DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 07 de abril de 2010 Páx. 5.130

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 17 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia.

No Diario Oficial de Galicia número 107, do 4 de xuño de 2008, publicouse a orde da antiga Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 2 de xuño de 2008 pola que se estableceron as bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia; bases que foron posteriormente modificadas pola Orde do 9 de febreiro de 2009 (DOG nº 40, do 26 de febreiro). As accións formativas que se desenvolveron ao abeiro destas normas tiveron un impacto moi favorable no sector empresarial do transporte en Galicia, mellorando a capacidade e preparación dos profesionais para actuar no mercado con eficiencia, seguridade e solvencia.

Este efecto demostra a aptitude das accións públicas tendentes a corrixir as posibles eivas do sector, actuando a priori sobre os problemas recorrentes que diminúen a súa capacidade de crecemento. Por iso, desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pretende dárselle un novo pulo a este tipo de políticas, asegurando a súa continuidade e optimizando os seus resultados. Deste xeito, a orde que agora se aproba pretende dar unha mellor resposta ás necesidades detectadas a través da experiencia acumulada, para que deste xeito a formación impartida sexa máis útil e universalista. Así, dótase a resolución de convocatoria de capacidade para determinar en cada momento a relación de cursos que poden acceder á subvención, por ser este un mecanismo máis dinámico e máis próximo á realidade de cada momento concreto, por contraposición a unhas bases reguladoras que deben deseñar un procedemento estándar con vocación de permanencia.

Por outra banda, hai que ter en conta o novo réxime xurídico imposto polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o cal impón novas obrigas pero tamén abre novas posibilidades á hora de configurar o procedemento subvencional. Esta nova orde propón así un texto que se adapta plenamente ás exixencias da norma, especialmente no que se refire aos mecanismos de pagamentos á conta e anticipos, así como no réxime de xustificación.

En definitiva, as bases que se aproban pretenden ser o punto de referencia para que, de xeito periódico e estable, se realicen as sucesivas convocatorias de axudas, e deste xeito consolidar a formación como un dos bens máis importantes con que conte o sector empresarial do transporte galego.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia, ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Plan formativo.

1. Para acceder ás axudas reguladas nestas bases, as entidades a que se refire o artigo seguinte deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar no período de tempo a que se refira a convocatoria correspondente.

Para estes efectos, como anexo I desta orde publícase a relación básica de cursos que se considerarán subvencionables, estruturados por área, modalidade e duración. Esta relación poderá ser actualizada pola resolución de convocatoria para adecuala ás necesidades formativas que se produzan; nese caso, as referencias que se fagan nestas bases ao contido do anexo I deberán entenderse feitas á nova relación actualizada.

A devandita relación básica de cursos subvencionables será desenvolvida e completada por unha guía de referencia que se publicará para cada convocatoria na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade. Nela especificaranse as características básicas que deben reunir os cursos, así como os importes máximos que se outorgarán para cada un deles. As especificacións desa guía de referencia teñen carácter vinculante, de xeito que todos os cursos incluídos no plan formativo deberán axustarse a elas para que este poida ser subvencionable.

2. Para que o plan formativo resulte subvencionable, os cursos que inclúa deberán afectar cando menos o seguinte número mínimo de áreas das recollidas no anexo I, segundo o importe de subvención solicitado:

Ver referencia pdf "06400D005P030.PDF"

Non se considerará que existe cambio de área cando unicamente varíe a modalidade de realización do curso (presencial, a distancia ou mixto).

3. As axudas outorgaranse de acordo coas consignacións orzamentarias dispoñibles para cada exercicio, e poderán cubrir ata o 100% do custo total do plan formativo.

O importe outorgado destinarase a realizar a totalidade dos cursos do plan formativo. Non obstante, se as demandas formativas o aconsellaren, poderá destinarse a impartir outros cursos relacionados coas materias contidas no plan, ou a incrementar o número de edicións dos xa incluídos nel, sempre que non se supere o importe global outorgado e a contía individual de cada curso non supere os límites máximos establecidos na guía de referencia.

Igualmente, no caso de que a contía global da axuda outorgada non cubra o custo de todo o plan formativo, o beneficiario poderá aplicala a realizar aqueles cursos ou seminarios incluídos nel que resulten de maior interese para o alumnado.

En todo caso, os cursos que se van realizar, así como os posibles cambios que os afecten, deberán serlle comunicados á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte nos termos do artigo 17º.2.

4. As axudas previstas nestas bases serán compatibles con calquera outra outorgada por outros departamentos, administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, sen que, en ningún caso, o conxunto de axudas recibidas poida superar nin o custo máximo estimado nin o real da actividade que desenvolverá o beneficiario, ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento legalmente establecido.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan xustificado ante a Dirección Xeral de Mobilidade, con anterioridade á data de publicación da convocatoria correspondente, a súa representatividade no marco do sector profesional, para os efectos do regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, participen ou non, de xeito efectivo, no referido órgano de representación.

As entidades referidas terán que ter acreditada unha representatividade que lles outorgue, ou puidese outorgar, cando menos, un vinte e cinco por cento dos dereitos de voto correspondentes ao ámbito provincial en que desenvolvan a súa actividade ou, alternativamente, un quince por cento no ámbito do conxunto da comunidade autónoma.

2. As entidades indicadas no punto anterior deberán, no momento de presentar a solicitude, non estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse, antes de iniciar a actividade, unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se incorporará á resolución de convocatoria; esta solicitude irá acompañada dos documentos especificados no punto 4 deste artigo.

2. Os impresos normalizados de solicitude poderán descargarse na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (www.cmati.xunta.es), ou ben recollerse nas seguintes dependencias administrativas:

a) Dirección Xeral de Mobilidade.

b) Servizos de Mobilidade da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas, e que realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

d) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

4. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia compulsada por funcionario público ou órgano oficial competente:

a) Tarxeta de identificación fiscal (CIF) da entidade solicitante.

b) Acta de constitución da entidade solicitante.

c) Estatutos da entidade solicitante.

d) De non constar nos documentos anteriores, poder que acredite a capacidade para actuar en nome da entidade da persoa que asina a solicitude.

e) Certificación bancaria orixinal do número de conta do solicitante (só necesaria no caso de non constar de alta no Rexistro de Terceiros da Xunta de Galicia).

f) Descrición do plan formativo en relación co cal se solicita a axuda. Este plan axustarase ao formato normalizado que se publique coa respectiva resolución de convocatoria, e terá o seguinte contido mínimo:

-Orzamento detallado.

-Temática, duración e número de edicións dos cursos ou seminarios.

-Área formativa e subgrupo a que corresponden segundo o anexo II destas bases.

-Orientación xeral do plan e xustificación da conveniencia de cada un dos cursos ou seminarios.

-Colectivo o que vai dirixido o plan formativo no seu conxunto e/ou cada un dos cursos ou seminarios.

Así mesmo, ao plan formativo poderán xuntarse cantos documentos se considere que poden facilitar a valoración dos aspectos indicados no artigo 10º.

5. Non obstante o disposto no punto anterior, non será preciso presentar a documentación referida nas letras a, b, c e d se esta xa figura completa e debidamente actualizada no poder da Dirección Xeral de Mobilidade, para os efectos da renovación da composición do Comité Galego de Transporte por Estrada ou de calquera outro procedemento, e así se indica expresamente na solicitude, nos termos do artigo 6º.3 desta orde.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Poderán, así mesmo, presentarse polos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes virá determinado na resolución de convocatoria das axudas.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; deberá presentar entón a correspondente certificación, nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o egulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Se da consulta telemática ou do certificado presentado pola entidade solicitante resulta que esta non figura inscrita como empresa no sistema da Seguridade Social, deberá achegar a documentación expedida por esa entidade que acredite que a devandita empresa non ten a obriga legal de estar de alta no sistema da Seguridade Social ou, no seu defecto, declaración responsable, debidamente asinada, de que non ten traballadores asalariados por conta allea e que, polo tanto, non ten a obriga de estar de alta no sistema da Seguridade Social.

3. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás solicitudes dos interesados xuntaránselles os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a xustificación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto farase consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

6. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve aquel, os representantes das entidades solicitantes poderán facer constar no formulario o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

En caso de que non presten ese consentimento, deberán presentar xunto coa solicitude unha fotocopia compulsada do DNI en vigor.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

1. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade as competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto destas bases.

2. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das subvencións, e correspóndelle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nestas bases ou na normativa de aplicación para ser beneficiario das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que as acompañe, comprobando o cumprimento dos requisitos para ser beneficiarios.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nestas bases requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases, na resolución de convocatoria ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de declaración da súa inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin, elaborará un informe en que figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes que cumpren os requisitos para obter a subvención e no cal se especificará a valoración que lles corresponde segundo os devanditos criterios. Así mesmo, indicarase o importe da axuda para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

2. A comisión de valoración estará composta polos xefes dos seguintes servizos dependentes da Dirección Xeral de Mobilidade:

a) Servizo de Informes, Autorizacións e Xunta Arbitral.

b) Servizo de Estudos e Apoio Xurídico.

c) Servizo de Concesións.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos anteriores, a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade poderá nomear substitutos de entre funcionarios dos grupos A1 ou A2 da referida dirección xeral.

3. As solicitudes que non puidesen ser atendidas por insuficiencia de crédito quedarán en reserva, e poderán, de ser o caso, subvencionarse ben co crédito que quedase libre de se producir algunha renuncia por parte dos beneficiarios, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas. Para estes efectos poderán realizarse sucesivos informes conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

1. A valoración das solicitudes formuladas efectuarase para o conxunto do plan formativo que presente cada solicitante, de acordo cos seguintes criterios de valoración:

i) Representatividade total da asociación ou federación no ámbito profesional, ponderada en atención ao número de vehículos pertencentes ás empresas integradas nela, segundo os datos que constan na Dirección Xeral de Mobilidade para os efectos de renovación da composición e votos do Comité Galego de Transporte por Estrada: ata 20 puntos.

No caso de que para unha mesma convocatoria presentasen solicitude unha federación e unha ou varias das asociacións integradas nela, para ponderar a representatividade daquela non se terán en conta os vehículos que correspondan a estas últimas.

As entidades que poidan ter a condición de beneficiarias por estaren integradas no Comité Galego de Transportes, pero que non sexan representativas de empresas titulares de vehículos con persoal de condución para o desenvolvemento da actividade ou do sector de actividade que representen, terán cero puntos nesta epígrafe.

ii) Adecuación dos temas obxecto de estudo ao interese público do transporte por estrada e ás necesidades de formación: ata 25 puntos.

Para estes efectos, cada actividade valorarase, atendendo á memoria presentada, de acordo coa puntuación que se indica no anexo I desta orde (columna «adecuación ao ámbito do transporte»).

iii) A correcta execución das actividades que fosen obxecto de axudas outorgadas para a formación en relación co transporte por estrada en Galicia conforme estas bases reguladoras: ata 10 puntos.

iv) Custo do programa formativo, que se ponderará en atención á minoración que a suma do custo de todos os cursos supoña respecto dos importes fixados na guía de referencia. Por este concepto, a minoración máis alta recibirá 25 puntos e as demais os que proporcionalmente lles correspondan.

v) Compromiso do uso da lingua galega no desenvolvemento da actividade: ata 20 puntos, avaliables segundo os seguintes criterios acumulativos:

-Uso da lingua galega na difusión e publicidade dos cursos: ata 3 puntos.

-Uso da lingua galega no material didáctico empregado: ata 7 puntos.

-Uso da lingua galega polo persoal encargado de impartir os cursos: ata 10 puntos.

2. As axudas outorgaranse aos que ocupen os primeiros lugares na relación de beneficiarios elaborada consonte os puntos anteriores, ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible. Non obstante, ningún deles poderá recibir unha subvención superior á contía que resulte de aplicar, sobre o total do crédito orzamentario dispoñible, unha porcentaxe igual á da representatividade que teña a asociación ou federación no Comité Galego de Transportes, ponderada en atención ao número de vehículos das empresas nela integradas, incrementada nun 10%. Para facer esta ponderación será aplicable a regra contida no parágrafo segundo do punto i da alínea anterior.

Para estes efectos, as entidades a que se refire o parágrafo terceiro do punto i da alínea anterior terán como límite a mesma contía que lle corresponda á que menos vehículos teña do resto de asociacións ou federacións.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Á vista do informe da comisión de valoración, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, para que esta dite a resolución que corresponda para cada solicitante.

No caso de que, atendendo ás solicitudes formuladas, resulte acreditada a suficiencia do crédito dispoñible, o órgano instrutor poderá elevar propostas parciais de resolución, e procederse a resolver sucesivamente as distintas solicitudes formuladas por orde cronolóxica de conclusión dos correspondentes expedientes administrativos.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecido.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes que estableza a convocatoria. Se transcorrese este prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A concesión ou a denegación da axuda será notificada ao solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Adicionalmente, as axudas concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia, de concorreren os supostos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en todo caso na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na sección de Mobilidade.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases e da resolución de convocatoria, así como a desestimación presunta de solicitudes, porán fin á vía administrativa, e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da axuda outorgada.

2. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, ben de xeito directo, ben mediante equipos ou persoal externo designado e acreditado para o efecto, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. Os beneficiarios das axudas estarán obrigados a facer constar na publicidade e difusión dos cursos ou seminarios a lenda: «Curso / seminario / xornada (segundo proceda) subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia».

3. Igualmente, os beneficiarios das axudas estarán obrigados a pór á disposición da Dirección Xeral de Mobilidade un mínimo dun 15% das prazas dispoñibles para cada curso (cun mínimo de 3 prazas por curso), destinadas preferentemente ao persoal dos corpos e forzas de seguridade do Estado, das unidades adscritas a esta comunidade autónoma e das policías locais, que faga funcións de colaboración en materia de transporte; estas prazas non se computarán para os efectos de cálculo do número máximo de asistentes por curso, nin se acumularán ás prazas dispoñibles en caso de non seren cubertas por esta Administración.

4. Nos supostos en que os cursos ou seminarios subvencionados non sexan gratuítos para os asistentes, a entidade organizadora unicamente poderá percibir daqueles a cantidade correspondente á parte do custo non subvencionada; deberá constar documentalmente este feito.

Artigo 15º.-Xustificación da subvención.

1. Dentro do prazo que estableza a resolución de convocatoria das axudas, que en ningún caso poderá rematar despois do 10 de decembro do ano correspondente, os beneficiarios deberán xustificar a realización das actividades subvencionadas achegando a documentación que se indica no punto seguinte.

Non obstante, e atendendo ás ordes de cerramento do exercicio orzamentario que dite a Consellería de Facenda, o prazo indicado poderá ser adiantado mediante resolución da Dirección Xeral de Mobilidade, á cal se lle dará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. A xustificación farase presentando unha conta xustificativa que conterá a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación, na cal se indiquen as actividades realizadas e os resultados obtidos. De ser o caso, nesta memoria deberanse especificar claramente as variacións introducidas no plan formativo inicialmente presentado, de acordo co disposto no artigo 2º.3, así como aqueles cursos e/ou edicións que non se realizasen, e os motivos desta inexecución.

b) Relación clasificada dos gastos e investimentos que supuxo a execución do plan formativo, desagregada por cursos e edicións. Nesta relación deberase identificar o documento, o acredor, a data de emisión, o importe e a data de pagamento.

c) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil que estean incorporadas á relación indicada na letra anterior. Estas facturas deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

d) Documentación acreditativa do pagamento das devanditas facturas.

e) De ser o caso, documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios.

f) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

g) Relación de alumnos de cada curso ou seminario, na cal figure o seu número de DNI, enderezo completo e teléfono de contacto. No caso dos cursos presenciais ou mixtos, esta relación deberá contar, ademais, coa sinatura de cada alumno.

h) No caso dos cursos a distancia, exemplares dos manuais e demais material elaborado para impartir o curso.

i) De ser o caso, as ofertas de tres provedores diferentes e a memoria xustificativa da elección realizada, de acordo co que establece o artigo 18º.5.

3. A dita documentación deberá ser presentada directamente ante a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte da Dirección Xeral de Mobilidade, a cal poderá requirirlles aos beneficiarios a incorporación de calquera outra documentación necesaria para pagar a subvención.

4. Transcorrido o prazo de xustificación que estableza a resolución de convocatoria sen que o interesado presente a documentación indicada, este será requirido para que no prazo de dez días emende ese incumprimento.

A falta de xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito a cobrar a subvención e a exixencia das responsabilidades que puidesen corresponder segundo a Lei de subvencións de Galicia. A realización da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 16º.-Pagamento.

1. Unha vez examinada a documentación presentada consonte o artigo anterior, aboaranse as cantidades que correspondan ás actividades correctamente realizadas, polos importes xustificados, e sen que se poida superar en ningún caso a contía máxima concedida. Este pagamento farase mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude.

2. Poderán realizarse pagamentos fraccionados á conta da liquidación definitiva, que responderán ao ritmo de execución das actividades subvencionadas, cos seguintes requisitos:

a) A periodicidade destes pagamentos será mensual.

b) Únicamente se pagarán as contías correspondentes a cursos completos, nunca a partidas individuais dentro destes.

c) A porcentaxe máxima que se poderá recibir mediante estes pagamentos fraccionados será do 80% da subvención total concedida.

d) Para poder acceder a estes pagamentos a entidade beneficiaria deberá achegar a documentación indicada no punto 2 do artigo anterior relativa ao curso ou cursos que se pretenden cobrar.

As entidades beneficiarias, como colaboradoras da Administración en representación do sector profesional do transporte por estrada a través do Comité Galego de Transporte por Estrada, non estarán obrigadas a constituír garantías para acceder a eses pagamentos á conta, de acordo co artigo 65.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os beneficiarios poderán solicitar, así mesmo, o pagamento anticipado de ata o 80% da subvención concedida. Para tal fin deberán presentar unha memoria en que se especifiquen os gastos que se prevé cubrir co dito adianto, e constituír como garantía un seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou un aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.

A dita garantía deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación que sinale a resolución de convocatoria, e cubrirá o 110% das cantidades anticipadas.

Artigo 17º.-Realización das actividades.

1. As actividades obxecto de subvención deberán desenvolverse segundo a planificación proposta na solicitude, concretando as datas exactas de realización unha vez que se confirme a asistencia mínima prevista para cada actividade.

Non se poderán realizar as actividades e, por tanto, xustificar o gasto correspondente, de non se confirmar a asistencia mínima prevista para a propia actividade.

2. Para cada curso e, de ser o caso, para cada edición dentro destes, os beneficiarios deberán comunicarlle á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte o seu inicio con non menos de cinco días naturais de antelación. Esta comunicación farase por correo electrónico, ao enderezo que se indique na resolución de outorgamento da axuda, e deberá ter o contido e o formato normalizado que para o efecto estableza a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

Ademais do anterior, con non menos de tres días naturais de antelación á data de inicio, os beneficiarios deberán comunicar, polos mesmos medios, a relación de asistentes admitidos á realización da actividade, coa indicación do seu nome e apelidos, documento de identidade, domicilio e teléfono de contacto.

Para garantir a adecuada recepción das comunicacións anteriores, poderáselles exixir aos beneficiarios da axuda, en calquera momento, que aquelas se presenten, neses mesmos prazos, polos medios ordinarios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano instrutor poderá acordar, en relación con determinadas actividades, e co fin de garantir o adecuado control, que o beneficiario remita, por medios telemáticos, ao inicio de cada sesión en que se constitúa a actividade, a relación diaria de asistentes; con indicación do seu DNI e sinatura, así como os partes de incidencias que poidan resultar procedentes.

Artigo 18º.-Subcontratación.

1. Os beneficiarios das subvencións poderán subcontratar a realización dos cursos ou seminarios ata o total da actividade subvencionada. Non se considerará subcontratación a realización dos cursos por unha asociación profesional integrada na beneficiaria ou polas mesmas entidades que integran a beneficiaria; non obstante, non se poderá subcontratar con estas se teñen tamén a condición de beneficiarias da subvención.

2. De acordo co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se asine por escrito.

b) Que a súa celebración sexa autorizada previamente pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade. Esta autorización deberá outorgarse no prazo de quince días desde a data de entrada da solicitude nos servizos centrais deste órgano administrativo, entendéndose outorgada se transcorre o devandito prazo sen notificarse a resolución.

3. Non se poderá fraccionar un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

4. En ningún caso poderá ser concertada polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da citada Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, a menos que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou aos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e sexa autorizada previa e expresamente pola Dirección Xeral de Mobilidade.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención nesta mesma convocatoria.

5. De acordo co artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a realización do curso ou seminario, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o poidan realizar.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 19º.-Incumprimentos, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases, na resolución de convocatoria ou no resto da normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Singularmente, e consonte o previsto no artigo 14.1º n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase un incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención a anulación ou suspensión dun curso ou edición cuxo inicio xa tivese sido anunciado nos termos do artigo 17º.2, sen terllo comunicado á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte previamente. Porén, non se considerará que existe incumprimento se a anulación ou suspensión se debeu a causas de forza maior debidamente xustificadas, e así se comunica á devandita subdirección dentro das vinte e catro horas posteriores a se produciren eses feitos excepcionais.

O incumprimento descrito no parágrafo anterior determinará a imposibilidade de xustificar e cobrar as contías correspondentes ao curso ou edición anulado ou suspendido, incluso se se realiza con posterioridade, e ademais incidirá sobre o importe final de axuda que se vai percibir segundo a seguinte escala:

a) A primeira anulación ou suspensión dará lugar a unha redución nun 10% da axuda total que se vai percibir pola execución do plan formativo.

b) A segunda anulación ou suspensión dará lugar a unha redución nun 25% da axuda total que se vai percibir pola execución do plan formativo.

c) A terceira anulación ou suspensión dará lugar a unha redución nun 50% da axuda total que se vai percibir pola execución do plan formativo.

d) De se producir unha cuarta anulación ou suspensión, a subvención concedida será revogada e o beneficiario deberá reintegrar, de ser o caso, as cantidades xa percibidas.

As reducións indicadas e a revogación terán carácter acumulativo e aplicaranse sempre sobre o importe que resulte da documentación presentada na fase de xustificación da axuda.

No caso de que o beneficiario xa tivese recibido algunha cantidade en concepto de anticipo ou como consecuencia de xustificacións parciais, a aplicación das reducións indicadas dará lugar, de ser necesario, á aplicación dun procedemento de reintegro.

En todo caso, o incumprimento da obriga de comunicar previamente a anulación ou suspensión de cursos ou edicións considerarase unha execución inadecuada das actividades formativas subvencionadas para os efectos do artigo 10º.1 iii).

2. Para facer efectivas as devolucións a que se refire o punto anterior, tramitarase un procedemento de reintegro que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Control.

1. A Dirección Xeral de Mobilidade poderá levar a cabo, directa ou indirectamente, as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21º.-Remisión normativa.

Para todo o non regulado nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Habilitación de melloras ofimáticas.

A Dirección Xeral de Mobilidade poderá habilitar unha aplicación informática que, vía web, permita a transmisión da información referente ás actividades realizadas.

Neste caso, a partir da súa posta en funcionamento, a formalización de modelos, a remisión de datos de actividades, asistencias e incidencias, e demais comunicacións previstas nesta orde e/ou na resolución de convocatoria como de transmisión por medios dixitais ou electrónicos substituirase pola súa carga polo beneficiario no contorno da indicada aplicación, e resultará obrigatoria para este.

Segunda.-Renovación da composición do Comité Galego de Transporte por Estrada.

No caso de que a tramitación de expedientes de subvencións convocadas consonte estas bases coincida cun procedemento de renovación da composición do Comité Galego de Transportes por Estrada, tomarase en consideración, para os efectos de adquirir a condición de beneficiario e calcular a súa representatividade, a que lle corresponda a cada asociación ou federación no momento de ditar a resolución de outorgamento da subvención.

Terceira.-Delegación de competencias.

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade a competencia para realizar as convocatorias das axudas a que se refire esta orde, de acordo coas bases que se establecen nela.

Disposición transitoria

Única.-Valoración de actividades formativas anteriores.

Na primeira convocatoria que se realice ao abeiro destas bases, para valorar a correcta execución de actividades formativas previas consonte o artigo 10º.1 iii), tomarase en consideración a execución de programas subvencionados ao abeiro da Orde do 2 de xuño de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e da Resolución do 25 de febreiro de 2009, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan para o ano 2009 as ditas axudas.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas as ordes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 2 de xuño de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 107, do 4 de xuño), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia; e do 9 de febreiro de 2009 (Diario Oficial de Galicia nº 40, do 26 de febreiro), pola que se modifica a anterior, agás a disposición adicional segunda e o anexo V da primeira das referidas ordes, que crean e regulan o ficheiro de datos de carácter persoal dos solicitantes e asistentes ás actividades formativas.

Non obstante, as subvencións concedidas, así como os procedementos subvencionais iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derradeira

Única.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación destas bases.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2010.

Agustín Hernández-Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "06400D005P030.PDF"