DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 05 de abril de 2010 Páx. 4.897

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 10 de marzo de 2010 pola que se modifica a Orde do 21 de decembro de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a creación de banda deseñada galega durante o ano 2010 e se procede á súa convocatoria.

Publicada a Orde do 21 de decembro de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a creación de banda deseñada galega durante o ano 2010, obsérvase que se exixen no artigo 3º nos requisitos dos beneficiarios, unhas titulacións que exclúen parte do colectivo a que van dirixidas.

Dado que se trata dunha actividade profesional en que non existen deseños curriculares dedicados especificamente á banda deseñada, faise necesario modificar a Orde do 21 de decembro de 2009, no senso de incluír entre os beneficiarios, ademais daqueles que conten cos estudos recollidos no artigo modificado, aqueles que poidan acreditar actividades como ilustradores por medio de traballos realizados para algún medio de comunicación, a forma de xustificar este requisito e o prazo de presentación, mantendo a orde en todo o demais.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Requisitos dos beneficiarios.

Engádese ao parágrafo 1 do artigo 3º da orde modificada o seguinte texto:

Tamén poderán ser beneficiarias aquelas persoas que, sen contaren coas titulacións anteriores, teñan publicado ou realizado para algún medio de comunicación traballos de banda deseñada.

Artigo 2º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

Os que se desexen acoller a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante instancia dirixida á Consellería de Cultura e Turismo, segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde. A instancia poderá presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Engádese na letra b) do artigo 4º da orde modificada o seguinte texto:

Certificación que acredite ter publicado traballos de banda deseñada para algún medio de comunicación expedida polo responsable do dito medio, ou copia do traballo realizado.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ao disposto nesta orde e, en particular, a Orde do 21 de decembro de 2009, naquilo que resulte modificado por esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2010.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

Ver referencia pdf "06200D007P021.PDF"