DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 29 de abril de 2010 Páx. 7.051

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 21 de abril de 2010 pola que se nomean vogais do Xurado de Expropiación de Galicia.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, prevé, no seu artigo 232, modificado pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, a creación do Xurado de Expropiación de Galicia, como órgano colexiado permanente da nosa comunidade autónoma especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a comunidade autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.

O dito precepto establece, entre outros extremos, a composición dese xurado, sendo desenvolvido mediante o Regulamento de organización e funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia, aprobado mediante Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

O artigo 4 deste regulamento establece, nas letras c), d), e) e f) do seu parágrafo 2º, respecto da composición do xurado, que distintos organismos, entidades e colexios profesionais proporán, cada un deles, un representante que actuará como vogal titular. Así mesmo, prevese a designación, do mesmo xeito, dun vogal suplente que actuará en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa que imposibilite a asistencia daquel titular.

Todos eles serán nomeados polo conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio. O mandato destes vogais será de catro anos, renovables por períodos de igual duración, que comezará a computarse desde o día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia, podendo ser, se é o caso, substituído.

En virtude da Orde do 2 de febreiro de 2006 pola que se nomean vogais do Xurado de Expropiación de Galicia (publicada no DOG do día 13 de febreiro) realizouse o nomeamento de vogais, titulares e suplentes, en representación de varios destes organismos e entidades. Esgotada a vixencia do seu mandato e despois de realizar os trámites formais de solicitude de designación aos organismos e entidades sinaladas no anteriormente mencionado artigo 4 que lles corresponde por tempo de mandato, parte deles achegaron a súa proposta.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único.-Noméanse as persoas que se relacionan no anexo como vogais do Xurado de Expropiación de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

ANEXO

Vogais do Xurado de Expropiación de Galicia, segundo o disposto no artigo 4.2º c), d) e f) do Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

1. En representación da consellería con competencias en materia de facenda:

Titular: Juan José Castro Dapena.

Suplente: Ismael García Legide.

2. En representación da Federación Galega de Municipios e Provincias:

Titular: Joaquín López Menéndez.

Suplente: César López Arribas.

3. En representación do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia:

Titular: Víctor Manuel Yáñez Cortes.

Suplente: Alfonso de la Vega Jiménez.

4. En representación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia:

Titular: Gabriel López-Companioni Vázquez.

Suplente: Manuel Lara Coira.

5. En representación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia:

Titular: Miguel Serrano Gómez.

Suplente: Jorge Duarte Vázquez.