DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 13 de abril de 2010 Páx. 5.619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 31 de marzo de 2010 pola que se modifican a Orde do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C, e a Orde do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C.

A Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, no seu artigo 42 establece o alcance das competencias normativas que poden asumir as comunidades autónomas respecto aos tributos sobre o xogo e, en concreto, no seu punto 1 establece que aquelas poderán asumir competencias normativas sobre exencións, base impoñible, tipos de gravame e cotas fixas, bonificacións e devengo e, por outra banda, no seu punto 2 sinala que as referidas comunidades autónomas tamén poderán regular os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. Estas competencias foron asumidas pola nosa Comunidade en virtude da Lei 18/2002, do 1 de xullo, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Xa a Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, establecía no seu artigo 13.seis o alcance das competencias normativas que podían asumir as comunidades autónomas respecto dos tributos sobre o xogo e que abranguían, entre outras, os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. En virtude destas competencias, asumidas pola nosa Comunidade mediante a Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse a Orde do 26 de decembro de 1997, pola que se estableceu un procedemento de xestión diferente ao establecido pola Orde ministerial do 18 de xaneiro de 1991, simplificándoo, de tal xeito que se estableceu a obriga do suxeito pasivo de presentar unha autoliquidación anual e, por outra banda, a obriga da oficina xestora, no seu ámbito territorial, de acumular os pagamentos fraccionados correspondentes ás máquinas dunha

mesma empresa operadora en tres cartas de pagamento, mediante as que o suxeito pasivo ía ingresar os pagamentos fraccionados pendentes, aínda que se mantiña vixente o modelo 045 aprobado pola orde anteriormente citada. Este modelo adaptouse ao novo procedemento de xestión, mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda do 13 de decembro de 1999, ao mesmo tempo que se introducía nel a posibilidade de ordenar a domiciliación das cartas de pagamento xeradas polas oficinas xestoras para facer efectivo o ingreso dos pagamentos fraccionados pendentes.

Posteriormente, mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de decembro do 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C, arbitrouse un sistema de presentación por vía telemática, para facilitar aos contribuíntes o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas da forma menos gravosa para aqueles, consonte os principios de eficacia establecido no artigo 103 da Constitución española, e os de eficiencia e servizo aos cidadáns, instituídos polo artigo 3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, e así mesmo

o dispón, no ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria nos seus artigos 34.1º.k) e 96.

Deste xeito, a presentación telemática da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas, ofrécelles aos obrigados tributarios a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público, ao mesmo tempo que a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación telemática de tributos facilita a cobertura do modelo 045, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Posteriormente, e coa finalidade de dar un paso máis na facilitación da xestión da taxa, modificáronse os períodos temporais nos que os suxeitos pasivos tiñan que presentar as autoliquidacións das súas máquinas correspondentes e facer efectivos os ingresos dos pagamentos fraccionados trimestrais, mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda, do 22 de decembro de 2004, pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

No ano 2007, e como consecuencia da homologación de máquinas multixogador na nosa comunidade autónoma, modificouse o procedemento de xestión, regulamentando a presentación e ingreso da autoliquidación complementaria á xa presentada con anterioridade no ano en curso motivada polo troco de máquinas de un xogador por máquinas de máis dun xogador. A modificación do procedemento obrigou, así mesmo, á revisión do impreso de autoliquidación e o distintivo acreditativo do pagamento da taxa fiscal correspondente, o que foi levado a cabo pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 14 de febreiro de 2007 pola que se modifica a Orde do 13 de decembro de 1999 pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C.

A Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, modificou o cálculo da cota anual fixa da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas de xogo, para os supostos de novas autorizacións, altas procedentes de baixa temporal ou modificacións das características da máquina que inflúan no cálculo da cota, de xeito que a cota anual que se vai autoliquidar será do 75%, do 50% ou do 25% da que correspondera, segundo a incidencia que motivase a presentación da autoliquidación anual ou da autoliquidación complementaria á xa presentada no segundo, terceiro ou cuarto trimestre natural do ano. Esta modificación legal obriga a modificar os procedementos regulamentados na Orde do 13 de decembro de 1999, así como o modelo de autoliquidación contido no seu anexo I e mais o contido da etiqueta identificativa do pagamento da taxa fiscal sobre o xogo sinalado no seu anexo II e mais as especificacións técnicas do arquivo para a presentación

e pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo contidas no anexo II da Orde do 30 de decembro de 2003.

En virtude do exposto, e de acordo coas competencias normativas que o artigo 42 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con Estatuto de autonomía, outorga sobre a xestión, liquidación, recadación e inspección dos tributos sobre o xogo, e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificacións na Orde do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C.

1. Modifícase o punto 3 do artigo 2º, que queda redactado como segue:

«3. Cando se trate da máquinas de nova autorización, ou que na data do 1 de xaneiro se atopasen en situación de baixa temporal e se pretenda dalas novamente de alta, os suxeitos pasivos presentarán en calquera das entidades colaboradoras autorizadas, a declaración correspondente, no primeiro prazo de ingreso dos pagamentos fraccionados que estivese operativo e deberán practicar, ao mesmo tempo, liquidación da cota anual, e simultaneamente, realizarán o ingreso dos pagamentos fraccionados correspondentes ao trimestre en curso e ao xa vencido, de ser o caso. Se a autorización ou alta se pretendera realizar no segundo, terceiro ou cuarto trimestre natural do ano en curso, o obrigado tributario autoliquidará só o 75%, 50% ou 25% da cota anual, respectivamente e o importe do pagamento trimestral será o resultado de dividir o importe anterior polo número de trimestres naturais do ano que resten desde a data da alta ou da nova autorización. Se os prazos de ingreso do ano natural estiveran

expirados, deberá presentarse a declaración a que fai referencia este punto, con carácter previo á data de autorización ou alta».

2. Modifícase o punto 4 do artigo 2º, que queda redactado como segue:

«4. En todos os casos, a cota anual que se autoliquidará será a que corresponda ao maior número de xogadores que amparara a autorización no período comprendido entre a data do devengo e a da presentación da autoliquidación. No suposto de que o 1 de xaneiro a máquina estivese en situación de baixa temporal, a data de alta sexa posterior ao 31 de marzo, 30 de xuño ou 30 de setembro e o número de xogadores se incrementase con respecto ao número de xogadores da máquina en situación de baixa temporal, a cota anual que se autoliquidará será o 75%, 50% ou 25%, respectivamente, da que corresponda ao maior número de xogadores que amparara a autorización no período comprendido entre a data de alta e a data da presentación da autoliquidación».

3. Modifícase o punto 2 do artigo 3º, que queda redactado como segue:

«2. Cando se autorice un troco dunha máquina instalada tipo B para a que xa se presentara autoliquidación no ano en curso, por outra para a que o número de xogadores e/ou prezo de partida sexa superior, a empresa operadora titular da autorización deberá presentar una autoliquidación complementaria á/s que presentara no seu momento, cubrindo os espazos do modelo destinados para o efecto de acordo coas instrucións deste. A autoliquidación complementaria deberase presentar no primeiro prazo de ingreso dos pagamentos fraccionados que estivese operativo, salvo que os prazos de ingreso do ano natural estivesen expirados, o que provocará que a autoliquidación deba presentarse con carácter previo á data de autorización do troco.

Para cumprir coa obriga anterior o obrigado tributario declarará a cota anual correspondente ao número de xogadores e/ou prezo partida da nova máquina, e autoliquidarase pola diferenza entre esa cota anual e a/s autoliquidada/s con anterioridade para esa autorización ao longo do ano en curso. Ao mesmo tempo, procederá calcular o pagamento fraccionado correspondente a esa diferenza, que consistirá na súa cuarta parte, salvo no suposto sinalado no parágrafo seguinte. Simultaneamente, deberá realizar o ingreso do pagamento fraccionado correspondente ao trimestre corrente e o/s correspondente/s ao/s vencido/s, de ser o caso.

No suposto de que a data de autorización do troco a que se refire o primeiro parágrafo deste punto 2 corresponda ao segundo, ao terceiro ou ao cuarto trimestre, a cota anual calcularase mediante a suma do 75%, do 50% ou do 25% respectivamente, da cota correspondente ao maior número de xogadores e/ou prezo de partida autorizado durante o período que corresponda e do 25%, do 50% ou do 75% respectivamente, da cota correspondente ao número de xogadores inmediato inferior ao anterior e/ou prezo de partida inferior, durante o resto do ano.

Procederá facer a autoliquidación polo importe que corresponda, que se minorará polo/s importe/s autoliquidado/s nese período impositivo con anterioridade e calculará o número de pagamentos fraccionados que serán respectivamente tres, dous ou un, segundo a data da autorización do troco corresponda ao segundo, terceiro e cuarto trimestre, ingresando o correspondente ao trimestre corrente e ao/s vencido/s, de ser o caso, e podendo domiciliar o resto deles».

4. Modifícase o artigo 7º, que queda redactado como segue:

«Artigo 7º.-Liquidación pola diferenza por modificación do prezo máximo autorizado para a partida.

No caso de modificación regulamentaria do prezo máximo autorizado para a partida en máquinas de tipo B producida con posterioridade á data na que finalice o prazo de presentación da autoliquidación anual, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con autorizacións de data anterior a aquela na que entre en vigor a norma, homologadas cun prezo inferior ao novo prezo máximo, deberán autoliquidar o 75%, o 50% ou o 25% da diferenza da cota que corresponda no modelo a que se refire o artigo 1 desta orde, durante o primeiro período para o ingreso dos pagamentos fraccionados que se abra a partir do día no que entre en vigor a modificación do prezo máximo autorizado, segundo este corresponda ao segundo, ao terceiro ou ao cuarto trimestre natural do ano. Os suxeitos pasivos cubrirán os espazos do modelo destinados para o efecto, de acordo coas instrucións deste. O incremento de cota que, por esta causa, corresponda aos trimestres dos que o prazo de ingreso estivese vencido e en curso, de ser o

caso, ingresarase simultaneamente á presentación da autoliquidación.

O incremento de cota que, por esta causa, corresponda aos trimestres dos que o prazo de ingreso non se iniciase ingresarase conforme o disposto no primeiro parágrafo do artigo 4 desta orde. Os suxeitos pasivos tamén poderán exercer a opción da domiciliación de acordo co establecido nesta orde».

5. Modifícase o anexo I, quedando substituído polo anexo I desta orde.

6. Modifícase o anexo II, quedando substituído polo anexo II desta orde.

Artigo 2º.-Modificación da Orde do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C.

Substitúese o contido do anexo II da Orde do 30 de decembro de 2003 polo que se transcribe a seguir:

«Especificacións técnicas do arquivo.

-O formato do arquivo será:

Nome do arquivo: máquinas.

Extensión do arquivo: TXT.

Rexistros no arquivo: un por cada máquina da empresa operadora (EO).

-O formato do rexistro será:

NIF: Alfa (9) NIF da EO.

Código empresa: alfa (6) código da EO.

Numero autorización: alfa (6) número de autorización da máquina.

Estado: Alfa (1) estado da máquina (A-alta, B-baixa, N-non ingresa).

Delegación: número (2) código da delegación correspondente.

Tipo máquina: alfa (1) tipo da máquina (E, B ou C).

Número xogadores: número (2) número de xogadores da máquina.

Prezo de partida: número (3 enteiros, dous decimais) prezo autorizado para a partida.

*Os estados son:

A: autorización en alta que a empresa desexa autoliquidar de forma telemática.

B: autorización para a que a empresa solicitou a baixa provisional e que polo tanto non se autoliquida.

N: autorización en alta que a empresa non desexa autoliquidar de forma telemática, porque xa o fixo ou porque o fará de forma manual na delegación.

*Os códigos de delegación son:

15 A Coruña.

27 Lugo.

32 Ourense.

36 Pontevedra.

54 Vigo.

*Os tipos de máquina son:

E máquinas tipo A especial.

B máquinas tipo B.

C máquinas tipo C».

Disposición transitoria

Única.-Os suxeitos pasivos deste tributo poderán seguir empregando o antigo modelo 045 para a presentación en papel da autoliquidación, tendo en conta que as instrucións válidas son as aprobadas por esta orde, e que, no caso de ter que presentar autoliquidación complementaria por homologación dun prezo de partida superior ao prezo máximo regulamentario, o carácter dela será o 6.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2010.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

Ver referencia pdf "06800D001P007.PDF"

EXEMPLAR PARA A ADMINISTRACIÓN

Ver referencia pdf "06800D001P007.PDF"

Importante:

Utilizarase un impreso por cada máquina ou aparello automático que sexa obxecto de declaración por calquera dos motivos sinalados no punto «Carácter da declaración».

1. Declarante: empresa operadora.

Se dispón de etiqueta identificativa, adherirase no espazo correspondente dos tres exemplares cubrindo exclusivamente o dato relativo ao «Nº Rexistro Operadora». En caso contrario deberán cubrirse todos os espazos deste punto, achegando fotocopia da tarxeta de asignación do número de identificación fiscal.

2. Período.

Exercicio: consignarase o ano natural ao que corresponde a autoliquidación con catro díxitos.

Período: deberá cubrirse en todos os supostos excepto o de máquinas autorizadas en anos anteriores que o 1 de xaneiro non estean en situación de baixa temporal. Consignarase no cadriño esquerdo o trimestre natural que estea en curso no momento da autorización, utilizando os cadriños situados á dereita para indicar a data de efectos da autorización da consellería competente en materia de xogo ou da modificación da cota anual do prezo da partida, etc.

3. Carácter da declaración.

Marcarase cun X o/s cadriño/s correspondente/s á/s circunstancia/s que motive/n a presentación da autoliquidación:

Carácter 01. Máquina autorizada en anos anteriores: máquinas amparadas por unha autorización que na data do devengo (1 de xaneiro de cada ano) non estea en situación de baixa (temporal ou definitiva).

Exemplo 1: máquina instalada o 1 de xaneiro na provincia de Lugo.

Deberá marcar o carácter 1 e no período só cubrirá o dato correspondente ao exercicio, por exemplo 2010.

Carácter 02. Máquina de nova autorización: máquinas que obteñan unha nova autorización no ano.

Exemplo 2: autorización da consellería competente en materia de xogo de data 21-6-2010.

Deberá marcar o carácter 2 e no período cubrirá:

Exercicio Período Data de autorización

2010 2T 21-6-2010

Carácter 04. Alta de máquinas procedentes de suspensión provisional: máquinas que estean en situación de baixa temporal e pasen á situación de alta.

Exemplo 3: alta procedente de baixa temporal con efecto o día 3-7-2010.

Deberá marcar o carácter 4 e no período cubrirá:

Exercicio Período Data de autorización

2010 3T 3-7-2010

Cando ao presentar a autoliquidación anual cumpra presentar outra complementaria á primeira, deberase marcar o carácter 05, 06 ou 03, segundo corresponda:

Carácter 05: modificación cota anual: caso de que, por alguna circunstancia, sexa modificada a cota anual con posterioridade á data do devengo e se presentara autoliquidación coa cota vixente na data do devengo.

Exemplo 4: a Lei de orzamentos sae publicada no DOG con data do 23-4-2010 e entra en vigor o 24-4-2010.

Deberá marcar o carácter 5 e no período cubrirá:

Exercicio Período Data de autorización

2010 2T 24-4-2010

Carácter 6: modificación número de xogadores e/ou prezo da partida: máquinas que obtiveran unha autorización de troco dunha máquina pola que xa presentara autoliquidación por outra para a que o número de xogadores e/ou prezo de partida sexa superior.

Exemplo 5: troco dunha máquina de 1 xogador por outra de oito xogadores con data do 5-5-2010.

Deberá marcar o carácter 6 e cubrirá:

Exercicio Período Data de autorización

2010 2T 5-5-2010

Exemplo 6: troco dunha máquina cun prezo de partida 20 céntimos por outra con prezo de partida 50 céntimos, con autorización data do 30-4-2010.

Márcase o carácter 6 e no período cubrirá:

Exercicio Período Data de autorización

2010 2T 30-4-2010

Exemplo 7: troco dunha máquina de 1 xogador por outra de oito xogadores con data do 3-2-2010. Neste caso, posto que aínda non presentou autoliquidación anual, deberá marcar o carácter 1 e no período cubrirá:

Exercicio Período Data de autorización

2010 1T 3-2-2010

Carácter 03: outros motivos: máquinas para as que, por calquera outro motivo diferente dos previstos, o obrigado tributario teña que presentar unha autoliquidación complementaria á autoliquidación anual presentada con anterioridade, por exemplo, por erro na autoliquidación. Deberase sinalar cal é a circunstancia que motiva a presentación da autoliquidación e o número da autoliquidación que se complementa.

Exemplo 8: preténdese complementar a autoliquidación anual na que se consignou por erro una cota anual inferior á vixente. Marcarase o carácter 3, sinalando «complementaria á 045xxxxxxxxx x» e no período só se cubrirá o cadriño correspondente ao exercicio.

4. Datos das máquinas.

Consignarase nos cadriños 10 a 15 todos os datos relativos á máquina pola que se presenta a autoliquidación.

No caso de autoliquidación complementaria de carácter 05, deberá deixarse en branco.

No caso de autoliquidación complementaria de carácter 06, só se cubrirá o/s dato/s cuxa modificación motive a presentación da autoliquidación.

No caso de autoliquidación complementaria de carácter 03, cubrirase, de ser o caso, o/s dato/s que proceda/n.

5. Liquidación.

-Cota tributaria devengada no exercicio: consignarase o importe da cota anual legalmente establecida para o exercicio de que se trate en función do tipo de máquina e, se é o caso, número de xogadores e prezo da partida.

Exemplo 9: máquina tipo B de 8 xogadores e con prezo de partida autorizado de 50 céntimos:

A cota tributaria devengada no exercicio será:

7.640+3080*8*0,20+18,80(50-20)=13.132.

No caso de máquinas de nova autorización ou máquinas procedentes da situación de baixa temporal, o importe que hai que consignar dependerá da data de autorización ou alta:

-A partir do 1 de abril, o importe que se consignará será o 75 por 100 da correspondente contía anual.

-A partir do 1 de xullo, o importe que se consignará será o 50 por 100 da correspondente contía anual.

-A partir do 1 de outubro, o importe que se consignará será o 25 por 100 da correspondente contía anual.

Exemplo 9bis: a máquina do exemplo anterior obtén a alta procedente de baixa temporal na data 9-4-2010.

A cota tributaria devengada no exercicio será: 75% de 13.132= 9.849.

No caso de troco dunha máquina por outra, cun número de xogadores que sexa superior, no segundo, terceiro ou cuarto trimestre, o importe a consignar dependerá da data de autorización do troco:

-Se a data de autorización do troco correspondese ao 2º trimestre do ano, a cota anual calcularase mediante a suma do 75% da cota correspondente ao maior número de xogadores autorizado desde o 31 de marzo e o 25% da cota correspondente ao número de xogadores inmediato inferior ao anterior, durante o primeiro trimestre.

-Se a data de autorización do troco correspondese ao 3º trimestre do ano, a cota anual calcularase mediante a suma do 50% da cota correspondente ao maior número de xogadores autorizado desde o 30 de xuño e o 50% da cota correspondente ao número de xogadores inmediato inferior ao anterior, durante o primeiro semestre.

-Se a data de autorización do troco correspondese ao 4º trimestre do ano, a cota anual calcularase mediante a suma do 25% da cota correspondente ao maior número de xogadores autorizado desde o 30 de setembro e o 75% da cota correspondente ao número de xogadores inmediato inferior ao anterior, durante os tres primeiros trimestres.

Exemplo 10: máquina instalada no primeiro trimestre con 6 xogadores e troco o 21-4-2010 por outra máquina de 8 xogadores.

A cota tributaria devengada no exercicio será:

25% da cota anual para 6 xogadores + 75% da cota anual para 8 xogadores = 0,25 * 11.336 + 0,75 * 12.568 = 2.834 + 9.426 = 12.260.

Exemplo 10bis: a máquina do exemplo anterior obtén o troco o 21-7-2010.

A cota tributaria devengada no exercicio será:

50% da cota anual para 6 xogadores + 50% da cota anual para 8 xogadores = 0,5 * 11.336 + 0,5 * 12.568 = 5.668 + 6.284 = 11.952.

Exemplo 10ter: a máquina do exemplo 10 obtén o troco o 21-10-2010.

A cota tributaria devengada no exercicio será:

75% da cota anual para 6 xogadores + 25% da cota anual para 8 xogadores = 0,75 * 11.336 + 0,25 * 12.568 = 8.502 + 3.142 = 11.644.

No caso de modificación do prezo da partida:

-Se se produce a partir do 1 de abril, consignarase a contía resultante de sumar o 25% da cota anual autoliquidada con anterioridade e o 75% da cota que resulte da aplicación do disposto na lei.

-Se se produce a partir do 1 de xullo, consignarase a contía resultante de sumar o 50% da cota anual autoliquidada con anterioridade e o 50% da cota que resulte da aplicación do disposto na lei.

-Se se produce a partir do 1 de outubro, consignarase a contía resultante de sumar o 75% da cota anual autoliquidada con anterioridade e o 25% da cota que resulte da aplicación do disposto na lei.

Exemplo 11: máquina de 1 xogador instalada desde o 1 de xaneiro con prezo de partida 0,50€.

A cota tributaria devengada no exercicio será:

3.740+18,80*(50-20)=3.740+564=4.304.

Exemplo 12: máquina de 1 xogador instalada con prezo de partida 0,20 e modificación do prezo da partida que pasa de 0,20 a 0,50 o 6-4-2010. Cota autoliquidada: 3.740. Cota anual procedente para o prezo do 0,50 a partida:

3.740 + 18,80*(50-20)= 3.740 + 564 = 4.304. A cota tributaria devengada no exercicio será: 3.740 * 0,25 + 4.304 * 0,75= 935 + 3.228=4.163.

Exemplo 12bis: máquina de 1 xogador instalada desde o 1 de xaneiro.

Modificación do prezo da partida que pasa de 0,20 a 0,50 o 6-7-2010.

Cota autoliquidada: 3.740. Cota anual procedente para o prezo do 0,50 a partida:

3.740+18,80*(50-20)= 3.740 + 564 = 4.304. A cota tributaria devengada no exercicio será o resultado de: 3.740 * 0,5 + 4.304 * 0,5= 1.870 + 2.152 = 4.022.

Exemplo 12ter: máquina de 1 xogador instalada desde o 1 de xaneiro.

Modificación do prezo da partida que pasa do 0,20 a 0,50 o 6-10-2010.

Cota autoliquidada: 3.740. Cota anual procedente para o prezo de 0,50 a partida:

3.740 + 18,80*(50-20)= 3.740 + 564 = 4.304.

A cota tributaria devengada no exercicio será o resultado de:

3.740 * 0,75 + 4.304 * 0,25= 2.805 + 1.076 = 3.881.

-Cota tributaria autoliquidada con anterioridade: consignarase a cota tributaria que autoliquidase o obrigado tributario nese ano, de ser o caso. Nos exemplos 10 anteriores, pola máquina de 6 xogadores, o obrigado tributario autoliquidaría 11.336 con anterioridade, polo que esta será a cifra a consignar no cadriño 221. Nos exemplos 12 anteriores, no cadriño 221 consignaríase 3.740.

-Cota tributaria autoliquidada: consignarase a diferenza entre as cantidades dos cadriños 220 e 221. No exemplo 10, 924; no 10bis, 616 e no 10ter, 141. No exemplo 12, 423; no 12bis, 282 e no 12ter, 141.

-Importe pagamento/s trimestral/is que se debe ingresar: nas autoliquidacións de carácter 1 consignarase o 25 por 100 da cota tributaria autoliquidada no documento que se presenta, é dicir, o 25 por 100 do cadriño 22. No resto das autoliquidacións, salvo carácter 3, consignarase 1/3 da casiña 22, no caso de que a data da autorización corresponda ao segundo trimestre do ano; œ da casiña 22, no caso de que corresponda ao 3º trimestre do ano; e o importe da casiña 22, no caso de corresponder ao último trimestre do ano.

No caso de autoliquidacións de carácter 3, aplicaranse as regras anteriores segundo o carácter da autoliquidación da que sexa complementaria.

Nos exemplos 10 anteriores: 308 (10:1/3 de 924; 10bis: œ de 616; 10ter: 308).

Nos exemplos 12 anteriores: 141 (12:1/3 de 423; 12bis: œ de 282; 12ter: 141).

-Número de pagamento/s trimestral/is: consignarase o total do número de pagamentos que se ten que ingresar mediante a autoliquidación e que corresponderá ao pagamento correspondente ao prazo no que se presenta a autoliquidación e mais os que estean vencidos, de ser o caso.

Nas autoliquidacións presentadas no primeiro prazo do ano que correspondan ao ano en curso, este número será sempre 1.

No exemplo 2 anterior, o número de pagamentos trimestrais a ingresar será 2. No exemplo 3 anterior, será 1. No exemplo 4, será 1.

-Total pagamento/s trimestral/is: consignarase o resultado de multiplicar a cifra consignada no cadriño 240 polo número que aparece no cadriño 241.

-Total a ingresar: consignarase o importe do cadriño 24.

6. Ingreso.

Marque cun X o cadriño correspondente ao lugar e forma de pagamento. As opcións de que dispón son:

-En calquera das entidades colaboradoras autorizadas, ben en efectivo ou mediante cargo en conta.

-Pola internet, se o ingreso se efectúa no mes de marzo, ben por pagamento telemático ou ben por pagamento presencial.

Sempre deberá indicar o importe do ingreso.

Se solicita aprazamento ou fraccionamento da débeda tributaria, deberá cubrir cun X o cadriño correspondente.

Marcando este cadro comunica á Administración que vai presentar unha solicitude da aprazamento/fraccionamento da débeda tributaria á cal se refire este ingreso. En ningún caso se entenderá presentada a solicitude de aprazamento/fraccionamento pola mera presentación desta autoliquidación.

7. Domiciliación pagamentos fraccionados.

Se desexa domiciliar os seus pagamentos fraccionados subseguintes, deberá marcar cun X o cadriño sombreado consignando o número de pagamentos pendentes de ingreso no ano en curso; así mesmo no cadriño 28 consignarase o importe correspondente a cada un dos pagamentos fraccionados pendentes do ingreso. Os datos correspondentes á conta da domiciliación non deberán ser cubertos no caso de que o ingreso inicial se realice mediante cargo en conta e esta coincida coa conta na que se domicilian os pagamentos fraccionados pendentes do ingreso.

Será requisito necesario para efectuar a domiciliación que o obrigado ao pagamento sexa titular da conta na que se domicilie este e que a devandita conta se encontre aberta nunha entidade de depósito que preste o servizo de colaboración na xestión recadatoria.

8. Sinatura.

O documento deberá ser asinado polo obrigado tributario ou polo seu representante.

Lugar de presentación. A autoliquidación dirixirase, con independencia do lugar onde se realice o ingreso, ao Departamento Territorial da Consellería de Facenda que corresponda territorialmente ao:

-Lugar onde se atope instalada a máquina o día 1 de xaneiro cando fosen autorizadas en anos anteriores e teñan vixente o correspondente boletín de instalación.

No suposto de traslado dunha máquina a un lugar no territorio doutro departamento territorial, entenderase que este se produce na data que a consellería competente en materia de xogo autorice o devandito traslado.

-Lugar onde se atope a delegación da consellería competente en materia de xogo onde se solicite o servizo da explotación para aquelas máquinas en situación de suspensión provisional ou unha nova autorización.

-Lugar onde se atope a delegación da consellería competente en materia de xogo, depositaria do expediente administrativo correspondente, o día 1 de xaneiro cando se trate de máquinas autorizadas en anos anteriores, que non estean no caso anterior e que nesa data non teñan boletín de instalación vixente.

Prazos de presentación e ingreso.

A) Máquinas autorizadas en anos anteriores que o 1 de xaneiro non estean en situación de baixa temporal:

*Autoliquidación anual:

-Nos vinte primeiros días naturais do mes de marzo.

-No mes de marzo se se realiza pola internet (oficina virtual tributaria).

*Ingreso dos pagamentos fraccionados:

-Primeiro: nos prazos sinalados para a presentación da autoliquidación anual.

-Segundo: do 1 ao 20 de xuño.

-Terceiro: do 1 ao 20 de setembro

-Cuarto: do 1 ao 5 de decembro.

B) Autoliquidación anual de máquinas de nova autorización ou procedentes da situación de baixa temporal ou autoliquidacións complementarias:

Presentación da autoliquidación:

*No primeiro prazo de ingreso dos pagamentos fraccionados que estea operativo, que son:

-Primeiro: do 1 ao 20 de marzo ou do 1 ao 31 de marzo, segundo a forma de presentación (tradicional ou telemática).

-Segundo: do 1 ao 20 de xuño.

-Terceiro: do 1 ao 20 de setembro.

-Cuarto: do 1 ao 5 de decembro.

*Para as máquinas das que se pretenda a alta ou se autoricen con posterioridade ao 5 de decembro (ou inmediato hábil posterior, de ser o caso) ou se dea calquera circunstancia con data posterior á citada que obrigue á presentación dunha autoliquidación complementaria: presentarase a declaración-liquidación con carácter previo á data de efectos.

Ingreso dos pagamentos fraccionados correntes e o/s vencido/s, de ser o caso: no mesmo prazo da presentación da autoliquidación. O resto, nos subseguintes períodos anteriores.

Exemplos:

1) Autoliquidación anual de máquina autorizada/dada de alta ou autoliquidación complementaria por calquera circunstancia coa data de efectos de 20 de febreiro.

-Autoliquidación do 1 ao 20 de marzo, salvo que a presente pola internet, caso en que se estenderá o prazo ata o 31 de marzo. Autoliquidarase o 100% da cota que corresponda.

-Ingreso dos pagamentos fraccionados: o correspondente ao trimestre en curso (o primeiro), no mesmo prazo anterior; os restantes, cada un no prazo correspondente (do 1 ao 20 de xuño o segundo; do 1 ao 20 de setembro o terceiro; do 1 ao 5 de decembro o cuarto).

2) Autoliquidación anual de máquina autorizada/dada de alta ou autoliquidación complementaria por calquera circunstancia con data de efectos de 26 de xuño:

-Autoliquidación do 1 ao 20 de setembro. Autoliquidarase o 75% da cota que corresponda.

-Ingreso dos pagamentos fraccionados: os correspondentes ao trimestre en curso e os xa vencidos (terceiro e segundo), no mesmo prazo anterior; o cuarto, no prazo correspondente (do 1 ao 5 de decembro).

3) Autoliquidación anual de máquina autorizada/dada de alta ou autoliquidación complementaria por calquera circunstancia con data de efectos de 15 de setembro:

-Autoliquidación do 1 ao 20 de setembro. Autoliquidarase o 50% da cota que corresponda cos matices sinalados con anterioridade.

-Ingreso dos pagamentos fraccionados: o correspondente ao trimestre en curso (o terceiro), no mesmo prazo anterior; o restante (o cuarto), no prazo correspondente (do 1 ao 5 de decembro).

4) Autoliquidación anual de máquina autorizada/dada de alta ou autoliquidación complementaria por calquera circunstancia con data de efectos de 15 de decembro:

-Autoliquidación con anterioridade ao 15 de decembro. Autoliquidarase o 25% da cota anual que corresponda cos matices sinalados con anterioridade.

-Ingreso dos pagamentos fraccionados: os xa vencidos (o cuarto), no mesmo prazo anterior.

ANEXO II

No adhesivo figurará:

a) O ano que corresponda ao período impositivo.

b) O número de autorización de explotación.

c) O número de autorización ou código da empresa operadora.

d) O NIF da empresa operadora.

e) O tipo de máquina a que corresponde: tipo A especial, B ou tipo C.

f) O número de xogadores.

g) O prezo autorizado da partida.