DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 05 de abril de 2010 Páx. 4.889

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de marzo de 2010 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación de adultos na Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2010.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 66.1 que a educación de persoas adultas ten a finalidade de ofrecer a todos os maiores de dezaoito anos a posibilidade de adquiriren, actualizaren, completaren ou ampliaren os seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Así mesmo, no seu artigo 66.2 establece que as administracións públicas poderán colaborar con outras administracións públicas con competencias na formación de adultos e, en especial, coa administración laboral, así como coas corporacións locais e os diversos axentes sociais.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos, establece no seu artigo 5, entre outras actuacións e programas de acción, a de promover a colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, empresariais e universitarias.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no artigo 2.2 que a administración educativa promoverá a colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, entidades e empresas públicas e privadas que leven actividades paralelas ou estean dispostas a emprendelas co fin de potenciar aquelas accións conducentes a un mellor desenvolvemento persoal e profesional das persoas adultas e, moi especialmente, das máis desfavorecidas ou carentes de titulación básica, sobre todo daquelas que por razóns de traballo ou de residencia non poden continuar nos centros ordinarios.

O convenio de colaboración subscrito o 22 de decembro de 2009 entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para o plan de apoio á implantación da LOE prevé actuacións que teñen como finalidade o retorno ao sistema educativo de alumnos que abandonaron a educación secundaria obrigatoria. Tales actuacións desenvolveranse a través de convocatorias públicas dirixidas a concellos e ás institucións privadas sen ánimo de lucro que se acollan ao programa para realizar actividades dirixidas a alumnos, coa finalidade de formalos para que poidan presentarse ás probas extraordinarias de obtención do título de graduado en educación secundaria.

Á vista dos resultados das convocatorias anteriores, procede continuar co apoio a este tipo de accións, así como iniciar novos proxectos que proporcionen aos cidadáns unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa, promocionarse profesionalmente ou proseguir os seus estudos.

Por todo isto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas para o desenvolvemento de actividades que teñan como obxectivo elevar o nivel de formación básica e cualificación profesional da poboación adulta, que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro do 2010, e cuxa duración, en ningún caso, debe ser inferior a cinco meses e nos cales se desenvolvan un mínimo de 240 horas.

Segundo.-As actividades para as cales se poderá solicitar axuda son aquelas que teñen como obxectivo a preparación do alumnado maior de dezaoito anos, coas especificacións establecidas nos parágrafos posteriores, para que poida obter o título de graduado en educación secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias que convoca anualmente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nos meses de xuño e setembro, ou mediante a matriculación do alumnado na modalidade a distancia da educación secundaria de persoas adultas.

Entenderase por actividade o conxunto de accións deseñadas baixo un mesmo proxecto para un grupo de 30 alumnos como máximo. Cando o número de alumnos para o mesmo proxecto estea comprendido entre 31 e 60, deberá solicitarse como dúas actividades diferentes, cada unha coa súa correspondente solicitude.

Cando menos o 75% do alumnado para o que se solicita a axuda prevista nesta orde terá menos de 25 anos de idade.

Terceiro.-A esta convocatoria poderán concorrer, en réxime competitivo, as corporacións locais e as institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A presentación dunha solicitude supón a aceptación do contido íntegro desta convocatoria.

Cuarto.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo aos conceptos orzamentarios 09.04.422H.460.0 e 09.04.422H.481.0 da dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ata un total de 630.000 €, desagregado da seguinte forma: 518.000 € na aplicación 09.04.422H.460.0 e 112.000 € na aplicación 09.04. 422H.481.0.

A contía máxima da axuda por actividade non poderá ser maior de 6.000 euros e, en ningún caso, se concederá subvención para máis de dúas actividades a unha mesma entidade solicitante.

Do orzamento total destinado á concesión das axudas o Ministerio de Educación cofinancia as actividades de formación coas achegas seguintes: 148.000 € na aplicación 09.04.422H.460.0 e 32.000 € na aplicación 09.04.422H.481.0. As actividades cofinanciadas inclúense nas actuacións do programa operativo do Fondo Social Europeo que o Ministerio de Educación desenvolve.

O importe das axudas concedidas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Quinto.-Para a concesión da axuda será requisito indispensable contar cun número comprendido entre 15 e 30 alumnos por actividade no momento do seu inicio.

Non obstante, cando existan razóns que o xustifiquen, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá autorizar, excepcionalmente, que o número sexa menor de 15 alumnos naquelas localidades con pouca poboación e que non teñan oferta educativa dirixida ás persoas adultas.

Sexto.-As solicitudes serán presentadas polo titular ou representante legal da entidade solicitante no rexistro xeral da Xunta de Galicia, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se optan por presentar a solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada. De non facelo así, a documentación recibida, se for o caso, podería ser declarada fóra de prazo.

De conformidade co artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, se for necesario; igualmente levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos básicos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como para figurar no rexistro público de axudas, subvencións e convenios. Este rexistro será de acceso público por procedementos informáticos, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei orgánica 15/1999, do

17 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Sétimo.-As solicitudes axustaranse ao modelo establecido no anexo I e irán acompañadas dun proxecto educativo e un orzamento, por duplicado, conforme o anexo II.

Así mesmo, xuntarán a documentación que se indica a seguir:

-Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para este mesmo proxecto polas distintas administracións públicas competentes.

-Declaración responsable de que os beneficiarios non incorren nos supostos previstos nos números 2 e 3, do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Certificación bancaria da conta corrente a nome da entidade local, e, se é o caso, do titular ou representante legal da institución privada solicitante, na cal desexe que se lle ingrese o importe da subvención. Non é necesario enviala se se mantén o mesmo número de conta corrente da convocatoria anterior.

-Listaxe de alumnos por actividade, incluíndo os seguintes datos: nº de DNI ou NIE, data de nacemento e estudos realizados.

Oitavo.-Os datos que figuran na solicitude, nos documentos e informacións que a acompañan, serán tidos en conta para a avaliación das peticións que se efectuará conforme os criterios establecidos no punto noveno desta orde. Non deberán remitirse fotocopias dos documentos persoais de identidade do alumnado, nen máis datos de carácter persoal que os exixidos nesta convocatoria. Non obstante, esa documentación figurará na aula para efectos da súa comprobación pola Inspección educativa.

Calquera alteración que se produza nos datos antes citados deberá ser comunicada polo solicitante á devandita dirección xeral.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente, e tamén poderá dispoñer que se leven a efecto as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Noveno.-Baixo a presidencia do titular da dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa constituirase unha comisión de selección encargada de valorar as solicitudes presentadas.

A dita comisión estará integrada por:

­O subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial.

­O xefe do servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.

­Catro inspectores correspondentes aos servizos provinciais da Inspección Educativa.

­Dous funcionarios da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, un dos cales actuará como secretario con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos proxectos presentados.

Esta comisión estará incluída na categoría que corresponda para os efectos do previsto no Decreto 144/2008, do 26 de xuño -que modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño-, concretado na Resolución do 20 de xuño de 2008 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta do 19 de xuño de 2008, respecto da actualización do previsto no anexo IV do citado Decreto 144/2001.

Para a baremación e ordenación prioritaria dos proxectos de cada unha das actividades, teranse en conta os seguintes criterios:

-Formulación detallada dos obxectivos e contidos, tendo en conta a Orde do 24 de xuño de 2008 (DOG do 23 de xullo), na cal se establece o currículo da educación secundaria de persoas adultas e o colectivo de persoas a que se dirixe: ata 40 puntos. Valorarase o grao de detalle e adecuación ao currículo citado e ás circunstancias dese colectivo.

-Proposta detallada de actividades que se van realizar e calendario: ata 30 puntos. Valorarase a coherencia das actividades cos obxectivos e contidos propostos.

-Proposta metodolóxica e de criterios de avaliación: ata 30 puntos. Valorarase a coherencia deste punto cos obxectivos, contidos e actividades propostas nos anteriores.

Aos proxectos que acaden unha puntuación, por actividade, de 85 ou máis puntos concederáselles unha axuda de 6.000 €. Aos que acaden unha puntuación comprendida entre 70 e 84 puntos, 4.500 €. Os que acaden unha puntuación comprendida entre 50 e 69 puntos, 3.500 €.

Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 50 puntos por actividade quedan excluídos.

En función das puntuacións asignadas e os importes correspondentes, a comisión elaborará dúas listas priorizadas, unha para as corporacións locais e outra para as asociacións sen ánimo de lucro. Dadas as limitacións orzamentarias establecidas na orde, poden quedar sen subvención entidades que acadasen máis da puntuación mínima.

Décimo.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa á persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

Contra esta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.edu.xunta.es/ea, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As solicitudes entenderanse denegadas se non se ditar resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde.

Décimo primeiro.-As axudas concedidas en cada caso irán destinadas a sufragar os gastos de persoal, que, como mínimo, alcanzarán o 75% do importe total da axuda concedida, e os gastos de funcionamento, xerados polo proxecto, que non superarán o 25% do importe total da subvención. Deste 25% permitido para gastos de funcionamento arbitrarase a distribución de gastos de forma que un 20% teña a finalidade de gastos de materiais didácticos (textos e materiais dun só uso e materiais funxibles) e un 5% para outros gastos. No caso de que a actividade se realice na duración prevista e que por razóns xustificadas os gastos de persoal resulten menores do 75% da axuda concedida, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria modificará a resolución da concesión da axuda asignando un novo importe, que será menor do concedido inicialmente e resultado de aplicar unha redución nos gastos de funcionamento na mesma porcentaxe que a redución dos gastos de persoal.

As axudas aboaranse unha vez rematada a actividade e logo da presentación da memoria de actividades, segundo o preceptuado no punto décimo segundo desta orde, e da xustificación económica, de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, achegando a documentación seguinte:

a) Certificación ou declaración responsable redactada segundo o artigo 71 bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, conforme perciben ou non outras axudas e subvencións para a finalidade subvencionada.

b) Certificación de que se cumpriron as actividades e se realizaron os investimentos para os cales se concedeu a axuda.

c) Para xustificar os gastos de docencia, deberán enviarse copias compulsadas dos contratos visados pola oficina de emprego correspondentes ao persoal laboral contratado para impartir as actividades. Ao dito contrato xuntaránselle as copias compulsadas das nóminas e dos TC da Seguridade Social facendo unha relación delas nas que figuren os seguintes datos: mes, importe líquido da nómina, IRPF, importe da Seguridade Social con cargo ao traballador e con cargo á empresa, e importe total. Tamén se incluirán os xustificantes de pagamento das nóminas e dos TC.

d) Para xustificar os gastos de fucionamento deberán presentarse as facturas orixinais ou fotocopias debidamente dilixenciadas, a nome do concello ou asociación, figurando o NIF ou CIF correspondente e o IVE, así como os xustificantes de pagamento. No caso de gastos compartidos, deberanse presentar fotocopias compulsadas das facturas ou recibos, reflectindo neles o importe e a porcentaxe imputada deles, e irán acompañados do criterio utilizado para a dita imputación. Non se admitirán aquelas facturas que non estean debidamente cubertas ou presenten riscadas e sinais de corrección. Farase, tamén neste punto, unha relación de todas as facturas presentadas recollendo os seguintes datos: provedor, número e data da factura, concepto, importe factura, importe imputado e data de pagamento.

e) Copia da convocatoria das actividades mediante algún dos seguintes sistemas: a través de medios de comunicación, folletos informativos, carteis, bandos, anuncios.

Como as actividades están cofinanciadas polo Ministerio de Educación e se inscriben en actuacións do programa operativo do Fondo Social Europeo do dito ministerio, a xustificación de gasto non poderá substituírse por unha certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control contable nas entidades locais, tal e como establece o punto 5 do artigo 28 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Para aquelas subvencións que non superen o importe de 6.000 euros poderá acordarse, no momento da concesión, un anticipo de pagamento de ata un 80%. Aquelas que superen os 6.000 euros poderán percibir ata un 10%, logo de aceptación da subvención e certificación por parte da entidade de ter comezado todas as actividades.

O 20 % ou 90% restante, segundo o caso, librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade.

Décimo segundo.-As entidades que obteñan axudas no marco desta convocatoria comprométense a:

­Facer publicidade da convocatoria mediante carteis, bandos e anuncios en medios de comunicación. Neles deberán figurar os logos aos que se refire o puntoo décimo cuarto desta orde.

­Gratuidade das actividades.

­Xestión directa do proxecto subvencionado, non admitíndose a cesión ou subcontratación para o seu desenvolvemento.

­Iniciar as actividades de acordo co calendario establecido independentemente da data de concesión da axuda.

­Remitir, xusto coa memoria final, unha relación nominal de asistentes onde figure nome e apelidos, número de DNI, data de nacemento, enderezo, teléfono e estudos cursados.

­Contratar o profesorado para impartir as ensinanzas obxecto da subvención. O contrato debe estar visado pola oficina pública de emprego. O profesorado contratado terá a titulación requirida pola normativa vixente para impartir as ensinanzas correspondentes.

­Cumprir o establecido nesta orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

­Establecer un rexistro de solicitudes do alumnado que quere facer o curso.

­Establecer un rexistro de asistencia.

­Comunicar o número real de participantes e as baixas e as altas que se produzan.

­Realizar unha ficha de avaliación inicial de cada alumno para adecuar os contidos ao seu nivel de coñecementos.

­Abrir un rexistro de avaliación de cada alumno conservando as probas escritas e os traballos realizados.

­Comunicar ao interesado os resultados das avaliacións realizadas mediante un boletín de cualificacións.

­Facilitar a programación de aula do profesor e criterios de avaliación empregados.

­Facilitar canta información demande a dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

­Facilitar toda a información que sexa requirida pola Intervención xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

­Facilitar toda a información e documentación que sexa requirida pola autoridade de xestión, certificación ou auditoría do Fondo Social Europeo.

Décimo terceiro.-As entidades subvencionadas quedan obrigadas a presentar con data límite o 15 de outubro de 2010 unha memoria detallada do seu desenvolvemento. A falta de presentación desta no prazo establecido dará lugar á modificación da resolución de concesión da axuda.

Para a elaboración da memoria seguirase o seguinte guión:

1. Actividade desenvolvida:

-Nº de alumnos iniciais.

-Nº de alumnos que abandonaron a actividade.

-Nº de alumnos propostos para probas de graduado en eduación secundaria.

-Relación de alumnos que aprobaron.

-Relación de alumnos que participaron na actividade con indicación do nome, apelidos e núm. de DNI.

-Relación de profesores participantes na actividade.

2. Poboación á que se dirixiu a actividade, con matización da situación económica e educativa. Achegarase copia da convocatoria da actividade (a través de medios de comunicación, folletos informativos, carteis, bandos, anuncios).

3. Breve descrición do desenvolvemento da actividade facendo fincapé nos obxectivos propostos e nos obxectivos acadados.

4. Calendario (datas concretas de inicio e remate, horario semanal, duración total en horas da actividade).

5. Incidencias na planificación inicial xurdida durante o seu desenvolvemento.

6. Resultados da avaliación.

Décimo cuarto.-Na publicidade, propaganda, convocatoria e nos lugares onde se realicen as actividades formativas figurará que estas están financiadas pola Xunta de Galicia, consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e aparecerá o seu logo e, ademais, o logo do Fondo Social Europeo e o logo institucional do Ministerio de Educación e a mención expresa Programa cofinanciado polo Ministerio de Educación. Ademais, quedará constancia explícita do dito cofinanciamento nos documentos, folletos, certificados e publicacións que se realicen con motivo da realización da actividade formativa.

Décimo quinto.-A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará o seguimento dos proxectos subvencionados a través dos servizos provinciais da Inspección educativa. Para facer ese seguimento a Inspección educativa realizará as visitas que coide necesarias (sendo preceptivo realizar dúas como mínimo). Nas visitas comprobarase que o desenvolvemento das actividades se axusta á programación subvencionada e, unha vez finalizado o seguimento, elaborarase un informe que servirá para a posterior avaliación de todas e cada unha das actividades.

Décimo sexto.-Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención percibida e dos xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento nos casos a que fai referencia o artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O procedemento de reintegro farase de acordo co artigo 37 e seguintes desa mesma lei.

Décimo sétimo.-Facúltase expresamente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo oitavo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Décimo noveno.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "06200D005P013.PDF"