DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 05 de abril de 2010 Páx. 4.900

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 22 de marzo de 2010 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

De acordo co previsto no Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, con data do 11 de marzo de 2009 publicouse no BOE a Resolución do 3 de marzo do mesmo ano, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, pola que se procedía a dar publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega (corrección de erros no BOE do 20 de marzo). Esta solicitude fora presentada anteriormente perante a Consellería do Medio Rural polo Consello Regulador desta indicación xeográfica.

Igualmente, dando cumprimento ao disposto no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, procedeuse a dar publicidade da dita solicitude no Diario Oficial de Galicia do día 11 de marzo de 2009.

Segundo o disposto no parágrafo 2 do artigo 6 do citado Real decreto 1069/2007, no prazo de dous meses a partir da data de publicación no BOE da dita resolución, calquera persoa física ou xurídica, cuxos lexítimos dereitos ou intereses considere afectados, poderá oporse á modificación pretendida mediante a correspondente solicitude de oposición, dirixida ao órgano competente da comunidade autónoma. Igual previsión recolle o artigo 4 do Decreto galego 4/2007, antes citado.

Con data do 11 de maio de 2009 formulouse unha oposición á dita modificación, que foi rexeitada por resolución da directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais con data do 19 de outubro do mesmo ano.

Por outra parte, o artigo 9 en conexión co artigo 5 do Regulamento (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo de 2006, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios, exixe a adopción polo Estado membro dunha decisión favorable, sempre que a solicitude presentada cumpra as previsións do citado regulamento, así como a publicación tanto da decisión como da versión do prego de condicións en que esta se fundamentase.

Transcorrido amplamente o prazo para que os opositores recorresen en alzada a resolución pola que se rexeitaron as alegacións formuladas contra a solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións e requisitos establecidos no Regulamento (CE) 510/2006, de acordo coa previsión contida no parágrafo terceiro do número 5 do artigo 5 do citado regulamento e coas competencias desta consellería na materia,

RESOLVO:

Primeiro.-Adoptar decisión favorable para que a modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega sexa rexistrada.

Segundo.-Publicar, como anexo desta resolución, a nova versión do prego de condicións que debe cumprir o produto por ela amparado.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición perante o titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpor recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega

A) Denominación do produto.

Indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega.

B) Descrición.

O gando apto para subministrar a carne que será amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega será das razas rubia galega, morenas galegas e demais razas cárnicas de gando vacún que tradicionalmente se utilizan en Galicia e expresamente recollidas no Manual de Calidade da IXP, así como os cruces entre si e de machos destas razas con femias de aptitude leiteira.

Segundo a idade, alimentación e o sistema de produción antes do sacrificio, distínguense os seguintes tipos de animais:

a) Tenreira: animais que se sacrifican con menos de dez meses de idade. Diferéncianse:

i) Ternera Gallega suprema: animais que se crían en explotacións con vacas nais e que tiveron un período mínimo de lactancia materna de sete meses.

ii) Ternera Gallega: animais que se destetan a diferentes idades, sendo a base da súa alimentación as forraxes e os concentrados autorizados polo Consello Regulador.

b) Anello: animais que se sacrifican con máis de dez meses e menos de vinte e catro.

Cada un destes tipos de animais dá lugar á seguinte categoría comercial homónima, cuxas características organolépticas, de conformación e de grao de engraxamento son as seguintes:

a) Ternera Gallega suprema: esta carne ten unha cor de rosa claro a vermella, con graxa que vai desde unha cor branca nacarada a unha amarela suave e de textura cremosa. O gran do músculo é fino e de consistencia firme.

Conformación das canais: S, E, U, R, O+. No caso de canais procedentes das razas morenas galegas non se terá en consideración.

Engraxamento: machos 2, 3; femias 2, 3, 4.

b) Ternera gallega: esta carne ten unha cor de rosa a vermella suave, con graxa de cor branca nacarada e distribución homoxénea, músculo de gran fino e de consistencia firme.

Conformación das canais: S, E, U, R, O+. No caso das canais procedentes das razas morenas galegas non se terá en consideración.

Engraxamento: machos 2, 3; femias 2, 3, 4.

c) Anello: esta carne ten unha cor que vai desde vermella suave a vermella intensa con graxa de cor branca nacarada cun ton amarelo suave. O músculo é de consistencia firme e magro.

Conformación das canais: S, E, U, R.

Engraxamento: 2, 3, 4.

C) Zona xeográfica.

A zona de produción e elaboración esténdese ao territorio de Galicia.

D) Proba da orixe.

Son requisitos fundamentais que avalan a orixe e a calidade do produto:

a) Todos os operadores que interveñen no proceso de produción e elaboración deben estar inscritos nos rexistros do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega. Os rexistros establecidos son: gandarías, cebadeiros, matadoiros, salas de despezamento e almacenistas e retallistas de carne.

b) Todas as reses pertencentes ás explotacións gandeiras inscritas na IXP identifícanse de forma individual, mediante o sistema de identificación oficial da Administración.

c) Os operadores inscritos levarán documentación onde se indicará, en relación coa súa actividade, as entradas e saídas de materias primas ou produtos, cos datos necesarios para a comprobación da rastrexabilidade individual ou dos lotes certificados. Desta forma realízase tanto o seguimento do produto como dos procedementos ou procesos que se levan a cabo.

d) Certificación de produto. O órgano de control e certificación do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega é o encargado de verificar o cumprimento do indicado neste prego. O Comité de Certificación deste órgano, integrado por representantes de todo os grupos implicados nos principios relacionados coa certificación, é o responsable de asegurar a imparcialidade e independencia dos procesos de certificación. A estrutura do órgano de control e certificación, dirixida polo director técnico, verifica se o produto é apto para ser amparado pola IXP, procedendo ao seu control e etiquetaxe para identificar e garantir a súa procedencia, mantendo a rastrexabilidade en todas as fases de elaboración e comercialización.

e) A etiquetaxe realízase nas distintas fases de elaboración do produto sobre as canais, pezas e porcións destas, tal como se indica na letra H). Esta etiquetaxe identifica o produto amparado ademais de manter a rastrexabilidade e garantir a orixe do produto.

E) Método de obtención.

Os animais destinados á produción de carne amparada pola IXP deben proceder das explotacións gandeiras inscritas e cumprir os criterios raciais establecidos.

A base da alimentación nas explotacións tradicionais de cría será a lactación materna complementada con alimentos propios das explotacións (millo, nabos, patacas), forraxes e pensos autorizados. Nas explotacións de ceba a alimentación baséase nas forraxes e pensos autorizados. En todo caso, os pensos utilizados deben ser de orixe vexetal, predominando na súa composición os cereais. Ademais, deberán cumprir as especificacións establecidas no manual de calidade da IXP. Queda expresamente prohibido o emprego de produtos que poidan interferir no ritmo normal de crecemento e desenvolvemento dos animais, así como o emprego de derivados de animais reciclados. Para a autorización dos pensos utilizados, os fabricantes deberán subscribir co Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega un compromiso de cumprimento das especificacións relativas á alimentación.

As prácticas gandeiras deben favorecer a protección ambiental e o benestar dos animais (espazos amplos, liberdade de movementos, etc.).

O sacrificio do gando realizarase en matadoiros inscritos, onde se procederá á certificación e etiquetaxe das canais de acordo coas tipoloxías establecidas segundo as prácticas de produción e a idade dos animais. As carnes amparadas deberán cumprir un período de maduración mínimo que estará fixado no manual de calidade, e a súa comercialización ao consumidor deberá realizarse con posterioridade aos tres días desde o sacrificio. As carnes que sufran procesos de conxelación perderán a protección da IXP.

O despezamento efectuarase nas salas inscritas e non poderá ser simultáneo con outras canais e pezas non amparadas. As pezas irán provistas das etiquetas expedidas polo órgano de control e certificación. A rastrexabilidade no despezamento será de forma individualizada.

O fileteado das pezas poderá ser efectuado en industrias inscritas no Consello Regulador ou en establecementos específicos dos puntos de venda finais sempre que previamente asinasen un acordo de colaboración co Consello Regulador para o control, etiquetaxe e a comercialización das carnes protexidas. O fileteado non poderá ser simultáneo con outras carnes non amparadas. A rastrexabilidade na etiquetaxe será por lotes e os envases deberán ir provistos das etiquetas expedidas polo órgano de control e certificación do Consello Regulador.

Non se admite a reutilización das etiquetas da IXP en ningunha das fases de sacrificio, despezamento e fileteado.

O cumprimento das condicións de obtención do produto comprobarase mediante inspeccións periódicas das instalacións, dos animais e da carne; revisión da documentación; análises fisicoquímicas das materias primas e dos produtos; análises mediante marcadores moleculares para seguimento da rastrexabilidade e análises organolépticas.

A descualificación dos animais, das canais, das pezas ou as súas porcións poderá ser realizada polo órgano de control e certificación do Consello Regulador en calquera das fases de produción, elaboración e comercialización.

F) Vínculo.

Carácter específico da zona xeográfica.

A orografía galega está modelada con suaves outeiros e unha importante rede fluvial que, xunto ao clima atlántico de abundante pluviosidade e temperaturas suaves, favorecen unha alta produtividade forraxeira e dos cultivos agrícolas. Esta capacidade produtiva da terra favoreceu o desenvolvemento dunha elevada actividade gandeira ligada ao territorio, así como a implantación dunha importante industria elaboradora e transformadora, na que a carne de vacún ten un especial protagonismo.

Esta actividade gandeira sustentouse historicamente sobre a base de explotacións familiares, nas que o saber facer tradicional no relativo ás técnicas de cría, alimentación e manexo do gando foron transmitíndose de xeración en xeración.

Carácter específico do produto:

A existencia de razas propias de aptitude cárnica entre as que destaca a raza rubia galega, nas súas orixes de tripla aptitude, pero con preponderancia carniceira, foi a base dun sistema produtivo agropecuario caracterizado pola pequena dimensión das gandarías e polo aproveitamento dos recursos propios que se xeran: leite, forraxes, cultivos agrícolas como cereais (millo principalmente), patacas, nabos, etc.

Outra característica destacada é o sacrificio dos cuxos a idades temperás (xeralmente por debaixo dos 10 meses) que conxuntamente co coidado dos animais e o sistema de alimentación, dan como resultado unha carne que destaca polo seu suave sabor e apreciable xugosidade e tenrura.

Relación causal entre a zona xeográfica e a calidade, a reputación ou outras características específicas do produto:

O gando vacún foi utilizado desde moi antigo polos poboadores de Galicia como fonte de carne e graxa. Caracterizábase por ser un gando de carácter rústico, pequeno e montaraz que, debido á introdución da pataca e o millo procedentes de América, se transformou nun gando de maior corpulencia, destinado aos traballos agrícolas e á produción de carne e leite. Esta versatilidade do gando axudou de forma importante á evolución na propiedade da terra xa que, ademais de completar o consumo familiar, xeraba excedentes destinados á adquisición de propiedades.

No século XVIII, o vacún galego adquiriu gran relevancia polas exportacións de carne a Inglaterra que se sostiveron ata principios do século XX. Con posterioridade e ata ben avanzada a década dos 60 no século XX, Galicia subministraba carne de vacún a media España e hoxe en día é a segunda actividade agraria gandeira en importancia económica detrás da produción láctea e a primeira desde o punto de vista social e de mantemento da poboación no medio rural.

Precisamente Ternera Gallega prodúcese en explotacións gandeiras de carácter familiar, que respectan a tradición cárnica galega, apostando sempre pola calidade. Son explotacións nas que existe unha especial simbiose vaca -cuxo- medio, baixo os coidados e bo facer dos gandeiros galegos, que herdaron sistemas de produción transmitida secularmente de pais a fillos, baseados no aproveitamento dos recursos propios da explotación e no particular coidado dos animais, compañeiros e partícipes da súa historia, que sempre lle permitiron obter produtos agroalimentarios de excepcional calidade, o que deu unha gran reputación a estas carnes no mercado español.

A carne de Ternera Gallega goza do recoñecemento e preferencia dos consumidores, tal como se demostra nos múltiples estudos e enquisas relativas ao consumo de carne de vacún realizadas en España, tanto por organismos oficiais como por empresas privadas, nos últimos 30 ou 40 anos. Así, máis do 70% dos consumidores españois coñecen Ternera Gallega, un 68% declaran comprala polo menos ocasionalmente e máis do 50% opinan que é a mellor carne de vacún.

G) Estrutura de control.

O órgano de control e certificación integrado no Consello Regulador da IXP Ternera Gallega é o encargado de verificar o cumprimento do indicado no prego de condicións. Este órgano dispón dunha estrutura adecuada para actuar de acordo coa Norma EN45011 sobre criterios xerais que deben cumprir as entidades que realizan a certificación de produto.

Nome: Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega.

Enderezo: Recinto Feiral de Amio, 15891 Santiago de Compostela.

Teléfono: 0034 981 57 57 86.

Fax: 0034 981 57 48 95.

Correo electrónico: certificacion@terneragallega.com

O Comité de Certificación deste órgano, integrado por representantes de todos os grupos implicados nos principios relacionados coa certificación, é o responsable de asegurar a imparcialidade e independencia dos procesos de certificación. A estrutura do órgano de control e certificación está dirixida por un director técnico que é o máximo responsable da certificación e dispón de persoal técnico cualificado.

H) Etiquetaxe.

Todas as canais, pezas e porcións levan para a súa identificación e rastrexabilidade etiquetas que se aplican ao produto en cada fase de elaboración (sacrificio, despezamento e/ou fileteado). Estas etiquetas son de distintas cores segundo a tipoloxía do produto (de acordo co recollido na letra B) deste prego) e conteñen, ademais das mencións obrigatorias, as seguintes: identificación e logotipo de Ternera Gallega, logotipo europeo das IXP e datos de rastrexabilidade. Ademais das etiquetas, en cada media canal colócase un documento que achega información sobre a explotación de procedencia, identificación e tipoloxía do animal, idade ao sacrificio, clasificación e peso da canal, matadoiro e data de sacrificio.

A carne picada ou carne procesada elaborada a partir de carne de vacún amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega poderá ser comercializada en envases que utilicen a mención «elaborado a partir de Ternera Gallega IXP», sempre que a carne certificada constitúa a única carne no produto final.

Os usuarios desta mención estarán autorizados polo Consello Regulador da IXP Ternera Gallega e sometidos ao control e inspección do órgano de control para verificar o uso correcto da indicación xeográfica protexida na etiqueta e as cantidades utilizadas. Nestes produtos está prohibido o uso do logotipo comunitario identificador das indicacións xeográficas protexidas.

I) Requisitos lexislativos.

-Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

-Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

-Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, e a oposición a elas.