DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 07 de abril de 2010 Páx. 5.154

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 18 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á promoción da autonomía persoal e á accesibilidade e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG nº 245, do 18 de decembro) recolle no seu artigo 3 como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais «garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia», e no seu artigo 20.1º establece como unha das actuacións incluídas no catálogo de servizos sociais «as axudas técnicas e instrumentais, que permitan manter a autonomía da persoa para desenvolverse no seu medio».

A Consellería de Traballo e Benestar, segundo o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se fixa a súa estrutura orgánica, é o órgano responsable da dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servizos sociais, lle corresponden á Xunta de Galicia.

Pola súa parte, a Orde do 17 de decembro de 2007 (DOG do 21 de decembro), pola que se establecen os criterios para a elaboración do Programa individual de atención, fixación das intensidades de protección dos servizos, réxime de compatibilidade das prestacións e xestión das prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, establece na disposición adicional primeira que o departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais poderá, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias, establecer acordos específicos para a concesión de axudas económicas co fin de facilitar a autonomía persoal, apoiando a persoa con axudas técnicas e facilitando a accesibilidade e as adaptacións do fogar.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de axudas económicas non periódicas a persoas maiores, persoas con discapacidade e persoas en situación de dependencia para o ano 2010, destinadas á promoción da autonomía persoal e a accesibilidade, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as súas posteriores modificacións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desenvolta a través do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG nº 20, do 29 de xaneiro), normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade destas axudas e réxime de incompatibilidades.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da convocatoria pública para a concesión de axudas individuais en réxime de concorrencia competitiva, de carácter non periódico, para persoas maiores, persoas con discapacidade e persoas en situación de dependencia, empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A finalidade destas axudas é a de colaborar en determinados gastos, con efectos do 1 de xaneiro de 2010, destinados a:

-Apoiar a persoa con axudas técnicas ou produtos de apoio para o normal desenvolvemento da vida diaria.

-Facilitar as adaptacións funcionais do fogar e a eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda que contribúan a mellorar a autonomía persoal e a previr situacións de dependencia maiores, así como mellorar a súa accesibilidade.

-Adquisición de próteses dentais e audífonos co obxecto de compensar as limitacións funcionais.

3. Unicamente poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen no ano 2010.

4. Réxime de incompatibilidades:

As axudas recollidas nesta orde destinadas a persoas maiores e persoas con discapacidade serán incompatibles con outras de análoga natureza que poidan ser dispensadas por outros organismos públicos ou privados para o mesmo fin.

As axudas destinadas a persoas en situación de dependencia serán complementarias do catálogo de servizos e das prestacións económicas derivados do sistema para a autonomía e atención á dependencia, como consecuencia da aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e serán subsidiarias e, de ser o caso, complementarias da carteira de servizos comúns de análoga natureza e finalidade do Servizo Galego de Saúde ou doutras liñas de actuación similares.

Artigo 2º.-Requisitos dos beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

a) Persoas maiores, cunha idade igual ou superior aos 65 anos na data de publicación desta orde, que acrediten a necesidade dunha axuda que non estea incluída no ámbito doutras liñas de protección social ou sanitaria.

b) Persoas con discapacidade menores de 65 anos na data de publicación desta orde, que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% polo equipo de orientación e valoración de discapacidades, conforme o establecido no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, por resolución anterior á data de publicación desta orde.

c) Persoas que teñan recoñecida a situación de dependencia polo órgano de valoración da dependencia, segundo o establecido no Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, nos seguintes graos e niveis:

-Grao III, niveis 1 e 2.

-Grao II, niveis 1 e 2.

Tamén poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que teñan solicitado o recoñecemento da súa situación de dependencia con anterioridade á data de publicación desta convocatoria. Neste caso, o dereito á percepción da axuda quedará condicionada a que lles sexa recoñecida a situación de dependencia en calquera dos graos e niveis anteriores.

Cada solicitante só poderá solicitar a axuda correspondente a través dun dos supostos recollidos anteriormente, indicándoo así nos espazos reservados a esta finalidade no impreso de solicitude que se recolle no anexo III.

2. Ademais os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a axuda solicitada derive da súa discapacidade ou grao e nivel de dependencia recoñecida ou ben se acredite a súa necesidade na forma indicada para cada tipo de actuación subvencionable no artigo 3º desta convocatoria.

c) Que a axuda solicitada non estea incluída no eido doutras liñas de protección social ou sanitaria, agás o disposto no punto 4 do artigo 1º, para as axudas destinadas a persoas que teñan recoñecida a situación de dependencia.

d) Que a renda per cápita da unidade familiar da que forma parte o solicitante, calculada conforme o previsto no artigo 9º letra a) desta convocatoria, non supere o 125% do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM) establecido para o ano 2010, incluíndo as pagas extraordinarias. Cando a unidade familiar estea formada por dous membros, ese límite elevarase ata o 150% do IPREM e, cando estea constituída por un só membro, ata o 175% do IPREM.

No caso dos solicitantes de axuda destinada ás actuacións subvencionables previstas no artigo 3.B, estas porcentaxes reduciranse respectivamente ao 100, 125 e 150% respectivamente.

e) Non ter percibido nos dous últimos anos axudas para o mesmo fin, solicitadas ao amparo das convocatorias referidas á presente orde, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

-Que a adaptación ou axuda técnica solicitada sexa complementaria da anteriormente concedida, para os efectos de previr a situación de dependencia ou de promover a autonomía persoal do solicitante.

-Que a adaptación ou axuda técnica solicitada sexa distinta das anteriormente concedidas e se deba a un agravamento da súa situación. Neste suposto, se a solicitude se debe a unha substitución da axuda técnica por agravamento da situación, para poder realizar a solicitude será necesario doar a axuda técnica/produto de apoio ao servizo de préstamos de axudas técnicas.

f) No caso de ter percibido axuda para distinto fin na convocatoria do ano anterior referida a esta mesma orde, deberá estar xustificada en tempo e forma.

g) Os establecidos con carácter xeral para obter a condición de beneficiario de subvencións no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No momento de ditarse a resolución da axuda debe persistir a súa necesidade.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

A) Adaptación funcional do fogar e supresión de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda:

-Definición de adaptación funcional do fogar: a adquisición, instalación e adaptación daqueles mecanismos e útiles necesarios para procurar a maior autonomía posible nas actividades da vida diaria na vivenda habitual da persoa con discapacidade ou en situación de dependencia.

-Definición de barreira arquitectónica: entenderase por barreira arquitectónica calquera impedimento, traba ou obstáculo que limite ou impida o acceso, a liberdade de movemento, a estadía, a circulación das persoas con mobilidade reducida, a comunicación sensorial ou calquera outra limitación.

-Actuacións subvencionables: considéranse actuacións subvencionables aquelas accións destinadas a facilitar o acceso, a mobilidade, a comunicación e a realización das actividades básicas da vida diaria, tanto en vivendas unifamiliares como nas de propiedade horizontal, no interior do fogar.

No caso de que o obxecto da axuda sexa a eliminación de barreiras, será requisito que o gasto das obras non corresponda á comunidade de propietarios, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 11 da Lei 49/1960, de propiedade horizontal, segundo redacción dada pola Lei 51/2003, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade.

-Documentación específica: informe social emitido polos servizos sociais de atención primaria e/ou especializada comunitaria da rede pública sobre a necesidade da actuación obxecto da solicitude de axuda. Así mesmo, no dito informe farase constar, de ser o caso, a concorrencia daquela/s circunstancia/s prevista/s no número 2 do anexo II desta orde. Este informe non será preciso no caso das persoas en situación de dependencia, salvo que lle sexa requirido pola comisión de valoración a que se fai referencia no artigo 8º desta convocatoria.

-Contía máxima subvencionable:

-Adaptación funcional do fogar: 3.000 euros.

-Eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda: 3.000 euros.

B) Adquisición de próteses dentais e audífonos non previstos no sistema sanitario:

-Destinatarios e condicións específicas de acceso: solicitantes con alteracións na función e/ou na estrutura corporal que precisen dalgún destes dispositivos para compensar o déficit existente. Non poderán optar as axudas para audífonos os menores de 16 anos, ao ser unha prestación cuberta polo sistema sanitario.

-Documentación específica: informe médico dun facultativo especialista que, salvo para as próteses dentais, deberá ser da rede pública, no cal se especifique a necesidade deste tipo de dispositivo para restablecer ou compensar a perda/diminución na estrutura ou función corporal. Para estes efectos, utilizarase o espazo reservado a esta finalidade no propio impreso de solicitude que figura no anexo III.

-Contía máxima subvencionable:

-Próteses dentais: 500 euros.

-Audífonos, non previstos no sistema sanitario: 800 euros.

C) Adquisición de axudas técnicas ou produtos de apoio:

-Definición de axudas técnicas ou produtos de apoio: calquera produto, dispositivo, equipamento, instrumento, tecnoloxía e software, fabricado especialmente ou dispoñible no mercado, para previr, compensar, controlar, mitigar ou neutralizar deficiencias ou limitacións na actividade e restricións da participación.

-As axudas técnicas ou produtos de apoio que poidan ser obxecto de subvención deberán ser susceptibles de ser incluídos nalgún dos puntos da seguinte clasificación:

I. Produtos de apoio para o aseo e hixiene persoal.

II. Produtos de apoio para a alimentación.

III. Produtos de apoio para a mobilidade, posicionamento e protección persoal.

IV. Produtos de apoio para a comunicación aumentativa e alternativa.

V. Produtos de apoio para o acceso ás tecnoloxías da información e comunicación (TIC).

VI. Produtos de apoio para persoas con discapacidade auditiva.

VII. Produtos de apoio para persoas con discapacidade visual.

Terán prioridade as solicitudes de subvención daquelas axudas técnicas/produtos de apoio que figuran no anexo I desta orde.

Só serán subvencionables aquelas axudas técnicas ou produtos de apoio que non sexan cubertas polo catálogo de prestacións ortoprotésicas do Servizo Galego de Saúde, ou calquera outra administración pública ou entidade privada, debendo presentar documentación acreditativa da denegación desta axuda.

-Documentación específica: informe médico dun facultativo do sistema sanitario público en que se especifique a necesidade e tipo de axuda técnica solicitada. Para estes efectos, utilizarase o espazo reservado a esta finalidade no propio impreso de solicitude que figura no anexo III. Este informe médico non será preciso no caso das persoas con discapacidade ou en situación de dependencia, salvo que lle sexa requirido pola comisión de valoración a que se fai referencia no artigo 8º desta convocatoria.

-Contía máxima subvencionable: 2.500 euros.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo ás aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 que a continuación se especifican:

12.06.312A.780.1, cun importe de 713.353 euros, do cal se destinarán 356.676 euros para persoas maiores e 356.677 euros para persoas con discapacidade.

12.06.312D.780.1, cun importe de 630.000 euros destinado a atender as solicitudes das persoas en situación de dependencia.

Non obstante, a dita asignación orzamentaria poderá ser incrementada nos termos previstos no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes.

1. A solicitude debidamente asinada polo solicitante da axuda ou o seu representante legal ou gardador de feito, formalizarase segundo o modelo que se xunta como anexo III e presentarase no departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente á súa residencia, ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Se a solicitude se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de correos antes de proceder á súa certificación.

2. O modelo oficial da solicitude estará á disposición dos interesados nos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, nos servizos sociais de atención primaria dos concellos e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://www.xunta.es)

3. O prazo para a súa presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Documentación.

1. As solicitudes virán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI, partida de nacemento ou outro documento análogo do solicitante e, se é o caso, do seu representante legal ou gardador de feito. Non obstante, a solicitude prevé a posibilidade de autorizar o departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente para a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de la Presidencia, en cuxo caso non será preciso achegar a documentación referida.

b) Certificado de convivencia do padrón municipal de habitantes do concello de residencia, comprensivo de todos os conviventes.

c) Orzamento detallado do gasto que se vai realizar.

d) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin procedentes de calquera administración pública ou ente público ou privado, no espazo destinado a esta finalidade que figura no propio modelo de solicitude.

e) Autorización do solicitante da axuda ou do seu representante legal ou gardador de feito e dos demais membros da unidade familiar cuxos ingresos son computables, conforme o modelo previsto no anexo IV desta orde, para que a Consellería de Traballo e Benestar realice as consultas necesarias de ficheiros públicos para os efectos de comprobar a veracidade dos datos declarados, así como a obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria, directamente ou por medios telemáticos, a información correspondente para a determinación da renda da unidade familiar, segundo o establecido no artigo 9º letra a) desta orde.

Na medida en que, a través deste sistema, a Consellería de Traballo e Benestar poida dispoñer das ditas informacións, non se lles exixirá aos interesados a achega individual de certificacións expedidas polos organismos correspondentes, nin a presentación, en orixinal, copia ou certificación das súas declaracións tributarias.

f) Documentación xustificativa doutros ingresos do solicitante da axuda ou dos demais membros da unidade familiar que non poidan ser obtidos a través do sistema anterior.

g) De ser o caso, a documentación prevista no artigo 3º desta orde segundo o tipo de actuación para a que se solicita a axuda.

h) De ser o caso, informe social emitido polos servizos sociais de atención primaria e/ou especializada comunitaria da rede pública acreditativo das circunstancias previstas no punto 2 do anexo II desta orde.

i) No caso daqueles solicitantes que teñan solicitado o recoñecemento da súa situación de dependencia con anterioridade á data de publicación desta orde, e estea pendente de resolver, deberán achegar fotocopia da dita solicitude.

2. As persoas solicitantes destas axudas estarán obrigadas a presentar a documentación complementaria que lles demande o órgano xestor.

Artigo 7º.-Emenda de erros.

Se a solicitude non reunise os requisitos establecidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido, para que no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da recepción do dito requirimento, achegue a documentación necesaria ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixese, se considerará que desiste da súa petición e procederase ao arquivo do expediente, logo de resolución conforme o previsto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración, que terá a función de propoñer a concesión ou denegación da axuda, segundo os criterios de concesión e o baremo recollidos no artigo 9º e no anexo II desta orde e nas demais normas de desenvolvemento que, de ser o caso, se diten.

2. A Comisión Provincial de Valoración terá a seguinte composición:

a) Presidente: a persoa titular da xefatura do Servicio de Dependencia e Autonomía Persoal.

b) Vocais: a persoa que ocupe a xefatura da sección de axudas, un/unha médico/a, un/unha terapeuta ocupacional e un/unha traballador/a social dos equipos de valoración e orientación ou dos equipos de valoración da dependencia do departamento territorial competente.

c) Secretario: o funcionario que para tal función designe o xefe do departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

Ás reunións da comisión convocarase un traballador social dos servizos de atención primaria e un representante da Intervención Territorial, ambos os dous con voz pero sen voto.

Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda, debendo recaer o nomeamento noutro traballador do mesmo perfil profesional que o substituído.

Artigo 9º.-Criterios de concesión.

Para a elaboración da proposta de concesión das axudas, a Comisión Provincial de Valoración terá en conta os criterios de concesión e baremos establecidos no anexo II e os seguintes:

a) Determinación da situación económica do beneficiario:

Calcularase como a renda per cápita da unidade familiar da cal forma parte o solicitante, sumando os ingresos de todos os membros computables e dividindo o resultado polo número destes. Para estes efectos, teranse en conta as declaracións do IRPF correspondentes ao último exercicio do que a Administración tributaria dispoña de datos no momento de publicarse esta orde de convocatoria. No caso das pensións ou prestacións que estiveran exentas de tributación polo IRPF, tomaranse as relativas ao exercicio 2010.

Para os efectos da resolución da presente convocatoria, entenderase por unidade familiar a constituída polo beneficiario/a e, de ser o caso, o seu cónxuxe ou parella estable, fillos menores de idade ou maiores de idade discapacitados, sempre que convivan no mesmo domicilio familiar. No caso de que o solicitante da axuda sexa un menor de idade, entenderase por unidade familiar a constituída polo beneficiario, os seus proxenitores e os seus irmáns menores de idade ou maiores de idade discapacitados, sempre que convivan no mesmo domicilio familiar.

b) Só poderá concederse, con cargo a esta convocatoria, unha axuda por solicitante.

c) No caso de que a actuación subvencionable fose susceptible de ser empregada por unha ou máis persoas beneficiarias que convivan no mesmo domicilio, concederase, se é o caso, unha única axuda da mesma natureza.

e) Atendendo ao criterio de individualidade establecido no artigo 1º da convocatoria, non se concederá axuda de eliminación de barreiras no acceso ao interior do fogar cuxa instalación se corresponda con zonas ou instalacións comunitarias e/ou de uso público.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Unha vez emitido o informe da comisión, elevarase ao xefe do departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar, no cal se delega a competencia para resolver a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta orde.

2. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa será de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexítima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución da concesión determinará o importe da axuda concedida dentro dos límites establecidos no artigo 3º desta orde.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución expresa, ou de tres meses a partir do día seguinte daquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación se o acto é expreso ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, e sen

prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, de conformidade co disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Xustificación da axuda e obrigas do beneficiario.

1. O beneficiario deberá ter realizadas e xustificadas, consonte o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as actuacións que fosen obxecto da axuda antes do 30 de novembro.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil. Así mesmo, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados ou asinados polo beneficiario.

Poderá aceptarse a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de importe inferior a 1.000 €.

En consecuencia, a conta xustificativa estará integrada pola factura e o documento xustificativo do pago conforme o indicado anteriormente.

2. Os beneficiarios da axuda veñen obrigados a destinar o importe destas á finalidade para a que se lles foi concedida.

3. No momento da xustificación da execución total da actuación, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma actuación, de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

4. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actuación subvencionada.

5. A Administración concedente poderá comprobar o valor de mercado dos gastos subvencionables por calquera dos medios previstos no artigo 30.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Os beneficiarios das axudas non poderán realizar ningún negocio xurídico que supoña alleamento ou gravame do ben obxecto da subvención.

7. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. Se non se efectuase a xustificación ou esta resultase insuficiente segundo o exixido nas bases reguladoras, acordarase o reintegro da subvención, conforme o establecido no artigo 75 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

8. Ademais, os beneficiarios das axudas están obrigados, conforme o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a:

a) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control.

b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da citada lei.

Artigo 13º.-Pagamento da axuda.

1. Os departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar aboaranlles aos beneficiarios a contía da axuda concedida, logo da presentación da xustificación requirida conforme o previsto no artigo anterior.

2. Poderanse realizar pagos anticipados que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención. Conforme o previsto no artigo 63.1º.Dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e aos límites máximos subvencionables previstos no artigo 3º desta orde, os pagamentos anticipados poderán acadar ata o 50% do importe da subvención concedida.

Neste suposto e conforme o previsto no artigo 65.4º.i) do decreto citado, os beneficiarios das axudas reguladas nesta orde quedan exonerados da constitución de garantía.

Artigo 14º.-Reintegro da axuda.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se especifican a continuación:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 75 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, de ser o caso, nas normas reguladoras da subvención.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto, ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou axuda pública, así como dos compromisos por eles asumidos, sempre e cando afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles compromisos distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3º do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación que vai desenvolver o beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro efectuarase de acordo co procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 77 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.

Será de aplicación aos beneficiarios das axudas recollidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Publicidade de datos.

Non será necesaria a publicidade da adxudicación da axuda de acordo co establecido no artigo 15.2º.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 13.6º.a) da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública, e no artigo 9.4º a) do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, ao poder ser contraria á salvagarda da intimidade persoal e familiar das persoas físicas.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de competencias nos xefes dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, ao abeiro do establecido no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en relación co Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

Para estes efectos, establécese a territorialización do crédito indicado no artigo 4º desta orde conforme a seguinte distribución:

Ver referencia pdf "06400D009P054.PDF"

Así mesmo, dentro da distribución do orzamento por departamentos territoriais indicada, deberase manter a proporción establecida no artigo 4º para o orzamento global en relación cos distintos colectivos destinatarios da axuda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I

Produtos de apoio ou axudas técnicas con prioridade para a subvención.

1. Axudas técnicas para aseo e hixiene persoal:

a) Para evacuación:

-Cadeira para WC.

-Alza para WC.

-Cadeira con inodoro.

b) Para baño e ducha:

-Cadeira de baño.

-Táboa de baño.

-Padiola para baño e ducha.

-Ducha para cama.

2. Axudas técnicas para alimentación:

-Cubertos adaptados.

3. Axudas técnicas para mobilidade, posicionamento e protección persoal:

a) Para mobilidade persoal:

-Cadeiras de rodas manual e eléctrica.

-Adaptacións de acceso ao vehículo.

b) Para mobilidade vertical:

-Plataforma sube-escaleiras.

-Plataforma con raíl.

-Cadeira salvaescaleiras.

c) Para posicionamento:

-Cadeira de brazos xeriátrica.

-Táboas e discos de trasferencia.

-Coxín e saba para xirar.

-Guindastre.

-Cama articulada.

-Chalecos e cintos de protección.

d) Para protección persoal:

-Colchón antiescaras.

-Cintos de suxeición.

-Varandas de protección.

4. Axudas técnicas para comunicación:

a) Axudas técnicas para lectura e escritura.

b) Comunicación aumentativa e alternativa.

5. Productos de apoio para o acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

-Dispositivos de entrada ás TIC.

-Dispositivos de saída ás TIC.

6. Produtos de apoio para persoas con discapacidade auditiva:

a) Sistemas de frecuencia modulada.

b) Axudas técnicas para comunicación telefónica.

c) Avisadores luminosos (reloxos, despertadores, timbres, etc.).

7. Produtos de apoio para persoas con discapacidade visual:

a) Axudas técnicas para comunicación telefónica.

b) Productos de apoio para o fogar.

c) Instrumentos de lectura e acceso á información (lupas, prismáticos binoculares, telescopios, expansores do campo de visión, filtros de luz, etc.).

d) Dispositivos de audiodescrición.

e) Bastóns e accesorios para orientación e mobilidade.

f) Máquinas de escribir e impresoras Braille.

ANEXO II

Criterios de concesión e baremos para a valoración das solicitudes de subvención destinadas a persoas maiores, persoas con discapacidade e persoas en situación de dependencia para facilitar a autonomía persoal e a accesibilidade.

1) Situación económica (de aplicación para todos os solicitantes).

-Rendas per cápita que non superen o 50% do IPREM: 45 puntos.

-Rendas per cápita que non superen o 60% do IPREM: 35 puntos.

-Rendas per cápita que non superen o 70% do IPREM: 25 puntos.

-Rendas per cápita que non superen o 80% do IPREM: 15 puntos.

-Rendas per cápita que non superen o 90% do IPREM: 5 puntos.

-Rendas per cápita ata o 100% do IPREM ou superiores: 0 puntos.

2) Características da vivenda e condicións de habitabilidade (de aplicación para os solicitantes de axuda para adaptación funcional do fogar e supresión de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda):

-Vivenda en condicións deficientes de habitabilidade por situacións de amoreamento, espazos reducidos, existencia de dispositivos de risco en relación coa súa saúde e/ou insalubridade: 10 puntos.

-Existencia de barreiras no interior da vivenda que dificulten notablemente o desenvolvemento da vida diaria: 15 puntos.

-Existencia de barreiras no acceso á vivenda: 10 puntos.

No caso de concorrer máis dunha condición das previstas nesta epígrafe, a puntuación máxima que se pode acadar é de 15 puntos.

Para os efectos de ter en conta para a súa baremación as circunstancias previstas nesta epígrafe, deberase indicar a concorrencia delas no impreso de solicitude nos espazos reservados a esta finalidade, e deberán ser acreditadas a través do informe social emitido polos servizos sociais de atención primaria e/ou especializada comunitaria da rede pública. Este informe non será preciso presentalo no caso das persoas en situación de dependencia, salvo que lle sexa requirido pola comisión de valoración a que se fai referencia no artigo 8º desta convocatoria.

3) Recoñecemento da situación de dependencia (de aplicación para aqueles solicitantes que teñan recoñecida a situación de dependencia, comprendidos no artigo 2.1º c) desta orde).

-Grao III nivel 2: 45 puntos.

-Grao III nivel 1: 35 puntos.

-Grao II nivel 2: 25 puntos.

-Grao II nivel 1: 15 puntos.

4) No caso de igualdade de puntuación prevalecerá a solicitude con menor renda, no caso dos solicitantes previstos nos supostos previstos nas letras a) e b) do artigo 2º.1. No caso dos solicitantes previstos na letra c) dese artigo, prevalecerá a solicitude do solicitante que se atope en maior situación de dependencia e, de manterse a igualdade de puntuación, a de menor renda.

Ver referencia pdf "06400D009P054.PDF"