DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 23 de abril de 2010 Páx. 6.523

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se establecen medidas técnicas xerais para a implantación e a operatividade dos plans de transporte metropolitanos de Galicia e as concesións afectadas (primeira fase e segunda fase).

A Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia, previu que a Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobaría, en desenvolvemento dela, un plan de modernización do sector do transporte público, no marco das bases establecidas na propia norma.

En desenvolvemento destas bases, e consonte o mandado expreso do artigo 1.1º da indicada Lei 5/2009, a Dirección Xeral de Mobilidade ditou a resolución do 26 de febreiro de 2010, pola que se aproba o plan de modernización das concesións de transporte público regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, resolución que foi notificada ás empresas concesionarias e publicada no Diario Oficial de Galicia do 1 de marzo de 2010.

Este plan incorporouse de forma directa e inmediata a partir do momento da súa propia aprobación, e sen necesidade de acto administrativo ulterior ningún, a todas aquelas concesións que, consonte a Lei 5/2009 así o aceptaron (artigo 1º, números 2 e 3).

Nel establécense unha serie de condicionantes que deberán ser implementados consonte a programación que prevé o propio plan de modernización e atendendo, en todo caso, á habilitación á Administración para exixir a inmediata implantación daquelas medidas que resulten necesarias para a posta en operativa dos plans de transporte metropolitano de Galicia ou de plans de información aos usuarios.

En efecto, para a posta en marcha dos novos plans de transporte metropolitano tanto nas áreas en que xa esta a funcionar (A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, primeira fase) como nas que se está a traballar na súa posta en marcha (Ourense, Lugo, Pontevedra e Vigo, segunda fase) exixe a inmediata implantación de determinadas medidas técnicas que fagan viable o establecemento e posta en marcha dos plans segundo as previsións marcadas pola Administración.

Atendendo á habilitación prevista no plan de modernización, mediante esta resolución establécense aquelas medidas técnicas necesarias para a posta en marcha do novo sistema tarifario zonal, especialmente na súa vinculación co sistema de pagamentos do transporte metropolitano de Galicia, no marco do previsto no número 1. Medidas tecnolóxicas e de explotación; ii) Integración dos plans de transporte metropolitano e o novo sistema tarifario zonal, das actuacións do plan de modernización.

Primeiro.-Sistema tarifario zonal. Regras e medidas para a súa implantación.

1. O sistema tarifario zonal precisa a definición das zonas de transporte, do sistema de saltos entre zonas e das tarifas correspondentes a cada salto.

1.1. A Dirección Xeral de Mobilidade definirá as zonas de transporte para os efectos tarifarios nas cales resultarán de aplicación, así como os cadros de saltos entre zonas, atendendo aos fluxos de mobilidade da poboación que resulten dos estudos elaborados para o efecto, xunto coa análise das tarifas que lles viñan correspondendo no sistema linear.

1.2. A distribución zonal e os cadros de saltos previstos nos plans de transporte metropolitano serán os establecidos nos convenios de colaboración que se concerten cos distintos concellos para os efectos de constituír as denominadas áreas de transporte metropolitano.

2. Nas áreas afectadas polos novos plans de transporte metropolitano procederase á adaptación do sistema tarifario linear ao sistema tarifario zonal. A operatividade do novo sistema tarifario realizarase con respecto estrito do conxunto de regras establecidas para tal fin e incorporadas ao documento Operatividade do novo modelo tarifario zonal e do sistema de pagamentos do transporte metropolitano de Galicia, que a Dirección Xeral de Mobilidade facilitará a todas as empresas operadoras.

2.1. Cálculo da tarifa de compensación a nivel de cada concesión.

a) O cálculo da tarifa de compensación a nivel de cada concesión realizarase nos termos previstos no acordo formalizado no mes de marzo de 2009 entre a entón conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Comité Galego de Transporte por Estrada, consonte o previsto no plan de modernización.

b) Para tal fin, as concesións incluídas no anexo da presente resolución, en tanto se prevé a súa integración nos plans de transporte metropolitano de Galicia ao longo do presente ano 2010, deberán fornecer os datos de explotación do ano de referencia (2008) nas seguintes datas:

-Antes do 7 de maio de 2010 as concesións incluídas na primeira fase de implantación de plans metropolitanos.

-Antes do 31 de maio as concesións incluídas na segunda fase de implantación de plans metropolitanos.

Cando unha concesión se vexa incluída en varias áreas metropolitanas, a información do conxunto dela realizarase na data que corresponda á primeira área en que se vaia a implantar.

O resto das empresas concesionarias deberán facilitar esta información antes do 30 de outubro de 2010.

En todo caso, a fin de garantir a implantación dos referidos plans, a Dirección Xeral de Mobilidade poderá establecer prazos máis breves respecto dalgunha ou varias concesións, o que se lles comunicará oportunamente.

c) A información dos datos de explotación deberá ser remitida dentro dos prazos previstos na alínea anterior no soporte informático habilitado pola Dirección Xeral de Mobilidade, atendendo ao modelo e nivel de desagregación que esta establecerá e estará ao dispor das empresas operadoras na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.transportemetropolitano.xunta.es).

d) Recibida a indicada información de explotación concesional, a Dirección Xeral de Mobilidade ditará unha resolución administrativa establecendo as tarifas de compensación aplicables en cada concesión e establecendo os requirimentos e prazos para a operatividade da nova tarifa.

Con carácter xeral, establécese que a nova tarifa zonal operará nas áreas de transporte metropolitano da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela a partir da data establecida en cada resolución, que non será anterior ao 15 de xuño.

No resto das áreas de transporte metropolitano de Galicia previstas, planificouse a súa operatividade na data que estableza a Dirección Xeral de Mobilidade dentro do cuarto trimestre do ano 2010.

e) Logo da posta en operatividade do novo sistema tarifario zonal, a Dirección Xeral de Mobilidade procederá á revisión das tarifas de compensación aplicables en cada concesión atendendo aos datos reais de demanda de transporte e aos parámetros de paradas de acceso á rede de transporte e saltos. Esta revisión efectuarase logo do primeiro ano natural de vixencia do sistema respecto de cada concesión.

2.2. A operatividade da nova tarifaria zonal require por parte das empresas a formalización previa dos correspondentes contratos coas entidades financeiras colaboradoras co Plan de transporte metropolitano de Galicia, que se deberá efectuar en todos os casos con anticipación á data prevista para a posta en funcionamento de cada área de transporte metropolitano.

2.3. Igualmente, as empresas deberanse dotar dos medios tecnolóxicos precisos para a operatividade da nova tarxeta metropolitana de Galicia (en diante TMG) e o Sistema de Información do Transporte Metropolitano (en diante Sitme). Para tal fin, a Dirección Xeral de Mobilidade poderá establecer canles de colaboración coas empresas subministradoras co fin de facilitar a adaptación do hardware e o software subministrado ao abeiro da orde da entón conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda do 6 de agosto de 2004, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2004 a concesión de subvencións ás empresas titulares de servizos de transporte público regular permanente de viaxeiros por estrada da competencia exclusiva da Xunta de Galicia, para a instalación de sistemas de cancelación e tratamento da información a bordo dos vehículos; esta colaboración abranguerá exclusivamente a mera adaptación dos equipamentos, correspondendo esta actuación integramente

ás empresas operadoras cando se trate de substitución de máquinas ou equipamentos adquiridos con base naquela orde.

2.4 As empresas operadoras asumen a obriga de colaborar no establecemento dos novos plans de transporte metropolitano mediante a participación en probas piloto cando sexan requiridas pola Administración para a implantación dos plans segundo a programación establecida.

Segundo.-Sistema de pagamentos do transporte metropolitano de Galicia. As tarxetas metropolitanas. Medidas técnicas necesarias para o aboamento dos servizos metropolitanos prestados.

1. Sistemas de pagamento do transporte metropolitano de Galicia.

1.1. A posta en marcha dos novos plans de transporte metropolitano leva aparellado o establecemento dun medio de pagamento, denominado tarxeta metropolitana de Galicia (TMG), válida en todos os modos de transporte con tráficos metropolitanos e obrigatoriamente aceptada polos operadores.

1.2. Así mesmo, procédese á ordenación e simplificación dos títulos comercializados polos diferentes modos de transporte nos cales a Xunta de Galicia é a Administración titular, que quedarán restrinxidos e limitados ás seguintes modalidades:

-Billete sinxelo: válido unicamente para unha etapa, non permite o transbordo.

-Tarxeta metropolitana de Galicia (TMG): trátase dun medio de pagamento (tarxeta moedeiro), emitido pola Xunta de Galicia, directamente ou en colaboración con entidades financeiras, de carácter multiviaxe (permite múltiples cancelacións) e multimodal (aceptable en todos os modos con tráficos); nos pagamentos efectuados con esta tarxeta aplicaranse as bonificacións previstas nos convenios interadministrativos subscritos pola Xunta de Galicia e os concellos de cada unha das áreas de transporte metropolitano.

-Tarxeta metropolitana de Galicia social (TMGS): constitúe unha variante da TMG, como tarxetas moedeiro de carácter nominativo, con bonificacións de carácter social. Nos pagamentos efectuados con esta tarxeta aplicaranse as bonificacións establecidas nos convenios interadministrativos subscritos pola Xunta de Galicia e os concellos de cada unha das áreas de transporte metropolitano.

1.3. Nos ámbitos das áreas de transporte metropolitano non se ofertarán outras tarifas que as indicadas no número anterior ou aqueloutras que resulten expresamente aprobadas pola Administración.

2. Transmisión de colectas.

As empresas operadoras, para efectos de liquidación dos servizos prestados, obríganse a transmitir ao Sitme as colectas coa regularidade establecida no documento Operatividade do novo modelo tarifario zonal e do sistema de pagamentos do transporte metropolitano de Galicia; o incumprimento desta obriga determinará que a colecta non remitida en prazo será rexeitada polo sistema, coas consecuencias económicas previstas no acordo co Comité Galego de Transportes por Estrada de marzo de 2009 e segundo os documentos operativos que desenvolva a Administración.

3. Transmisión de información inicial de explotación.

3.1. As empresas concesionarias facilitarán a carga no Sitme e cargarán nas máquinas canceladoras a información referente á explotación concesional; esta mesma información será empregada para a información aos usuarios.

3.2. A carga de información indicada no número anterior, poderá ser realizada por unha das seguintes vías:

a) Os equipos técnicos contratados pola Administración cargarán no Sitme e remitirán ás empresas para a súa carga nas máquinas canceladoras a información dispoñible no correspondente título concesional.

b) Alternativamente, as empresas que o desexen poderán presentar aos equipos técnicos contratados pola Administración a información de explotación da concesión e daqueloutros servizos que exploten e desexen que consten na aplicación para a súa xestión, segundo o modelo informático que se lles facilitará para o efecto. Neste caso, procederase á carga desta información e á súa remisión ás empresas operadoras para a súa carga nas máquinas. No prazo de seis meses desde a posta en operatividade do sistema, esta información será remitida aos Servizos da Dirección Xeral de Mobilidade para proceder á súa revisión e contraste cos datos concesionais vixentes nese momento, coas consecuencias previstas na normativa de transportes para o suposto de incumprimento da oferta concesional. Para estes efectos as empresas solicitarán mediante correo electrónico no enderezo transporte.metropolitano.galicia@xunta.es o modelo informatizado no que deberán presentar a información.

3.3. As empresas que non teñan presentado á Administración antes do día 7 de maio de 2010 para as involucradas na primeira fase, e antes do 31 de maio de 2010 para as da segunda fase, a información prevista no número 3.2 b) anterior, enténdese que optan pola carga directa pola Administración da información existente no correspondente título concesional.

3.4. En todo caso, unha vez elaborados os datos mestres pola Administración, esta facilitarallos ás empresas para a súa revisión; pasado o prazo establecido para o efecto sen que se formulasen alegacións, ou unha vez analizadas e incorporadas estas, se for o caso, a Administración elevarallos ao Sitme e remitirallos ás empresas para a súa carga nas máquinas canceladoras.

3.5. As empresas operadoras serán responsables da plena correspondencia entre a información cargada no Sitme e a conseguinte información facilitada aos usuarios a través deste medio, coa realidade da explotación que elas presten. Igualmente, a participación no Sitme non será constitutiva de exención ou limitación de responsabilidade pola eventual discordancia entre a explotación de servizos que leven a cabo e o título concesional que legalmente os ampara.

Terceiro.-Medidas para a facilitar a información sobre o transporte metropolitano de Galicia.

As empresas operadoras terán ao dispor das persoas usuarias, tanto a bordo dos vehículos como nos despachos de billetes ao público e nos lugares ou sedes destinados á recepción de público usuario, así como por calquera outra canle de información dispoñible, información sobre o sistema de transporte metropolitano de Galicia, que lles será facilitado pola Administración no soporte correspondente.

Habilitación para establecer criterios de uso:

A través de resolución da Dirección Xeral de Mobilidade, estableceranse as condicións de uso das tarxetas metropolitanas de Galicia de aplicación aos usuarios do sistema.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2010.

Miguel Rodríguez Bugarín

Director xeral de Mobilidade

Ver referencia pdf "07600D002P007.PDF"