DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 07 de abril de 2010 Páx. 5.167

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2010 pola que se convoca un curso sobre operadores de radar.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre operadores de radar, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: operadores de radar.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: dotar ao persoal do corpo da Policía Local de Galicia dos coñecementos teóricos e prácticos suficientes para o manexo dos cinemómetros, garantindo unha maior profesionalidade e preparación técnica adecuada de cara á comparecencia diante da autoridade xudicial.

Contido.

-Teoría do radar estático e do radar móbil.

-Técnica de medición con equipamentos estáticos e móbiles.

-Teoría da programación do equipamento.

-Teoría da fotografía co radar.

-Prácticas en vías urbanas.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal dos corpos de Policía Local dos concellos de Galicia que teñan equipamentos de radar propio ou que teñan asinado convenio de cooperación en materia de control de velocidade coa Dirección Xeral de Tráfico.

Prazas ofertadas: 27 prazas.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 23 de abril de 2010.

Para inscribirse os solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na epígrafe «Actividades formativas», «cursos con inscrición aberta»; non serán admisibles outros modelos de solicitude e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello de que dependan, e enviarana á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 22, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Criterios de selección.

a) Menor número de cursos realizados polo alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo conste nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 27 de abril de 2010 a Academia Galega de Seguridade publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario:

Días 4 e 5: das 9.00 ás 14.00 e das 15.30 ás 18.30 horas.

Día 6: das 9.00 ás 13.00 horas.

Datas: 4, 5 e 6 de maio de 2010.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,300 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de marzo de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública