DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 07 de abril de 2010 Páx. 5.119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 29 de marzo de 2010 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais por parte dos concellos de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servizos públicos polos municipios.

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda desta comunidade autónoma se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que os cidadáns galegos teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, e converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional.

É neste senso no cal a Unión Europea incide, a través das correspondentes directrices estratéxicas, como prioridade para o conxunto da Unión. Así, a posta en marcha de medidas que respondan ás necesidades dos ámbitos rurais e urbanos da comunidade autónoma incidirá de xeito decisivo no cumprimento dos obxectivos que a Unión Europea se ten proposto e se ven materializados no programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixo 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 58, actuación 4.

Por esta razón, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende colaborar cos concellos na mellora da calidade de vida local, regulando por medio desta orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais, por parte dos concellos de Galicia, coa finalidade de acadar unha mellora nos servizos prestados á cidadanía por parte dos concellos galegos.

Así, o Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desa dirección xeral.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Por medio desta orde establécense as bases para conceder subvencións, en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2010, aos concellos de Galicia, destinadas á realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais, por parte dos concellos de Galicia.

2. As actuacións que se van subvencionar responderán a proxectos completos (fase única), do seguinte tipo:

a) Adecuación de prazas e paseos municipais.

b) Creación, adecuación ou rehabilitación de espazos e parques destinados á infancia.

3. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo cos datos do último padrón de habitantes.

b) Ter presentadas as contas do concello a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2008 no Consello de Contas de Galicia.

4. Só se poderá presentar un proxecto por concello, no cal poderá incluírse máis dunha actuación.

5. Deberá realizarse a totalidade do proxecto presentado.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.03. 141.A 760.3, ata unha contía máxima dun millón cincocentos setenta e un mil catrocentos vinte e nove euros (1.571.429 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

Existe a posibilidade de ampliación de crédito derivado de incorporacións de crédito, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta liña de subvencións finánciase nun 70% con cargo aos fondos de desenvolvemento rexional (Feder), e nun 30% con cargo a fondos FCI. Estes fondos Feder están incluídos no programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixo 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 58, actuación 4.

Terán a consideración de gastos subvencionables, os que cumpran os requisitos da Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder.

A axuda económica que se conceda poderá financiar como máximo ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. Os que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, podendo presentar esta na oficina de rexistro único e información, nos rexistros das delegacións territoriais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cando cubran os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, ben que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. O concello peticionario xuntará á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para os cales se solicita a subvención.

c) Proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar: no caso de parques infantís será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.

d) Certificación expedida polo secretario/a xeral do concello, referida á titularidade e plena disposición do concello sobre o terreo e predio onde se pretenden realizar as actuacións (anexo II desta orde).

e) Certificación do secretario do concello referida aos dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade do ano 2008, para o cálculo do esforzo fiscal do concello (anexo III desta orde).

f) Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo IV desta orde).

g) Certificado do secretario do concello da presentación das contas do concello no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 1.3º b) desta orde (anexo III desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constasen en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foi presentada variación que afectase o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegala novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da cal formarán parte os/as delegados/as territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polos concellos teranse en conta os seguintes aspectos, outorgando a maior puntuación ás solicitudes que presenten un maior número de aspectos para avaliar e o resto de xeito proporcional.

-Dispersión da poboación contada segundo o numero de núcleos de poboación do concello: 20 puntos.

-Necesidade das actuacións solicitadas, en relación coa situación actual do concello considerando as relacións de menores de 10 anos e de 65 ou mais anos: 60 puntos.

a) Poboación de menores de 10 anos, censados no concello de acordo co último censo de habitantes, en relación co total da poboación do concello: 30 puntos.

b) Poboación de 65 ou máis anos censados no concello de acordo co último censo de habitantes, en relación co total da poboación do concello: 30 puntos.

-Valoración do esforzo fiscal do concello, do estado de ingresos do orzamento liquidado do concello do ano 2008, de acordo coa fórmula: dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III)/nº habitantes: 10 puntos.

-Valoración da memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita subvención: 10 puntos.

A puntuación máxima será de 100 puntos e establécese unha contía máxima de 150.000 €.

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución notificaráselles a todas as persoas beneficiarias da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

2. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 8º.-Contratación.

A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.

Cando o importe subvencionable supere a contía de 30.000 € no suposto de execución de obras ou de 12.000 € no de subministracións e bens, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas, segundo o estipulado no artigo 29.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

No proceso de licitación e de execución das actuacións levadas a cabo polo concello beneficiario debera facerse constar que as actuacións contan co cofinanciamento da Unión Europea, fondos Feder e da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/Dirección Xeral de Administración Local).

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos e executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da comunidade autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

3. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009, da Comisión, do 1 de setembro. Estas medidas están recollidas na Guía de Publicidade e Información das intervencións cofinanciadas polos Fondos Estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe.

5. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, e deberán conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo.

Artigo 10º.-Xustificación.

1. Os concellos beneficiarios da subvención presentarán antes do 15 de outubro de 2010 a seguinte documentación:

a) Factura ou certificación de obra no modelo oficial que se publica como anexo V da orde, con relación valorada, e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local.

b) Certificación relativa ao acordo de aprobación polo concello das facturas ou certificacións de obra expedida polo/a seu/súa secretario/a.

c) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención, de acordo co previsto no artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo VI da orde).

d) Xustificante do pagamento da totalidade das obras.

e) Certificación do secretario/a de ter cumprido o estipulado no Regulamento 1828/2006, da Comisión Europea, modificado polo Regulamento (CE) 846/2009, da Comisión, do 1 de setembro, sobre publicidade de fondos Feder, así como copia da documentación acreditativa das actuacións efectuadas para dar cumprimento á dita publicidade.

Para tal fin, deberán achegarse ademais:

1) Fotografías, en soporte dixital ou papel, do lugar ou lugares onde se teñan efectuado as actuacións (tomadas durante e con posterioridade á súa realización).

2) Fotografías, en soporte dixital ou papel, do cartel das obras en que se aprecie a publicidade do cofinanciamento das actuacións con fondos Feder (70% da subvención ) e con fondos da comunidade autónoma (30% da subvención).

3) Certificación do secretario/a de que a tramitación e a contratación das obras ou equipamentos se realizou conforme a normativa de aplicación no ámbito local e que, nos documentos que forman parte do expediente, se fixo constar que as actuacións contan co financiamento da Unión Europea, fondos Feder, e da Comunidade Autónoma de Galicia (anexo VII da orde).

4) Fotografías, en soporte dixital ou papel da placa coa publicidade sobre o financiamento das actuacións, colocada nun lugar visible no lugar das obras, que deberá permanecer durante, cando menos, cinco anos.

f) Copia compulsada da resolución de adxudicación da obra ou equipamento, no caso de que o importe subvencionado supere a contía de 30.000 € para execución de obras ou 12.000 € para subministracións.

g) Declaración complementaria referida á obtención doutras subvencións, axudas ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención (anexo IV desta orde).

Se na data establecida neste artigo non estivesen presentadas as correspondentes xustificacións anularase a concesión da subvención a ese concello, e esta consellería poderá utilizar o dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

2. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de subvencións superiores a 60.000 €, realizarase previamente a comprobación material do investimento, do que quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada por un representante da administración e polo beneficiario, comprobación que poderá efectuar un órgano distinto do concedente da subvención. Excepcionalmente, poderase substituír esta comprobación por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

Artigo 11º.-Cantidades dispoñibles.

As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios, poderán dedicarse a subvencionar os concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 12º.-Modificación.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, o concello beneficiario da subvención debera destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante, como mínimo, cinco anos posteriores ao seu outorgamento.

O incumprimento da obriga de destino referida, que se producirá, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor.

Artigo 13º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

1. O importe da subvención non poderá ser, en ningún caso, de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

2. As axudas que se concedan poden acumularse con outras axudas compatibles, sempre que se respecten as intensidades de axuda máxima indicadas nas directrices ou nos regulamentos de exención por categorías aplicables.

3. Estas axudas non poderán acumularse con outras axudas procedentes do Feder ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de acordo co disposto no artigo 34 do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo.

Artigo 14º.-Incumprimentos.

No caso de incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, o concello comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 15º.-Publicidade das subvencións concedidas.

As persoas beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2º d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro.

O incumprimento da obriga do concello beneficiario da subvención de dar a axeitada publicidade do cofinanciamento das actuacións, en especial do previsto no artigo 8º desta orde, e de acordo co previsto no artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en relación co artigo 33.d) da citada norma, será causa de reintegro por parte do concello das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

É de aplicación a este réxime de axudas o Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Feder, e o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. Así mesmo, é aplicable o Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, modificado polo Regulamento (CE) 846/2009, da Comisión, do 1 de setembro, así como o previsto no marco temporal comunitario.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "06400D003P019.PDF"