DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 05 de maio de 2010 Páx. 7.709

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 22 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Cultura e Turismo, en réxime de concorrencia competitiva, para a innovación, renovación e implantación da xestión de calidade ambiental dos campamentos de turismo en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (CT985A).

Os campamentos de turismo, xeralmente coñecidos como cámpings, deviñeron en sinónimo de turismo alternativo, representado polo contacto coa natureza en vacacións e tempo libre.

Por outra parte, o programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2007-2013 é un documento de programación comunitaria aprobado pola Comisión Europea que recolle a articulación da estratexia da Xunta relacionada con distintos eixes prioritarios de intervención. Nestes eixes establécense medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e medidas para mellorar os servizos turísticos, tales como a reforma e modernización do turismo dado o carácter prioritario do sector do turismo na comunidade autónoma.

A importancia do cámping no ámbito turístico galego vese resaltada pola variada e razoablemente ben conservada natureza de Galicia, o que xunto coa progresiva mellora da confortabilidade das instalacións está a supor un aumento deste tipo de turismo non só entre o segmento poboacional orixinalmente demandante del, a poboación máis nova, senón que tamén amplía o ámbito da demanda ata as persoas de idade madura e familias, mesmo na participación en actividades de turismo complementario ao contacto coa natureza (pesca, ráfting, sendeirismo...).

Un dos eixes vertebradores da actual política de turismo é a determinación da oferta turística de Galicia a través da estratexia diferenciada da calidade. Coherentemente con esta política estratéxica, no tocante á oferta turística vinculada aos campings, resulta fundamental profundar na implantanción e desenvolvemento dos elementos de calidade tanto no confort e mellora das instalacións como na prestación dos demais servizos turísticos, mediante a implantación de procesos e sistemas de calidade homologados polos organismos competentes, para deste xeito alcanzar a vantaxe estratéxica da competitividade pola calidade.

O turista elixe as súas vacacións en función do destino, pero valorando tamén a calidade do servizo, polo que a innovación constante na xestión das empresas para orientar a súa actividade á satisfacción dos clientes, aunando calidade, defensa do ambiente e a xestión sustentable dos recursos da natureza, todo baixo principios de responsabilidade social corporativa, son premisas que determinan a busca da excelencia na oferta turística, meta esta que a comunidade galega pretende fomentar como piar de todas as súas actividades turísticas.

É vontade, e polo tanto importante factor para a promoción e fomento de toda actuación que teña que ver coa calidade e xestión ambientalmente sustentable, tanto dos recursos naturais, como das infraestruturas e servizos da oferta turística galega, que a nosa comunidade autónoma destaque na promoción e implantación efectiva dun turismo de calidade e de preservación do medio natural.

Por todo o exposto, as subvencións que se convocan por medio desta orde teñen por finalidade actuacións encamiñadas a facer de Galicia un destino turístico no que prime a calidade dos seus establecementos turísticos así como a do servizo prestado, concretados neste caso na calidade dos cámpings, actuacións que permitan en todo caso a súa adhesión ao Sistema de Calidade no Sector de Cámpings (ICTE), ou a calquera outro sistema de calidade recoñecido como válido para este sector, así como aquelas actuacións que pretendan a implantación de sistemas de protección ou mellora do comportamento ambiental que permitan acceder, como derradeira finalidade, á adhesión ao sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental (EMAS, EMAS II).

En consecuencia e con cargo aos créditos da Consellería de Cultura e Turismo asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 54 da Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 55 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, convócanse axudas destinadas á innovación e renovación de campamentos públicos de turismo e, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Cultura e Turismo, en réxime de concorrencia competitiva, para a innovación, renovación e implantación da xestión de calidade ambiental dos campamentos de turismo en Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2010.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

2. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Secretaría Xeral para o Turismo, a través do teléfono 981 54 63 79 ou 981 54 63 78, do número de fax 981 54 02 75, ou do enderezo de correo electrónico axudas.turismo@xunta.es.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería:

www.culturaeturismo.xunta.es na súa epígrafe de axudas.

b) Páxina web oficial da Secretaría Xeral para o Turismo (www.sxturismo.org).

c) Os teléfonos 981 54 63 79 e 981 54 63 78 da devandita secretaría xeral.

d) Enderezo electrónico axudas.turismo@xunta.es.

e) Presencialmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a Secretaría Xeral para o Turismo para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2010.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Cultura e Turismo, en réxime de concorrencia competitiva, para a innovación, renovación e implantación

da xestión de calidade ambiental dos campamentos de turismo

en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (CT988A)

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a innovación, renovación e implantación da xestión de calidade ambiental dos campamentos de turismo en Galicia

2. As axudas reguladas nesta orde establécense ao abeiro do Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 210, do 31 de xullo) para o período 2007-2013, de acordo co establecido na orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

As axudas reguladas nestas bases axústanse ao obxecto establecido no Eixe 5: Desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 57: Axudas á mellora dos servizos turísticos, coordinación e promoción do turismo, actuacións de fomento do turismo rural.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro).

4. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

En concreto, consideraranse actuacións subvencionables as que se citan a continuación:

Liña A) sobre actuacións relativas á calidade.

-Obtención de certificacións de calidade de recoñecido prestixio internacional como o Q de calidade do ICTE, Ecolabel, ISO, EMAS, etc... Custos de auditoría para acadar a certificación e renovación desta para os establecementos que xa a obtiveron.

-Proxectos dirixidos á implantación do sistema de xestión de calidade en campings segundo a normativa do ICTE ou outra, tales como, reforma e modernización das instalación fixas de uso colectivo, accesos, vías, aparcadoiros, cerramentos, sistemas de seguridade e outros que sexan sinalados na auditoría como necesarios para acadar a certificación elixida.

Liña B) relativa á xestión ambiental.

-Proxectos relativos á renovación, tecnificación e innovación dos campamentos de turismo que conduzan á implantación de sistemas de protección e mellora ambiental, tales como: mellor uso e depuración de augas, xestión enerxética, emisións atmosféricas, vertedura de augas, xeración e tratamento de residuos sólidos e non sólidos, contaminación acústica substitución de materiais, etc.

Liña C) relativa á modernización de instalacións e mellora da oferta complementaria.

-Proxectos de accesibilidade: adaptación dos espazos e instalacións do campamento ás normas de accesibilidade física e sensorial.

-Proxectos de modernización e remodelación das instalacións existentes así como a substitución de equipamentos obsoletos e mobiliario.

-Proxectos de remodelación da oferta complementaria existente e creación de nova oferta.

Liña D) relativa a proxectos de aumento de categoría do establecemento.

-Proxectos dirixidos á implantación de instalacións e servizos que teñan como obxectivo cumprir algún ou varios dos requisitos para o aumento de categoría segundo a escala oficial recollida no Decreto 143/2006, do 27 de xullo, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo en Galicia.

4. As accións das liñas de subvención abranguen tanto actuacións nas instalacións como aquelas definidas para a creación ou mellora da oferta complementaria do establecemento. A mellora subvencionable non poderá supoñer un incremento superior ao 10% das prazas autorizadas pola Administración turística, no caso de que a mellora implique un incremento superior presentarase o desagregamento orzamentario do proxecto que reflicta o custo correspondente á creación de cada unha das novas prazas que permita a determinación da contía da subvención.

5. Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se acometan para a reforma ou mellora dos establecementos obxecto desta orde como, se é o caso, a adecuación do contorno e as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional e os honorarios técnicos.

6. Están comprendidos nos proxectos de obras e son, polo tanto, subvencionables todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado, etc...). Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as devanditas condicións.

7. Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta orde o mobiliario, a lenzaría, útiles domésticos, louza e análogos, e a adquisición de terreos.

8. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

9. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

10. Unicamente poderán recibir subvención aqueles proxectos que se executen unha vez confirmada pola Secretaría Xeral para o Turismo a súa elixibilidade. Os solicitantes recibirán comunicación escrita en que conste que o proxecto cumpre inicialmente as condicións de subvencionabilidade suxeita ao resultado final da súa verificación detallada, sempre que a solicitude se presentase conforme o establecido nesta orde. Os proxectos que non cumpran estes requisitos non serán obxecto de axuda posto que as actuacións subvencionables teñen que ser realizadas e pagadas no período comprendido desde esta notificación ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17º.

11. Considerarase que as axudas concedidas teñen un efecto incentivador se os seus beneficiarios solicitaron estas antes de levar a cabo os proxectos subvencionados.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións relativas á mellora dos establecementos obxecto desta orde imputaranse á aplicación orzamentaria 11.02.761A.770.0 cofinanciada ao 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, cun crédito de 300.000 €.

2. Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40% sobre o investimento subvencionable cando se trate de pequenas e medianas empresas e de ata o 30% nos demais casos, sempre que non se superen os límites máximos de axuda establecidos na normativa aplicable.

Para os efectos de cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos de redacción de proxecto e dirección de obra non serán superiores ao 8% do orzamento de execución material subvencionable.

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro), deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

4. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen o límite máximo de axuda legalmente establecido. Para estes efectos, a porcentaxe máxima para as axudas financiadas con fondos europeos, incluída a acumulación doutras axudas ou subvencións, sexan fondos comunitarios ou non, calculada en equivalente de subvención bruto, é do 30%, ao que se engaden 10 ou 20 puntos porcentuais cando se trate de axudas a medianas ou pequenas empresas, respectivamente, agás que sexan axudas financiadas con fondos incompatibles coa financiación Feder.

5. Os proxectos desenvolveranse no territorio de Galicia (exceptuando os núcleos urbanos definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo), e financiaranse con cargo a fondos Feder.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das subvencións as empresas autónomas ou as constituídas baixo calquera tipo de sociedade mercantil, civil ou comunidade de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares dos establecementos nos cales se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención, segundo o establecido no artigo 1º destas bases.

Os titulares dos establecementos que se subvencionen terán que ser propietarios dos inmobles ou predios obxecto de actuación ou ben ter unha disposición sobre eles, acreditada por calquera título válido en dereito, que permita realizar o investimento proxectado. O dito título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública e inscrito no Rexistro da Propiedade. En calquera caso o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute dos inmobles e/ou dos predios.

Será requisito imprescindible, para a concesión das subvencións relativas á mellora de establecementos turísticos, que a empresa solicitante teña inscrita, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia a actividade turística para a que se solicita a axuda.

Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria. Xunto coas solicitudes deberá achegarse por duplicado exemplar a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Anexo IV: anexo técnico.

c) Certificación ou nota simple do Rexistro da Propiedade que acredite que o solicitante da subvención é propietario do inmoble obxecto da rehabilitación ou do predio para nova construción. No caso de existir propiedade pro indivisa, deberase achegar poder notarial dos copropietarios, outorgando representación ao solicitante, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumir os compromisos derivados do establecido nesta orde.

No caso de que o solicitante non sexa o propietario acreditará a disposición do inmoble ou do predio para a realización do investimento obxecto da subvención, e o período mínimo de explotación establecido no artigo 15º b) destas bases mediante certificación ou nota simple do Rexistro da Propiedade.

Todo iso sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria da propiedade ou disposición dos inmobles e/ou dos predios.

d) Cando se trate de persoas xurídicas achegarase copia cotexada do NIF, do documento de constitución da sociedade e da documentación acreditativa de representatividade suficiente para actuar en nome da empresa. Se o solicitante é persoa física observarase o disposto no artigo 5º destas bases.

e) Proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, que conterá

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento en que se especificará o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento que deberá estar na memoria.

-Planos de localización do investimento.

-Planos do estado actual, se correspondesen, e do proxecto.

-Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

-Relación detallada dos mobles e equipamentos (débese indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

-Memoria explicativa de adecuación ao contorno das actuacións que, de ser o caso, corresponda, de recuperación de elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional, así como equipamentos e servizos.

-Memoria explicativa e exhaustiva, tamén asinada polo promotor, do tipo de servizos que se van prestar no establecemento.

-Memoria explicativa das accións encamiñadas á implantación de sistemas de calidade e ambientais, específicos para empresas que conduzan á obtención da correspondente certificación ambiental e de aseguramento de calidade, en caso de solicitarse para este fin.

-Información específica:

-Para as solicitudes enmarcadas na liña A), descrición do estado en que se atopa o establecemento ou empresa de cara á implantación do sistema de xestión de calidade; detalle das reformas necesarias para a acometer no local para a total implantación do sistema de xestión de calidade; e, se é o caso, cambios realizados e xestións xa efectuadas tendentes á implantación do sistema.

-Para as solicitudes enmarcadas na liña D), descrición do estado en que se atopa o establecemento de cara ao aumento de categoría e detalle dos servizos e instalacións de cara a ese cambio de categoría.

Teñen a consideración de edificación e, polo tanto, requiren proxecto básico os seguintes:

I. Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración arquitectónica dos edificios, considerándose tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do sistema estrutural, así como as que teñan por obxecto cambiar os usos turísticos do edificio.

II. Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico-artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico, así como aquelas que afecten os elementos ou partes obxecto de protección e as que supoñan nova construción.

III. Considéranse comprendidas na edificación as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean adscritos ao edificio.

O dito proxecto deberá estar avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo, que emitirá o informe correspondente.

No caso de tratarse dunha mellora ou reforma dun establecemento turístico xa existente e cando sexan actuacións de pouca entidade que non necesiten proxecto de execución, segundo a normativa vixente, deberase presentar memoria explicativa detallada na que se defina pormenorizadamente o proxecto que se vai executar, orzamento desagregado por conceptos do investimento proxectado e os correspondentes certificados de idoneidade técnica, asinada por persoal técnico competente. Así mesmo, achegarase calquera documentación que permita comprobar a normativa de obrigado cumprimento.

f) Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

g) Prazo previsto, expresado en meses, para a execución indicando data de inicio (cronograma de realización).

h) Cando se trate de subvencións para rehabilitación ou restauración de construcións que proxecten a captación de auga termal, mineromedicinal ou auga do mar (artigo 1º.3.a.2) disporase das declaracións, autorizacións e certificacións exixidas para este tipo de establecementos pola normativa vixente. Non obstante, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente comprobe telematicamente a existencia das citadas acreditacións agás que o solicitante denegue expresamente o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón as autorizacións e certificacións ás cales fai referencia este punto.

De non dispor desta documentación no momento da presentación da solicitude, deberá achegarse acreditación escrita de terse incoado expediente para acadar a correspondente autorización e certificados pertinentes.

i) Licenza urbanística, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita a subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, ou cando se trate de obras para as que non sexa preceptiva segundo a normativa correspondente, presentarase certificación de viabilidade urbanística emitida polo órgano competente do concello, en que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

j) Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

k) Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

l) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta en que conste: código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa os datos de carácter persoal que figuren no DNI do interesado e a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón o DNI e as certificacións ás cales fai referencia este punto.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3º da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle ao solicitante a presentación da documentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Consellería de Cultura e Turismo velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, non entanto, a Consellería de Cultura e Turismo revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Secretaría Xeral para o Turismo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle ao conselleiro de Cultura e Turismo ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Cultura e Turismo ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. O Servizo de Turismo do Departamento Territorial da Consellería de Cultura e Turismo achegará un informe que deberá indicar se o proxecto é conforme coa normativa de ordenación turística vixente, a localización e interese turístico do proxecto e, de ser o caso, as datas de autorización e de inscrición no REAT e a clasificación turística que lle correspondería. Así mesmo, achegaráselles un informe do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística sobre a calidade do inmoble, do seu estado e do proxecto. Estes informes achegaranse cunha antelación mínima de dez días previos á realización da comisión de valoración.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a subdirector/a xeral de Xestión, Fomento e Cooperación, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada un dos departamentos territoriais da Consellería de Cultura e Turismo.

c) O/a xefe/a do Servizo de Xestión e Fomento, da Secretaría Xeral para o Turismo, que exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, da Secretaría Xeral para o Turismo.

e) O/a xefe/a do Servizo de Inspección, da Secretaría Xeral para o Turismo.

f) O/a xefe/a da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia.

g) O/a xefe/a da Área de Turismo Rural e Interior de Turgalicia.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Secretaría Xeral para o Turismo.

4. A comisión poderá estar asistida por expertos externos.

5. Así mesmo, a comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude.

6. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

7. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán por orde decrecente os seguintes, tendo en conta a valoración específica que se lle atribúe a cada unha delas.

1) Que as actuacións se adecuen ás directrices requiridas polos plans de calidade normalizados e recoñecidos nos mercados, en particular, os homologados polo Instituto da Calidade Turística Española. Obterán a máxima puntuación aqueles proxectos que xustifiquen debidamente que, tras a execución, cumprirán con todos os requisitos establecidos polas directrices dun plan de calidade homologado polo ICTE. Ata 20 puntos.

2) A creación de novos servizos e instalacións non ofertados con anterioridade. Exclúese, neste punto, a ampliación ou mellora de servizos xa prestados no establecemento con anterioridade á convocatoria desta orde. Ata 15 puntos.

3) O grao en que as actuacións impliquen a adaptación de instalacións xa existentes á Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, ou unha mellora na seguridade física das persoas. Ata 5 puntos.

4) O grao en que as actuacións supoñen unha mellora nos resultados de impacto ambiental do establecemento no seu contorno, ou supoñan unha innovación en mellora da xestión ambiental respecto das prácticas habituais nos campamentos turísticos de Galicia. Ata 15 puntos.

5) Que o campamento turístico ou parte del estea situado en zonas rurais con tendencia a despoboación ou en terreo afectado por calquera figura de protección da natureza de rango autonómico ou superior, obtendo a metade da puntuación aqueles situados, totalmente ou en parte, nun perímetro de 5 km dun terreo afectado. Ata 20 puntos.

6) Grao en que as actuacións supoñan unha mellora na calidade de prestación do servizo. Ata 10 puntos.

7) Grao en que o establecemento, tras a actuación, supoña un cambio de categoría. Ata 15 puntos.

Artigo 10º.-Audiencia.

Efectuada a avaliación, a comisión fará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal, o órgano instrutor, elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa ao conselleiro de Cultura e Turismo.

2. O conselleiro, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación, a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os extremos contidos no artigo 34.4º do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

En calquera caso, o pagamento da subvención estará condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea adopten a decisión de non formular obxeccións a esta ou declaren a subvención compatible co mercado común e nos termos en que a dita declaración se realice, extremo que se fará constar no acto administrativo de concesión, de conformidade co disposto no artigo 17.4º do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo elixible da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Cultura e Turismo, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. Coa aceptación o beneficiario consente a publicación da resolución concedéndolle a axuda na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2º d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Iniciar a actividade turística, incluídos todos os servizos que se recolleron no proxecto, previamente autorizada pola Administración turística, nun prazo máximo de seis (6) meses contados a partir da data límite da xustificación final do investimento fixada no artigo 17º destas bases.

b) Manter a súa actividade en Galicia durante un período mínimo de dez (10) anos, contados desde a data de concesión da correspondente autorización turística ou, no seu defecto, desde que se produza a liquidación definitiva da subvención.

Así mesmo, segundo establece o artigo 13.2º do citado Regulamento 800/2008, o investimento deberá manterse en Galicia polo menos durante os cinco anos seguintes, ou durante os tres seguintes no caso das pemes, unha vez completada a totalidade do investimento.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura e Turismo e, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

f) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

-Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

-Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

-Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

g) Adscribirse á central de reservas de turismo rural cando se trate destes establecementos e a aquelas que, se é o caso, cree a Administración turística galega.

h) Executar o proxecto de total conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

i) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

j) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e Turismo de acordo co disposto na regulamentación comunitaria nesta materia. Para isto empregarán a lenda «proxecto cofinanciado», acompañado do escudo normalizado da Xunta de Galicia coa lenda «Consellería de Cultura e Turismo-Secretaría Xeral para o Turismo», e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda «Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional» (Feder). Precedendo os emblemas empregarase a lenda «Investimos no seu futuro». Os custos correspondentes á dita

publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Cando o proxecto se materialice nun sitio da internet deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na súa páxina de inicio, así mesmo establecerase un enlace cara ás páxinas web da Comisión Europea relativa ao fondo.

Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Cando se trate de obras arquitectónicas os beneficiarios deberán colocar unha placa explicativa permanente, visible e de gran tamaño, nun prazo máximo de 6 meses a partir da conclusión da obra. Na placa indicarase o tipo e nome da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa. Durante a execución da operación o beneficiario colocará un cartel no lugar das operacións. Concluída a operación, o cartel substituirase pola placa explicativa permanente.

k) O beneficiario queda obrigado a manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionadas coa axuda que facilite a «pista de auditoría».

l) O beneficiario deberá conservar a documentación contable e de todo tipo relativa a execución dos gastos do proxecto obxecto da subvención por un período de 3 anos a partir do peche do programa operativo, de conformidade co artigo 89 número 3º do Regulamento 1083/2006, do Consello.

m) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 16º.-Subcontratación.

Queda excluída a subcontratación das actividades subvencionadas ao abeiro desta convocatoria, non obstante, en aplicación do disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se inclúe nesta prohibición a contratación daqueles gastos en que o beneficiario teña que incorrer para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Artigo 17º-Xustificación da subvención.

1. No prazo de sesenta (60) días naturais seguintes á notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Secretaría Xeral para o Turismo a seguinte documentación por duplicado exemplar:

a) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, achegarase visado e incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión e copia compulsada do nomeamento de dirección de obra.

O dito proxecto e programa teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ao expediente deberán ser avaliados polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

b) Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

2. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de novembro de 2010 para presentar nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria a documentación que a continuación se indica:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Certificación de obra por conceptos, en modelo normalizado que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

No caso de obras menores con orzamento de execución material superior a 50.000 euros os beneficiarios presentarán certificado de fin de obra asinada por persoal técnico competente.

c) Facturas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso o importe reflectido na certificación de obra debe coincidir co xustificado coas ditas facturas.

d) Licenza urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo, non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade mentres non se presente.

e) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

f) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 15º das bases reguladoras.

g) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

h) Xustificante orixinal do depósito da garantía presentada no caso de pagamentos de importe superior a 18.000 euros, de acordo co establecido no artigo 62 en relación co 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. De non xustificarse o investimento executado quedará anulada toda a subvención, non obstante, se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña a finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado e, para o caso de que o executado non cumprise o fin para o que se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Cando se soliciten pagamentos parciais, ademais da presentación da documentación indicada no artigo 17º, tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias e condicións a que fai referencia o artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro):

a) Os pagamentos á conta poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada ata a porcentaxe que establezan as bases reguladoras.

b) O importe conxunto dos pagamentos á conta que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

3. Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

4. Os pagamentos parciais superiores a 18.000 euros terán que garantirse conforme o establecido no artigo 67.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto no artigo 17º destas bases reguladoras.

Tal e como establece o artigo 69 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

Unha vez comprobada a adecuada xustificación da realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

5. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

A comprobación material poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Excepcionalmente, a comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20º.-Control.

1. A Consellería de Cultura e Turismo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €) non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento comunitario 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, o Regulamento comunitario 1828/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "08400D004P017.PDF"