DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 05 de abril de 2010 Páx. 4.896

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 31 de marzo de 2010 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada na empresa Servizos Sanitarios Santos, S.L., nos centros de traballo de Pontevedra, que se levará a efecto desde as 00.00 horas do 6 de abril do 2010 con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e nas competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (Diario Oficial de Galicia nº 116, do 20 de xuño), entre os que está sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante de cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria, así como o persoal necesario para realizala co fin de asegurar o mantemento de tales servizos.

A folga convocada polas organizacións sindicais CIG e CC.OO. afecta todos os traballadores da empresa Servizos Sanitarios Santos, S.L. dos centros de traballo da provincia de Pontevedra (Mos, Redondela e Baiona), que realiza o transporte programado e as urxencias do 061 dos ditos concellos.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican nesta orde.

Logo da audiencia ao comité de folga, a Consellería de Sanidade

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria da folga que afecta o persoal da empresa Servizos Sanitarios Santos, S.L., e que terá lugar o día 6 de abril ás 0.00 horas con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se dispoñen nesta orde.

Por tratarse dunha folga indefinida os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se lle produzan graves prexuízos á cidadanía, que, respectando o exercicio do dereito á folga, baixo ningún concepto pode quedar desasistida polas características do servizo dispensado.

Establécense os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais:

-Unha cobertura do 100% respecto da atención urxente prestada a través das ambulancias asistenciais do 061.

-O 100% dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos ambulatorios continuados de oncoloxía e diálise. No resto de pacientes ambulatorios, os vehículos necesarios para a realización de tratamentos, consultas externas e probas, no caso de que o paciente necesite padiola ou o seu estado xeral así o aconselle, a xuízo do facultativo prescritor, e non será o número de vehículos inferior ao 50% dos que fan a cobertura habitual.

Artigo 2º

A determinación dos profesionais necesarios para cubrir os servizos esenciais con base aos criterios anteriores faraa a dirección do centro respectivo, mediante a designación nominal e individual do dito persoal.

Deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios do centro, con antelación ao comezo da folga.

O/a profesional designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outra/o profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No expediente de determinación de mínimos de cada centro, dispoñible para xeral coñecemento do persoal destinatario, deberá quedar constancia dos criterios e xustificación ponderados para determinar os ditos servizos.

Con tales premisas, no anexo desta resolución recóllese o número de efectivos de servizos mínimos para cubrir a xornada de folga.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do establecido nesta orde, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Diposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2010.

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "06200D006P020.PDF"