DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2010 Páx. 4.840

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2010, da Dirección Xeral de Infraestruturas, pola que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado do desdobramento do corredor CG-4.1 do Morrazo, clave PO/07/047.01.

Por resolución da Dirección Xeral de Infraestruturas do 17 de marzo de 2010 aprobouse provisionalmente o proxecto de trazado do desdobramento do corredor CG-4.1 do Morrazo, clave PO/07/047.01.

As obras definidas neste proxecto de trazado que se somete a información pública, incluídas no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (Plan Move) da Xunta de Galicia, consisten na execución do desdobramento do corredor CG-4.1 do Morrazo, que desde o seu inicio no enlace da AP-9, a N-554 e a PO-551 se dirixe ata o enlace coa estrada PO-551 entre as localidades de Bueu e Cangas; todo isto con motivo dun incremento considerable do nivel de tráfico do referenciado corredor.

Por todo isto e de acordo co establecido no artigo 15.1º da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o mencionado estudo sométese ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito diante da Dirección Xeral de Infraestruturas as observacións que crean convenientes relativas ás circunstancias que xustifiquen a declaración de interese xeral da estrada e sobre a concepción global do seu trazado.

Por outra parte, faise constar que a teor do indicado na Resolución do 30 de xullo de 2009, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, non é necesario someter o referido proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental, xa que tanto no estudo de impacto ambiental do estudo informativo como na declaración de impacto ambiental do corredor do Morrazo se tivo en conta o futuro desdobramento e xa valoraron e declararon compatibles as afeccións sobre o ambiente.

A exposición ao público, para os efectos desta resolución, realízase na Dirección Xeral de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra e nos concellos de Moaña e Cangas. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/2199) atópase á disposición dos interesados un documento resumo do proxecto.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2010.

P.D. (Orde 9-7-2009, DOG nº 138, do 16 de xullo)

Isabel Vila Barbosa

Directora xeral de Infraestruturas