DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 05 de maio de 2010 Páx. 7.701

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 69/2010, do 22 de abril, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dunha senda peonil na AC-123, para mellora da seguridade viaria, treito Franza-Ares, nos municipios de Mugardos e Ares. (Clave AC/08/068.06).

Con data do 26 de xaneiro de 2009, a Dirección Xeral de Obras Públicas resolveu aprobar o proxecto de construción dunha senda peonil na AC-123, para mellora da seguranza viaria, treito Franza-Ares, nos municipios de Mugardos e Ares. (Clave: AC/08/068.06).

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada pola existencia de asentamentos dispersos densamente poboados na estrada AC-123, dentro dos concellos de Mugardos e Ares, cun treito de calzada desprovisto de beiravías e cuns largos totais variables que resultan insuficientes para unha circulación peonil segura ou para a parada eventual de vehículos por mor dunha emerxencia ou avaría.

Despois da análise da situación actual conclúese que o potencial de sinistrabilidade na estrada se pode producir por velocidades inadecuadas dos condutores, a falta de visibilidade nos cruzamentos e parada en interseccións e atropelos de peóns debido á inexistencia de traxectos peonís.

Por todo isto, requírese unha actuación no tronco e marxes da referenciada estrada, enfocada principalmente na mellora da seguridade viaria, por medio dunha alarga da plataforma con melloras puntuais dos parámetros de trazado na planta, mellora das interseccións con outras vías, sendas peonís ao longo do trazado, iluminación óptima do tronco e das interseccións e sinalizacións vertical e horizontal con balizamento do tronco.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e dous de abril de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para efectos de expropiación do proxecto de construción dunha senda peonil na AC-123, para mellora da seguridade viaria, treito Franza-Ares, nos municipios de Mugardos e Ares. (Clave: AC/08/068.06).

Santiago de Compostela, vinte e dous de abril de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas