DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 05 de abril de 2010 Páx. 4.885

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 43/2010, do 25 de febreiro, polo que se acepta a concesión de dominio público, a título gratuíto, feita polo Concello de Santiago de Compostela á Comunidade Autónoma de Galicia sobre un inmoble, con destino a centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero.

A Xunta de Goberno local do Concello de Santiago de Compostela, en sesión ordinaria do 22 de decembro de 2009, acordou outorgar á Comunidade Autónoma de Galicia unha concesión de dominio público, a título gratuíto, sobre parte dun edificio situado na carballeira de San Lourenzo, con destino a centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero.

A Secretaría Xeral da Igualdade dependente da Presidencia da Xunta de Galicia emitiu informe favorable sobre a tramitación do expediente patrimonial.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación da concesión de dominio público, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase nos termos establecidos polo Concello de Santiago a concesión, a título gratuíto, do inmoble seguinte:

Parte do edificio de 504,42 m2 de superficie situado na carballeira de San Lourenzo, que conta con dous accesos independentes, un pola fachada sur e outro pola leste. Conta cunha cuberta de tella curva a catro augas e está composto de dúas plantas, baixa e primeira, de estrutura de formigón armado. Cada unha das plantas ten unha superficie de 252,21 m2.

O inmoble forma parte da referencia catastral 6376901NH3467E0001UK, e o soar sobre o que se asenta o edificio está inscrito no Rexistro da Propiedade número 2 de Santiago de Compostela no tomo 166, libro 92, folio 85, do predio 3.450.

Artigo 2º

O destino do inmoble será o establecemento dun centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero.

Artigo 3º

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da concesión no correspondente documento público.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de febreiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda