o asociacionismo xuvenil.

2) Non son subvencionables os gastos recollidos no artigo 29.7º da Lei de subvencións de Galicia e ademais:

a) A adquisición de bens mobles ou inmobles.

b) A merca de instrumentos musicais, uniformes, traxes etc.

c) O custo dos grupos de música e baile para festas.

d) Os actos que teñan lugar fóra de Galicia.

e) Os actos dun día de duración.

3. Serán requisitos para a concesión:

a) Ter xustificadas as axudas concedidas no exercicio anterior.

b) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

c) Que as mancomunidades ou agrupacións de concellos estean constituídas antes da presentación da solicitude.

Artigo 6º.-Orzamento.

As subvencións que se concederán nesta convocatoria pola Consellería de Traballo e Benestar financiaranse con cargo á partida orzamentaria 12.07.313A.460.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, sendo o crédito destinado ás subvencións de 1.190.000 euros.

Artigo 7º.-Compatibilidade con outras subvencións.

1. A obtención desta subvención é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados, sempre que a suma delas en ningún caso supere o 75% do importe do programa.

2. A obtención doutras axudas para o programa subvencionado, deberán ser comunicadas á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado tan pronto se coñezan.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes de subvención realizaranse no modelo oficial que figura como anexo desta orde, que para todos os efectos se entenderá como parte integrante desta. Os concellos, mancomunidades ou agrupacións de concellos que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, no modelo oficial, dirixida ao director xeral de Xuventude e Voluntariado, e poderán presentar esta na Oficina de Rexistro Único e Información da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, nos rexistros dos departamentos territoriais de Traballo e Benestar ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A solicitude poderá formalizala:

a) O alcalde-presidente ou persoa en quen delegue.

b) O presidente da mancomunidade ou persoa en quen delegue.

c) O representante que se estableza no acordo de cooperación, para os supostos previstos no artigo 2º.2 desta orde, soamente un deles en representación dos demais, logo de autorización de cada un dos concellos.

4. En calquera dos casos, o solicitante deberá ser autorizado e designado polo Pleno, Xunta do Goberno local da entidade peticionaria ou decreto da Alcaldía.

5. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da presente convocatoria.

Artigo 9º.-Documentación.

1. Os concellos, mancomunidades ou agrupacións de concellos deberán enviar a seguinte documentación:

a) A solicitude en modelo oficial que figura no anexo.

b) Certificación do secretario/a que recolla o acordo do órgano competente, de solicitude da subvención e se nomee a un representante se procede.

c) Certificación da intervención sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte ao financiamento que debe asumir o concello, mancomunidade ou agrupación.

d) Memoria explicativa do proxecto para o que se solicita subvención.

e) Orzamento estimado do proxecto e o custo do mantemento do servizo de información xuvenil, se é o caso. Para facer efectivo o pagamento da subvención será obrigatorio xustificar a totalidade do proxecto presentado, con independencia da contía concedida.

f) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, perante as distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

g) Para os municipios que se acollan á fórmula de solicitude regulada no artigo 2º.2 desta orde, documento en que se acorde a colaboración dos concellos no que se incluirá o nomeamento da persoa que actuará como representante e certificación dos secretarios, dos acordos do Pleno ou Xunta de Goberno en que autorizan o concello que actúe como representante de todos eles para a petición da subvención.

2. A memoria incluirá, dunha banda, o funcionamento do servizo de información xuvenil, se é o caso, e doutra describirá individualmente as actividades que se van realizar, cos obxectivos perseguidos, recursos humanos, lugar e datas de realización, técnicas, estratexias ou dinámicas que se utilizarán na súa execución.

3. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se xunte á solicitude, ou nesta, seralle comunicado á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que poderá recadar do solicitante, en todo caso, cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

4. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado comprobará que as solicitudes e a documentación reúnen os requisitos exixidos e procederá, en caso contrario, a requirir o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 10º.-Publicidade.

1. De conformidade co disposto no artigo 15.1º, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias co importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

3. De conformidade co disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a entidade beneficiaria autoriza a Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos, nos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións, os datos relevantes referidos á axuda recibida.

4. Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999 de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na solicitude de axuda, se incorporarán a un ficheiro, para o seu tratamento, coa finalidade da xestión do procedemento. Non obstante, os/as interesados/as poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, dirixindo escrito á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou a través do correo electrónico:

lopd. xuventude@xunta.es

5. De conformidade co disposto no artigo 15.3º, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia as entidades locais beneficiarias deberán dar publicidade da subvención concedida en toda actividade relacionada co obxecto da subvención.

Artigo 11º.-Criterios de avaliación.

1. A concesión da subvención realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva, atendendo aos seguintes criterios:

a) Terá carácter prioritario o bo resultado e a incidencia positiva que se desprenda do informe técnico realizado polos Servizos de Xuventude e Voluntariado dos departamentos territoriais ás oficinas municipais de Información Xuvenil, ata 40 puntos.

b) Características das actividades previstas no proxecto, ata 25 puntos, tendo en conta o carácter innovador, a aplicabilidade e congruencia coa zona de influencia, a súa viabilidade e o compoñente formativo fronte ao lúdico. A avaliación será global e cualitativa de todas as actividades de tal xeito que a presentación dunha única actividade poida ter puntuación máxima.

c) Número de beneficiarios potenciais e proxección social das actividades programadas, ata 15 puntos.

d) Pertenza a zonas do medio rural, ata 15 puntos.

e) O emprego da lingua galega na realización de actividades para as que se solicita a axuda, ata 5 puntos.

2. A presentación da solicitude por unha mancomunidade ou agrupación de concellos terá 20 puntos máis por cada un dos concellos que a integre.

3. O crédito distribuirase entre aquelas solicitudes que teñan unha puntuación igual ou maior que 40 puntos. A distribución efectuarase directamente proporcional á puntuación obtida. No caso de mancomunidades ou agrupacións de concellos, e unicamente para a obtención deste mínimo de 40 puntos, non se terán en conta os 20 puntos obtidos a maiores por cada un dos concellos que as integren.

Artigo 12º.-Instrución e resolución.

1. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. As axudas serán adxudicadas polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, no prazo máximo de catro meses, desde a publicación desta orde a proposta dunha comisión avaliadora integrada por:

2.1. Presidenta: a subdirectora xeral de Programas.

2.2. Vogais:

2.2.1. A subdirectora xeral de Promoción de actividades.

2.2.2. A xefa de servizo de Programas.

2.2.3. Un/unha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2.3. Secretario/a: un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Programas.

3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que avaliar as solicitudes algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto nomee o director xeral de Xuventude e Voluntariado.

4. No prazo máximo de quince días, desde a proposta de resolución, o director xeral de Xuventude e Voluntariado por delegación da Conselleira de Traballo e Benestar, ditará resolución motivada, que lles será comunicada aos interesados. Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

5. Unha vez notificada a resolución, os adxudicatarios terán un prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de seis meses e, para a entidade solicitante, contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión de subvención e realizada a actividade, remitirase á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, a súa xustificación, cunha data límite do 20 de outubro de 2010 inclusive. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos na concesión da subvención revestirá a forma de conta xustificativa, para o que se achegará:

a) Certificación da intervención do gasto realizado, e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida. Lémbrase a obriga de xustificar a totalidade do programa subvencionado.

b) Certificado da secretaría da realización do programa obxecto de subvención.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como de organismos privados.

2. O pagamento da subvención realizarase nun único pagamento, despois de recibida e comprobada a xustificación presentada.

3. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma, correspondéndolle en todo caso a carga da proba á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Modificación da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Artigo 16º.-Obrigas.

1. As entidades locais beneficiarias de subvencións están obrigadas a:

a) Xustificar na súa totalidade o proxecto presentado.

b) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

c) Xustificar ante a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e/ou sexa control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento do programa obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo seguinte.

2. Segundo o artigo 48.Un.f da Lei 9/2009, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2010, as corporacións locais e os seus organismos autónomos quedan exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou ser debedores por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 17º.-Revogación e réxime sancionador.

1. O director xeral de Xuventude e Voluntariado poderá revogar a concesión da axuda, se a entidade local beneficiaria incumprir as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia e no título V do regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (Diario Oficial de Galicia do 29 de xaneiro).

4. Ás entidades locais beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia e no título VI do seu regulamento.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-Cando se trate de agrupacións non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "08400D005P034.PDF"