DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 07 de abril de 2010 Páx. 5.146

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 15 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, co cofinanciamento de fondos Feder.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Turismo responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19º, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que lle corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura e Turismo asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Compételle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais, que desenvolvan un labor cultural dentro do seu ámbito competencial.

No eido concreto das corporacións locais e das súas entidades públicas, a Consellería de Cultura e Turismo, e dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera necesaria a mellora das condicións de equipamento e a mellora das condicións técnicas dos locais destas entidades co fin de abrir as súas ofertas culturais aos novos campos da cultura, e facilitar así o reequilibrio territorial na distribución cultural.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Turismo quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora dos locais e do equipamento das corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á mellora e equipamento dos locais das corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia para o ano 2010, no que atinxe á mellora do equipamento e das dotacións técnicas dos locais destinados a actividades culturais, consonte o procedemento que a continuación se establece.

Inclúense nesta orde os equipamentos e dotacións realizados desde o 1 de xaneiro de 2010 até a data límite de xustificación da orde.

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia aqueles que son propiedade das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan ao fomento da cultura galega.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.

d) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

e) Decreto 44/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do censo de asociacións e entidades culturais.

f) Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, o Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e a orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

E, supletoriamente:

g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

h) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

i) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.432B.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010, por un importe máximo de 800.000 € (oito centos mil euros), sen prexuízo de que este orzamento inicial poida ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Estas subvencións están cofinanciadas con fondos Feder (Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional), regulados pola normativa recollida no punto 4 do artigo 1º desta orde.

2. A concesión das axudas queda sometida á condición de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

3. A dotación das axudas sera destinada a:

-Realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala e sistemas de prevención e seguridade, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

4. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 50.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 75% do orzamento total do proxecto subvencionable.

5. O importe máximo destas subvencións non poderá superar en ningún caso o custo dos investimentos que realicen as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entidades públicas ou privadas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións as corporacións titulares de locais, cunha programación estable ao longo do ano.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. Os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante unha instancia dirixida ao conselleiro de Cultura e Turismo, consonte o modelo que figura como anexo I, e poderán presentala no Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Á solicitude xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:

a) Anexo II cuberto.

b) Memoria dos programas e actividades desenvolvidos polo concello.

c) Resumo das actividades culturais levadas a cabo no local para o que solicita a subvención, nos dous anos anteriores.

d) Memoria do proxecto de investimento, segundo o anexo III.

e) Certificado do órgano competente, facendo constar que a corporación local ou as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia se comprometen a achegar a porcentaxe do orzamento do proxecto que lle corresponda.

f) Orzamento desagregado do proxecto.

g) Poderán achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude. As memorias e o orzamento deberán estar debidamente asinados.

3. Os anexos I, II e III desta orde poderanse obter fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia no que se publique a convocatoria de axudas ou obterse na páxina da internet http://culturaeturismo.xunta.es/.

Artigo 5º.-Emenda de solicitudes.

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Instrución do procedemento e selección de solicitudes.

1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. A comisión de avaliación a que fai referencia o punto 3 do artigo 1º estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidente: o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

b) Catro vogais: a subdirectora xeral de Promoción e Difusión da Cultura, o xefe do Servizo de Promoción e Difusión Cultural e dous funcionarios designados polo director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, dos que un deles actuará como secretario.

3. A comisión valorará os expedientes, consonte os seguintes criterios prioritarios:

a) Realización de investimentos destinados a fomentar novos usos do local. 5 puntos

b) En función da finalidade do investimento. Se máis do 50% do orzamento se destina da forma seguinte:

-Realización de investimentos relacionados coas artes escénicas (excluídos a iluminación e son): 5 puntos.

-Realización de investimentos relacionados coa iluminación e son: 2 puntos.

-Realización de investimentos relacionados coa supresión de barreiras arquitectónicas: 2 puntos.

c) Número de actividades culturais realizadas no local para o que se solicita a subvención, nos dous anos anteriores: ata 5 puntos.

d) Repercusión territorial das actividades da entidade: repercusión en toda a comunidade: 10 puntos; repercusión de ámbito comarcal ou superior: 5 puntos e repercusión local: 3 puntos.

e) Nivel de autofinanciamento: superior ao 25% ata o 40%, 2 puntos; superior ao 40% ata o 60%, 3 puntos e superior ao 60%, 5 puntos.

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada concedendo subvencións, ata o límite do crédito disponible, a aqueles solicitantes que obteñan una puntuación mínima que será fixada pola comisión de valoración, tras o exame das solicitudes. Esta resolución terá carácter de provisional cando concorran as circunstancias previstas no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, podendo instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicicións á subvención outorgable.

No caso de empate, para desempatar terase en conta en primeiro lugar o criterio de autofinanciamento e en segundo lugar a data de presentación de solicitude.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 7º.-Resolución.

O conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

Artigo 8º.-Notificación e desestimación.

O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os nove meses, segundo establece o artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 9º.-Aceptación, xustificación e pagamentos.

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable, ao abeiro do disposto no artigo 25 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento, antes do 1 de novembro de 2010. O cumprimento efectivo dos fins para os que foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación de orixinal e copia da seguinte documentación:

a) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, de acordo co disposto no artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Fotocopia compulsada das facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento ou dos mandamentos de pagamento, estes últimos asinados polo interventor ou o alcalde.

c) Memoria explicativa do proxecto realizado en relación coa axuda concedida, xunto coa porcentaxe de autofinanciamento do investimento que para o mesmo proxecto fixo o beneficiario.

d) Medios de pagamento empregados.

3. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requerirá o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

5. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

6. Unicamente serán gastos subvencionables os previstos na orde EHA/524/08 e os gastos cofinanciados non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos comunitarios.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. E en concreto estarán obrigados a:

1. Facilitar que as persoas designadas pola delegación territorial poidan comprobar, cando esta o considere conveniente, a execución dos proxectos. Así mesmo, os beneficiarios, unha vez aceptada a axuda, deberán destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal foron concedidos.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade que se poida xerar sempre que sexan actuacións realizadas en datas posteriores á recepción da comunicación da resolución, que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Turismo- Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia e, así mesmo, farán constar o cofinanciamento con Fondos Europeos.

3. Cando os beneficiarios non sexan as propias corporacións locais ou organismos autónomos delas dependentes, deberán achegar os xustificantes a que se refire o artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas. Así mesmo, o beneficiario queda obrigado a manter unha separación contable adecuada.

5. Tamén quedan obrigados a axustar os contratos que subscriban con motivo desta subvención á lexislación pública de contratos e cos límites establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Reintegro da axuda e procedemento sancionador.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Recursos.

Contra esta orden e contra os actos resolutivos referentes a ela, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición perante a Consellería de Cultura e Turismo.

Artigo 13º.-Publicidade.

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario ao que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura e Turismo publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Consonte o artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2010.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

Ver referencia pdf "06400D007P046.PDF"