DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 20 de abril de 2010 Páx. 6.170

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 8 de abril de 2010 pola que se regula a realización de quendas de urxencia localizadas nas oficinas de farmacia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 342/1999, do 16 de decembro, polo que se regulan os horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, establece no seu artigo 4.2º a posibilidade de que en circunstancias excepcionais, debidamente xustificadas, de illamento da oficina de farmacia ou penosidade, se poderá autorizar, por proposta do colexio oficial de farmacéuticos, a realización de quendas de urxencia localizadas, sempre que quede garantida a presenza física do/a farmacéutico/a na dispensación. En todo caso, deberá resultar garantida a localización do/a farmacéutico/a por parte da poboación, debendo quedar acreditado tal extremo no expediente de autorización. Por outra banda, o artigo 3.4º do Decreto 107/2008, do 15 de maio, polo que se regula a sinalización, información e publicidade das oficinas de farmacia, establece que naquelas oficinas que teñan autorizado o servizo de urxencia de forma localizada, indicarase de xeito visible e claro o modo de acceder ao dito servizo na fachada ou

exterior da propia oficina de farmacia, nas farmacias da zona farmacéutica, así como nos centros de atención primaria e hospitalaria máis próximos.

Por tanto, a posibilidade de realizar quendas de urxencia localizadas está prevista nas normas regulamentarias antes indicadas, e con esta orde preténdense establecer os criterios, circunstancias e condicións necesarios para que se poida autorizar a realización daquelas quendas, contando coa colaboración dos colexios oficiais de farmacéuticos.

Deste xeito, esta modalidade de servizo de urxencia cumprirá uns criterios de calidade previamente establecidos pola autoridade sanitaria co fin de compatibilizar a actividade de urxencia coa axeitada atención farmacéutica aos usuarios/as.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

Esta orde ten por obxecto regular a realización de quendas de urxencia localizadas, nas oficinas de farmacia da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 4 do Decreto 342/1999, do 16 de decembro, polo que se regulan os horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia.

Artigo 2º.-Criterios.

1. As quendas de urxencia localizadas só se autorizarán cando consten debidamente xustificadas circunstancias de illamento da oficina de farmacia ou penosidade, de conformidade con algún dos seguintes criterios:

a) Cando a distancia entre a oficina de farmacia e o punto de atención continuada exceda un período de tempo de 15 minutos, utilizando as vías e medios de transporte habituais, e exista outra oficina de farmacia máis próxima na mesma quenda de urxencia que estea a prestar o servizo de atención farmacéutica presencial.

b) Cando a oficina de farmacia estea, polo menos, un terzo dos días do ano en quenda de urxencia, acredite un baixo número de dispensacións durante esta e se atope nunha zona farmacéutica carente de punto de atención continuada (PAC).

2. En todo caso, deberá quedar garantida a presenza física do/a farmacéutico/a na dispensación, que deberá producirse nun tempo máximo de 15 minutos.

Artigo 3º.-Exclusións.

En concellos que sexan cabeceira comarcal con punto de atención continuada (PAC), non se poderá autorizar a realización de quendas de urxencia localizadas ás oficinas de farmacia situadas no mesmo núcleo de poboación ou entidade colectiva no que estea situado o PAC, nin nos núcleos de poboación ou entidades colectivas lindeiras a este último.

Artigo 4º.-Autorización.

1. Para os efectos do previsto nesta orde, o/a titular da oficina de farmacia dirixirase ao Colexio Oficial de Farmacéuticos da súa provincia no mes de setembro de cada ano e presentará a correspondente solicitude de autorización para a realización de quendas de urxencia localizadas para o ano seguinte, xunto coa documentación recollida no punto 2 deste artigo, especificando o tramo horario no que se solicita a aplicación do modo localizado na prestación do servizo de urxencia.

2. Os criterios descritos no punto 1 do artigo 2º desta orde acreditaranse do seguinte xeito:

a) A acreditación da concorrencia das circunstancias específicas a que se refire a letra a) do citado artigo realizarase a través dun informe de peritaxe de distancias e vías.

b) A circunstancia descrita na letra b) do citado artigo acreditarase mediante a correspondente certificación colexial e declaración responsable do/a titular da oficina correspondente.

3. Sen prexuízo do anterior, a administración autorizante poderá requirir o/a interesado/a para que achegue outros datos, documentos ou xustificacións que considere necesarios para a acreditación das circunstancias alegadas, outorgándolle para o efecto un prazo de 15 días.

A non presentación dos elementos xustificativos requiridos no prazo indicado ou a insuficiencia destes implicará o arquivo da solicitude presentada.

Artigo 5º.-Inclusión no calendario colexial.

Recibida a solicitude, e comprobada a documentación necesaria, o respectivo Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia incluirá de xeito diferenciado no calendario correspondente as quendas de urxencia localizadas, con indicación do tramo horario en que poderán levarse a cabo, de conformidade co previsto nos artigos 5 e 8 do Decreto 342/1999, do 16 de decembro, polo que se regulan os horarios, quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia.

Artigo 6º.-Información aos usuarios.

1. De conformidade co previsto no artigo 3.4º do Decreto 107/2008, do 15 de maio, polo que se regula a sinalización, información e publicidade das oficinas de farmacia, naquelas oficinas que teñan autorizado o servizo de quendas de urxencia localizadas, indicarase de xeito visible e claro o modo de acceder ao dito servizo na fachada ou exterior da propia oficina de farmacia, nas farmacias da zona farmacéutica, así como nos centros de atención primaria e hospitalaria máis próximos.

2. Así mesmo, indicarase de forma clara e visible a modalidade de quenda de urxencia localizada que se está a desenvolver, así como o tempo máximo de 15 minutos no que ten que presentarse o/a farmacéutico/a.

3. Para acceder ao servizo, establecerase un sistema de localización do/a farmacéutico/a que non ocasione ningún gasto económico para o usuario e permita o inmediato contacto co/coa profesional farmacéutico/a. Se o sistema de localización implantado non cumprise estas condicións, tal circunstancia poderá implicar a exclusión do calendario e a imposibilidade de realizar quendas de urxencia localizadas na oficina de farmacia de que se trate.

Artigo 7º.-Infraccións e sancións.

O incumprimento do disposto neste decreto quedará sometido ao réxime de infraccións e sancións que establece a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e o Decreto107/2008, do 15 de maio, polo que se regula a sinalización, información e publicidade das oficinas de farmacia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición transitoria

As solicitudes de inclusión no calendario de quendas de urxencia para o ano 2010, na modalidade de quendas de urxencia localizadas, presentaranse dentro dos dous meses seguintes á entrada en vigor desta orde.

Rematado o prazo indicado, os colexios oficiais respectivos comunicarán as variacións producidas no calendario de quendas de urxencia como consecuencia das solicitudes presentadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2010.

Mª del Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade