DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 07 de abril de 2010 Páx. 5.114

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 29 de marzo de 2010 pola que se anuncian axudas económicas destinadas ao fomento do asociacionismo municipal a través de mancomunidades de municipios e consorcios locais.

Á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais, polo que, en cumprimento do establecido nos artigos 120 e 136 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, vén colaborando coas entidades locais galegas para fomentar a constitución de mancomunidades de municipios e consorcios co fin de favorecer fórmulas de agrupación intermunicipal e de asociacionismo para mellorar os servizos de competencia das entidades locais.

Así, e co obxecto de reforzar estas fórmulas de asociacionismo e colaboración, é vontade desta consellería subvencionar as mancomunidades de municipios e consorcios locais, todo isto para favorecer mecanismos de xestión dos intereses locais que permitan facer fronte ás novas exixencias de servizos públicos demandados polos veciños con organizacións fortes e dotadas de medios suficientes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

Establécense subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2010 en favor das mancomunidades de municipios e consorcios locais de Galicia, no que se refire aos gastos correntes de funcionamento ou os referidos á prestación de servizos de carácter obrigatorio para os municipios asociados.

Estas entidades deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais correspondentes ao exercicio 2008 no Consello de Contas de Galicia.

Non serán consideradas as solicitudes daquelas entidades supramunicipais que non teñan actualizados os seus datos no rexistro de entidades locais de Galicia desta consellería, así como as dos consorcios locais de que forma parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.03.141.A.460.1, ata unha contía máxima de cento oitenta e catro mil novecentos cincuenta e nove euros con cincuenta e dous céntimos (184.959,52 €) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.

A axuda económica que se conceda poderá acadar como máximo o 80% do total do orzamento presentado, en función das solicitudes presentadas e da dispoñibilidade de crédito.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. As entidades locais que desexen acollerse aos beneficios desta orde solicitarán, por medio de instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, e presentarana na Oficina de Rexistro Único e Información, nos rexistros das delegacións territoriais ou en calquera outro dos que establece o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, do 20 de marzo, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, aínda que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

Igualmente, os modelos normalizados estarán ao dispor dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es).

2. Xunto coa solicitude, tanto se esta se remite por vía ordinaria como telematicamente, presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo da entidade en que se aproba acollerse aos beneficios desta orde.

b) Relación da previsión dos servizos que se pretenden realizar, para os cales se solicita subvención.

c) Orzamento detallado dos gastos de funcionamento para os cales se solicita subvención.

d) Certificado do secretario/a da presentación das contas da entidade no Consello de Contas de Galicia, á que fai referencia o artigo 1º desta orde (anexo II desta orde).

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para este mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

Se algunha documentación da solicitada neste artigo xa constar en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producir desde o momento en que foi presentada variación que afecte o contido ou a vixencia desta, non será necesario presentala novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, considere oportuna.

3. O defecto na solicitude seralles notificado ás persoas interesadas pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. Transcorrido este prazo, se non se producir esta emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios, valorándose de acordo coas seguintes puntuacións:

-Número de núcleos de poboación que son atendidos pola entidade (25 puntos).

-Relación e número de servizos que a entidade presta con carácter intermunicipal (25 puntos).

-Proxectos que supoñan unha racionalización de actuacións e un aforro de custos en relación coa prestación de forma illada por cada concello (25 puntos).

-Relación de necesidades da entidade reflectidas na petición (25 puntos).

Cada un dos criterios anteriores será obxecto de avaliación, outorgándose a maior puntuación a aquelas solicitudes que presenten un maior número de aspectos valorables e o resto de xeito proporcional.

A puntuación máxima será de 100 puntos e establécese unha contía máxima de 20.000 €.

Artigo 5º.-Resolución

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da cal formarán parte os/as delegados/as territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais ou un funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución notificaráselles a todas as persoas beneficiarias da subvención na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de no se notificar resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

2. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que non se cause prexuízo a terceiro.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O/A representante da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen se producir manifestación expresa, entenderase aceptada.

Artigo 8º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. Para recibir a subvención, os seus beneficiarios deberán remitir á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Dirección Xeral de Administración Local), antes do día 15 de outubro de 2010, os seguintes xustificantes:

a) Facturas orixinais do gasto, ou copias compulsadas. No caso de gastos de persoal, poderán presentarse como xustificante tanto as nóminas acreditativas do pagamento como os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

b) Certificación relativa ao acordo de aprobación das mesmas polo órgano competente da entidade local expedida polo seu secretario/a.

c) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida a subvención, de acordo co previsto no artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV desta orde).

Para estes efectos, e de acordo co previsto no artigo 29.2º da Lei de subvencións de Galicia, considerarase gasto realizado o que foi pagado con anterioridade ao período de xustificación.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (anexo III desta orde).

3. A entidade beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. En todo caso, o libramento de fondos por parte da comunidade autónoma non superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

5. Transcorrido o prazo establecido no número 2 sen ter presentado as correspondentes xustificacións, anularase a concesión da subvención a esa entidade local, podendo esta consellería utilizar este crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 9º.-Cantidades dispoñibles.

As cantidades que resulten sobrantes por causa de renuncia expresa ou falta de presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades beneficiarias poderán dedicarse a subvencionar as entidades que presentaron en prazo a solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 10º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 12º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 la Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a persoa beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 13º.-Publicidade das subvencións concedidas.

As persoas beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na administración pública galega; do mesmo xeito se integrarán no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "06400D002P014.PDF"