DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 07 de abril de 2010 Páx. 5.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 8 de marzo de 2010 pola que se convoca un curso de formación básica en información, orientación e asesoramento á xuventude.

A Consellería de Traballo e Benestar é o departamento da Xunta de Galicia que asume as competencias en materia de benestar, incluíndo as políticas de xuventude, en virtude do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Á Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, correspóndelle entre as súas funcións, a promoción e a organización das actuacións en materia de información e documentación para a mocidade.

Concretamente, en relación coa Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, de acordo co Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, a través do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, correspóndelle organizar cursos de formación complementaria do persoal dos servizos de información xuvenil.

Como consecuencia, e en uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria do curso de formación básica en información, orientación e asesoramento á xuventude.

Artigo 2º.-Obxectivos.

Proporcionarlles aos participantes unha formación a nivel teórico-práctico sobre a información xuvenil e introducilos nas áreas relevantes, competencias e habilidades necesarias neste campo.

Artigo 3º.-Persoal a que vai dirixido.

Informadores xuvenís da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil. Estudantes e titulados universitarios en educación social, traballo social, pedagoxía, psicoloxía, socioloxía e técnicos superiores do ciclo formativo en Animación Sociocultural.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Terán prioridade os informadores xuvenís da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil e por antigüidade. En caso de empate terá preferencia o persoal fixo. No caso de non pertencer á Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, terán prioridade os titulados, e dentro destes por orde de inscrición.

Artigo 5º.-Desenvolvemento do curso.

O curso terá carácter semipresencial. É obrigatoria a asistencia e puntualidade ás sesións presenciais do curso. Toda ausencia por enfermidade deberá ser xustificada debidamente polo interesado.

1. Duración: 80 horas.

Número de edicións: 1.

2. Lugar e datas:

As sesións presenciais terán lugar no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia, en Santiago de Compostela os días 3, 10, 19 e 24 de maio de 2010.

3. Nº de prazas: 25 por edición.

Artigo 6º.-Contidos.

1. Análise dos procesos de información, orientación e asesoramento xuvenil.

Definición de termos clave da información xuvenil. Historia da información xuvenil. Orixe e evolución dos servizos de información xuvenil. A información xuvenil dentro das políticas de mocidade. A Carta europea de información xuvenil. Organización dos servizos de información xuvenil. A Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil. Antecedentes. Posta en funcionamento dun SIX. INXUVE. A coordinadora estatal de información xuvenil. As políticas de información xuvenil. Estrutura e deseño dun servizo de información xuvenil. Xestión dunha oficina de información xuvenil.

2. Organización dos servizos de información xuvenil (SIX).

Destreza no traballo coa xuventude no marco da información xuvenil: formas de intervención. Habilidades do traballador xuvenil. Aptitudes e valores do traballador xuvenil. O desenvolvemento permanente no traballo de información xuvenil. Monitorización e avaliación. Creación de redes. Promoción dos servizos e produtos de información xuvenil.

3. Xestión dos servizos de información xuvenil (SIX).

Identificación das necesidades de información. Ofrecendo información á xuventude. Recursos materiais nos SIX: elementos físicos. Organización de espazos informativos. Recursos económicos: o orzamento. Subvencións. Recursos humanos nos SIX: perspectiva profesional. Coordinación entre profesionais. Actividades formativas. Sinerxías na información xuvenil: transversalidade, cooperación e traballo en rede. Recursos relacionais da información xuvenil. Recursos de intervención no traballo con mozos: formación, información, equipamentos e actividades. A calidade nos servizos de información xuvenil. Habilidades sociais e resolución de conflitos.

4. Elaboración e difusión da información para a mocidade.

Metodoloxía de elaboración da información para mozos/as: linguaxes expresivas. Ficha informativa. Difusión de información xuvenil: soportes, publicacións físicas e virtuais na información para a mocidade. Procura de información e fontes. Selección da información e calidade da información. Organización da información nos centros. Creación e deseño de produtos de información. Autoavaliación e plan de acción.

5. Lexislación en materia de información xuvenil. Presentación das actuais estruturas de información xuvenil nos distintos países. Marco lexislativo e normativo da información xuvenil: tipoloxía dos SIX. Estrutura da Consellería de Traballo e Benestar e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Artigo 7º.-Solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

As solicitudes de admisión ao curso dirixiranse ao Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar.

O modelo de solicitude descárgase do portal www.xuventude.net, curso básico de información, orientación e asesoramento á xuventude.

Artigo 8º.-Certificacións de asistencia.

1. Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia aos alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polos alumnos, realizaranse probas obxectivas a distancia ao longo do curso, e ao remate levarase a cabo unha proba avaliativa presencial nas instalacións do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia ou onde se indique no seu momento.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións presenciais dos cursos así como ás xornadas, encontros e/ou congresos que organice a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado con temática relacionada coa xuventude durante a duración do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas presenciais impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

Artigo 9º.-Modificacións.

A Consellería de Traballo e Benestar poderá suspender o curso se non houbese un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

Artigo 10º

A asistencia a este curso será gratuíta para as alumnas e alumnos seleccionados.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar