DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 07 de abril de 2010 Páx. 5.139

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 15 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a asociacións e institucións culturais para a realización de actividades de promoción da lectura e a creación de clubs de lectura, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Turismo responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia, que establece no seu artigo 27.19º como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e no artigo 32 que corresponde á nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura e Turismo asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Correspóndelle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos e colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, ten como un dos seus obxectivos a promoción do libro, o fomento da lectura e a normalización da presenza do libro en todos os sectores da sociedade así como o apoio ás agrupacións de lectores e clubs do libro.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2º que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, a que se axusta esta disposición.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria das subvencións en réxime de concorrencia competitiva destinadas á realización de programas ou actividades de promoción da lectura, en especial a creación e mantemento de clubs de lectura polas asociacións e institucións culturais sen ánimo de lucro, que sexan solicitadas á Consellería de Cultura e Turismo, conforme o procedemento que a continuación se establece.

2. En concreto, as actividades obxecto de subvención serán as seguintes:

Talleres de animación lectora, campañas de animación á lectura, clubs do libro, publicidade das actividades obxecto de subvención (estes non poderán superar o 50% do importe total do orzamento), adquisición de exemplares para o funcionamento dos clubs, gastos de persoal para dirección e coordinación das actividades e aluguer de servizos técnicos para a realización das actividades.

Inclúense nesta orde os programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2010 ata a data límite de xustificación desta orde.

3. Pola súa vez, non se financian os seguintes gastos:

Obras en inmobles, adquisición de maquinaria e equipamento inventariable e gastos correntes de funcionamento da entidade.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.

d) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega.

E, supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

g) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.432B.481.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010, por un importe máximo de 160.000 € (cento sesenta mil euros), sen prexuízo de que este orzamento inicial poida ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

2. Cada entidade beneficiaria poderá recibir unha axuda máxima de ata o 75% do orzamento total da actividade subvencionable. En todo caso, o importe máximo destas subvencións será de 10.000 € por beneficiario.

3. O importe máximo destas subvencións non poderá, en ningun caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

4. A concesión das axudas queda sometida á condición de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións as asociacións e institucións culturais sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e inscritas nos rexistros correspondentes e con domicilio social en Galicia, e que estean inscritas no censo de asociacións e entidades culturais da Consellería de Cultura e Turismo, conforme o Decreto 44/2001, do 1 de febreiro, da refundición da normativa en materia do censo de asociacións e entidades culturais. As entidades que soliciten a axuda con cargo a esta convocatoria deberán reunir eses requisitos, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas ou entidades que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2ºe 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. Os que se dexesen acoller a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante instancia dirixida á Consellería de Cultura e Turismo, segundo o modelo que figura como anexo I. A instancia poderá presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación bancaria da conta corrente en que se ingresará, sé é o caso, o importe da subvención concedida.

b) Memoria explicativa e detallada do programa ou actividades que se pretenden realizar, indicando o ámbito territorial e social destas, xustificando a súa necesidade e indicando os resultados previstos.

c) Breve memoria descritiva das actividades de fomento da lectura realizadas polo solicitante ata 2010.

d) Calendario de execución das actividades para as que se solicite axuda.

e) Orzamento desagregado e detallado do programa ou actividade, con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

f) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para a mesma actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

g) Declaración de non atoparse incurso en ningunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse segundo os modelos normalizados que figuran como anexos desta orde, e poderán presentala na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comporta a autorización á Consellería de Cultura e Turismo para solicitar de oficio e de forma telemática as consultas de atoparse ao día nas obrigas tributarias e fiscais coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Esta consulta farase de oficio e de forma telemática. No caso de que para o órgano instrutor non resultar posible a obtención da información, poderá requirirla directamente do solicitante.

4. A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura poderá en calquera momento pedirlles as entidades solicitantes que acheguen a documentación que considere necesaria.

Artigo 5º.-Emenda de solicitudes.

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non o facer considerarase que desistiu da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Instrución do procedemento e selección das solicitudes.

1. Corresponde á Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Co obxecto de cumprir o principio de concorrencia competitiva, as solicitudes examinaraas unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esta comisión estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidente: o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

b) Tres vogais: a xefa do Servizo de Bibliotecas, a xefa do Servizo do Libro e Publicacións e unha persoa vinculada laboralmente co ámbito de promoción da lectura.

c) Un funcionario, que actuará como secretario.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, este poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto, designe o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

3. A comisión valorará os expedientes consonte os seguintes criterios:

a) Proxectos que teñan como finalidade a creación de clubs de lectura estables, e cuxa creación sea anterior a data de publicación desta orde: ata 5 puntos.

Repartiranse do seguinte xeito: pola creación dun club de lectura: 1 punto, por cada un a maiores, engadirase un punto máis ata un máximo de 5 puntos.

b) Por mantemento de clubs de lectura xa existentes: 10 puntos.

Repartidos do seguinte xeito: por mantemento dun club: 5 puntos, e por cada un máis engádese outro punto, ata un máximo de 10 puntos.

c) Ámbito territorial de desenvolvemento do programa ou actividade, consonte os seus estatutos ata 5 puntos.

Repartidos da seguinte maneira: ámbito local: 1,5 puntos, comarcal: 2,5 puntos, provincial: 3,5 puntos e autonómico: 5 puntos.

d) Nivel de autofinanciamento do programa ou actividade: ata 5 puntos.

Se o nivel de autofinaciamento é superior ao 10% ata o 20%: 1 punto, por importe superior ao 20% ata o 30%: 2 puntos, por importe superior ao 30% ata o 40%: 3 puntos, superior ao 40% e ata o 50%: 4 puntos, por importe superior ao 50%: 5 puntos.

e) Capacidade de incidencia naqueles colectivos con baixo índice de lectura: 5 puntos.

O informe que emita a comisión valorará a totalidade dos expedientes que cumpren os requisitos previstos nesta orde.

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada concedendo subvencións, ata o límite do crédito disponible, a aqueles solicitantes que obteñan una puntuación mínima que será fixada pola comisión de valoración, tras o exame das solicitudes. Esta resolución terá carácter de provisional cando concorran as circunstancias previstas no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, podendo instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicicións á subvención outorgable.

En caso de que existan empates na puntuación, valorarase, en primeiro lugar, o criterio do autofinanciamento e no caso de que o empate se manteña, terase en conta a data de presentación da solicitude.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 7º.-Resolución.

O conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8º.-Notificación e desestimación.

O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os nove meses, segundo establece o artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria.

O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución expresa faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 9º.-Aceptación, xustificación e pagamentos.

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida debidamente asinada polo representante do beneficiario.

Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicicións á subvención outorgable, ao abeiro do disposto no artigo 25 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustificar a contía total do proxecto, antes do 1 de novembro de 2010, mediante a presentación da seguinte documentación:

-Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

-Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas que conterá orixinal, ou fotocopia compulsada, e dúas copias da seguinte documentación:

a) Relación clasificada dos gastos e investimemtos da actividade.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente incorporados na relación que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

-Certificación da titularidade da conta expedida pola entidade bancaria onde se debe realizar o pagamento da subvención.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

-Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

-Con carácter excepcional admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «Recibín en metálico».

4. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requerirá o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios desta axuda quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións Galicia, e tamén ás específicas que figuran a seguir.

2. A actividade subvencionada con cargo a esta orde deberá contribuír á normalización da lingua galega. As accións de difusión, publicidade e comunicación da actividade subvencionada desenvolveranse en galego.

3. Os beneficiarios das subvencións, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal foron concedidos, debendo comunicar á Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura o día e a hora da actividade subvencionada. A Consellería de Cultura e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

4. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada, sempre que estas sexan realizadas con posterioridade á notificación da resolución de concesión, que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Turismo -Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura- utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

5. O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11º.-Reintegro da axuda e procedemento sancionador.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Recursos.

Contra esta orden e contra os actos resolutivos referentes a ela, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición perante o conselleiro de Cultura e Turismo.

Artigo 13º.-Publicidade.

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario ao que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento, para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios, creado polo artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolución precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2010.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

Ver referencia pdf "06400D006P039.PDF"