DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 16 de abril de 2010 Páx. 5.962

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 9 de abril de 2010 pola que se establece a composición, organización e funcionamento da Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica.

A prestación farmacéutica comprende os medicamentos e produtos sanitarios e o conxunto de actuacións encamiñadas a que os pacientes os reciban e utilicen de forma axeitada ás súas necesidades clínicas, nas doses precisas segundo os seus requirimentos individuais, durante o período de tempo adecuado, coa información para o seu correcto uso e ao menor custo posible.

De acordo coa Lei 29/2006, do 26 de xullo, de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, o desafío actual do Servizo Galego de Saúde, así como dos outros servizos de saúde doutras comunidades autónomas, é asegurar a calidade, seguranza e eficiencia da prestación farmacéutica, a través do impulso do uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios garantindo que todos os cidadáns da nosa comunidade autónoma sigan tendo acceso aos medicamentos que necesiten, cando e onde o necesiten, en condicións de efectividade e seguranza.

Nesta liña, o título VI da devandita lei recolle as diferentes medidas de actuación por parte das administracións públicas sanitarias encamiñadas á promoción e garantía do uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, instando ás devanditas administracións a adoptaren as medidas oportunas para:

-Instrumentar un sistema áxil, eficaz e independente que asegure aos profesionais sanitarios información científica, actualizada e obxectiva dos medicamentos e produtos sanitarios.

-Promover a publicación de guías farmacolóxicas e/ou farmacoterapéuticas para o uso dos profesionais sanitarios e realizar a selección e valoración científica dos medicamentos recollidos nestas guías.

-Realizar programas de educación sanitaria sobre medicamentos dirixidos ao público en xeral coa finalidade de mellorar o cumprimento terapéutico, evitar os riscos derivados do uso incorrecto e concienciar os cidadáns do valor económico do medicamento.

Así mesmo, a Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica da Comunidade Autónoma de Galicia, ten como fin principal ordenar e regular no seu ámbito territorial a atención farmacéutica, e garantir a todos os cidadáns de Galicia un acceso rápido, oportuno e equitativo á atención farmacéutica que necesiten.

O artigo 2 da mesma lei define a atención farmacéutica como un servizo de interese público que garante o acceso dos cidadáns aos medicamentos e produtos sanitarios e que contribúe a facer un uso racional e eficiente deles, tanto nos distintos niveis de asistencia sanitaria coma no campo da saúde pública. A administración garantirá que a atención farmacéutica se preste en todos os niveis do sistema de saúde de xeito coordinado e que ofreza á poboación unha asistencia eficaz, completa e eficiente.

Asumindo o Servizo Galego de Saúde as responsabilidades de prescrición e avaliación da farmacoterapia así como o uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, en desenvolvemento do artigo 12.2º do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, procede abordar a composición, organización e funcionamento da Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica (CACFT).

Na súa virtude, e no uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza e ámbito de actuación.

A Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica (CACFT) como órgano colexiado interno asesor da Consellería de Sanidade, adscrito á Subdirección de Farmacia do Servizo Galego de Saúde, rexerase canto á organización, composición e funcionamento polo establecido na presente orde e supletoriamente polo capítulo II, do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O seu ámbito de actuación será a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade.

1. A CACFT, como órgano interno de asesoramento da Consellería de Sanidade, ten como obxectivo xeral realizar un seguimento da utilización dos recursos farmacoterapéuticos nos centros da rede asistencial do Servizo Galego de Saúde e propoñer estratexias de mellora na xestión eficiente dos recursos canto a calidade, seguranza e eficiencia do seu emprego, e na equidade de acceso a eles.

Todo isto enmárcase nun contexto de traballo e manexo de información actualizada, independente e avaliada clinicamente, sempre de acordo coas recomendacións da evidencia científica.

A CACFT contará, así mesmo, co apoio e colaboración do Centro de Información Farmacoterapéutica (CIM) adscrito á Subdirección Xeral de Farmacia. O CIM elaborará periodicamente os boletíns de avaliación de novos medicamentos, que proporcionarán información obxectiva, contrastada e avaliada sobre as novas moléculas que se incorporan ao mercado e son responsables dunha gran parte do gasto farmacéutico do Servizo Galego de Saúde no seu primeiro ano de comercialización.

Artigo 3º.-Funcións.

A CACFT elaborará información obxectiva e independente sobre os medicamentos, produtos sanitarios e dietoterápicos e establecerá recomendacións de emprego comúns para todos os profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde, a través das seguintes funcións:

1. Unificar os criterios de utilización de medicamentos e produtos sanitarios nas áreas integradas de saúde.

2. Coordinar, xunto co Servizo de Uso Racional do Medicamento e Atención Farmacéutica, ás comisións de farmacia e terapéutica de área coa finalidade de consensuar o proceso de selección de medicamentos incluídos nas diferentes guías farmacoterapéuticas do Servizo Galego de Saúde, en especial, as referidas a aquelas patoloxías que necesitan tratamentos coordinados entre os distintos niveis asistenciais.

3. Elaborar protocolos farmacoterapéuticos para patoloxías que polo seu impacto sanitario, social, económico ou con variabilidade na utilización de medicamentos fan necesaria a súa especial supervisión e seguimento.

4. Avaliar con criterios de eficacia, seguranza e eficiencia a inclusión de medicamentos de alto impacto sanitario, social ou económico nas guías farmacoterapéuticas de hospital co fin de garantir a equidade no acceso e estes medicamentos en toda a rede hospitalaria do Servizo Galego de Saúde.

5. Fomentar a difusión da guía farmacoterapéutica entre os profesionais sanitarios da área e a súa actualización regulando tanto a incorporación de novos medicamentos como a supresión doutros.

6. Avaliar e analizar os recursos farmacoterapéuticos e os perfís globais de prescrición nas distintas áreas de saúde segundo a prevalencia das distintas patoloxías.

7. Seguimento dos diferentes procedementos de aplicación do Real decreto 1015/2009, do 19 de xuño, polo que se regula a dispoñibilidade de medicamentos en situacións especiais, para dar unha resposta homoxénea no Servizo Galego de Saúde canto á utilización de medicamentos en uso compasivo e á utilización de medicamentos en condicións diferentes ás establecidas na súa ficha técnica.

8. Sen prexuízo das funcións que ten atribuída a comisión autonómica central de seguimento do concerto para a prestación farmaceútica polas oficinas de farmacia, exercerá calquera outra función que lle sexa encomendada pola Subdirección Xeral de Farmacia en relación coa xestión eficiente e equitativa dos recursos farmacoterapéuticos ou por calquera disposición de rango legal ou regulamentario.

Artigo 4º.-Composición.

1. Formarán parte da Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica:

Presidente: o director/a de Asistencia Sanitaria.

Vicepresidente: o subdirector/a xeral de Farmacia.

Vocais:

-Tres licenciados/as en farmacia, un deles especialista en farmacia hospitalaria.

-Sete licenciados/as en medicina e cirurxía, un deles da especialidade de pediatría e as súas áreas específicas, con representación dos diferentes niveis da asistencia sanitaria.

-Un diplomado/a en enfermaría.

Actuará como secretario un profesional que veña prestando servizos na Subdirección Xeral de Farmacia.

2. Os membros da Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica da rede asistencial do Servizo Galego de Saúde serán nomeados polo director/a de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde por un período de tres anos, prorrogable por un período igual.

Artigo 5º.-Presidente.

1. O presidente da CACFT será o director/a de asistencia sanitaria ou persoa en quen delegue.

2. Son funcións do presidente:

a) Dirixir, promover e coordinar a actuación da CACFT.

b) Exercer a representación da CACFT.

c) Acordar a convocatoria de sesións ordinarias e extraordinarias.

d) Fixar a orde do día das sesións, tendo en conta as propostas e peticións formuladas polos seus membros.

e) Presidir as sesións e moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

f) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

g) Visar as actas e certificacións de acordos da respectiva comisión.

h) Solicitar, en nome da comisión, a colaboración que coide pertinente a institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como convidar a participar no pleno ou nas comisións que, se é o caso, poidan crearse, expertos de recoñecida competencia nos asuntos de que se trate.

i) Outras funcións que lle sexan legal o regulamentariamente outorgadas.

Artigo 6º.-Vicepresidente.

O vicepresidente da CACFT será o subdirector/a xeral de Farmacia e substituirá o presidente nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, e colaborará en todos os asuntos en que sexa requirida a súa participación.

Artigo 7º.-Secretario.

1. O cargo de secretario será desenvolvido por unha persoa adscrita á Subdirección Xeral de Farmacia e será nomeado polo director/a de Asistencia Sanitaria.

2. Corresponde ao secretario.

a) Asistir ás sesións con voz e voto.

b) Será o responsable da secretaría técnica.

c) Efectuar a convocatoria das sesións seguindo as instrucións do presidente e realizar as notificacións aos membros da CACFT.

d) Preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir as certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Outras funcións inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 8º.-Dereitos e obrigas dos membros.

1. Os membros da CACFT terán os seguintes dereitos:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria da sesión e a orde do día, quedando ao seu dispor no mesmo prazo a información e documentación correspondente.

b) Participar nos debates das sesións e emitir o seu voto, así como expresar o sentido deste e os seus motivos, e formular votos particulares.

d) Formular rogos e preguntas.

d) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

e) Outras funcións inherentes á súa representación.

2. Son obrigas dos membros da CACFT:

a) Asistir ás sesións para que fosen convocados e participar nos seus traballos.

b) Adecuar a súa conduta ás normas contidas nesta orde, e ás directrices e instrucións que, no seu desenvolvemento, acorde o pleno da comisión.

c) Gardar a debida reserva en relación coas actuacións e informacións que se traten na comisión.

Artigo 9º.-Funcionamento.

1. A CACFT funcionará en pleno, sen prexuízo de que se poderá acordar a creación de subcomisións ou grupos de traballo para o estudo de temas concretos. No acordo da súa constitución farase constar a composición, as funcións e as finalidades do grupo ou da subcomisión.

Así mesmo, a comisión poderá nomear consultores e asesores externos que colaborarán na súa condición de expertos en áreas específicas de coñecemento. Na súa participación nas reunións da comisión, subcomisións ou grupos de traballo, os expertos dispoñerán de voz pero non de voto.

2. O pleno da CACFT reunirase en sesión ordinaria un mínimo de unha ao trimestre. As sesións extraordinarias serán convocadas polo presidente, por propia iniciativa ou por proposta da maioría simple dos membros do pleno.

3. O pleno quedará constituído en primeira convocatoria coa presenza da maioría absoluta dos seu membros. De non acadarse este quórum, o pleno poderá constituírse en segunda convocatoria, media hora máis tarde da primeira, coa asistencia de dúas quintas partes dos seus membros.

En ambos os casos, a presenza do presidente ou da persoa que legalmente o substitúa e do secretario é indispensable.

4. Non poderán ser obxecto de deliberación nin acordo os asuntos que non figuren incluídos na orde do día da correspondente sesión, a non ser que, presentes todos os membros, acorden a declaración de urxencia do asunto co voto favorable da maioría.

5. Os acordos adoptaranse polo voto favorable da maioría dos asistentes. En caso de empate, o presidente decidirá co seu voto de calidade.

6. De cada sesión elaborarase a correspondente acta asinada polo secretario co visto e prace do presidente. A acta conterá, como mínimo, a relación de asistentes, o lugar, a data e a hora da sesión, os asuntos da orde do día, as principais intervencións, resultados das votacións e os acordos acadados.

A acta remitirase aos membros da comisión xunto coa convocatoria e a orde do día da sesión seguinte, para os efectos da súa aprobación se procede.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2010.

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade