DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 07 de abril de 2010 Páx. 5.106

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 29 de marzo de 2010 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de obras e equipamento para a prestación de servizos municipais nos concellos e nas entidades menores de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servizos públicos polos concellos e polas entidades menores (no sucesivo entidades).

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda desta comunidade autónoma se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que os cidadáns galegos teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte das entidades, como Administración máis próxima aos administrados, e converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional.

Por esta razón, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende colaborar coas entidades na mellora da calidade de vida local, regulando por medio desta orde os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras e equipamentos en ámbitos urbanos e rurais, por parte das entidades de Galicia, coa finalidade de acadar unha mellora nos servizos prestados á cidadanía por parte das entidades.

Así, o Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións coas entidades, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións as entidades que sexan competencia desa dirección xeral.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Convócase subvencións, en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2010, ás entidades de Galicia destinadas á realización de obras de rehabilitación, mellora, adaptación ou obras complementarias dentro dos edificios destinados a prestación de servizos municipais, así como equipamentos para servizos.

As actuacións que se poden subvencionar responderán a:

a) Obras de rehabilitación, adaptación, mellora ou obras complementarias dentro dos edificios destinados a prestación de servizos municipais.

b) Equipamento de mobiliario para os edificios destinados á prestación de servizos municipais.

2. Poderán ser beneficiarias desta subvención aquelas entidades de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo cos datos do derradeiro padrón.

b) Ter presentadas as contas das entidades a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2008 no Consello de Contas de Galicia.

Artigo 2º.-Crédito.

1. Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.03.141A.760.1 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, podendo adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. O importe máximo das subvencións que se concedan ascenderán a 9.093.834 €, distribuído nas seguintes anualidades:

-Ano 2010: 1.193.834 €.

-Ano 2011: 1.500.000 €.

-Ano 2012: 1.000.000 €.

-Ano 2013: 2.700.000 €.

-Ano 2014: 2.700.000 €.

3. A axuda económica que se conceda poderá alcanzar como máximo o 80% do total do orzamento presentado, en función das solicitudes presentadas e da dispoñibilidade de crédito.

4. Só se terán en conta as actuacións que incidan dun xeito significativo na mellora dos servizos prestados á cidadanía e cun investimento superior a:

-50.000 € no caso das actuacións reflectidas no punto 1.a) do artigo 1º.

-25.000 € no caso das actuacións reflectidas no punto 1.b) do artigo 1º.

Artigo 3º.-Iniciación.

Os que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, na oficina de rexistro único e información, nos rexistros das delegacións territoriais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Igualmente, as entidades interesadas e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cando cubran os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web.

2. A entidade peticionaria xuntará á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo da entidade polo cal se solicita subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita subvención.

c) Proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar. Só será posible presentar un proxecto ou anteproxecto por entidade que poderá incluír máis dunha actuación e non se poderá modificar sen autorización da Dirección Xeral de Administración Local. Logo de aceptar a subvención a entidade deberá enviar o proxecto definitivo á Dirección Xeral de Administración Local.

d) Memoria detallada e valorada economicamente no caso de solicitar equipamento.

e) Certificación expedida polo secretario/a xeral da entidade, referida á titularidade e plena disposición da entidade sobre o terreo e predio onde se pretenden realizar as actuacións (anexo II).

f) Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III).

g) Certificado do secretario/a da entidade da presentación das contas da entidade no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 1º.2 b) desta orde (anexo IV).

3. O defecto nas solicitudes seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 71 na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da cal formarán parte os/as delegados/as territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas entidades da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades ponderaranse os seguintes aspectos, de acordo coas puntuacións sinaladas a seguir:

a) Necesidade das actuacións solicitadas en relación coa situación actual da entidade, tendo en conta o exposto na memoria xustificativa (artigo 3º 2.b): 40 puntos.

b) Maior dispersión da poboación contada segundo o número de núcleos de poboación da entidade que obriga a dispoñer dun maior número de instalacións para atender os veciños: 30 puntos.

c) Porcentaxe de financiamento respecto ao orzamento total das actuacións que sería asumido por organismos distintos á propia consellería: 30 puntos.

A puntuación máxima será de 100 puntos, e establécese unha contía máxima de subvención:

-No caso de actuacións reflectidas no punto 1.a) do artigo 1º: 600.000 €.

-No caso das actuacións reflectidas no punto 1.b) do artigo 1º: 100.000 €.

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución notificaráselles a todas as persoas beneficiarias da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

2. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. A entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidas. A Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 8º.-Contratación.

A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polas entidades conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán as entidades contratantes as responsables directas das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.

Artigo 9º.-Publicidade das obras.

No caso de subvención para obras, a entidade beneficiaria deberá dar publicade da obra mediante a colocación dun cartel anunciador en que conste expresamente o cofinanciamento da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza/Dirección Xeral de Administración Local) de acordo coa imaxe corporativa oficial da Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación.

1. As entidades beneficiarias da subvención presentarán antes do 15 de outubro do ano correspondente o exercicio económico da respectiva anualidade, a seguinte documentación:

a) Factura ou certificación de obra no modelo oficial (anexo V), con relación valorada, e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local.

b) Certificación relativa ao acordo de aprobación pola entidade das facturas ou certificacións de obra expedida polo/a seu/súa secretario/a.

c) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control e da toma de razón en contabilidade do cumprimento da finalidade para que foi concedida a subvención, de acordo co previsto no artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo VI).

d) Declaración complementaria referida á obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas (anexo III).

e) Certificado do director/a de obra de que esta coincide co proxecto definitivo enviado a Dirección Xeral de Administración Local (anexo VII).

f) Copia compulsada da resolución da adxudicación segundo o artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado as correspondentes xustificacións, anularase a concesión da subvención a esa entidade, esta consellería pode utilizar o dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Así mesmo, de non xustificarse o investimento correspondente a algunha das anualidades, quedará anulada a subvención desa anualidade e das anualidades seguintes.

3. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto definitivo que fundamentou a concesión, segundo estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de subvencións superiores a 60.000 €, realizarase previamente a comprobación material do investimento, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada por un representante da Administración e polo beneficiario. A comprobación poder efectuarse por un representante distinto do concedente da subvención. Excepcionalmente, poderase substituír esta comprobación por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

A entidade beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11º.-Cantidades dispoñibles.

As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades beneficiarias poderán dedicarse a subvencionar as entidades que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 12º.-Modificación.

Toda alteración non autorizada das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incumprimento da obriga de destino referida, que se producirá, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor.

Artigo 13º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 14º.-Incumprimentos.

No caso de incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a entidade comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 15º.-Publicidade das subvencións concedidas.

As entidades beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

O incumprimento da obriga da entidade beneficiaria da subvención de dar a axeitada publicidade do cofinanciamento das actuacións, en especial do previsto no artigo 8º desta orde, e de acordo co previsto no artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en relación co artigo 33.d) da citada norma, será causa de reintegro por parte da entidade das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "06400D001P006.PDF"