DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 26 de abril de 2010 Páx. 6.659

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

DECRETO 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP).

A Xunta de Galicia ten como obxectivo, dentro do marco da planificación enerxética, a creación dunha infraestrutura de transporte e distribución de gas que actúe como factor de competitividade para o seu tecido empresarial e de calidade de vida para a súa cidadanía. Para conseguir este obxectivo, cómpre garantir a subministración de gas canalizado ao maior número posible de núcleos de poboación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Despois de máis de 30 anos de historia na distribución de GLP (gases licuados do petróleo) canalizado en Galicia e máis de 10 anos dende a chegada do gas natural, a aparición de novas empresas distribuidoras interesadas na gasificación de certas zonas do noso territorio fai necesario regular a forma de resolución no suposto de concorrencia de varias solicitudes de autorización administrativa para as mesmas instalacións.

Con respecto ás instalacións de transporte secundario de gas natural, a Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, establece no seu artigo 67, punto 1, que a construción, explotación, modificación e peche das instalacións de transporte secundario requirirán autorización administrativa previa e, así mesmo, que a construción e explotación deberán ser outorgadas mediante un procedemento que asegure a concorrencia. No seu número 3 establécese que o procedemento e outorgamento da autorización incluirá o trámite de información pública, e indícase, así mesmo, que a autorización en ningún caso se entenderá concedida en réxime de monopolio nin concederá dereitos exclusivos, e que a falta de resolución expresa terá efectos desestimatorios.

Con respecto ás instalacións de distribución de gas natural, establece no seu artigo 73, número 2, que a construción, modificación, explotación e peche das instalacións de distribución de gas natural estarán suxeitas a autorización administrativa previa. No seu número 4 establécese que o procedemento de autorización incluirá o trámite de información pública e a forma de resolución no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización, e indícase, así mesmo, que a autorización en ningún caso se concederá con dereitos exclusivos de uso e que a falta de resolución expresa terá efectos desestimatorios. Ademais, no seu número 7, establece que as autorizacións de construción e explotación de instalacións de distribución deberán ser outorgadas preferentemente á empresa distribuidora da zona e, en caso de non existir distribuidor na zona, atenderanse os principios de monopolio natural do transporte e a distribución, rede única e de realización ao menor custo para o sistema

gasista.

Por outra parte, a disposición adicional vixésimo terceira establece que sobre a zona de distribución de gas natural dunha autorización administrativa non poderán concederse novas autorizacións para a construción de instalacións de distribución, e deberanse cumprir as obrigas de servizo de interese xeral e extensión das redes, impostas na lexislación e na propia autorización administrativa.

Con respecto ás instalacións de distribución de GLP, establece no seu artigo 46 bis, número 2, que a construción, modificación, explotación e peche das instalacións de almacenamento e distribución de GLP a granel, e as canalizacións necesarias para a subministración desde os almacenamentos anteriores ata os consumidores finais, requirirán autorización administrativa previa. No seu número 5 establécese que o procedemento de autorización incluirá o trámite de información pública e a forma de resolución no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización, e indícase, así mesmo, que a falta de resolución expresa terá efectos desestimatorios.

A disposición derradeira primeira establece que a dita lei ten carácter básico, excluíndose deste carácter básico as referencias aos procedementos administrativos, que serán regulados pola Administración competente, e axustarase en todo caso ao establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O procedemento de autorización destas instalacións vén regulado no Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural. Este procedemento, de acordo coas exixencias derivadas dos preceptos citados nos parágrafos anteriores, inclúe o trámite de información pública, pero non regula a forma de resolución no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización.

O artigo 3.3º da Lei 34/1998, do 7 de outubro, establece, na súa letra a), que corresponde ás comunidades autónomas no ámbito das súas respectivas competencias o desenvolvemento lexislativo e a execución da normativa básica en materia de hidrocarburos e, na sua letra d), autorizar aquelas instalacións cuxo aproveitamento non afecte outras comunidades ou o transporte ou a distribución non saia do seu ámbito territorial.

Así mesmo, o artigo 28.3º do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia da Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que a mesma estableza, do réxime mineiro e enerxético.

Con base en todo o anterior, desenvólvese este decreto para regular o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de GLP. O decreto divídese en nove artigos, unha disposición adicional, dúas disposicións transitorias e tres disposicións derradeiras.

O artigo 1º regula o seu obxecto, coincidente co título do decreto, que consiste en regular o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa das instalacións que abrangue o seu ámbito de aplicación.

O artigo 2º regula o seu ámbito de aplicación, que comprende as instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e de distribución de GLP.

O artigo 3º recolle as definicións das instalacións que integran o seu ámbito de aplicación.

O artigo 4º recolle, para cada unha das instalacións que entran dentro do seu ámbito de aplicación, a definición de solicitudes concorrentes.

O artigo 5º regula o trámite de competencia das solicitudes de autorización administrativa, co obxecto de posibilitar a presentación de solicitudes en concorrencia nun prazo determinado e, así mesmo, resolver este trámite a favor daquela empresa cuxo proxecto obteña a mellor valoración.

O artigo 6º regula a convocatoria pública para a presentación de solicitudes en concorrencia para instalacións de distribución de gas natural e redes de distribución de GLP, que esta consellería poderá realizar co obxecto de achegar a distribución do gas canalizado aos núcleos de poboación que non dispoñan del.

Os artigos 7º, 8º e 9º regulan os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na obtención da autorización administrativa, respectivamente, dos gasodutos de transporte secundario e ramais de distribución de gas natural, de redes de distribución de gas natural e de redes de distribución de GLP. Os ditos criterios teñen en conta tanto os aspectos técnicos relativos ao deseño e alimentación das redes, como outros relativos ao servizo aos usuarios, como son o prazo de disposición do gas e a extensión das redes, así como aspectos económicos e ambientais.

A disposición adicional establece unha preferencia na obtención das subvencións que esta consellería instrumente para o desenvolvemento da gasificación na Comunidade Autónoma de Galicia, a favor dos investimentos derivados das autorizacións administrativas outorgadas polo procedemento de convocatoria pública regulado no artigo 6º do decreto.

As disposicións transitorias dispoñen a aplicación deste decreto ás solicitudes xa presentadas e que están pendentes de iniciar ou de resolver a concorrencia; relaciónanse estas últimas no anexo do decreto.

As disposicións derradeiras fan referencia ao anexo do decreto, facultan o titular da Consellería de Economía e Industria para o seu desenvolvemento e aplicación e fixan a súa entrada en vigor.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de abril de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto regular o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de GLP.

2. Para os demais trámites, o procedemento de autorización administrativa rexerase polo disposto no título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación ás instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural, reguladas no título IV da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e ás instalacións de distribución de GLP, reguladas no título III da dita lei, situadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de GLP.

1. As instalacións de transporte secundario de gas natural están formadas polos gasodutos de presión máxima de deseño inferior a 60 bares e superior a 16 bares.

2. As instalacións de distribución de gas natural están formadas polos gasodutos con presión máxima de deseño igual ou inferior a 16 bares. Dentro destes gasodutos pode realizarse, para efectos de funcionalidade, a seguinte distinción:

a) Os ramais de distribución, que son os gasodutos de distribución que se conectan aos gasodutos de transporte primario ou secundario, cuxo obxectivo é conducir o gas desde estes ata as proximidades dos núcleos de poboación, e que adoitan operar cunha presión de deseño de 16 bares.

b) As redes de distribución, que son os restantes gasodutos de distribución, construídos dentro do núcleo de poboación e que adoitan operar cunha presión de deseño máxima de 4 bares, constituíndo redes máis ou menos malladas que distribúen o gas no interior da poboación chegando ata o consumidor.

Así mesmo, forman parte das instalacións de distribución de gas natural aqueles outros gasodutos que, con independencia da súa presión máxima de deseño, teñan por obxecto conducir o gas a un único consumidor, partindo dun gasoduto da rede básica ou de transporte secundario. Terán tamén a condición de instalacións de distribución as plantas satélite de gas natural licuado que alimenten a unha rede de distribución.

3. As redes de distribución de GLP están formadas polas instalacións de almacenamento e distribución de GLP a granel, e as canalizacións necesarias para a distribución do gas desde os almacenamentos anteriores ata os consumidores finais.

4. Así mesmo, considéranse elementos constitutivos das instalacións reguladas nos anteriores puntos todos aqueles activos de comunicacións, subministración eléctrica, proteccións, control, servizos auxiliares, terreos, edificacións, centros de control e demais elementos auxiliares necesarios para o adecuado funcionamento delas.

Artigo 4º.-Concorrencia de solicitudes.

1. Para as instalacións de transporte secundario de gas natural, considerarase que dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa son concorrentes cando se refiran ao mesmo gasoduto recollido na planificación do Estado.

2. Para as instalacións de distribución de gas natural, considerarase que dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa son concorrentes nos seguintes casos:

a) Cando se refiran a un ramal de distribución que teña por obxecto achegar o gas ata as proximidades dos mesmos núcleos de poboación, desde un gasoduto de transporte primario ou secundario.

b) Cando se refiran a unha rede de distribución que teña por obxecto distribuír o gas dentro dun mesmo núcleo de poboación.

3. Para as redes de distribución de GLP, considerase que dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa son concorrentes cando se refiran a unha rede de distribución que teña por obxecto distribuír o gas dentro do mesmo núcleo de poboación.

Artigo 5º.-Trámite de competencia.

1. As solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario de gas natural, distribución de gas natural ou redes de distribución de GLP, iniciarán o trámite de competencia, conforme o establecido no número 2 deste artigo, coa excepción das seguintes:

a) Aquelas solicitudes que, presentándose con posterioridade a outra, sexan consideradas en concorrencia con ela, conforme o establecido no artigo 4º deste decreto.

b) Aquelas solicitudes, correspondentes a instalacións de distribución de gas natural ou redes de distribución de GLP, que se presenten a unha convocatoria pública, conforme o establecido no artigo 6º deste decreto.

2. O trámite de competencia iniciarase coa publicación no Diario Oficial de Galicia dun anuncio da citada solicitude, para que outras empresas interesadas presenten solicitudes en concorrencia, dentro do prazo de 30 días contados desde o día seguinte á dita publicación. No dito anuncio indicarase a empresa que presenta a solicitude, o contido da solicitude, o tipo de instalación, a denominación do proxecto de instalacións que acompaña a solicitude e, dependendo do tipo de instalación, a orixe e o fin do gasoduto ou ramal de distribución, ou o núcleo de poboación da rede de distribución.

Esta publicación realizarase con carácter previo e de forma independente á publicación correspondente ao trámite de información pública da autorización administrativa e, de ser o caso, ao trámite ambiental, establecidos no Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

3. No prazo de 60 días desde a data límite para presentar solicitudes en concorrencia, os servizos técnicos da dirección xeral competente en materia de enerxía elaborarán un informe onde se valorarán todos os proxectos presentados, de acordo cos criterios establecidos nos artigos 7º, 8º e 9º deste decreto.

Á vista deste informe, a citada dirección xeral resolverá o trámite de competencia a favor da empresa cuxo proxecto obteña a maior puntuación.

Artigo 6º.-Convocatoria pública para a presentación de solicitudes en concorrencia para instalacións de distribución de gas natural e redes de distribución de GLP.

1. A dirección xeral competente en materia de enerxía poderá realizar convocatorias públicas, mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación en concorrencia, por parte das empresas interesadas, das seguintes solicitudes de autorización administrativa:

a) De ramais de distribución, para achegar o gas natural ata as proximidades de núcleos de poboación que non dispoñan del.

b) De redes de distribución, de gas natural ou de GLP, para a distribución de gas canalizado en núcleos de poboación que non dispoñan del.

2. O prazo para a presentación de solicitudes de autorización administrativa será o fixado na correspondente resolución de convocatoria, que como mínimo será de 30 días.

3. No prazo de 60 días desde a data límite para presentar solicitudes en concorrencia, os servizos técnicos da dirección xeral competente en materia de enerxía elaborarán un informe onde se valorarán, para cada unha das instalacións para as que se fixo a convocatoria, todos os proxectos presentados, de acordo cos criterios establecidos nos artigos 7º, 8º e 9º deste decreto.

Á vista deste informe e para cada unha das ditas instalacións, a citada dirección xeral resolverá o trámite de competencia a favor da empresa cuxo proxecto obteña a maior puntuación.

Artigo 7º.-Criterios de valoración para gasodutos de transporte secundario e ramais de distribución de gas natural.

1. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na obtención da autorización administrativa de gasodutos de transporte secundario e ramais de distribución de gas natural serán os seguintes:

a) Ser titular de autorizacións administrativas de redes de distribución de gas natural a que se vaian conectar. Valorarase ata 30 puntos, co fin de alcanzar o desenvolvemento homoxéneo e coherente do sistema gasista na mesma zona, mediante a optimización dos recursos humanos, técnicos e económicos, que permita concentrar os esforzos para investir nela.

b) Idoneidade do trazado. Valorarase ata 20 puntos o menor número de afectacións a predios particulares, o evitar o paso por zonas sensibles ou protexidas e o achegarse ao maior número de núcleos de poboación.

c) Características técnicas do proxecto. Valoraranse ata 20 puntos os aspectos técnicos da instalación como poden ser, entre outros, a maior capacidade de transporte ou distribución, o maior diámetro de tubaxe ou o maior número de posicións de válvulas para futuras conexións.

d) Prazo de execución. Valorarase ata 15 puntos o menor prazo de execución, téndose en conta a presentación, conxuntamente coa solicitude de autorización administrativa, da solicitude de aprobación do proxecto e, de ser o caso, do recoñecemento de utilidade pública.

e) Orzamento. Valorarase ata 15 puntos o menor orzamento da instalación, téndose en conta as súas características técnicas.

2. En caso de igualdade na puntuación obtida, terá preferencia a solicitude presentada en primeiro lugar.

3. No proxecto de instalación, que debe acompañar toda solicitude de autorización administrativa, conforme o exixido no artigo 76 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, deberán recollerse de forma detallada aqueles aspectos que poidan ser obxecto de valoración con base nos criterios antes citados.

4. De acordo co disposto no número 7 do artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, as autorizacións de construción e explotación de instalacións de distribución deberán ser outorgadas preferentemente á empresa distribuidora da zona.

Artigo 8º.-Criterios de valoración para redes de distribución de gas natural.

1. Con respecto aos núcleos de poboación onde xa exista unha autorización administrativa para a instalación dunha rede de distribución de GLP, cando se presenten solicitudes en concorrencia de autorizacións administrativas de redes de distribución de gas natural, a dirección xeral competente en materia de enerxía resolverá o trámite de competencia a favor da empresa que chegase a un acordo co titular da autorización administrativa de distribución de GLP para a súa transformación a gas natural, sen entrar a valorar o resto de solicitudes conforme o establecido nos seguintes puntos deste artigo.

2. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na obtención da autorización administrativa de redes de distribución de gas natural serán os seguintes:

a) Ser titular de autorizacións administrativas de redes de distribución de gas natural en núcleos de poboación próximos. Valorarase ata 30 puntos, co fin de alcanzar o desenvolvemento homoxéneo e coherente do sistema gasista na mesma zona, mediante a optimización dos recursos humanos, técnicos e económicos, que permita concentrar os esforzos para investir nela.

b) Prazo de inicio da subministración de gas. Valorarase ata 20 puntos o menor prazo para a chegada do gas aos consumidores, téndose en conta a presentación, conxuntamente coa solicitude de autorización administrativa, da solicitude de aprobación do proxecto e, de ser o caso, de recoñecemento de utilidade pública. Tamén se terá en conta a instalación provisional dunha planta satélite de gas natural que alimente a dita rede de distribución ata a súa conexión futura a un gasoduto.

c) Extensión da rede de distribución. Valorarase ata 20 puntos o maior desenvolvemento da rede de distribución no núcleo de poboación para o que se solicita a autorización administrativa.

d) Orzamento. Valorarase ata 10 puntos o menor orzamento da instalación, téndose en conta as súas características técnicas.

e) Solución técnica adoptada. Valorarase ata 10 puntos a mellor solución técnica, téndose en conta que a alimentación da rede de distribución se realice mediante a súa conexión a un gasoduto (maior garantía, calidade e seguridade da subministración).

f) Realizar a distribución con redes de alta presión A, que permita a instalación futura de polígonos industriais na zona. Valorarase ata 10 puntos.

3. En caso de igualdade na puntuación obtida, terá preferencia a solicitude presentada en primeiro lugar.

4. No proxecto de instalación, que debe acompañar toda solicitude de autorización administrativa, conforme o exixido no artigo 76 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, deberán recollerse de forma detallada aqueles aspectos que poidan ser obxecto de valoración con base nos criterios antes citados.

5. De acordo co disposto no número 7 do artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, as autorizacións de construción e explotación de instalacións de distribución deberán ser outorgadas preferentemente á empresa distribuidora da zona.

Artigo 9º.-Criterios de valoración para redes de distribución de GLP.

1. As redes de distribución de GLP deberán deseñarse e construírse de forma que resulten compatibles para a distribución de gas natural.

2. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na obtención da autorización administrativa de redes de distribución de GLP serán os seguintes:

a) Ser titular de autorizacións administrativas de redes de distribución de GLP en núcleos de poboación próximos. Valorarase ata 30 puntos, co fin de alcanzar o desenvolvemento homoxéneo e coherente do sistema gasista na mesma zona, mediante a optimización dos recursos humanos, técnicos e económicos, que permita concentrar os esforzos para investir nela.

b) Prazo de inicio da subministración de gas. Valorarase ata 20 puntos o menor prazo para a chegada do gas aos consumidores, téndose en conta a presentación, conxuntamente coa solicitude de autorización administrativa, da solicitude de aprobación do proxecto e, de ser o caso, de recoñecemento de utilidade pública.

c) Extensión da rede de distribución. Valorarase ata 20 puntos o maior desenvolvemento da rede de distribución no núcleo de poboación para o que se solicita a autorización administrativa.

d) Orzamento. Valorarase ata 15 puntos o menor orzamento da instalación, téndose en conta as súas características técnicas.

e) Solución técnica adoptada. Valorarase ata 15 puntos a mellor solución técnica, téndose en conta a maior autonomía da instalación.

3. En caso de igualdade na puntuación obtida, terá preferencia a solicitude presentada en primeiro lugar.

4. No proxecto de instalación, que debe acompañar toda solicitude de autorización administrativa, conforme o exixido no artigo 76 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, deberán recollerse de forma detallada aqueles aspectos que poidan ser obxecto de valoración con base nos criterios antes citados.

Disposición adicional

Os investimentos derivados dos proxectos correspondentes ás autorizacións administrativas de instalacións de distribución de gas natural e redes de distribución de GLP, outorgadas polo procedemento de convocatoria pública regulado no artigo 6º deste decreto, terán preferencia na obtención das subvencións que a Consellería de Economía e Industria instrumente para o desenvolvemento da gasificación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Expedientes pendentes de inicio.

As solicitudes de autorización administrativa dunha determinada instalación de transporte secundario de gas natural ou de distribución de gas natural ou GLP, presentadas antes da entrada en vigor deste decreto, tramitaranse e resolveranse conforme o previsto nel, no caso de que ningunha delas fose sometida ao trámite de información pública.

Segunda.-Expedientes en tramitación.

Para aquelas solicitudes de autorización administrativa dunha determinada instalación de transporte secundario de gas natural ou de distribución de gas natural ou GLP, presentadas antes da entrada en vigor deste decreto, e sempre que polo menos unha delas fose sometida ao trámite de información pública, entenderase realizada a publicación do trámite de competencia con respecto á instalación de que se trate e, así mesmo, serán consideradas en concorrencia calquera outras solicitudes presentadas para a dita instalación ata a entrada en vigor deste decreto. Para o resto da tramitación aplicarase o disposto neste decreto.

Así mesmo, tras a entrada en vigor deste decreto, a dirección xeral competente en materia de enerxía notificarállelo aos titulares das ditas solicitudes para que, nun prazo de 30 días desde a recepción da citada notificación, poidan completar a súa solicitude inicial atendendo aos criterios de valoración establecidos nos artigos 7º, 8º e 9º deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Como anexo a este decreto recóllese a relación das instalacións as que se refire a disposición transitoria segunda e para as que se presentaron solicitudes en concorrencia.

Segunda.

Facúltase o titular da Consellería de Economía e Industria para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de abril de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

Ver referencia pdf "07700D002P012.PDF"