DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 27 de abril de 2010 Páx. 6.873

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de abril de 2010 de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A delegación de competencias da persoa titular da consellería noutros órganos desta permite axilizar a actividade administrativa e redunda en beneficio tanto da Administración como dos interesados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

O artigo 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, establece que os titulares das consellerías poderán delegar competencias administrativas nos seus órganos inmediatamente inferiores, cando as necesidades de funcionamento así o aconsellen. Pola súa banda, o artigo 44 da citada lei recolle o réxime xurídico da delegación de competencias, de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Esta orde pretende acadar unha maior eficacia na tramitación e resolución dos asuntos atribuídos a esta consellería, de acordo co actual escenario de xestión a que se enfrontan os diferentes órganos que a integran. En materia de axudas e subvencións públicas, a experiencia acadada aconsella non realizar unha delegación de competencias xenérica para todos os procedementos. Por este motivo, a disposición adicional prevé que a persoa titular da consellería poida delegar a competencia para resolver o procedemento na propia orde de convocatoria, nos casos en que se considere oportuno.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse na persoa titular da secretaría xeral as seguintes atribucións:

a) Resolver os recursos administrativos que lle correspondan á persoa titular da consellería, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos, así como as reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial.

b) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da consellería ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos, agás o disposto nos artigos 2º a) e 3º a) desta orde.

c) As funcións que como órgano de contratación lle corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente.

d) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, agás o disposto nos artigos 3º b) e 6º c) desta orde.

e) Autorizar a asistencia do persoal adscrito a esta secretaría xeral a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

f) Dispoñer canto concirne ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia exclusiva da persoa titular da consellería ou estea atribuída ou delegada noutros órganos.

g) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

Artigo 2º

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades as seguintes atribucións:

a) Autorizar e dispoñer os gastos ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos, respecto dos créditos asignados a esta secretaría xeral nas correspondentes leis de orzamentos xerais.

b) Autorizar a asistencia do persoal adscrito a esta secretaría xeral a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

c) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Artigo 3º

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística as seguintes atribucións:

a) Autorizar e dispoñer os gastos ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos, respecto dos créditos asignados a esta secretaría xeral nas correspondentes leis de orzamentos xerais.

b) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal adscrito a esta secretaría xeral, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

c) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Artigo 4º

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa as seguintes atribucións:

a) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

b) Autorizar a asistencia do persoal adscrito a esta dirección xeral a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

Artigo 5º

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos as seguintes atribucións:

a) As competencias que lle correspondan á persoa titular da consellería en materia de persoal, agás aquelas que se deleguen expresamente noutros órganos.

b) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

c) Asinar os concertos educativos aprobados pola consellería.

d) As funcións relativas á homologación e á validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria polo Decreto 204/2008, do 28 de agosto.

Artigo 6º

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais desta consellería as seguintes atribucións:

a) Formalizar os contratos do profesorado de relixión e anexos aos contratos vixentes, os de carácter temporal do persoal non docente e os nomeamentos do persoal en prácticas, interino e substituto docente, para impartir ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Recoñecer os servizos previos, os trienios e os sexenios aos funcionarios docentes pertencentes a corpos ou escalas adscritos a esta consellería e ao profesorado de relixión.

c) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo, ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal con destino no correspondente ámbito territorial, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

Artigo 7º

1. As resolucións que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano que as conferiu.

2. En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá avocar o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde.

3. En todo caso, quedan excluídos das delegacións contidas nesta orde os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

4. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos órganos superiores desta consellería, as competencias delegadas contidas nesta orde serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polo órgano superior que corresponda seguindo a orde de prelación que se establece no artigo 5 a) do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Nos mesmos supostos, as competencias delegadas nas persoas titulares das xefaturas territoriais serán desempeñadas pola persoa responsable do Servizo de Recursos Humanos do departamento territorial.

Disposición adicional

O réxime de delegacións en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza, se é o caso, nas correspondentes ordes de convocatoria.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 3 de agosto de 2009 de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta disposición.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria