DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 27 de abril de 2010 Páx. 6.864

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 12 de abril de 2010 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica en centros educativos de ensino público, durante o curso 2009-2010.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para os efectos de desenvolver a dimensión educativa do Plan galego de acción fronte ao cambio climático, puxo en marcha o proxecto Climántica, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O dito proxecto aborda as grandes problemáticas ambientais actuais (quentamento global, enerxía, residuos, auga, biodiversidade, territorio, medio rural e medio urbano) relacionándoas co cambio climático. O seu obxectivo principal é desenvolver un modelo educativo participativo e aberto a todos os axentes sociais co fin de concienciar a sociedade acerca da ameaza que supón o cambio climático, da importancia de tomar medidas de alcance global fronte a este e da potencialidade que temos todos os cidadáns para definir e aplicar estas medidas na vida cotiá.

Co obxecto de permitir unha aproximación accesible á comprensión do cambio climático e socializar o coñecemento incorporando o maior número de axentes no proceso, este proxecto está ofrecendo contidos didácticos susceptibles de seren adaptados aos proxectos curriculares e ás programacións didácticas dos centros educativos, fomentando o debate e a reflexión ambiental dentro da comunidade educativa.

Desde que este proxecto se presentou á comunidade educativa de Galicia o 8 de febreiro de 2007 está a aumentar o número de centros que desenvolven estas experiencias. Por este motivo e co fin de acadar unha participación activa dos centros educativos neste proxecto, estanse a realizar xornadas formativas, materiais didácticos e outras iniciativas, todas elas recollidas na páxina web do proxecto Climántica.

Co fin de fomentar a aplicación das propostas do proxecto Climántica nos centros educativos de Galicia e recoñecer o traballo educativo desenvolvido no marco do proxecto, por orde do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 18 de xuño de 2008 aprobáronse as bases reguladoras e a convocatoria dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica, 2007-2008. Esta orde ten por obxecto dar continuidade aos citados premios nunha terceira convocatoria, para o curso 2009-2010.

Polo exposto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras aplicables á concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica en centros educativos públicos non universitarios e proceder á súa convocatoria para o curso 2009-2010.

Artigo 2º.-Obxecto e finalidade dos premios.

Os premios convocados mediante esta orde teñen por obxecto recoñecer publicamente e recompensar o grao de desenvolvemento do proxecto Climántica (promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) nos proxectos curriculares ou programacións didácticas dos centros educativos de Galicia de niveis non universitarios que estean adheridos ao dito proxecto no curso 2009-2010.

Artigo 3º.-Número e contía dos premios.

1. Poderanse outorgar, nesta convocatoria, ata 20 premios ás mellores experiencias curriculares que concreten e adapten os seus proxectos e programacións didácticas ás propostas do proxecto Climántica.

2. A contía de cada un dos premios dependerá da puntuación outorgada de acordo cos criterios sinalados no artigo 13º e en ningún caso poderá superar os mil cincocentos euros (1.500 €).

Artigo 4º.-Financiamento.

1. Os premios obxecto desta convocatoria aboaranse con cargo á partida orzamentaria 07.06.541.E.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, cuxo importe ascende a trinta mil euros (30.000 €).

2. O pagamento destes premios estará suxeito a retención fiscal, de conformidade coa lexislación aplicable nesta materia.

Artigo 5º.-Xestión.

A xestión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica, en centros educativos públicos non universitarios, farase de acordo cos principios recollidos no punto segundo do artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Procedemento de concesión.

A concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica, en centros educativos públicos non universitarios, tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 7º.-Beneficiarios.

1. Terán a condición de beneficiarios destes premios os centros educativos públicos non universitarios, dependentes da consellería con competencias en materia de educación, que inclúan na súa programación xeral anual ou nas actas dos órganos colexiados e de coordinación docente a participación no proxecto Climántica durante o curso 2009-2010.

2. Non se poderá obter a condición de beneficiario cando concorra algunha das circunstancias indicadas no punto segundo do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A xustificación de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario farase mediante declaración responsable, que se axustará ao modelo normalizado recollido no anexo VI.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica, en centros educativos públicos non universitarios, deberán cumprir coas obrigas sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, de xeito especial, deberán xustificar o cumprimento do obxectivo que motivou a concesión destes premios.

2. Os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino dos premios.

Artigo 9º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar na convocatoria dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica, durante o curso 2009-2010, axustarán o seu contido ao modelo normalizado recollido no anexo I desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e presentaranse no rexistro xeral desta consellería ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación das solicitudes comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente a dita autorización, caso en que deberá presentar, xunto coa solicitude, unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente ningunha débeda coa Xunta de Galicia, declaración que axustará o seu contido ao modelo normalizado recollido no anexo VI.

Artigo 10º.-Documentación que se ten que xuntar á solicitude.

Á solicitude para participar na convocatoria dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica en centros educativos de ensino público non universitario, durante o curso 2009-2010, deberase xuntar, en todo caso, a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva da experiencia curricular de desenvolvemento do proxecto Climántica no centro educativo, que se axustará á estrutura, contido e características sinalados no anexo II desta orde. A dita memoria deberá estar asinada, ademais de polo director do centro, polos profesores vinculados ao proxecto.

b) Unha escolma de ata cinco traballos elaborados por alumnos do centro, individualmente ou en grupo, no marco do desenvolvemento do proxecto Climántica. No caso de que algún destes traballos fose publicado na revista do III Congreso de estudantes ou fose obxecto de difusión a través da páxina web http://www.climantica.org ou a través de blogs de aulas ou revistas electrónicas, abondará con indicar a páxina da revista ou o enderezo electrónico onde se poden atopar eses traballos.

c) Unha declaración xurada ou promesa asinada polo director do centro, cuxo contido se axustará ao recollido no anexo III desta orde.

d) Un certificado do secretario do centro cuxo contido se axustará ao recollido no anexo IV desta orde.

e) Declaración doutras axudas, solicitadas ou concedidas, polas distintas administracións públicas para a realización do mesmo proxecto, que axustará o seu contido ao recollido no anexo V desta orde.

f) Declaración de non estar incurso en ningunha das causas sinaladas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que axustará o seu contido ao modelo normalizado recollido no anexo VI.

g) No caso de que na solicitude non se autorice a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, deberá presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento destas obrigas, que axustará o seu contido ao modelo normalizado recollido no anexo VI.

Os modelos normalizados sinalados nos anexos I, III, IV, V e VI poderanse obter no seguinte enderezo electrónico: http://medioambiente.xunta.es/formularios.jsp

Artigo 11º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación das solicitudes para ser beneficiario dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica comezará a contar desde o día seguinte ao da entrada en vigor desta orde e rematará o 30 de setembro de 2010.

Artigo 12º.-Emenda da solicitude.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, cando a solicitude para ser beneficiario dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica non se axuste ao establecido nesta orde, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a súa solicitude, indicándolle que de non facelo así se lle terá por desistido na súa solicitude.

Artigo 13º.-Criterios obxectivos de concesión dos premios.

1. A concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica en centros educativos de ensino público non universitario, durante o curso 2009-2010, farase con suxeición aos seguintes criterios:

A) Criterios de valoración das memorias:

1. Relevancia e transcendencia que presente a memoria, como modelo para aplicar noutros centros, pola claridade das explicacións sobre a planificación didáctica e educativa, polo seu valor para inspirar actividades internivelares e pola versatilidade e eficacia con que implique a comunidade educativa.

2. Fundamentación no marco do proxecto Climántica, que evidencie as relacións co cambio climático e coa educación ambiental e que poña de manifesto os usos que se fan dos recursos de Climántica.

3. Importancia da experiencia curricular dentro do proxecto educativo do centro para a coordinación transversal dos departamentos, para a coordinación de niveis diferentes, para organizar xornadas temáticas que impliquen a comunidade educativa e para articular a programación de determinadas materias.

4. Manifestación de aspectos innovadores na metodoloxía, no uso de recursos de tecnoloxías de información e comunicación (TIC) e no tipo de respostas que mostran os estudantes nos traballos modelo presentados.

5. Claridade técnica na redacción da memoria, rigor nos resultados e conclusións da avaliación e das valoracións e correccións dos traballos dos estudantes presentados como modelo.

6. Calidade técnica na formulación dos obxectivos, na estruturación dos contidos e no deseño das actividades e instrumentos de avaliación.

7. Presentación de recursos en diferentes formatos para describir a experiencia.

8. Implicación da comunidade educativa non académica (familias, concellos e sectores sociais).

A valoración das memorias poderá acadar unha puntuación máxima de 4 puntos, sen que por cada un dos criterios sinalados anteriormente se poida obter máis de 0,5 puntos.

B) Criterios da avaliación dos traballos realizados polos alumnos.

1. Que exista unha relación clara co proxecto.

2. Orixinalidade.

3. Rigor na elaboración.

4. Capacidade de sensibilización.

5. Grao de madurez na elaboración técnica.

6. Que mostren relación entre diferentes coñecementos así como a comprensión destes.

A valoración do conxunto dos traballos presentados por solicitude (máximo 5) poderá acadar unha puntuación máxima de 6 puntos, polo tanto a puntuación máxima por cada traballo será de 1,2 puntos, valorándose cada un dos criterios sinalados anteriormente ata un máximo de 0,2 puntos.

2. Para a concesión destes premios será necesario acadar, de conformidade cos criterios sinalados nas letras A) e B) do punto anterior, unha puntuación mínima de 4 puntos. A Comisión de Valoración proporá, entre as solicitudes que alcancen a puntuación mínima, a concesión dos premios ás solicitudes que obteñan maior puntuación, ata esgotar a dotación orzamentaria indicada no artigo 4º desta orde.

Artigo 14º.-Instrución e ordenación do procedemento.

1. O Servizo de Promoción e Participación para a Sostibilidade é o órgano competente para a instrución e a ordenación do procedemento para a concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica en centros educativos de ensino público non universitario, durante o curso 2009-2010, que se axustará, en todo caso, ao disposto nos capítulos II e III do título VI da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Rematada a instrución do procedemento de concesión destes premios, a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe elevará ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a proposta de resolución deste procedemento xunto co informe emitido pola Comisión de Valoración.

3. Poderase prescindir, mediante resolución motivada, do trámite de audiencia aos interesados da proposta de resolución cando non se teñan en conta outros feitos, alegacións e documentación que os alegados polos interesados.

Artigo 15º.-Comisión de Valoración.

1. As solicitudes presentadas para participar nesta convocatoria dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica en centros educativos de ensino público non universitario, durante o curso 2009-2010, serán valoradas por unha comisión con suxeición aos criterios sinalados no artigo 13º desta orde.

2. A Comisión de Valoración estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ou persoa en que esta delegue e estará integrada polos seguintes vogais:

a) O/A xefe/a do Servizo de Promoción e Participación de Sostibilidade, da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

b) O/A director/a do proxecto Climántica.

c) O/A subdirector/a xeral de Investigación, Cambio Climático e Información Ambiental.

d) Unha persoa en representación da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O/A director/a xeral de Sostibilidade e Paisaxe designará, entre o seu persoal, o/a secretario/a da Comisión de Avaliación, que asistirá ás súas reunións con voz pero sen voto.

3. A Comisión de Valoración concretará nun informe o resultado da avaliación efectuada, o cal será remitido á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

Artigo 16º.-Resolución do procedemento.

1. A competencia para a concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica, en centros educativos de ensino público non universitario, durante o curso 2009-2010, corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, con suxeición ao establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución deste procedemento será, en todo caso, motivada con suxeición aos criterios sinalados no artigo 13º desta orde.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica durante o curso 2009-2010, poderá dar lugar á modificación da resolución de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A resolución do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pon fin á vía administrativa e fronte a ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante este mesmo órgano ou ben poderá ser impugnada directamente ante o orde xurisdicional contencioso-administrativa, de acordo co sinalado nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Prazo para a resolución do procedemento.

O prazo para a resolución da concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica en centros educativos de ensino público non universitario, durante o curso 2009-2010, será de dous meses, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación das solicitudes, con suxeición en todo caso ao establecido no artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Con suxeición ao establecido no artigo 25.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución deste procedemento lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a súa solicitude.

Artigo 18º.-Compatibilidade con outras subvencións.

Os premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica serán compatibles con outros premios, subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, con suxeición, en todo caso, ao establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Infraccións e sancións administrativas.

1. Constitúen infraccións administrativas no procedemento de concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica as sinaladas no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as cales serán sancionadas de conformidade co disposto na dita lei.

2. O órgano competente para impoñer sancións polas infraccións cometidas dentro do procedemento de concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica é o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Artigo 20º.-Pagamento dos premios.

O pagamento dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica, durante o curso 2009-2010, axustarase ao sinalado no artigo 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, e farase efectivo mediante transferencia bancaria ao número de conta sinalado polo beneficiario na súa solicitude, de acordo co disposto no artigo 9º desta orde.

Artigo 21º.-Reintegro de premios.

1. Procederá o reintegro total dos premios concedidos no suposto de que os centros educativos premiados incumprisen as condicións ou os méritos tidos en conta para a concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica durante o curso 2009-2010.

2. O/A conselleiro/a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é o órgano competente para resolver o procedemento de reintegro destes premios, que se rexerá polas disposicións xerais sobre procedementos administrativos contidas no título VI da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo das especialidades recollidas no capítulo II, do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22º.-Rexistro Público de Subvencións.

1. A concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica en centros educativos de ensino público non universitario, durante o curso 2009-2010, será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Facenda.

2. Os interesados terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección dos datos de carácter persoal.

3. A solicitude para ser beneficiario dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica levará implícita a autorización, no suposto de resultar premiado, para a inscrición no Rexistro Público de Subvencións dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, os solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2º do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23º.-Publicidade.

1. De conformidade co disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica, durante o curso 2009-2010, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, con expresión da súa convocatoria, do programa e do crédito orzamentario a que se imputan, dos beneficiario así como do importe e finalidade destes premios.

2. Con suxeición ao establecido no número 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, publicarase na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o importe dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica concedidos, a relación dos premiados e a identificación da normativa reguladora.

3. Os centros educativos premiados autorizarán a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a publicación total ou parcial das memorias e dos traballos presentados, durante un prazo de dous anos desde a resolución da concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica durante o curso 2009-2010.

4. A dirección de cada centro educativo que resultase premiado arbitrará as medidas necesarias para dar a máxima difusión ao premio concedido, co fin de que sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa, e entregará unha copia da resolución da concesión do premio ao consello escolar, ao claustro, ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPA) e, de ser o caso, ás asociacións de alumnos.

Disposición adicional

Única.-Delégase expresamente no director/a xeral de Sostibilidade e Paisaxe o exercicio da competencia prevista no artigo 16º desta orde, para resolver a concesión dos premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica en centros educativos de ensino público non universitario, durante o curso 2009-2010.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o/a director/a xeral de Sostibilidade e Paisaxe para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "07800D005P020.PDF"