DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 05 de abril de 2010 Páx. 4.928

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2010, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se dá publicidade á Resolución do 23 de febreiro de 2010 pola que se procede á modificación da resolución das axudas solicitadas ao abeiro da Orde do 27 de febreiro de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción da recría de gando vacún en Galicia, e se convocan para o ano 2009.

Mediante a Orde do 27 de febreiro de 2009, da Consellería do Medio Rural, fíxose pública a convocatoria das axudas para a promoción da recría de gando vacún en Galicia e convocáronse para o ano 2009 (Diario Oficial de Galicia do 10 de marzo).

O artigo 12.9º da orde reguladora dispón: «Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

De conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, «a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural».

Polo anterior, dáse publicidade á Resolución do 23 de febreiro de 2010 pola que se procede á modificación da resolución das axudas solicitadas ao abeiro da Orde do 27 de febreiro de 2009, ditada polo secretario xeral, por delegación do conselleiro do Medio Rural, co seguinte contido:

«Vista a proposta do 22 de febreiro de 2010 do director xeral de Produción Agropecuaria, ao abeiro da Orde do 27 de febreiro de 2009, DOG nº 48, do 10 de marzo, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos xurídicos que se sinalan a continuación:

Lexislacion aplicable:

O Regulamento (CE) 1535/2007, da Comisión do 20 de decembro de 2007 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas.

A Orde do 27 de febreiro de 2009, publicada no DOG do 10 de marzo, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á promoción da recría de gando vacún en Galicia, e se convocan para o ano 2009.

A corrección de erros da dita orde, (punto 7 do artigo 6º, páxina 5.071) publicada no DOG do 20 de abril.

Feitos:

Primeiro.-A Resolución do 24 de agosto de 2009, publicada no DOG do 8 de setembro, pola que se procede á publicación dos requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción da recría de gando vacún en Galicia, e se convocan axudas para o ano 2009.

Segundo.-A Resolución do 9 de setembro de 2009, publicada no DOG do 30 de setembro, pola que se dá publicidade á modificación da anterior resolución.

Terceiro.-A Resolución do 12 de novembro de 2009, publicada no DOG do 18 de novembro, pola que se dá publicidade á parte substantiva da resolución pola que se inadmiten a trámite determinadas solicitudes e se declaran desistidos das súas solicitudes determinados peticionarios das axudas reguladas na Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción da recría de gando vacún en Galicia, e se convocan para o ano 2009.

Cuarto.-O órgano colexiado efectuou a baremación das solicitudes segundo os criterios fixados no artigo 11º da orde, e resultaron estimadas as solicitudes de axuda e pola contía sinalada, os solicitantes relacionados no anexo I da Resolución do 4 de decembro de 2009, publicada no DOG do 28 de xaneiro de 2010, pola que se dá publicidade á resolución das axudas solicitadas ao abeiro da Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción da recría de gando vacún en Galicia, e se convocan para o ano 2009.

Quinto.-Realizadas as inspeccións para a comprobación do cumprimento da execución dos programas entre os solicitantes cuxa axuda foi estimada, comprobouse o incumprimento da execución efectiva do programa sanitario sinalado no punto 3 do artigo 6º dos solicitantes relacionados nesta resolución.

Con data do 15 de febreiro de 2010, o informe do xefe do Servizo de Producións Gandeiras, no cal se expón que, no proceso de control da execución dos programas para contrastar a veracidade dos datos e da documentación presentada, detectouse nos beneficiarios que se relacionan incumprimento dos requisitos sinalados no punto 3 do artigo 6º, tido en conta para a concesión da axuda.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro.-Resulta competente para resolver o expediente o conselleiro do Medio Rural, segundo o disposto no artigo 12 da citada orde de axudas.

Esta competencia foi delegada no secretario xeral da consellería en virtude do disposto no punto quinto da Orde do 24 de abril de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral.

Segundo.-No artigo 6º da citada orde de axuda sinálanse os requisitos para os solicitantes. No punto 3 indícase que na data da presentación da solicitude de axuda, o solicitante ten que estar a desenvolver o programa sanitario mínimo, descrito no anexo V da Orde do 24 de outubro de 2008 (DOG nº 212, do 31 de outubro), ou o programa sanitario desenvolvido pola ADSG a que pertenza.

Terceiro.-O artigo 16º da orde de convocatoria da axuda sinala que se comprobará a execución dos programas co fin de contrastar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como a realización das actividades subvencionadas.

No seu punto 2 prevé que será obxecto preferente de comprobación a execución efectiva do programa sanitario recollido no punto 3 do artigo 6º da mesma orde, no caso de explotacións non integradas nunha ADSG.

O devandito artigo resulta de aplicación aos solicitantes referidos nesta resolución.

Cuarto.-Por todo o exposto, e vistas a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normativa aplicable, e dado que segundo consta no artigo 14.2º da orde de axudas (en aplicación do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en referencia ao artigo 31.5 parágrafo 2º), comprobouse o incumprimento dos rexistros sinalados no punto 3 do artigo 6.

RESOLVO:

Declarar a perda total do dereito ao cobramento da axuda dos seguintes beneficiarios:

Ver referencia pdf "06200D010P052.PDF"

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2010.

José Álvarez Robledo

Director xeral de Produción Agropecuaria