DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 03 de maio de 2010 Páx. 7.411

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 30 de abril de 2010 pola que se acorda a extensión de efectos da suspensión cautelar previa á aprobación inicial do Plan de ordenación do litoral de Galicia.

A Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, desenvolve a competencia en materia de ordenación territorial atribuída á comunidade autónoma e establece no seu artigo 4 que a ordenación territorial de Galicia se fará a través dos seguintes instrumentos: directrices de ordenación do territorio, os plans territoriais integrados, os programas coordinados de actuación, os plans e proxectos sectoriais e os plans de ordenación do medio físico.

O artigo 2 da Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral, establece que o Plan sectorial de ordenación do litoral a que fai referencia a disposición transitoria oitava da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, terá a consideración dun plan territorial integrado regulado na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

O artigo 5 bis da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, establece a posibilidade de suspender cautelarmente os procedementos de elaboración de calquera instrumento de ordenación do territorio; a dita suspensión extinguirase coa aprobación definitiva do instrumento de ordenación do territorio que motivou a adopción da medida cautelar de suspensión e, en todo caso, polo transcurso do prazo de dous anos contados desde a data do acordo de suspensión, prorrogable por un ano máis.

No Diario Oficial de Galicia do 14 de maio de 2009 publícase o acordo da Xunta de Galicia de iniciar o procedemento de elaboración e aprobación do Plan de ordenación do litoral, de conformidade co disposto no artigo 2.3º da Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, en relación co artigo 15.1º da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

A Orde do 14 de maio de 2009 acorda a suspensión cautelar previa á aprobación inicial do Plan de ordenación do litoral durante o prazo dun ano desde a súa entrada en vigor ou ata a aprobación inicial do Plan de ordenación do litoral ou a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado integramente á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A complexidade e importancia do plan, absolutamente innovador na súa configuración, unidades de paisaxe, estrutura e análise territorial, fai imprescindible a colaboración das entidades locais situadas no seu ámbito, polo que, ante a imposibilidade de que estas últimas emitan os correspondentes informes no prazo dispoñible, e logo da petición formulada pola Federación Galega de Municipios e Provincias, resulta necesario estender as medidas cautelares acordadas na orde desta consellería do 14 de maio de 2009 ata a data da aprobación inicial do Plan de ordenación do litoral, co fin de preservar calquera actividade de transformación da súa realidade física.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-Estender os efectos da suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos na zona litoral acordada pola Orde do 14 de maio de 2009 ata a data da aprobación inicial do Plan de ordenación do litoral.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas