DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 07 de abril de 2010 Páx. 5.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2010 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Fútbol Sala Gallego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Fútbol Sala Gallego, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

1. Juan Ángel Probaos Barral, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o quince de decembro de dous mil nove, ante a notaria María Mercedes Bermejo Pumar, con número de protocolo mil setecentos noventa, pola Federación Galega de Fútbol Sala, representada neste acto por Juan Ángel Probaos Barral.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto fomentar os valores inherentes á práctica deportiva, en especial do fútbol sala, e a promoción desta como instrumento educativo susceptible de contribuír ao desenvolvemento integral da personalidade dos que o practican, e tamén como factor de integración social en beneficio dos que padecen calquera tipo de marxinación, así como promover e difundir todos os aspectos culturais vencellados ao deporte.

4. Na escritura de constitución constan os extremos relativos á personalidade da fundadora, á súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. Os membros do padroado da fundación que aceptaron o seu cargo son Juan Ángel Probaos Barral como presidente; José Manuel Rivas Casal como vicepresidente; Sonia Pacios Ferreiro como secretaria e Juan Marcos Cagigas Anseán como tesoureiro.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Fútbol Sala Galego, atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade coa dita proposta, por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 13 de novembro de 2009, clasificouse como de interese deportivo a Fundación Fútbol Sala Galego, e adscribiuse á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 7.2º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, corresponde a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Fútbol Sala Galego, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e o Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Fundación Fútbol Sala Gallego, polo que,

RESOLVO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Fútbol Sala Galego.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundación de interese galego e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como ás demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Notifíquese esta resolución aos interesados, en cumprimento do establecido no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2010.

Beatriz Cuiña Barja

Secretaria xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza